A inutilidade da esquerda española

Arrepía a degradación sofrida polo Estado de dereito nos últimos cinco meses, nomeadamente (malia que non só) por mor da cuestión catalá.
O Dereito Constitucional foi gravemente vulnerado. O artigo 155 da Constitución abeiraba unha intervención na Generalitat, nunca medidas como a disolución do Parlament ou o cesamento do Govern. As recentes medidas cautelares adoptadas polo Tribunal Constitucional para impedir a investidura de Puigdemont vulneraron tamén a súa doutrina, que non permitía admitir recursos contra propostas ou hipóteses.
O maxistrado Llarena (Tribunal Supremo -TS-) inventou novos delictos de rebelión e sedición sen violencia, emitiu e anulou a vontade euroordes de detención contra Puigdemont e os conselleiros exiliados e xustificou a prisión preventiva no mantemento da ideoloxía independentista. Puro Dereito Penal do Inimigo.
No que atinxe ao Dereito Procesual, entre outras moitas actuacións ilegais, descoñeceuse a competencia (directamente prevista no Estatut) do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya para investigar e axuizar conselleiros e deputados para substituíla pola do TS. Deste xeito téntase xustificar o encarceramento fóra de Catalunya e négase o dereito, recoñecido na lexislación europea de dereitos humanos, a un recurso de apelación contra da sentenza que decida o TS.
Estamos xa, na práctica, nun estado de excepción, tanto pola derrogación implícita das garantías constitucionais do autogoberno das autonomías como das garantías dos dereitos das persoas a un xuízo xusto perante os Tribunais ordinarios predeterminados.
O PSOE fai parte do tripartito do 155 e mércalle ao PP e Cs o seu modelo territorial recentralizador, coadxuvando a facer posíbel o actual estado de excepción de feito. E Unidos Podemos e os Comúns adoptan imposíbeis equidistancias, chegando Alberto Garzón a xustificar a represión (“no se pueden ir de rositas”). O sempre reivindicativo mundo do cinema español calou de todo cando tivo ocasión de falar.
Só as forzas galeguistas (BNG, En Marea e CXG) e os nacionalismos vasco, balear e valenciano apoiaron o dereito a decidir dos cataláns e apoian arestora a loita de millóns de cataláns polos seus dereitos fundamentais. Porque isto vai, nomeadamente, de dereitos humanos e de Estado de dereito.

A cuestión catalá e Galicia

Os partidos soberanistas obtiveron a maioría absoluta nas eleccións catalás, cun 47,5 % de votos e 70 escanos sobre 135. O resultado é aínda máis rechamante se temos en conta que a convocatoria electoral dende o Goberno do Estado era ilexítima, por mor dunha inconstitucional aplicación do 155 e que os partidos non desfrutaron das mesmas posibilidades, cos principais candidatos de Junts x Catalunya e ERC no cárcere ou no exilio.
Mais o feito de obter Cs o primeiro posto en votos (máis do 25%) e escanos, a falta dunha maioría absoluta de votos independentista e a grave derrota da CUP (que baixa de 10 escanos a só 4) achega certas particularidades a esta vitoria electoral. Junts x Catalunya e ERC non van precisar deles para gobernar e interpretarán o seu 43% de votos (fronte ao 39,5% de Junts x Sí do 2015) no sentido dun mandato cidadán para continuar co procès, malia que afastándose dunha vía unilateral que semella arquivada polo de agora.
Agora é, pois, a hora da política. O tripartito dinástico do 155 non continuará unido como até de agora. O PSC -e canda el o PSOE- han pasar páxina da suicida colaboración co PP e con Cs e buscar un espazo propio, quizais partillado parcialmente cuns Comuns desterrados á irrelevancia. E será Pedro Sánchez quen primeiro requirirá de Rajoy unha oferta de negociación. Por outra banda, a situación evoluirá no ámbito da Unión Europea, onde as simpatías do soberanismo catalán cotizarán á discreta alza, sendo probábeis as presións ao Goberno do Estado para que abandone o inmobilismo e abra unha negociación para unha reforma constitucional en termos de federalismo asimétrico, para garantir o encaixe da singularidade catalá.
Podería ocorrer, xa que logo, que este inverno se abrise a vía para negociar unha reforma constitucional que podería limitarse a recoñecer máis competencias (e blindalas de eventuais iniciativas recentralizadoras) e un mellor financiamento ou incluír tamén a vía para un referéndum catalán vencellante, con regras máis ou menos ríxidas, na liña da lei da claridade canadiana.
Galicia non habería ficar á marxe desta reforma constitucional. Porque a ampliación e blindaxe do autogoberno é a única vía factíbel para o noso benestar, tendo en conta que os nosos intereses económicos non adoitan coincidir cos intereses economicos xerais.

Galicia cara ao 2 de outubro

No contexto galego salienta o apoio ao referéndum catalán do BNG, En Marea (que contrasta coa división ao respecto en Podemos e nos comúns cataláns) e boa parte das organizacións sociais vencelladas ao galeguismo e progresismo. Fronte este apoio o Presidente da Xunta abandeira o discurso do inmobilismo do PP e prioriza a súa subordinaciòn a Rajoy na tarefa da desmontaxe do plebiscito do 1-O.
Bótase faltar, porén, un debate cara unha posición de País a respecto do 2 de outubro. Porque é moi probábel que, moi logo desa data, principie o debate cara unha reforma constitucional para a reordenación político-territorial do Estado. E Galicia ten evidentes intereses políticos e económicos nesa eventual reforma.
Porque este proceso podería recoñecer a singularidade nacional de determinados territorios, canda un réxime competencial e financeiro uniforme para os restantes. Singularidade nacional que, no caso de Galicia, habería traducirse nun espazo competencial ampliado e blindado de inxerencias estatais, na competencia exclusiva sobre lingua, cultura, educación, Dereito Civil e goberno local e máis na plena autonomía financeira con total capacidade normativa e de recadación sobre os principais tributos. E mesmo un posíbel recoñecemento, malia que limitado e suxeito a regras bastante ríxidas, do noso dereito a decidir.
Mais para estar neste proceso de reforma constitucional hai que ser. Cómpre sermos nación (ou nacionalidade, tanto ten para os efectos). E sermos conscientes da gravidade do momento histórico. Galicia só achega o 5,1% do PIB e o 5,5% da poboación estatais e os seus alicerces económicos son prescindíbeis para o Estado. De non nos recoñecer esta singularidade nacional -e canda ela a posibilidade dun amplo autogoberno que poida xerar benestar- estaremos colleitos dun sistema extractivo dos nosos recursos e negador das nosas potencialidades económicas e culturais.
E velaí a falla de altura histórica do noso Goberno. Porque, na hora na que os territorios han falar, o noso Presidente está máis preocupado por secundar Rajoy na demonización de Catalunya ca na defensa dos intereses económicos e políticos deste país. Os intereses que haberían constituír o norte da súa actuación política.

Post-verdade e referéndum catalán

Estoulles verdadeiramente desaquelado e confuso. Porque para boa parte da opinión publicada (tamén, malia que algo menos, na nosa Galicia) semella que querer pór as urnas para que o pobo catalán poida decidir o seu futuro constitúe un acto sedicioso ou golpista. Convocar un referéndum que queren máis do 70% dos cataláns logo de cinco anos tentando sen sorte un acordo bilateral co Estado para desenvolvelo semella que é negativo, como se votar fose espallar o andazo do ébola.
No canto disto, que o Estado active o axuizamento e condena do anterior Presidente da Generalitat e de dous dos seus antigos conselleiros, que o Tribunal de Contas lles reclame máis de 5M€ ou que a Garda Civil impute altos cargos da Generalitat no decurso dun procedemento penal declarado secreto (como se investigasen unha perigosa banda internacional de delincuentes) vese por moitos destes opinadores como a demostración dun funcionamento normal do Estado de Dereito. Mais todos sabemos que o Goberno do Estado manexa a Fiscalía e que a súa independencia a respecto do “procès” catalán custoulles o posto a un Fiscal Xeral e a un Fiscal Superior de Catalunya. Velaí a manifestación do anterior Ministro do Interior conspirando co antigo Director da Oficina anti fraude de Catalunya: “la fiscalía te lo afina”, referíndose á preparación de dossiers mediáticos e ulteriores denuncias xudiciais sobre feitos falsos, como a imputación a respecto de Xavier Trias, anterior alcalde de Barcelona da titularidade dunha conta en Suíza cun saldo máximo de 12’9 M€.
O procès chegou a un ponto de non retorno. É un movemento social transversal, que vai dende a dereita até a extrema esquerda e que mesmo avanza entre os comúns de Ada Colau. Conta con maioría absoluta no Parlament e recibiu da metade do electorado un mandato moi concreto no senso de avanzar cara á soberanía de Catalunya. Para máis, conta cun Presidente e cun Goberno convencidos para avanzar e non recuar. Cumprirán algo máis ca denuncias penais para poder frear este proceso.
Claro é que fóra do Estado español o ambiente é distinto. Porque son moitos os que non entenden por que o Goberno do Estado non quere que os cataláns voten. E case ninguén entenderá a persecución penal española contra moitos políticos e patriotas cataláns só por facer posíbel que o pobo fale.

Non hai terceira vía

Pablo Iglesias vén de dicir que se fose catalán non votaría no referéndum de independencia que o Parlament convocará para o vindeiro 1-O. Seica o líder rupturista denuncia a falta de “garantías” e amosa que el e máis os Comuns da Ada Colau (agás a organización catalá de Podemos, favorábel ao plebiscito) están por un “referéndum pactado co Estado”. Home, non! E todos estamos pola paz mundial…!
Do que non se decata Pablo Iglesias (porque se se decata vai moito máis aló) é que, hoxe en día, na cuestión catalá non existe terceira vía. Primeiro Artur Mas e, despois, Puigdemont, levan cinco anos tentando pactar co Goberno Rajoy, primeiro un encaixe catalán no Estado e agora unha saída pactada que recoñeza o dereito a decidir dos cataláns. Un dereito a decidir recoñecido nos Pactos Internacionais de Dereitos Civís e Políticos e Sociais, Culturais e Económicos da ONU, que integran o Dereito español como normas interpretativas no eido dos dereitos fundamentais. Un dereito a decidir que resposta á realidade nacional de Catalunya, absolutamente preconstitucional, como a de Galicia.
Mais o problema é que estamos case a mediados de xullo de 2017 e nin o Goberno do Estado nin ningunha forza política ou social, catalá ou estatal, propuxo ningunha solución de consenso, ningunha sintese, quer mellor financiamento e máis autonomía, quer dupla consulta plebiscitaria (catalá e estatal), quer calquera outra cousa. Velaí a realidade núa… non hai terceira vía. Só hai o recoñecemento ao dereito a decidir (tamén para votar “non”) que demanda máis do 70% da cidadanía catalá ou máis do mesmo.
Claro é que máis do mesmo non é que Catalunya siga igual ca antes da sentenza de xuño de 2010 do Tribunal Constitucional que coutou o novo Estatut catalá. Porque Catalunya, canda Galicia, sofriu dende entón un substancial recorte do seu autogoberno nesta enxurrada recentralizadora desenvolvida por Rajoy desque chegou ao Goberno do Estado. Os gobernos catalán e galego non mandan no réxime local dende a lei de modernización dos gobernos locais do 2013, nin poden regular as aperturas, horarios ou rebaixas do comercio interior, dende a lei de unidade de mercado. Están -e estamos- moito peor canto ao autogoberno ca no 2010.
Velaí que teña razón Xosé Manuel Beiras e non Pablo Iglesias. En Catalunya, polo de agora, non hai terceira vía.

Pór sentido común na Marea Galega

Ao elixir Luís Villares portavoz o Consello das Mareas (máximo órgano entre Congresos de En Marea) adoptou a única decisión compatíbel coa lóxica política e o sentido común. Villares é independente, como o 80% dos adheridos a En Marea e, xa que logo, transcende dos partidos fundadores da primitiva coalición electoral (Anova, EU e Podemos) e representa as ideas de substantividade e independencia da Marea galega, así como o alargamento do seu espazo político. Para máis, se BNG, PP, como tamén ERC, Compromís ou Els Comuns, contan con liderados claros, a pluralidade de referentes no caso de En Marea sería pouco comprensíbel e nada operativa.
A decisión, ademais, é substancialmente demócrática. E non só por contar cunha ampla maioría absoluta no máximo órgano intercongresual senón porque o Plenario de En Marea (órgano soberano equivalente ao congreso) tense pronunciado moi maioritariamente por afondar na institucionalización e vertebración dunha organización galega de seu, totalmente independente dos partidos que concorreron na súa fundación. Ademais, este mesmo Plenario rexeitara en proporción de 10 a 1 a adopción dunha normativa de incompatibilidades que lle impedise a Villares, como voceiro parlamentario, participar na súa gobernanza orgánica.
En Marea enfronta a necesidade de visibilizar o seu discurso (tamén en Madrid onde hoxe está case totalmente agachada por Unidos Podemos), espallar e afortalar a organización, dotándoa de urdime orgánica territorial e sectorial e alargar a súa base social e electoral, captando parte substancial dos votos do PSdeG, hoxe en estado de dilución. Nada disto se pode acadar sen un liderado claro, como o que exerce Xulio Ferreiro no ámbito da cidade d’A Coruña.
Os espazos de unidade cidadá, como En Marea, constrúense sobre programas de mínimo común denominador, orientados á maioría social e á resolución dos problemas da xente e tendentes a ocupar a centralidade. Os radicalismos verbais cara á galería poden motivar algúns convencidos, pero afastan ás ducias de milleiros que deciden as eleccións, posibilitando pór en funcionamento medidas que transformen a realidade, que é para o que serve a política. Semella que Villares o ten claro.