O bloqueo das solucións políticas

O proceso de debate do novo Estatut catalán de 2006 e máis o talante supostamente autonomista do Goberno de ZP sementaron en moitos a idea de que a Constitución española de 1978 era quen de evoluír cara un Estado plurinacional onde encaixasemos diversas nacións do Estado. Na Galicia tamén se avanzou substancialmente cara un novo Estatuto no 2006. Até o extremo que xa estaba consensuado un texto ao 95% entre PP, PSdeG e BNG.
Mais o PP optou por rachar os consensos, xerar división social e defender unha idea de España anacrónica, autoritaria e uninacional. Feijóo bloqueou o novo Estatuto na súa xuntanza a tres co Vicepresidente Anxo Quintana e co Presidente Touriño. Mentres, Rajoy, xa líder do PP, recorría perante o Tribunal Constitucional (TC) o Estatut catalán, avivaba o lume da catalanofobia recollendo sinaturas nas praias e bloqueaba o anovamento do TC para evitar unha sentenza que declarase constitucional o Estatut.
En xuño do 2010 o TC “mandó a parar” cunha sentenza que declarou inconstitucionais as principais solucións para avanzar no autogoberno catalán, sendo a primeira vez que se anulaba un texto ratificado antes pola cidadanía. Rachouse, pois, o pacto estatutario entre o Estado e Catalunya e implicitamente a propia Constitución, demostrándose que a interpretación dominante da Constitución impedía a evolución de España cara á plurinacionalidade.
Esta dinámica separadora fixo abrollar o independentismo catalán, até entón en níveis do 10%. O President Mas tentou en setembro de 2012 un pacto sobre financiamento que substituíse a normativa económica do Estatut do 2006, declarada inconstitucional, mais a resposta de Rajoy foi de rexeitar calquera solución negociada.
Dende aquí o Goberno do Estado seguiu na súa teima de negar toda solución política, quer unha reforma constitucional que ratificase os avances estatutarios do 2006, quer un referéndum consultivo, que máis do 70% dos cataláns pedían. Un plebiscito perfectamente constitucional consonte co artigo 92 da Carta Magna.
O bloqueo das solucións politicas permitiu rearmar o nacionalismo español, ariete dunha recentralización que interesa a grande parte do Madrid financeiro, económico e mediático e non interesa nada a Galicia. O bloqueo ás solucións políticas está a prexudicar a convivencia, quizais de xeito irreparábel.

O lugar do PSdeG

A resaca da batalla do comité federal do PSOE chegou a Galicia, onde Abel Caballero cuestionou xa a representatividade da xestora presidida por Pilar Cancela que goberna o PSdeG dende a demisión de Xosé Ramón Gómez Besteiro. Semella un chisco chocante esta preocupación do alcalde vigués, cando dez dos once membros galegos do comité federal votaron contra Pedro Sánchez, só dous meses despois que o conxunto da afiliación galega ratificase Xoaquín F. Leiceaga como candidato á Xunta, fronte ao candidato apoiado por eses dez membros.
Ao PSdeG ocórrelle algo semellante ao que lle ocorre a moitos outros partidos socialdemócratas europeos: non teñen unha diagnose da situación actual e, xa que logo, non poden achegar propostas de futuro viábeis. Na Galicia agrávase substancialmente esta indefinición pola absoluta inadecuación entre o sucursalismo amosado historicamente por boa parte do PSdeG e a necesidade dun proxecto propio e autónomo para este País.
Precisamente, os níveis máis altos de apoio cidadán aos socialistas nunhas eleccións nacionais galegas déronse cando foron quen a contar cun relato galego de seu. Eis os 28 deputados acadados por González Laxe no 1989 ou os 25 de Pérez Touriño no 2005.
As diferenzas estratéxicas entre ese sucursalismo, que adoita integrar tamén os sectores máis relativistas a respecto da corrupción e máis achegados a unha consideración inmobilista da Constitución, e os sectores renovadores, gañadores das primarias deste verán, xiran arredor da política de alianzas e, en concreto, sobre a necesidade de tecer alianzas naturais con En Marea (canda as distintas Mareas municipais) e BNG. O PSdeG nunca foi quen de ser alternativa por si só, porque na Galicia nunca existiu propiamente bipartidismo. Velaí que recoñecer esa circunstancia e construír acordos de goberno locais e, en diante, nacionais sexa absolutamente preciso para o PSdeG se non quere ser unha organización inútil.
As “vellas glorias” sucursalistas do PSdeG están hoxe en día fóra da realidade, como xa llelo manifestou a afiliación ao empoderar Leiceaga fronte a Méndez Romeu nas recentes primarias nacionais. Non velo sería inviabilizar unha alternativa ao PP por moitos anos.

A voltas co Imposto de Sucesións

Até agora único Goberno galego que aprobou unha reforma para reducir substancialmente o Imposto de Sucesións (IS) nos casos de herdanzas entre ascendentes, descendentes e cónxuxe/parella de feito foi o de coalición entre socialistas e nacionalistas liderado por Emilio P. Touriño e Anxo Quintana, que eximiu de impostos aos herdeiros deses grupos familiares que percebisen 125.000 € ou menos de base impoñíbel do imposto.
A chegada de Feijóo, pola contra, supuxo un incremento moi notábel desta exacción fiscal pola fixación de valores para os bens absolutamente alleos á realidade dun mercado minguante. Custou dun grande esforzo por parte da avogacía galega acadar dos tribunais a moi substancial moderación destes valores, que gravaron nomeadamente a unhas clases medias xa dabondo castigadas pola Grande Depresión.
Mais agora o Parlamento de Galicia incrementou esta exención para os mesmos grupos familiares até 400.000 €/herdeiro. Unha medida absolutamente electoralista que chega tarde de máis, tendo en conta o peso da pasada exacción fiscal na cidadanía. Malia que non deixe de presentar oportunidades para moitas persoas. Porque contar cun Dereito Civil de noso permítenos distribuír parte ou toda a nosa herdanza en vida, a medio de pactos sucesorios que tributan polo IS. Ademais, quen dispoña en vida de todo ou parte da súa herdanza non ten que pagar por IRPF, segundo a doutrina do noso Tribunal Superior. Vantaxes da singularidade e do autogoberno.
Ábrese, pois, un tempo de oportunidade para poder planificar as sucesións, tendo en conta que unha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE cuestionou o distinto trato entre residentes e non residentes neste imposto, polo que é probábel que en poucos anos haxa que abordar unha reforma da súa normativa.
O imposto de sucesións ten moi relativa importancia recadatoria e até de agora ten gravado, nomeadamente, ás clases medias. Porque as grandes fortunas adoitan adoptar fórmulas fiscais varias, só ao seu alcance, que lles permiten safar da súa exacción. É, xa que logo, moi dubidoso que este imposto teña algún efecto progresivo, sen prexuízo de que estea a gravar patrimonio adquirido cunhas rendas que xa pagaron IRPF no seu día.

Outra vaca no millo

O déficit autonómico galego acadou no 2011 o 1,6% do PIB, bastante lonxe do 1,3% de obxectivo máximo sinalado polo Goberno ZP. Malia isto, constitúe o segundo mellor rexistro no nível estatal, despois do Goberno madrileño que preside Esperanza Aguirre: sobrefinanciado (coa nova lexislación de financiamento autonómico que aprobou Feijóo), neocon e campión dos recurtes fiscais.
Qué custos tivo para a cidadanía galega este discreto déficit? Nin máis nin menos ca o deterioro visíbel e agravado día a día dos servizos públicos (servizos sociais, sanidade, educación) e a acelerada perda de emprego autónomo e por conta allea, por mor da absoluta inactividade da Xunta no que atinxe á promoción económica. Cando o certo é que tiñamos, no 2008, un plus de resistencia (sermos menos sensíbeis á construción de segundas residencias e máis exportadores).
Fronte estas evidentes feblezas do Goberno Feijóo e fronte á súa falla de proxecto de País a oposición do BNG e do PSdeG non é quén de visualizar unha alternativa. O BNG decidiu nos seus últimos dous Congresos (2009 e 2012) definir unha política que só resposta aos intereses e necesidades de determinados sectores sociais, afastándose da transversalidade e da centralidade. No PSdeG rexurden as pulsións municipalistas e grupalistas, que ficaran silentes no tempo de liderado de Touriño. Hoxendía os socialistas non teñen proxecto de País e o do BNG é parcial e non comprende a evolución sofrida pola sociedade galega (unha nación europea que partilla moitos máis problemas con Irlanda ou Bretaña ca con Venezuela ou Cuba).
Velaí que haxa politólogos que albisquen a viabilidade dunha outra forza galeguista que sexa quén de ofrecer un proxecto de País integrador para case todos os sectores sociais e que naza da reivindicación da forza da sociedade civil e da comprensión das remudas sofridas pola Galicia moderna. Mais os seus promotores farían ben en evitar reproducir esquemas organizativos e “tics” políticos existentes na política actual. Porque, de non nacer de alicerces novos e non se dirixir a competir electoralmente con todas as forzas dende a centralidade política, esa opción “non nata” sería outra vaca no millo.

A ARRINCADEIRA
É verdade que a intervención en Libia non garantiu -aínda- un tránsito democrático nin a evitación de crimes como o linchamento de Ghaddafi. Mais o xenocidio sirio que dirixe o presidente al-Assad e a carreira nuclear iraniana constitúen liñas vermellas que nin a UE nin os USA poden aturar sen grave risco da paz mundial.