Falemos de cartos

Dicía Suso de Toro xa no 2003 que ”a política española é un xogo de caloteiros con cartas marcadas e ases na manga”. Unha realidade multiplicada no 2018 cando o tripartito do 155 loita por unha brutal recentralización que abeira tamén a plena centralización financeira e económica en Madrid, arredor das elites financeiras, da distribución eléctrica e das actividades concesionais e construtoras que compoñen o chamado “capitalismo castizo do BOE”.
Neste contexto fálase de financiamento autonómico. E outravolta saen axiña as cartas marcadas. Primeira falsidade: o sistema de financiamento autonómico é un xogo de suma cero. É dicir, se gaña Galicia perde outro. Por que? Porque suponse que as partidas orzamentarias destinadas ás políticas a desenvolver polo Estado son intocábeis. E iso non é certo.
As contas hai que botalas a xeito. Onde están os gastos verdadeiramente importantes? Nas Administracións autonómicas, que atenden sanidade, educación, servizos sociais e dependencia. É dicir, os gastos fulcrais do Estado do Benestar, canda as pensións e a cobertura do desemprego. Primeiro haberá que garantir o financiamento destes servizos e despois decidir polo futuro financeiro dos outros gastos que financia a Administración xeral do Estado. Por exemplo, o Estado retén recursos para políticas nas que non ten competencias, como vivenda, igualdade, cultura ou turismo. Estes fondos haberían estar territorializados. O Estado, por outra banda, mantén unha estrutura desaquelada. Seis Ministerios abondarían para xestionar todas as súas competencias.
Estes mesmos apóstolos do unionismo son os que falan de Galicia como un país pobre, financiado pola solidariedade do Estado. Mais os dados son outros. Como vén de expor Antón Sánchez (En Marea), entre 2009 e 2015 a recadación fiscal galega medrou un 44,7% fronte a un 32% en Madrid. O 16,89% da recadación estatal do Imposto de Sociedades sae de Galicia, que só achega o 5,2% da poboación estatal. As balanzas fiscais oficiais non teñen explicación ao absurdo de que a comunidade autónoma de Madrid recade case o 50% dos tributos dos quince territorios do réxime común, cando non achega nin o 20% do PIB estatal.
Precisamos, pois, falarmos de financiarmos o benestar. Falemos, pois, de cartos. Pero sen trampas.

Ciudadanos e a política local galega

As últimas enquisas a nível estatal reflicten que o PP e Ciudadanos (C’s) poderían quitar máis do 50% dos votos e unha ampla maioría absoluta. Cara ás vindeiras eleccións locais de maio de 2019 xuntos quitarían maioría absoluta nas capitais de provincia todas, mesmo tamén en Madrid, Palma e Valencia, agás nas galegas, nas vascas, nas catalás, en Pamplona e Santa Cruz de Tenerife.
Até de agora C’s obtivo moi malos resultados en Galicia, onde non entrou no Parlamento no 2016 nin nos concellos urbanos do noso País, agás con cadanseu concelleiro en Pontevedra, Ferrol e Lugo (16 na Galicia toda). Percébese como un partido de paracaidistas, sen arraigo territorial, nin discurso nin mensaxe galega, de non ser o rexeitamento ás obras para traermos o tren de alta velocidade ou a adopción do discurso de Galicia Bilingüe (hoxe recoñecidos monolingües integrados en Hablamos español) contra a nosa lingua e identidade.
C’s constitúe o novo nacionalismo supremacista español dende posicións de dereita dura. Fronte ao seu discurso territorial e social non poucos do PPdeG semellan moderados no social e no autonómico. Xa que logo, os hipotéticos gobernos de coalición locais PP-Cs en Galicia suporían unha grande regresión no identitario, no económico e no social, superando mesmo a involución dos pasados gobernos locais do PP.
Velaí a obriga do PSdeG de definir o que quere ser de maior. Gonzalo Caballero haberá proclamar se quere facer tripartitos do 155 ou opta por gobernos locais galeguistas e progresistas. Ten que dicilo claro e ten que dicilo xa. E as distintas mareas locais, canda o propio BNG, En Marea e o propio CXG haberían priorizar o tecido dun amplo espazo de consenso que sexa quen a frear este risco involutivo. Nalgúns concellos a pluralidade da oferta axudará a acadar gobernos de progreso. Noutros cumprirá acadar alianzas preelectorais.
C’s ameaza con ser un elemento claramente involutivo na política galega, nomeadamente na política local das súas principais cidades e vilas. As forzas galeguistas e progresistas precisan coordinarse para superar este risco e para evitar que o PSdeG asuma os postulados do tripartito do 155, como até de agora asumiu o PSOE.

A inutilidade da esquerda española

Arrepía a degradación sofrida polo Estado de dereito nos últimos cinco meses, nomeadamente (malia que non só) por mor da cuestión catalá.
O Dereito Constitucional foi gravemente vulnerado. O artigo 155 da Constitución abeiraba unha intervención na Generalitat, nunca medidas como a disolución do Parlament ou o cesamento do Govern. As recentes medidas cautelares adoptadas polo Tribunal Constitucional para impedir a investidura de Puigdemont vulneraron tamén a súa doutrina, que non permitía admitir recursos contra propostas ou hipóteses.
O maxistrado Llarena (Tribunal Supremo -TS-) inventou novos delictos de rebelión e sedición sen violencia, emitiu e anulou a vontade euroordes de detención contra Puigdemont e os conselleiros exiliados e xustificou a prisión preventiva no mantemento da ideoloxía independentista. Puro Dereito Penal do Inimigo.
No que atinxe ao Dereito Procesual, entre outras moitas actuacións ilegais, descoñeceuse a competencia (directamente prevista no Estatut) do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya para investigar e axuizar conselleiros e deputados para substituíla pola do TS. Deste xeito téntase xustificar o encarceramento fóra de Catalunya e négase o dereito, recoñecido na lexislación europea de dereitos humanos, a un recurso de apelación contra da sentenza que decida o TS.
Estamos xa, na práctica, nun estado de excepción, tanto pola derrogación implícita das garantías constitucionais do autogoberno das autonomías como das garantías dos dereitos das persoas a un xuízo xusto perante os Tribunais ordinarios predeterminados.
O PSOE fai parte do tripartito do 155 e mércalle ao PP e Cs o seu modelo territorial recentralizador, coadxuvando a facer posíbel o actual estado de excepción de feito. E Unidos Podemos e os Comúns adoptan imposíbeis equidistancias, chegando Alberto Garzón a xustificar a represión (“no se pueden ir de rositas”). O sempre reivindicativo mundo do cinema español calou de todo cando tivo ocasión de falar.
Só as forzas galeguistas (BNG, En Marea e CXG) e os nacionalismos vasco, balear e valenciano apoiaron o dereito a decidir dos cataláns e apoian arestora a loita de millóns de cataláns polos seus dereitos fundamentais. Porque isto vai, nomeadamente, de dereitos humanos e de Estado de dereito.

Sobrevivirmos como país

Galicia precisa para sobrevivir como país viábel un conxunto de políticas autocentradas que garantan o benestar. Políticas que rachen co dependentismo, coas visións colonial ou provincial de Galicia para entendela como eixo de actuación e centro das perspectivas todas. Políticas que poñan en valor os nosos sectores estratéxicos, que son secundarios na visión do Estado e que tenten crear emprego de calidade e xerar valor nas actividades económicas, rachando coa visión extractiva e dependente que de Galicia ten o capitalismo de amiguetes español. Segundo a información dos procesos electorais dos últimos 20 anos entre o 18 e o 30% asumen en maior ou menor medida estes parámetros. Hai pobo.
Non hai que escoller entre a clave nacional e a clave social. Galicia non ten un problema de loita de clases, senón de secundarización e dependencia a respecto dun Madrid sen forza industrial, mais coa meirande parte dos recursos financeiros, políticos e mediáticos remando ao seu favor. Un Madrid que ameaza devorar España toda como xa fixo en grande medida coa Meseta.
Velaí que as políticas centradas en Galicia como suxeito, haberían basearse nun proxecto moi amplo, plural e transversal, que chegue ás maiorías sociais, que suma e non divida. Un proxecto que require de lecturas modernas e actualizadas da realidade, fuxindo dos lugares comúns impostos polos dogmatismos. Require de visións amplas e xenerosas: non importa tanto de onde veñen as persoas senón onde queren ir. Require de adoptar acordos dende mínimos comúns denominadores susceptíbeis de sumar centos de milleiros. Require dun sentido pragmático que evite os sectarismos e as propostas exóticas ou minorizantes.
O radicalizado nacionalismo español, que profesan PP, C’s e mesmo amplos sectores do PSOE estatal tenta liquidar calquera Poder galego real (na política e cultura, mais nomeadamente na economía). Por iso compre que se dean pasos urxentes cara á materialización destas formulacións. En Marea e BNG haberían asumir neste proceso un rol protagónico, mais o espazo dos autónomos e pemes onde tenta implantarse CXG tamèn é fundamental nun proxecto transversal.
A parte máis dinámica e moderna da sociedade galega agarda solucións e non teorías. Porque do que se trata é de sobrevivirmos como país.

Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.

Conectarmos co corredor ferroviario europeo

A normativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixões e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e tortícole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen petase na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmasen a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión. Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas vantaxes xeoestratéxicas. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.

Arredarnos do dependentismo

Hai dúas semanas escrebíamos nestas páxinas que o 2 de outubro principiará un proceso substancial de reforma constitucional do Estado e que Núñez Feijóo aposta polo dependentismo a respecto de Rajoy e Madrid para faceren deste país unha Rioxa ou Murcia un pouco máis grande.
O lehendakari Urkullu vén de anunciar este fin de ciclo e coida chegado o intre de construír un Estado confederal que recoñeza o dereito a decidir das nacións galega, catalá e vasca. Cando moitas acreditaban que o PNV sería o apoio do PP até o remate da lexislatura asistimos á confirmación dende Euskadi de que o proceso catalán moveu de xeito irreversíbel os marcos.
Que lle convén a Galicia? Dende logo non ser coma a Rioxa ou Murcia. Non lle convén o dependentismo, porque só achega pouco máis do 5% ao PIB e á poboación do Estado e porque as nosas bases económicas non son relevantes para este mesmo Estado. Ser un de tantos (o dependentismo) afonda na nosa subordinación económica, cultural e social. Cómpre, pois, arredarmos do dependentismo.
Mais Núñez Feijóo (que disque non recuncará nin seguirá carreira en Madrid) quitou hai un ano a única maioría absoluta do Estado e no ámbito do PPdeG non se move unha palla. Xa que logo, só poden tecer un relato as forzas políticas e sociais que acrediten nun proxecto de País distinto. Un relato para a sociedade galega que nos permita partillar o proceso que vai vir si ou si.
Velaí a necesidade urxente dunha unidade de acción de En Marea e BNG que tenda a mAn ao novo PSdeG (á marxe da desubicación da Executiva federal do PSOE) e ao mundo do galeguismo centrista e independente, que tenta arestora vertebrar Compromiso. Tamén á sociedade máis dinámica e aos axentes empresariais, que son os primeiros prexudicados da política económica dependentista do PP, como demostraron a revogación do concurso eólico, a liquidación das Caixas ou os efectos na recesión da falla dunha Banca Pública Galega que apostase polas nosas medianas empresas.
Semella, pois, o momento da intelixencia e da xenerosidade. O momento de que as forzas políticas e sociais galeguistas e progresistas que non partillan o relato dependentista do PPdeG deixen de ollar para cadanseu embigo e pensen nos intereses da cidadanía galega.

Galicia cara ao 2 de outubro

No contexto galego salienta o apoio ao referéndum catalán do BNG, En Marea (que contrasta coa división ao respecto en Podemos e nos comúns cataláns) e boa parte das organizacións sociais vencelladas ao galeguismo e progresismo. Fronte este apoio o Presidente da Xunta abandeira o discurso do inmobilismo do PP e prioriza a súa subordinaciòn a Rajoy na tarefa da desmontaxe do plebiscito do 1-O.
Bótase faltar, porén, un debate cara unha posición de País a respecto do 2 de outubro. Porque é moi probábel que, moi logo desa data, principie o debate cara unha reforma constitucional para a reordenación político-territorial do Estado. E Galicia ten evidentes intereses políticos e económicos nesa eventual reforma.
Porque este proceso podería recoñecer a singularidade nacional de determinados territorios, canda un réxime competencial e financeiro uniforme para os restantes. Singularidade nacional que, no caso de Galicia, habería traducirse nun espazo competencial ampliado e blindado de inxerencias estatais, na competencia exclusiva sobre lingua, cultura, educación, Dereito Civil e goberno local e máis na plena autonomía financeira con total capacidade normativa e de recadación sobre os principais tributos. E mesmo un posíbel recoñecemento, malia que limitado e suxeito a regras bastante ríxidas, do noso dereito a decidir.
Mais para estar neste proceso de reforma constitucional hai que ser. Cómpre sermos nación (ou nacionalidade, tanto ten para os efectos). E sermos conscientes da gravidade do momento histórico. Galicia só achega o 5,1% do PIB e o 5,5% da poboación estatais e os seus alicerces económicos son prescindíbeis para o Estado. De non nos recoñecer esta singularidade nacional -e canda ela a posibilidade dun amplo autogoberno que poida xerar benestar- estaremos colleitos dun sistema extractivo dos nosos recursos e negador das nosas potencialidades económicas e culturais.
E velaí a falla de altura histórica do noso Goberno. Porque, na hora na que os territorios han falar, o noso Presidente está máis preocupado por secundar Rajoy na demonización de Catalunya ca na defensa dos intereses económicos e políticos deste país. Os intereses que haberían constituír o norte da súa actuación política.

O exemplo de Compromís

Compromís é a terceira forza política do País Valencià, a moi pouca distancia do Partido Socialista, co que forma Goberno dende 2015, despois de 20 anos de maioría absoluta do PP. Quitou entón 19 sobre o total de 99 deputados nas Corts Valencianes. Resultado que lle valeu a presidencia destas Corts (que ocupa Enric Morera), a vicepresidencia da Generalitat (Mónica Oltra) e catro das oito consellerías do Govern. Canda estas autonómicas celebráronse as locais nas que quitou 722 concelleiros e 84 alcaldías, entre elas a da grande cidade de València (Joan Ribó).
A coalición naceu no 2010, fundada pola federación nacionalista Bloc Nacionalista Valencià (Bloc), Iniciativa del Poble Valencià (IPV, forza ecosocialista e valencianista que se escindiu da IU polo seu centralismo e suxeición ao PCE) e os verdes, hoxe integrantes da organización valenciana de Equo. A proposta nacía baixo os principios de valencianismo (organización soberana con decisión única no País Valencià), progresismo non dogmático e ecoloxismo, principios que constituían o mínimo común denominador dos coaligados. O nacionalismo valenciano superaba deste xeito o esencialismo, abríndose a sectores que funcionaban en clave federalista, malia que o principio de autoorganización se asumía tamén por estes sectores como irrenunciábel.
A fins do 2015 o Bloc dubidou en se integrar nunha coalición electoral con Podemos para as estatais, pero IPV e os adheridos non pertencentes a os partidos fundadores pularon por esta coalición, reeditada en xuño de 2016. Mais nas dúas ocasións, o rexeitamento da Mesa do Congreso á coalición valenciana determinou que os deputados de Podemos accedesen ao confederal Unidos Podemos-En Marea-En Comú Podem, mentres que os catro deputados de Compromìs se integraban no Grupo Mixto como subgrupo, atopando unha fórmula que posibilitou que o País Valencià fixese audíbel a voz que hoxe non se escoita (ou, polo menos non abondo) a respecto de Galicia.
O éxito electoral chegoulle a Compromís despois de cinco anos de traballo aquelado. É evidente que a crise do PP nas eleccións do 2015 serviulle de panca de lanzamento. Mais en grande parte o seu éxito débese ao seu estilo dialogante, e inclusivo, pendentes moito máis dos intereses da sociedade valenciana ca dos seus dogmatismos e diferenzas internas.

Luís Villares lexitima o seu liderado

O plenario de En Marea (o seu máximo órgano decisorio) aprobou con maioría absoluta todas as propostas políticas e organizativas de Luís Villares e da dirección nacional, rexeitando as emendas todas dos críticos. Luís Villares seguirá a desenvolver o liderado orgánico canda o parlamentario e as expresións políticas parlamentarias da organización, quer en Compostela, quer en Madrid, haberán de sintonizar no próximo futuro coa dirección nacional que lidera o lugués, tendo en conta a proximidade das vindeiras eleccións locais.
Certo é que só participou o 23% do censo inscrito. Mais certo é, tamén, que os proxectos políticos en democracia defínense dende a participación e non dende a abstención. Ademais, sería un erro grave de percepción por parte dos críticos sumar a meirande parte dos abstencionistas ás súas contas, cando en grande medida han de se sumar á desafección xerada polo continuo balbordo orgánico. A xente quere solucións sociais e políticas prácticas, imaxinativas e participativas para a súa vida cotiá e a dos seus e non batallas continuamente retransmitidas vía media e redes sociais.
Ninguén pode negar, porén, que o agora empoderado voceiro e a dirección nacional mareante teñen que soldar unha fractura interna evidente, tanto facendo medrar a maré galega cara a novos sectores das maiorías sociais canto recuperando moita da disidencia. Mais, para sermos obxectivos, cómpre recoñecerlle aos máis achegados á dirección que nos últimos meses foron continuos os esforzos por acadar a integración política e orgánica desta disidencia. Falta agora saber se os diverxentes queren maximizar esta fractura. Semella que a inminencia da axenda local impedirá unha ruptura e que os alcaldes da Coruña e Compostela afondarán tamén na liña de concordia e unidade, única posíbel para se presentar perante cadanseus electores á volta de pouco máis de vinte meses.
Gañou tamén a autonomía da Maré galega fronte ás propostas máis ou menos implícitas de xogaren a ser franquicia de Unidos Podemos. Unha decisión estratéxica que lle permitirá xogar aos de Villares todas as vantaxes da centralidade do mapa político galego, afondando na cooperación política co novo PSdeG e BNG e manténdose, polo menos en parte, indemnes do abaneo –senón mareira ou forte mareira- que se anuncia no mundo podemita para as vindeiras locais.