O novo Decreto de Nova Planta

Despois de conquistar a ferro e lume a cidade de Barcelona o 11 de setembro de 1714, o rei Felipe (V) de Borbón promulgou en xaneiro de 1716, baseado no seu dereito de conquista, o Decreto de Nova Planta, que suprimía as institucións catalás de autogoberno.
Neste outubro de 2017, o goberno de Felipe (VI) de Borbón aprobou unhas rigorosísimas medidas de suspensión da autonomía catalá. Unhas medidas que vulneran o propio artigo 155 da Constitución na que se basean (que permite medidas de intervención autonómica, nunca de suspensión ou anulación autonómica) e, xa que logo, alicérzanse moito máis naquel dereito de conquista gañado polo Borbón de 1714 ca no pactado constitucionalmente no 1978.
Todo o Goberno catalán será cesado. O Goberno do Estado mandará directamente en Catalunya e dirixirá a Administración autonómica, quer dende Madrid, quer nomeando comisarios ou órganos “ad hoc”. O Presidente do Goberno do Estado asume a capacidade de disolver o Parlament. O control parlamentario da Generalitat trasládase ao Senado e a iniciativa lexislativa condiciónase ao veto do Goberno do Estado.
Suprímese, xa que logo, o autogoberno catalán. Para máis, non existe un tempo limitado para esta suspensión nin se fixou data electoral para xaneiro, como querían os socialistas. Hai quen agoira varios meses de delongada intervención para españolizar Catalunya.
Enric Juliana definiuno moi a xeito: preténdese castigar Catalunya e envíase unha mensaxe moi nidia a respecto de quen manda de verdade non só ao pobo catalán, senón ao conxunto da cidadanía do Estado. Como din os socialdemócratas eslovenos: “o sábado morreu a Europa xusta e libre”.

A arrincadeira. Nin houbo sedición nin é competente a Audiencia Nacional
Non existiu sedición na conduta dos presidentes de Òmnium Cultural e da ANC o 20 de setembro, por non existir violencia ningunha no seu comportamento. Canto máis poderían existir leves indicios de desordes públicas, delicto que non admite a prisión preventiva. Por outra banda, a Audiencia Nacional non é competente para axuizar a sedición, segundo o artigo 65.1 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, xa que a sedición non é un delicto cohtra a forma de Goberno, porque estes delictos desapareceron no Código Penal de 1995. As vulneracións da legalidade por parte dos Poderes do Estado están a ser continuas.

A independencia da Marea

Neste país pasou nestes últimos días algo notábel e non por acaso persoas documentadas do nível do xornalista de La Vanguardia, Enric Juliana, veñen de salientalo. En Marea definiu unha estratexia aquelada, que xorde da oportunidade do tempo político, mais tamén dunha acertada selección de candidato e da incorporación de centos de persoas vinculadas ao galeguismo e a distintas experiencias municipalistas. Das resultas deste proceso, Podemos aceptou, canda EU, o principio de autoorganización que se viña reclamando dende sectores moi plurais dende hai un ano. Deste xeito, En Marea afortala a súa independencia e alarga o seu espazo político cara o amplo centro-esquerda dende unha visión de País.
Por primeira vez en moito tempo, a tensión Galicia-Estado na construción da alternativa política resolveuse a prol do noso País como centro de decisión. Os principais axentes preferiron construír alternativa nacional a ser peóns de tácticas sucursalistas. E, polo de agora, gañaron.
O tempo político, marcado polo bloqueo político estatal, posibilitou unha construción en clave de país, claramente hexemonizada por axentes de orixe e sensibilidade galeguista, mais que ofrece un espazo para os galegos alleos a esta sensibilidade que, porén, acreditan no seu País como referencia. En realidade, dende as formulacións da nova política aténdese ao obxectivo común do galeguismo cívico dos últimos trinta anos: resolver con pragmatismo e inclusión os binomios autogoberno-benestar, identidade-xustiza social e nación-cidadanía.
Cara ás eleccións do 25-S, así e todo, En Marea ten que gañar a confianza dos centos de milleiros de galegos que queren a fin da austeridade, unha xestión transformadora e eficiente, unha sociedade máis xusta e un País dinámico e operante no estado, na Europa e no mundo. Ten que proxectar un candidato ben armado de valores de civismo e profesionalidade e superar certas minoritarias tendencias a falar moito e facer pouco.
No curto prazo, Feijóo é o máis prexudicado por esta solución en clave galega. Desmontóuselle o seu discurso das Mareas de Podemos e vai ter que confrontar con relatos de valores, cifras e feitos. Mais tamén contra PSdeG, BNG e CxG. A maioría social de galegos e galegas non adictos ao PP pode espertar.