A legalidade internacional do dereito a decidir

Josep Borrell e Josep Piqué, canda Francesc de Carreras e outros unionistas cataláns, veñen de negar o dereito de Catalunya á súa libre determinación “consonte coa legalidade internacional”.
Non hai tal. O artigo 1º do Pacto Internacional de dereitos civís e políticos (1966), plenamente vixente no Estado en virtude do artigo 96 da Constitución, recoñece este dereito de libre determinación a todos os “pobos”. Mais o concepto de pobos adoita tentar restrinxirse polos unionistas aos pobos colonizados ou pobos indíxenas. Porén, o Tribunal Internacional da ONU non limita este concepto ás devanditas categorías, recoñecendo adoito esta cualidade a aqueles que foron considerados no periodo de entreguerras pola Sociedade de Nacións como “nacionalidades”. Velaí o caso de Galicia, recoñecida como tal en Xenebra hai agora 84 anos e tamén de Catalunya, xa recoñecida no 1926.
Quere isto dicir que existe un dereito a decidir de Galicia ou Catalunya recoñecido polo Dereito internacional? Si, e máis aínda, o caso é que este dereito estaría constitucionalmente recoñecido por España, consonte co artigo 96 da Constitución, mentres non derrogue ou modifique o artigo 1 dese Pacto Internacional ao abeiro do procedemento de denuncia previsto no Tratado.
O que ocorre é que o Tribunal Constitucional optou por unha interpretación esencialista da Constitución que descoñece os efectos dos Tratados Internacionais validamente adoptados polo Estado español. Agora ben, señores ex ministros Borrell e Piqué, non insulten a nosa intelixencia…

A arrincadeira. Filosofía si
O traballo da catedrática de Filosofía Carme Adán e de tantas outras persoas foi fulcral para que se presentase hai poucos días perante o Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para recuperar a Historia da Filosofía como materia curricular obrigatoria do 2º de Bacharelato.
A cidadanía respostou de xeito extraordinariamente positivo (asinaron a ILP 8.200), amosando non só que lle preocupa a educación, senón que quere unha educación que posibilite o pensamento crítico e non só provea de contidos. Unha educación que constrúa persoas e cidadáns e non simples produtores ou consumidores.

Integrarmos a diferenza

Os valores de inclusión e cohesión social propios dunha sociedade moderna e democrática esixen integrarmos aos diferentes. Nenos e nenas con diversidade funcional, aqueixados de parálise cerebral, síndrome de Down, cardiopatías ou sofridores de doenzas graves non están a ser integrados a xeito no sistema educativo galego. E as súas necesidades tampouco están a se fornecer no noso sistema sanitario.
Lemos e escoitamos día a día historias de diferentes crianzas que sofren discriminación pola súa condición diferente no noso sistema público (a situación en centros concertados é aínda peor). Se a crianza non controla os seus esfínteres non hai recursos que atendan á súa limpeza e comodidade. Chaman pola nai (sempre pola nai) para que deixe traballo ou ocupacións e vaia á escola atender á filla. Os recortes da dereita non dotan aos centros de persoal non docente que poida atender estas necesidades e outras como axudarlles cos seus problemas de mobilidade ou darlles as menciñas e tratamentos. Carencias impropias dunha sociedade avanzada.
Mais tamén o SERGAS desatende as necesidades destes nenos e nenas. As persoas que sofren parálise cerebral requiren de fisioterapia continua para superar a dor e a rixidez dos espasmos que sofren. As crianzas aqueixadas de cardiopatía requiren de fisioterapia respiratoria continuada. Pois ben, esta continuidade se lles nega. Aténdeselles por quendas e con meses de interrupcións entre elas, frustrando os resultados terapéuticos que esta continuidade obtería.
Non falemos xa dos Centros especiais que tiveron que pechar pola supresión ou redución das axudas. Ou do abandono total das políticas de integración polo emprego das persoas con diversidade funcional. O caso de ASPANAS TERMAL en Ourense amosa ben ás claras o desleixo da Xunta a respecto deste obxectivo.
Coma sempre, as carencias do público atopan na cidadanía unha axeitada resposta para cubrilas. Profesores que atenden esas necesidades materiais non educativas que habería fornecer o persoal non docente que non existe, nenos e nenas atentos a axudar aos seus compañeiros… Mais para integrarmos a diferenza compren solucións políticas e non solidariedade voluntarista.

Lingua e sentidiño

No sentimento xeneralizado dunha ampla maioría o galego é unha lingua sentida como propria e aprezada como parte do legado trasmitido polos nosos devanceiros (como dicía Celso Emilio Ferreiro polos “abós que temos mortos”). Algúns quererán moito máis pulo normalizador e outros seica non vexan tan urxente unha actuación política decidida. Mais só unha moi pequena minoría olla ao galego como algo alleo, inconveniente ou, máis aínda, rexeitan a nosa lingua.
Xa que logo, habería existir un ambiente axeitado para acadar un amplo acordo sobre as políticas públicas a desenvolver a respecto do galego, como existe en Quebec ou en Catalunya. Mais, para a nosa desgraza, Feijóo decidiu introducir o galego na liorta partidista por unha presa de votos, cando non existía problema ningún. E, xa no Goberno, aprobou un Decreto de ensino que supuxo o veto práctico para o galego na aprendizaxe das Ciencias e na Educación infantil, mesmo fronte a porcentaxes moi amplas de pais e nais das cidades que queren galego para os fillos na escola infantil e non o atopan.
Os sinais de alarma están a chegar ao conxunto da sociedade galega, cunha xuventude que abandona o uso da nosa lingua malia querela e valorala. Velaí que cumpra o meirande consenso para arrincarmos o galego da loita partidaria e aprobarmos unha normativa de ensino baseada nunha inmersión tranquila que garanta que o alunado saia do ensino obrigatorio cun nível oral e lectoescrito abondo para manexar a lingua como propia.
Ademais, cumpriría afortalar este consenso na sociedade civil para dinamizar o galego da man dos axentes sociais, nomeadamente nos ámbitos da sanidade, da empresa, da administración de xustiza e na publicidade. E, sen entrarmos a curto prazo en lameiras normativas, usar da Iniciativa Lexislativa Popular “Valentín Paz Andrade”, de unánime aprobación parlamentaria, para dar nunha xeración ese grande achegamento ao mundo da lusofonía que partillan máis de 260 millóns de persoas e que supón, ao tempo, tantas posibilidades de negocio.
O galego non é un problema. En absoluto. É un sinal de identidade que vai no noso ADN, que nos permite contar o relato do mundo cos nosos ollos e que nos fai máis cultos e atractivos, ademais de nos abrir portas.

Galicia falará tamén portugués

Os presidentes galego e portugués veñen de presidir na RAG a sinatura dun convenio que posibilitará o ensino do portugués no sistema educativo non universitario galego. Dá froito, deste xeito, o único acordo substancial aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia nesta lexislatura, a iniciativa lexislativa popular “Paz Andrade”, nada do pulo cidadán dos 17.000 galegos que a promoveron. Velaí o valor dos amplos consensos cando non respostan aos intereses dos grupos políticos, senón a iniciativas cívicas que atenden cuestións sociais relevantes.
Porque foi propia de cegos a acción (a inacción, máis ben) desenvolvida até de agora polos Gobernos, institucións e sociedade galega cara ao mundo da lusofonía, que integra 230 millóns de falantes do portugués en América (Brasil supón máis da metade da América Latina), Europa (Portugal), África (Angola, Mozambique, Guiné-Bissau, Sâo Tomé e Cabo Verde) e Asia (Timor Leste). Que pequeno país europeo ten esa potencialidade? Que terían feito vascos e cataláns con esta potentísima ferramenta de seren eles nós?
Galicia ten de se integrar na lusofonía, principiando polos seus circuítos oficiosos, culturais e empresariais e rematando pola integración oficial, tan lonxe como sexa xuridicamente posíbel en cada intre. As oportunidades de exportación, investimento, internacionalización empresarial e colaboración económica son moi importantes e constitúen un camiño seguro de éxito. O camiño da lusofonía constitúe un eixo da acción exterior galega onde non imos atopar nin a comprensión nin moito menos a colaboración en Madrid. Este camiño teremos que transitalo nós propios.
Na orde práctica, cómpre desexar que nos centros se coordine o ensino do galego co do portugués, de xeito que os alunos acaden sinerxías que lle fagan máis doada recíproca aprendizaxe de ambas as ponlas do común tronco lingüístico. Tamén que a aprendizaxe do portugués se ofreza de xeito xeral e asequíbel na formación de adultos.
E o da normativa? Pois polo de agora non entremos en leas. Camiñemos. Academos un coñecemento xeral do portugués. E avaliemos, cando cumpra, pero sen atraso, as vantaxes e inconvenientes dun acordo ortográfico común cos demais países da lusofonía.

O soldo dos empregados públicos

Os servidores públicos suxeitos ao Dereito Laboral están tan expostos aos despedimentos colectivos ou á amortización dos seus postos de traballo como calquera empregado do sector privado. Velaí a recente perda de ducias de postos de traballo na Consellaría de Traballo e Benestar por mor da aprobación da súa relación de postos de traballo. Por outra banda, ninguén pode negar o curto da remuneración dos nosos sanitarios, mestres, bombeiros ou policías, mais esta insuficiencia retributiva predícase tamén dos funcionarios da Administración xeral autonómica ou local e, tamén, da Administración de Xustiza.
O problema das retribucións agrávase, asemade, pola carga de traballo que as suicidas políticas de austeridade impoñen no sector público. A Consellaría de Xustiza non achega substitutos para baixas e vacacións, penalizando de primeiras ao conxunto dos funcionarios que han cobrir o déficit xerado polos compañeiros non substituídos e, ulteriormente aos cidadáns usuarios.
Ademais, a prohibición das reposicións de vacantes por xubilación manca os servizos públicos e prexudica a imparcialidade da súa prestación. Se un concello galego ten un único enxeñeiro e este se xubila non se vai cobrir a súa vacante. Xa que logo, o concello terá que buscar os seus servizos nunha consultoría privada, probabelmente ben máis mandadiña aos desexos do alcalde. U-lo aforro? E xa non falemos do dano que lle vai causar no próximo futuro á Sanidade galega a xubilación obrigada aos 65 anos de todos os seus médicos.
Os nosos servidores públicos son bos, demostrárono abondo a noite do accidente do Alvia. E traballan por poucos cartos en contornas complexas. Isto non quita recoñecer que os autónomos traballemos tamén nunhas condicións difíciles, mais non existe confrontamento entre os intereses duns e doutros. O que poden existir son dirixentes políticos interesados en xerar este conflito.

A ARRINCADEIRA: Subvencionan o ensino segregacionista
Moi mal amosa andar o Goberno do Estado de prioridades. Velaí a blindaxe das axudas e subvencións ás touradas, ao recoñecelas patrimonio inmaterial e as subvencións aos colexios que segregan por sexo, até agora ilegais e agora incorporadas á nova LOMCE. Mentres, avanza o deterioro do ensino público.

Adiantarmos o IVE

Autónomos e pemes sufrimos o chamado “criterio do devengo” no IVE: pagamos o imposto repercutido canda a facturación e non canda o seu efectivo aboamento.
Este criterio do devengo agrava ate extremos inaturábeis a situación financeira das nosas pemes e autónomos, nun contexto recesivo onde medran a morosidade e os prazos de pagamento e mingua o crédito bancario. Xa que logo, autónomos e pemes pagamos o IVE de importantes contías facturadas e aínda non percibidas sen que poidamos financialo bancariamente e só, en determinadas circunstancias, botando man dos aprazamentos que conceden as propias Administracións Tributarias, a tipos medios de xuro do 5%.
O Dereito europeo permite xa que os Estados membros poidan aplicarlles aos autónomos e pemes o chamado “criterio de caixa” (pagaremos o IVE cando cobremos a factura) no canto do criterio do devengo. E, de feito, esta remuda era unha das propostas electorais incumpridas polo PP, que ven hai poucas semanas de rexeitar no Congreso unha proposta de CiU para introducir este criterio fiscal. Porque a única prioridade de Rajoy, como xa teño dito, é cadrar as contas do mes que ven, custe o que custe en termos de desemprego, desindustrialización ou exclusión social.
Autónomos e pemes obterían un moi importante balón de osixeno da introdución deste sistema, o que redundaría, sen dúbida, nun mantemento do emprego que xeraría unha inducida recadación fiscal adicional. E o custo administrativo e informático para as Administracións Tributarias seria moi asumíbel. Mais para situar este tema fulcral na axenda política cumpre que autónomos e pemes poidan facerse ouvir, superando unhas organizacións patronais sempre pendentes dos intereses da grande empresa e uns sindicatos refractarios historicamente á peme.

SUBVENCIONAR A EDUCACIÓN SEPARADA É INCONSTITUCIONAL
O Ministro Wert ven de amosar o  seu extremismo ao propor unha nova lei que permita subvencionar os colexios que separan as persoas dun e doutro sexo. Mais o certo é que a norma legal que prohibe os concertos con centros de ensino separado xorde do propio artigo 27 da Constitución. O sistema de educación separada pode xerar resultas moi perversas. Velaí algúns que opinan, xa, que hai que lles ensinar máis ciencias aos rapaces e máis humanidades as rapazas.