Un tribunal de parte

Puigdemont foi elixido deputado o 21-D e, xa que logo, pode legalmente ser candidato a presidir a Generalitat. O presidente do Parlament nomeouno atendendo a que os tres grupos soberanistas xuntan a maioría absoluta (70 sobre 135 deputados) e manifestaron a súa disposición para elixilo.
Os partidos unionistas non asumiron o resultado electoral e apoian o Goberno Rajoy na súa obsesión por evitar a investidura de Puigdemont. E velaí o despropósito de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra os actos da Presidencia do Parlament nomeándoo candidato e convocando para o martes 30 o pleno para o debate de investidura. Buscábase, a medio dunha fraude de lei, o efecto suspensivo que teñen todos os recursos do Goberno do Estado contra leis e disposicións autonómicas. Mais o Consello de Estado, máximo órgano xurídico-consultivo do Goberno central, ditaminou por unanimidade a improcedencia legal deste recurso. A tese central deste ditame é que non se pode recorrer o que aínda non sucedeu, doutrina establecida polo propio Tribunal Constitucional (TC) cando rexeitou o recurso do Goberno Aznar contra a aprobación polo Parlamento vasco da reforma do Estatuto coñecida como “Plan Ibarretxe”.
Os letrados do TC e o maxistrado relator concordaron co Consello de Estado na inadmisibilidade do recurso. Mais razóns políticas e non xurídicas levaron ao Pleno do TC a descoñecer a súa propia doutrina, adiar a decisión sobre a admisión a trámite e adoptar sen escoitar ao Parlament medidas cautelarísimas que ninguén pediu, polas que se prohíbe o voto delegado dos deputados exiliados e o debate en ausencia física de Puigdemont, que poderá comparecer só se é autorizado para o efecto polo maxistrado instrutor do Tribunal Supremo.
O TC adoptou unha decisión parcial e política, no canto de xurídica. A prestixiosa axencia Eurointelligence nos fala do paradoxo de destruír a Constitución para salvala. O profesor Carlos Amoedo (UDC) fala de “decisionismo schmittiano” pondo o foco na aprobación polo TC de medidas propias dun estado de excepción non declarado. E o avogado catalán Andreu Van der Eyden propón con evidente retranca que “quiten xa o Dereito Constitucional dos plans de estudo e así imos todos ao bar”.
Concordo co profesor Amoedo. Veñen malos tempos para o Estado de Dereito.

A creba do Estado de Dereito

A intromisión do Goberno do Estado na administración xudicial está a pór en risco a meirande parte dos controis que nos recoñecen como un Estado democrático de dereito. Intromisión que ten a súa orixe no outorgamento cidadán (novembro 2011) dunha maioría absoluta nas dúas Cámaras estatais, que lle dan ao PP o control dos Poderes lexislativo e executivo estatais. E nos graves defectos da regulación xerada polo PSOE e PP no tempo desque aprobaron a Constitución.
Este control determina que a maioría que apoia ao Goberno do Estado elixa indirectamente unha maioría absoluta do Tribunal Constitucional (TC). Isto quere dicir que as leis aprobadas pola maioría absoluta do Parlamento estatal van ser controladas canto á súa constitucionalidade por ese TC indirectamente nomeado por Rajoy e que fixa unilateralmente a súa axenda. Adiantando as cuestións que interesan (Catalunya, por exemplo) e adiando as que non conveñen (lei de taxas). Polo mesmo, os recursos de inconstitucionalidade contra leis autonómicas van ser decididos por un árbitro caseiro, case sempre favorábel aos intereses centralistas, pois que o Executivo estatal nomea indirectamente ao TC.
Mais este control falla tamén no que atinxe ao control da normativa regulamentaria e da actividade administrativa. As taxas limitan substancialmente o acceso á xustiza e, xa que logo, o control da legalidade da actividade administrativa. E o Goberno do Estado nomea indirectamente unha maioría absoluta do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), órgano de goberno dos xuíces que determinan os maxistrados que chegan ao Tribunal Supremo (TS) e á Audiencia Nacional (AN), que son os que levan a meirande parte do control real da actuación regulamentaria e político-administrativa do Goberno do Estado. Si, acertaron vostedes. Controlan indirectamente aos que lles controlan.
Velaí que sexa urxente unha fonda reforma, quizais constitucional, que garanta a independencia da xustiza, hoxe reducida aos níveis de Xulgados, Audiencias e, parcialmente, Tribunais Superiores. No caso da Galicia cumpriría, ademais, vincular a xustiza ao noso sistema de autogoberno e facela rematar a todos os efectos no TSXG.