A ruptura do pacto constitucional

O dereito á autonomía das nacionalidades galega, catalá e vasca recoñeceuse antes da propia aprobación da Constitución, a medio da aprobación de cadanseu réxime preautonómico entre outubro de 1977 e abril de 1978. Recoñecíase unha realidade substantiva, manifestada na aprobación plebiscitaria de cadanseu Estatuto na II República. Velaí porque se lles dotou constitucionalmente do máximo grao de autogoberno e dun procedemento de aprobación e modificación de cadanseu estatuto pactado entre a representación parlamentaria de cada nacionalidade e o Congreso que remataba nun referéndum de ámbito exclusivamente territorial.
Para o resto dos territorios non se prevía esta aprobación paccionada nin o nível máximo de autonomía, senón despois de cinco anos logo da reforma de cadanseu Estatuto. Mesmo contemplábase a posibilidade de que algún dos territorios españois non optase polo autonomía ou optase por unha simple autonomía administrativa.
Mais o referéndum andaluz e a xeneralización do “café para todos” estendeu o autogoberno de nível máximo a todo o territorio. E o golpe de Estado de 1981 abriu o ronsel da recentralización, primeiro a medio da só parcialmente fallida LOHAPA (1982), despois a medio da desculpa da garantía estatal a respecto da eficacia do Dereito europeo e das decisións comunitarias, máis tarde co martelo dun caseiro Tribunal Constitucional (TC) que desfixo o concepto de competencias exclusivas autonómicas coa confusión entre leis básicas e leis marco e coa extensión de títulos transversais como a garantía da igualdade dos dereitos dos españois ou a unidade de mercado, que baleiraron as competencias galegas en agricultura, pesca, comercio interior, fiscalidade ou protección medioambiental.
Hoxe o autogoberno galego ou catalán son pálido reflexo dos potencialmente proxectados entre os anos 1978 e 1980, cando os Estatutos se concibían como porta dun proceso dinámico e aberto e non como un marco pechado e estático. Só Euskadi e Navarra, ao abeiro do réxime foral, conservan un autogoberno merecente deste nome.
Velaí que constatemos que o pacto constitucional que encaixou Galicia como singularidade nacional estea máis que superado pola continua vulneración desenvolvida ao longo de trinta e cinco anos de recentralización.

O franquismo na transición

A actual monarquía borbónica carecía de toda lexitimidade de orixe á morte do ditador Franco. Porque o anterior xefe do Estado aceptou vencellar a súa lexitimidade á do réxime do 18 de xullo, mesmo rachando relacións co seu pai, xefe da dinastía borbónica. É dicir, a monarquía española instaurada no 1975 proviña da ditadura, da súa violentísima instauración e do seu ilexítimo desenvolvemento.
A lexitimidade de orixe pertencíalle á Constitución da II República e, no caso de Galicia, ao Estatuto aprobado popularmente no 1936. Mais o réxime franquista non quería ceder as pancas do poder nin someterse ao xulgamento das responsabilidades penais dos milleiros de franquistas, aínda vivos no 1975, que cometeran delictos de sangue.
Ese foi o rol de Juan Carlos de Borbón. Desenvolver unha solución de compromiso que rachase coa lexitimidade republicana, que agachase a memoria histórica e que permitise a convivencia entre unha nova clase política, filla da transición, e o capitalismo castizo de BOE beneficiado polo ditador.
Neste contexto, enténdese o relato lexitimador da monarquía abrollado despois do 23-F, que lle permite limitar substancialmente o autogoberno de Galicia, Euskadi e Catalunya e construír o bipartidismo dinástico. Esta onda, na Galicia do 1981, privou dos seus escanos no Parlamento de Galicia ao BNPG e botou fóra da alcaldía coruñesa ao nacionalista Domingos Merino.
Dende entón Juan Carlos de Borbón e bipartidismo dinástico son os elementos que dan coherencia ao relato da transición e que explican que sigamos a vivir nun réxime que, nalgunhas cousas importantes, non é senón un franquismo reformado.
Mentres, medios solventes como The New York Times, Proceso ou Economía Digital avaliaban a fortuna persoal de Juan Carlos de Borbón canda a súa demisión entre 1.600 e 2.000 M€. De onde saíron eses cartos?
Semella que da herdanza do seu pai (8M€ entre todos os seus fillos) non foi. E dos soldos percebidos dende 1975 tampouco. Terá que ver, logo, co suposto monopolio fáctico do que supostamente gozaba o amigo do Borbón -Manuel Prado- a respecto das importacións de petróleo de Kuwait, Arabia Saudita e Emirados Árabes Unidos? Que significou aquilo de que “el Rey es el mejor relaciones públicas de España”, que tanto escoitamos de nenos e rapaces?

Un proxecto galego autónomo?

En realidade, o que está a suceder no ámbito político de En Marea resposta á pura lóxica. Porque é posíbel, certamente, artellar unha alternativa en clave galega baixo o paraugas da confluencia de galeguistas, municipalistas e progresistas estatais, mais para iso cómpre recoñecer Galicia como o centro de decisión e referencia. Se mudamos esa referencia, ampliándoa cara ao Estado español, por exemplo, os conflitos axiña xorden. E xurdiron.
É realista e moi positivo que dous proxectos independentes, un galego e outro estatal, converxan, colaboren e se asocien en cuestións tan relevantes como arrincarmos a corrupción, construirmos a transparencia democrática, rexenerarmos o sistema político ou facilitar unha economía co centro nas persoas. Colaboren na gobernanza para transformar Galicia e o estado, dende o mutuo respecto, mais o que non é de recibo é que o proxecto estatal de Podemos-IU, certamente orixinal e suxestivo, entenda Galicia a xeito de sucursal ou polo menos de realidade subordinada, como en último de contas a entenden o PSOE, o PP ou C´s.
E non é de recibo porque Galicia conta cuns alicerces económicos absolutamente prescindíbeis no contexto do Estado. É dicir, os sectores e actividades que para nós son fundamentais, o que para Galicia son as cousas de comer, para a cidadanía española son abertamente prescindíbeis. Para máis, Galicia só achega o 5% do PIB do Estado e o 5,6% da súa poboación. E estes feitos irrebatíbeis non se resolven só con máis calidade democrática a nível do Estado nin tampouco cunha outra política fiscal ou social, malia que certamente poidan axudar.
Galicia obtivo na historia bos réditos da colaboración entre galeguistas e progresistas españois, como ocorreu no ano 1936 cando o Partido Galeguista obtivo da colaboración coa estatal Izquierda Republicana o Estatuto de Autonomía. Pero o límite á colaboración entre galeguistas e progresistas españois é o respecto real á nosa identidade nacional e, máis concreta, precisa e exactamente, o respecto e salvagarda dos nosos intereses económicos. Uns intereses económicos que, por moitas voltas que lle deamos, funcionan en clave territorial e non en clave de loita de clases.

A Facenda galega

Non se poden manter a xeito os servizos públicos sen un financiamento aquelado. E non hai mellor financiamento que aquel que primeiro recada e despois percebe ou paga o complemento da solidariedade. Alexandre Bóveda primeiro (Estatuto do 1936) e Carlos Mella despois (autor como vicepresidente da Xunta do rascuño de reforma do Estatuto do 1984) deseñaron unha verdadeira Facenda galega. Idea que se transladou despois á proposta do Foro Novo Estatuto (2004) e que agora vén de propor a plataforma cidadá “Somos Nós“, como parte do programa electoral para unha candidatura galega cidadá e unitaria nas vindeiras eleccións xerais. Formalmente temos xa unha Axencia Tributaria galega, malia que baleira dos seus principais contidos. Transferir dende as Deputacións cadanseus Servizos de Recadación permitirá a xestión e liquidación de todos os tributos locais que os Concellos non recadasen por si proprios, o que melloraría substancialmente a administración tributaria local. Mais a principal misión da Axencia Tributaria galega habería ser a xestión, liquidación, inspección e recadación no noso territorio dos principais impostos directos e indirectos. Con plena capacidade normativa no mecanismo da exacción tributaria, naturalmente suxeita á coordinación fiscal que se acordase nos níveis estatal e europeo. Coordinación que habería garantir recadarmos o Imposto de Sociedades por toda a actividade produtiva que se desenvolva no noso territorio (alén do domicilio fiscal da entidade) e os Impostos especiais (hidrocarburos, tabaco e alcol) que se devenguen en Galicia, hoxe en día imputados a Madrid. O sistema haberíase pechar con dous Fondos para garantir a solidariedade; un para investimentos e outro para nivelación de servizos. E coa determinación do “quantum” que Galicia lle pagaría ao Estado polos servizos que presta no noso beneficio.
O outro discurso, o da dependencia e a esmola, non garante un acaído financiamento nin o seu automatismo. O autogoberno no gasto precisa do autogoberno no ingreso.

Maré galega para soñar

Diversos partidos (CXG, BNG, EU, Anova…), canda entidades sociais, como Somos Nós, formularon xa a súa proposta para unha candidatura galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais. E dun xeito moi maioritario as distintas opinións concordan na necesidade de que a candidatura teña o seu centro de decisión na Galicia e dea lugar a un grupo parlamentario de seu e na altísima conveniencia de que a candidatura se constrúa dende a base social, cun nidio protagonismo da sociedade civil, ao xeito dunha maré galega.
Ocorre que Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos e factor esencial na renovación da axenda política no Estado, quere que as siglas do seu partido estean en todos os colexios electorais, quer en coalición (en Catalunya, Valencia e Galicia), quer sós (no resto do Estado). E semella que poderá acadar este obxectivo en Catalunya, en coalición con ICV, mais non tan doadamente en Valencia, na que os nacionalistas de Compromis ollan con moita desconfianza a primacía que tenta pór Pablo Iglesias.
Na Galicia, a forza desta maré galega, desta plataforma de unidade cívica semella incuestionábel. A unidade é un factor esencial, mais tamén o é o protagonismo social, cívico. Unha maré apoiada por x partidos achega moito máis ca unha coalición de x partidos. Velaí o evidente desenfoque que sofre Pablo Iglesias na súa proposta electoral no que se refire a Galicia.
Esta maré galega vai precisando a definición dun programa de mínimo común denominador moi inclusivo que ha dar resposta aos desexos sociais dunha maior transparencia e unha mellor gobernanza, xunto con propostas que poñan a economía ao servizo das persoas e da sustentabilidade. Pero tamén cara unha proposta de reforma político-constitucional que blinde o noso autogoberno, garanta un financiamento acaído dos servizos autonómicos e locais e lle restitúa a Galicia a súa plena capacidade de decisión sobre a súa economía. Como sempre, o autogoberno galego é a clave do noso benestar.

A arrincadeira: aniversario do Estatuto do 1936
Este domingo cumpríronse 79 anos dun acto de vontade moi importante: a aprobación por unha amplísima maioría de galegos do Estatuto do 1936. Un plebiscito que nos permitiu acadar o nível máis alto de autonomía na Constitución do 1978. Estará a sociedade galega do 2015 á altura?

As derradeiras deputacións?

As deputacións provinciais respostan á extensión no territorio da gobernanza do Estado centralista, dividido en provincias copiadas dos departamentos franceses que creou Napoleón I. Provincias que dividiron Galicia en “catro cachos coma a túnica de Cristo”, como dixo D. Manuel Murguía, mais que respostaban, tanto en Galicia como en Catalunya, a certa homoxeneidade poboacional, por volta de cadanseus 400.000 habitantes dos anos 30 do século XIX.
Semellaba evidente que estes entes non haberían sobrevivir á institucionalización da autonomía galega. De feito, no Estatuto do 1936 xa se prevía a súa desaparición. Mais o Goberno do Estado viu nas provincias a posibilidade dun contrapoder ás nacentes autonomías e recorreu a lei catalá que as suprimía, acadando do sempre procentralista Tribunal Constitucional a consagración das teses da garantía institucional das provincias e da competencia exclusiva do Estado sobre as bases do réxime local. Bases entendidas nun sentido extensivo e uniformador.
A recente contrarreforma local de Rajoy baseou nas deputacións a súa estratexia para igualar por abaixo a prestación dos servizos públicos municipais e para facilitar unha privatización dos mesmos a prol de grandes grupos multinacionais ou radicados en Madrid.
Esta contrarreforma e a propria pervivencia destas estruturas caducas desafían o diktat da opinión pública, fronte á que estas Institucións se amosan deslexitimadas. Pois a súa é unha elección indirecta e pouco transparente, xa que non saberemos os candidatos de cadansúa opción política o día da elección local. Para máis, as deputacións son unha catástrofe en termos de boa gobernanza. Só a rentes dun 20 por cento dos seus orzamentos vai a fins de investimento público. O gasto corrente improdutivo domina a súa xestión. Todo sinala que na seguinte lexislatura estatal se vai abrir, cando menos, unha limitada revisión constitucional, da que Galicia habería quitar canto menos a competencia exclusiva para definir o seu réxime local e a súa organización territorial sen inxerencias estatais. Velaí porque estas a elixiren en xuño poderían ser as derradeiras deputacións provinciais. Non se preocupen. Ninguén, agás os que viven delas, haberá botalas a faltar.

Os erros históricos do PSOE

Pablo Iglesias fundou o PSOE no 1879. E axiña foi construíndo unha mesta organización político-sindical á que converteu nunha potente forza de masas entre 1910 e 1918. Mais logo comezarían os erros históricos desta organización. En 1923 Primo de Rivera implantou unha ditadura militar á que a maioría socialista (por proposta de Largo Caballero) lexitimou ao aceptar a súa participación no Consello de Estado. O mesmo Largo Caballero refugou, dende a súa saída do goberno -outubro do 1933- a vía institucional e democrática para pular pola vía revolucionaria, chegando a dicir que cumpriría no futuro unha resposta armada e que habería ir cara ela. Nestes anos o PSOE estaba dividido entre o sector revolucionario de Largo Caballero, o centrista de Indalecio Prieto e a dereita dun meu colateral devanceiro, o profesor Julián Besteiro, de orixe galega.
Durante a II República o PSOE, fídel á súa alma xacobina, fixo o posíbel por atrancar a aprobación do Estatuto de Galicia. No 1939, Besteiro adheriu á capitulación incondicional do coronel Casado confiando en Franco como mal menor: “de certo que nos vai deixar manter viva unha UGT ao xeito das Trade Unions”. Acertou de cheo.
Indalecio Prieto manexou de xeito abxecto uns fondos de axuda aos refuxiados españois entre 1939 e 1942, até que o Goberno mexicano, escandalizado, pasou a controlar estes fondos. O mesmo Prieto que vetou a aprobación, outravolta, do Estatuto de Galicia nas Cortes de México no 1945 e tentaba vetar a Castelao como ministro do goberno republicano.
No 1976, a Federación socialista galega do PSOE case non existía. Eran Paco Vázquez, Salvador F. Moreda e outros tres. A socialdemocracia galega aliñábase no Partido Socialista Galego (PSG), fundado no 1963. O PSOE, cos cartos da Fundación alemá Friedrich Ebert, fanou dende dentro ao PSG para acadar a súa destrución, ceifando así o campo.
En maio do 2010 Zapatero rendeuse ás presións de Merkel e Sarkozy e en outubro do 2011 o PSOE pactou co PP blindar constitucionalmente o pagamento dos xuros da débeda a respecto dos servizos públicos do benestar. Mais o PSOE xa tiña tradición na adopción de decisións que constitúen, de seu, erros históricos.