O bloqueo das solucións políticas

O proceso de debate do novo Estatut catalán de 2006 e máis o talante supostamente autonomista do Goberno de ZP sementaron en moitos a idea de que a Constitución española de 1978 era quen de evoluír cara un Estado plurinacional onde encaixasemos diversas nacións do Estado. Na Galicia tamén se avanzou substancialmente cara un novo Estatuto no 2006. Até o extremo que xa estaba consensuado un texto ao 95% entre PP, PSdeG e BNG.
Mais o PP optou por rachar os consensos, xerar división social e defender unha idea de España anacrónica, autoritaria e uninacional. Feijóo bloqueou o novo Estatuto na súa xuntanza a tres co Vicepresidente Anxo Quintana e co Presidente Touriño. Mentres, Rajoy, xa líder do PP, recorría perante o Tribunal Constitucional (TC) o Estatut catalán, avivaba o lume da catalanofobia recollendo sinaturas nas praias e bloqueaba o anovamento do TC para evitar unha sentenza que declarase constitucional o Estatut.
En xuño do 2010 o TC “mandó a parar” cunha sentenza que declarou inconstitucionais as principais solucións para avanzar no autogoberno catalán, sendo a primeira vez que se anulaba un texto ratificado antes pola cidadanía. Rachouse, pois, o pacto estatutario entre o Estado e Catalunya e implicitamente a propia Constitución, demostrándose que a interpretación dominante da Constitución impedía a evolución de España cara á plurinacionalidade.
Esta dinámica separadora fixo abrollar o independentismo catalán, até entón en níveis do 10%. O President Mas tentou en setembro de 2012 un pacto sobre financiamento que substituíse a normativa económica do Estatut do 2006, declarada inconstitucional, mais a resposta de Rajoy foi de rexeitar calquera solución negociada.
Dende aquí o Goberno do Estado seguiu na súa teima de negar toda solución política, quer unha reforma constitucional que ratificase os avances estatutarios do 2006, quer un referéndum consultivo, que máis do 70% dos cataláns pedían. Un plebiscito perfectamente constitucional consonte co artigo 92 da Carta Magna.
O bloqueo das solucións politicas permitiu rearmar o nacionalismo español, ariete dunha recentralización que interesa a grande parte do Madrid financeiro, económico e mediático e non interesa nada a Galicia. O bloqueo ás solucións políticas está a prexudicar a convivencia, quizais de xeito irreparábel.

A igualdade xurídica do galego

O Tribunal Superior de Xustiza valenciano vén de anular parcialmente unha normativa regulamentaria da Generalitat que privilexiaba o ensino en catalán (alí chamado oficialmente valenciano) por mor da súa grave minorización fronte ao castelán.
O Alto Tribunal aplicou unha consolidada xurisprudencia dos Tribunais Constitucional (TC) e Supremo (TS) que xorde daquela sentenza do TC de 1986 que anulou o deber de coñecer o galego, presente de primeiras na nosa Lei de Normalización Lingüística, aprobada pola unanimidade do noso Parlamento. Segundo esta xurisprudencia só existe o deber de coñecer o castelán e as demais linguas fican secundarizadas nun rango de mera cooficialidade, sen que sexa legal esixir o seu coñecemento con carácter xeral a xuíces e demais funcionarios e o seu uso obrigatorio nin sequera ás empresas concesionarias ou contratistas públicas. Velaí que o galego, o catalán e o vasco non gocen de igualdade xurídica a respecto do castelán. Esta desigualdade atenta contra a Carta Europea de Linguas Minoritarias (o galego non é polo de agora minoritario, malia estar fortemente minorizado), é dicir, contra a normativa constitucional de protección dos nosos dereitos lingüísticos. Velaí a necesidade de resolver de vez esta desigualdade, levando á Constitución ou ao Estatuto o pleno recoñecemento da igualdade de ambas as linguas oficiais, a propia e a de comunicación común co resto do Estado.
Deste xeito, o deber de coñecer o galego evitará situacións tan ilóxicas (cando non ferintes) como médicos do S­ergas que manifestan diante de doentes descoñecer o galego, freakies que piden tradución oficial de pequenos textos intelixíbeis a calquera europeo que lea, mandos da Garda Civíl que denuncian concellos por sinais de tránsito en galego ou a continua provisión de prazas de xuíces, fiscais e funcionarios sen acreditar o coñecemento abondo da lingua que nos permita aos galegofalantes gozar da plenitude dos nosos dereitos lingüísticos.
De certo que o problema do galego non se resolve só con medidas xurídicas. Mais sen acadarmos esta igualdade (negada constitucionalmente dende 1978) non serán posíbeis cousas tan sinxelas e normais como vivirmos plenamente en galego ou non nos sentir alleos no noso propio país.

Gobernarmos as estradas

Hai dúas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían moitos problemas e mellorarían o noso benestar: a competencia sobre a AP-9 (a autoestrada do Atlántico) e máis a xestión do tránsito nas nosas vías interurbanas, hoxe nas mans da DXT estatal.
A Garda Civil de Tráfico impón 147 multas por 1.000 habitantes no noso país, mentres que a media nos outros 13 territorios que xestiona (todos menos Navarra, Euskadi e Catalunya, nos que teñen transferidas as competencias e nos que actúa cadansúa policía autonómica) é de 85. É dicir, poñen 170.000 multas máis. Un lote de cartos que perdemos os galegos. Porque Galicia ten unha poboación espallada que precisa moito máis do transporte privado, tendo en conta a nosa carencia de servizos ferroviarios de proximidade.
No 2008 o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) foi quen de artellar unha coalición nacional unánime co PP e PSOE no Parlamento de Galicia para acadar a transferencia das competencias de tránsito. En setembro do 2010 a pulsión unionista de Pepe Blanco, consentida por ZP e pola abstención do PP, rexeitaba no Congreso de Madrid a proposición galega, coa indigna abstención do PP. Pedro Puy (PPdeG) e Xaquín F. Leiceaga (PSOE) non podían aturar a vergoña.
Precisamos dun sistema de regulación do tránsito que mire cara a nosa seguranza vial e non á recadación da DXT e do Goberno do Estado. E, tamén, dunha xestión galega da AP-9, orientada a liberalizar a peaxe na vía máis importante da nosa nación. Para máis, o normal sería, ao tempo, transferirmos a xestión do mantemento das estradas estatais. Cómpre transferir á Xunta, por nidias razóns de economía e operatividade, todos os kms de estradas que absurdamente aínda fican na xestión dun lonxano, incompetente e inoperante Ministerio de Fomento.
Velaí a necesidade desta transferencia. E para xestionármola contamos coa mellor policía territorial de Tránsito, os gardas civís, pero a estrutura xerárquica e militar da Garda Civil faina impracticábel para esta función. Porén, as bases legais do Estatuto e da Lei de Policía galega fan posíbel a xestión galega das estradas.
Claro é que esta legalidade sería unha realidade se o presidente Feijóo e o vice Rueda actuasen na defensa dos intereses galegos e non desenvolvesen a meritoriaxe unionista que desenvolven día a día.

O medo de Núñez Feijóo

A Xunta vén de aprobar un decreto de atención ao cidadán que desnaturaliza absolutamente a política de discriminación positiva que lle esixe a Lei de Normalización Lingüística. De hoxe en diante, o mero feito de que o cidadán use o castelán activará a resposta, verbal ou escrita, da Administración autonómica nesta lingua. Até de agora (na teoría, como a todos vostedes lle consta) a lingua de uso preferente era o galego e o castelán usábase obrigatoriamente só cando o demandaba expresamente o usuario.
As políticas de discriminación positiva veñen esixidas polo Estatuto de Galicia, pola Lei de Normalización Lingüística de 1983 e polo Plan de Normalización Lingüística do 2004 (ambos os dous aprobados no Parlamento por unanimidade). O galego é a nosa lingua propia, aínda de uso maioritario, mais minorizada por circunstancias históricas e pola actuación a prol do castelán dun Estado español moi pouco respectuoso coa nosa lingua. A Constitución impón un desequilibrio normativo a prol do castelán, xa que só este é de coñecemento obrigatorio. Neste contexto, estas políticas son esenciais para compensar parcialmente a abafante imposición do castelán en todos os ámbitos da vida pública e comunicacional. Velaí a gravidade deste decreto, que semella pensado para reducir drasticamente o uso e máis o prestixio do galego na vida administrativa.
Como se lle ocorreu esta medida a Núñez Feijóo ás portas das nosas eleccións nacionais? Por medo. Mentres case todos vimos fóra de xogo á candidata de C’s, Cristina Losada, no debate da CRTVG, o líder do PPdeG presentiu o perigo de perder uns milleiros de votos, basicamente concentrados en Vigo e A Coruña e que xiran arredor dos sofismas de Galicia Bilingüe. Por iso retrucoulle en castelán e lle dixo que falaba castelán cando lle petaba. Como xa pasou nas eleccións do 2009 para frearlle o paso á UPD de Rosa Díaz, o líder da dereita subordina a normalidade a respecto do galego que profesa a grande maioría dos seus votantes para reter uns poucos votos de persoas extremistas na cuestión lingüística, ao xulgalos esenciais para manter a maioría absoluta.
Galicia Bilingüe, afastada da centralidade e irrelevante socialmente, segue a lle marcar a axenda política ao PPdeG.

O sentido do aforamento

O xa fracasado pacto de investidura entre PP e C’s incluía a supresión xeneralizada dos aforamentos para os representantes institucionais e cargos públicos e xudiciais, incluídos os previstos no Estatuto de Galicia. Unha previsión ben chocante, xa que o aforamento dos deputados e conselleiros galegos é materia estatutaria que non pode ser regulada dende Madrid. Neste e noutros aspectos claramente recentralizadores do fracasado pacto advírtese que os partidos unionistas sonlles supostos constitucionalistas moi pouco respectuosos da Constitución e do Estatuto.
Mais, para alén do indiscutíbel dereito a decidir de Galicia sobre se afora ou non aos seus deputados e conselleiros, cómpre avaliar se segue a ter sentido hoxendía esta institución, xurdida para lle garantir aos parlamentarios protección no seu discurso e acción fronte a eventuais prendementos por parte dos axentes de El-Rei ou dos estamentos xudiciais, fortemente vencellados ao Poder Real. É dicir, a institución do aforamento non naceu como privilexio do deputado, senón como garantía obxectiva da súa función. A cidadanía quería que os seus representantes tivesen protección fronte aos abusos do poder e, xa que logo, deulles inviolabilidade e unha canle procesual para que as acusacións contra deles fosen xulgadas por un Tribunal colexiado, que puidese xulgar estas persoas de xeito máis equilibrado.
Velaí por qué, no caso do aforamento e no caso tamén das retribucións dignas no exercicio da función representativa, é a cidadanía quen gaña, sobre todo se avaliamos o grande poder suxeito a poucos controis dos lobbies e grandes corporacións. No caso de Galicia, ademais, a Sala do Penal do Tribunal Superior de Xustiza semella un órgano acaído para o axuizamento dos deputados e conselleiros, tanto pola experiencia dos seus maxistrados como polo seu carácter colexiado e achegado ao País.
Certo é que, nalgúns casos, os propios políticos interveñen indirectamente no nomeamento de maxistrados dalgúns Tribunais que xulgan aforados, nomeadamente no caso do Tribunal Supremo. Mais semella que a solución, alén de suprimir os aforamentos, sería a de despolitizar o Supremo, modificando a elección dos seus membros e os do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Máis autogoberno, máis benestar

Aínda hailles xente que non se decata da importancia que ten o autogoberno para o benestar da cidadanía galega. Aínda hailles xentiña enganada que pensa que o importante é “que se xestione ben, sexa o concello, a Xunta ou Madrid”, como se existise a xestión neutral. Como se non fose certo que Sevilla ten AVE dende 1992 ou que os aeroportos xestionados estatalmente adxudican os seus servizos a grandes empresas estatais.
Para máis, Galicia precisa o autogoberno en moi superior medida ca Euskadi ou Catalunya, porque os sectores económicos que para nós son fulcrais para o Estado son prescindíbeis. E porque só achegamos o 5% PIB e o 5,5% da poboación estatais. Xa que logo, falando do programa de goberno dunha eventual coalición progresista, a defensa e ampliación do autogoberno é esencial para poder promover o crecemento económico e aplicar unha axenda social. Os problemas do noso País non veñen da loita de clases, senón do noso carácter periférico e subordinado no contexto do Estado español.
Quere isto dicir que o futuro Goberno haberá desenvolver todas as vías que melloren o autogoberno e o seu financiamento, así como que restauren o autogoberno local e garantan un financiamento xusto (Galicia só recebe o 3% dos recursos locais cedidos polo Estado, malia ter o 5% da poboación). A conxuntura dirá se é posíbel (sería o desexábel) modificar o marco xurídico-político constitucional e estatutario. Mais, de non selo, cumpriría explorar todas as demais vías: reforma das leis orgánicas recentralizadoras, leis de transferencia ou delegación, reforma urxente do financiamento… Nomeadamente urxentes son as competencias que garantan unha autonomía real na xestión do territorio e medio rural, na promoción do tecido empresarial e na completa internalización do noso réxime local, suprimindo ou, polo menos, minimizando as Deputacións e a estrutura provincial.
Para as persoas deste País, o autogoberno pertence ao mundo das cousas de comer. Porque só cunha ampla e ben financiada autonomía o Goberno galego pode xerar benestar social e crecemento económico.

A España uniformista

A aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no 1981, institucionalizou un limitado autogoberno, que aínda sería restrinxido nos trinta e cinco anos seguintes por mor de sucesivas enxurradas recentralizadoras. Porén, mal que ben, o Estatuto e as primeiras leis da autonomía recoñeceron a cooficialidade do galego e os nosos símbolos nacionais, o hino e máis a bandeira, que axiña acadaron un uso xeneralizado. Recorrentemente as enquisas amosan que entre un 60 e un 65% da cidadanía asumen cadansúa identidade galega e española ao mesmo nível, mentres que un 25% séntense só galegos ou máis galegos ca españois e porcentaxes baixísimas (7-8%) séntense só españois ou máis españois ca galegos.
Contra do uso da nosa lingua e dos nosos símbolos nacionais –socialmente querido, cando non naturalmente aceptado–, veñen alzándose con intensidade crecente nos últimos tempos actuacións excluíntes, abertamente ilegais, de autoridades varias. Velaí o expediente sancionador incoado a un patrón de pesca galego en Santander por locer, canda a española, a bandeira galega no seu barco. Ou a requisa de bandeiras galegas nos estadios de Madrid ou Valladolid e de bufandas dos Celtarras en Vigo por suposta incitación á violencia, mentres en moitos estadios da España profunda locen sen restricións símbolos preconstitucionais ou abertamente nazis. Tamén a ríspida prohibición do hino galego acordada polo comisario da Federación Española no recente partido Basket Coruña-Breogán.
Pola súa banda, o uso normal da lingua galega atópase con moitas restricións de feito nos ámbitos xudiciais e policiais e en todos os vencellados coa Administración do Estado. Restricións que semellan non ir a menos nos últimos tempos, senón a máis.
Que está a suceder? Pois que mentres case dous terzos das persoas na Galicia non ven conflito entre as identidades galega e española, no Estado é crecente a exclusión da identidade galega e das identidades nacionais distintas á España castelá. É dicir, que a España oficial e a social e políticamente relevante non acredita máis nas identidades partilladas que no noso País son –aínda– percebidas con normalidade.
Velaí un problema moi serio.

A Facenda galega

Non se poden manter a xeito os servizos públicos sen un financiamento aquelado. E non hai mellor financiamento que aquel que primeiro recada e despois percebe ou paga o complemento da solidariedade. Alexandre Bóveda primeiro (Estatuto do 1936) e Carlos Mella despois (autor como vicepresidente da Xunta do rascuño de reforma do Estatuto do 1984) deseñaron unha verdadeira Facenda galega. Idea que se transladou despois á proposta do Foro Novo Estatuto (2004) e que agora vén de propor a plataforma cidadá “Somos Nós“, como parte do programa electoral para unha candidatura galega cidadá e unitaria nas vindeiras eleccións xerais. Formalmente temos xa unha Axencia Tributaria galega, malia que baleira dos seus principais contidos. Transferir dende as Deputacións cadanseus Servizos de Recadación permitirá a xestión e liquidación de todos os tributos locais que os Concellos non recadasen por si proprios, o que melloraría substancialmente a administración tributaria local. Mais a principal misión da Axencia Tributaria galega habería ser a xestión, liquidación, inspección e recadación no noso territorio dos principais impostos directos e indirectos. Con plena capacidade normativa no mecanismo da exacción tributaria, naturalmente suxeita á coordinación fiscal que se acordase nos níveis estatal e europeo. Coordinación que habería garantir recadarmos o Imposto de Sociedades por toda a actividade produtiva que se desenvolva no noso territorio (alén do domicilio fiscal da entidade) e os Impostos especiais (hidrocarburos, tabaco e alcol) que se devenguen en Galicia, hoxe en día imputados a Madrid. O sistema haberíase pechar con dous Fondos para garantir a solidariedade; un para investimentos e outro para nivelación de servizos. E coa determinación do “quantum” que Galicia lle pagaría ao Estado polos servizos que presta no noso beneficio.
O outro discurso, o da dependencia e a esmola, non garante un acaído financiamento nin o seu automatismo. O autogoberno no gasto precisa do autogoberno no ingreso.

Administración local á galega

A mentalidade política que manda en Madrid tende a ver a uniformización e a centralización como elementos positivos. As estradas e os camiños de ferro deseñáronse dende e para Madrid, desprezando os eixos sinalados polos vellos camiños xacobeos e vías romanas. No que atinxe á administración territorial a Constitución de Cádiz impuxo o “ayuntamiento” castelán de vilas e pobos grandes a “todos los pueblos de la Monarquía”, malia que o poboamento de Galicia non fose o típico castelán e andaluz concentrado, senón espallado en moitos núcleos de poboación.
Esta mentalidade mantívose despois do franquismo. A Constitución só lle garantiu o Estado as “bases do réxime local” e Galicia asumiu no seu Estatuto todas as competencias de desenvolvemento deste réxime. Mais o poder estatal ditou unha Lei básica de réxime local que de básica só ten o nome, porque deixou unha marxe practicamente nula a Galicia para poder axeitar este marco ás nosas realidades. E, de paso, comprimiu os nosos concellos nunhas estruturas uniformes que impiden o real exercicio da autonomía local para a mellor prestación dos servizos.
E o Tribunal Constitucional, coma sempre, fixo de árbitro caseiro e consagrou o actual estado lexislativo, totalmente alleo ás tradicións federais (Alemaña, Suíza, USA) que recoñecen a autonomía local e lle outorgan plenas competencias na administración local aos gobernos territoriais.
As recentes leis de estabilidade orzamentaria e de racionalización dos gobernos locais agravaron esta recentralización uniformadora, tendendo a recortar a calidade dos servizos. Os concellos galegos de menos de 20.000 habitantes viven abafados por toda caste de restricións normativas e orzamentarias impostas dende Madrid. E a Xunta non ten competencias para lles restaurar a súa autonomía local, única garantía de boa gobernanza nos concellos.
Velaí a urxencia da atribución ao poder galego das competencias todas canto ao réxime local, incluídas as facendas locais. Porque en Galicia, a boa prestación de servizos só é posíbel dende unha autonomía local real que só pode garantir o autogoberno galego.

Tecermos consensos

Os inquéritos amosan con claridade que o tempo das maiorías absolutas están xa para pasar á historia. Aquelas xogadas electorais onde un 27% do censo (43-45% dos votantes) acadaba nas institucións o poder da maioría absoluta semella que van ser cousa do pasado. E teño para mín que a sociedade non vai sentir mágoa ningunha por esta evolución dos tempos.
As maiorías reforzadas (absoluta, tres quintos…) deseñáronse na Constitución e no Estatuto de Galicia para chegarmos a acordos, para tecer consensos. Non, de certo, para que chegase Rajoy e modulase ao seu xeito os Tribunais Constitucional e de Contas e, por vía indirecta, o Tribunal Supremo. Nin tampouco para que Feijoo puidese recortar a sanidade ou modificar o “status” do Consello de Contas dende a lexitimidade de orixe duns votos que son aptos para gobernar o día a día, mais non para modificar as regras da convivencia.
Velaí o tempo apaixonante da verdadeira política. Aquela que obriga ás distintas forzas políticas e sociais a renunciar parte do seu ideario e aquelar axendas transversais con outras forzas e sensibilidades. A que obriga a construír espazos de diálogo e participación, a que proscribe o “ordeno y mando”. A que ve na gobernanza unha ferramenta de inclusión e cohesión social e non de división e enfrontamento, coma fixeron os últimos Gobernos conservadores e varios dos autonomeados “progresistas”.
Esteamos ou non dacordo, un destes exemplos é o do pacto asinado este día en Catalunya polos partidos CDC e ERC, que quixeron abranguese ás CUP e outras forzas non nacionalistas e, tamén, a organizacións sociais coma a ANC e Òmnium Cultural. Porque outra das características do paradigma que vén é o protagonismo das forzas sociais e cidadás, canda as forzas políticas.
Cómpre tecermos consensos. E, na nosa Galicia, son urxentes o do pacto galego polo crecemento, o consenso a respecto do réxime local, o pacto polo territorio, o medio rural e o ambiente e o pacto pola lingua e pola educación. Sabermos tecer eses acordos, voltarmos á idea de que para gañar uns temos que gañar todos, é a chave do noso futuro económico e institucional.