O novo Decreto de Nova Planta

Despois de conquistar a ferro e lume a cidade de Barcelona o 11 de setembro de 1714, o rei Felipe (V) de Borbón promulgou en xaneiro de 1716, baseado no seu dereito de conquista, o Decreto de Nova Planta, que suprimía as institucións catalás de autogoberno.
Neste outubro de 2017, o goberno de Felipe (VI) de Borbón aprobou unhas rigorosísimas medidas de suspensión da autonomía catalá. Unhas medidas que vulneran o propio artigo 155 da Constitución na que se basean (que permite medidas de intervención autonómica, nunca de suspensión ou anulación autonómica) e, xa que logo, alicérzanse moito máis naquel dereito de conquista gañado polo Borbón de 1714 ca no pactado constitucionalmente no 1978.
Todo o Goberno catalán será cesado. O Goberno do Estado mandará directamente en Catalunya e dirixirá a Administración autonómica, quer dende Madrid, quer nomeando comisarios ou órganos “ad hoc”. O Presidente do Goberno do Estado asume a capacidade de disolver o Parlament. O control parlamentario da Generalitat trasládase ao Senado e a iniciativa lexislativa condiciónase ao veto do Goberno do Estado.
Suprímese, xa que logo, o autogoberno catalán. Para máis, non existe un tempo limitado para esta suspensión nin se fixou data electoral para xaneiro, como querían os socialistas. Hai quen agoira varios meses de delongada intervención para españolizar Catalunya.
Enric Juliana definiuno moi a xeito: preténdese castigar Catalunya e envíase unha mensaxe moi nidia a respecto de quen manda de verdade non só ao pobo catalán, senón ao conxunto da cidadanía do Estado. Como din os socialdemócratas eslovenos: “o sábado morreu a Europa xusta e libre”.

A arrincadeira. Nin houbo sedición nin é competente a Audiencia Nacional
Non existiu sedición na conduta dos presidentes de Òmnium Cultural e da ANC o 20 de setembro, por non existir violencia ningunha no seu comportamento. Canto máis poderían existir leves indicios de desordes públicas, delicto que non admite a prisión preventiva. Por outra banda, a Audiencia Nacional non é competente para axuizar a sedición, segundo o artigo 65.1 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, xa que a sedición non é un delicto cohtra a forma de Goberno, porque estes delictos desapareceron no Código Penal de 1995. As vulneracións da legalidade por parte dos Poderes do Estado están a ser continuas.

O discurso de El-Rei

O Xefe do Estado, na súa mensaxe do pasado 3-O, renunciou representar ao conxunto da cidadanía e demitiu do seu papel constitucional de árbitro e moderador das institucións para se converter no valedor do modelo social e territorial da dereita española. A Coroa rachou a neutralidade que lle impón a Constitución, declarouse parcial e excluiu implicitamente do seu concepto de España a aqueles que non asumen a idea unitarista (uninacional, unilingüe e radial canto ás súas comunicacións terrestres) que proxectou. Non por acaso un político tan ecuánime como o lehendakari Urkullu amosouse “abraiado” e declarou que as verbas de El Rei xerábanlle a máxima “decepción e preocupación”.
Na súa mensaxe, o Xefe do Estado pechou calquera vía de negociación ou diálogo, desautorizando a xa comprometida posición do PSOE e PSC. Calou sobre as agresións sofridas por milleiros de cidadáns cataláns o 1-O por parte do Goberno do Estado (que lle causaron feridas a case 900 persoas) e alimentou unha reacción españolista con nidios acenos de intolerancia e mesmo violencia que encheu este domingo as rúas de Barcelona. Formas ríspidas, uso íntegro do castelán (malia dominar o catalán) e o retrato do seu devanceiro Carlos III (quen prohibiu o ensino en catalán, galego e euskera) enchían a escena.
Felipe de Borbón esqueceu que no século XXI os pobos conviven polo mutuo acordo e non por imposición e conquista. Esqueceu que os reis nas Monarquías parlamentarias son neutrais e non asumen o relato dunha parte como propio do conxunto da sociedade. Xa que logo, vencellou indisolubelmente a sorte da Monarquía á do modelo antigo e caduco desa España unitarista e uninacional que non ten máis solucións para a convivencia e a integración dos distintos pobos do Estado ca a imposición autoritaria do “lo tomas o lo tomas”.

A arrincadeira. O unionismo ateiga Barcelona
Efecto da chamada do Xefe do Estado foi a masiva demostración do domingo en Barcelona, que xuntou 350.000 persoas segundo a Garda Urbana. Moitos dos manifestantes viñan de fóra de Catalunya, traídos polo PP e organizacións afíns e algúns deles amosaron actitudes agresivas fronte aos Mossos ou xornalistas. Actitudes que até de agora non se viron nas moitas demostracións independentistas.

A unidade imposíbel

É moi difícil partillar un discurso común a respecto das causas e efectos do terrorismo islamita coa opinión publicada representativa da dereita española, inzada de islamofobia e catalanofobia.
O atentado do 11-M amosou a vinculación entre as políticas exteriores e militares occidentais e o terror yihadista. Esta caste de opinións da dereita española rexeitan considerar que a política exterior dos USA e os seus aliados en Iraq ou Siria alimente o yihadismo. Algúns mesmo seguen a defender exóticas teorías da conspiración a respecto daquel atentado.
Estas opinións negan tamén a simbiose ideolóxica de Arabía Saudí e algunha outra monarquía do Golfo Pérsico coas comunidades islamitas radicalizadas de onde xorden os terroristas e o seu apoio financeiro ás mesmas. Porque admitir esta realidade suporía unha recomposición xeral das relacións políticas e económicas (entre elas a venda de armas españolas) entre estes Estados e o Estado español, que defende unha tradicional amizade con estes réximes. Unha amizade que pasa pola proximidade á familia real saudí do anterior e do actual Xefe de Estado, mesmo na defensa dos intereses de determinadas grandes empresas. Diante desta realidade eran previsíbeis as críticas que algúns dos manifestantes lle dirixiron ao Rei na manifestación do sábado.
Esta caste de opinións despreza estes factores fundamentais e centra o seu relato na islamofobia. A apertura aos refuxiados propiciaría o terrorismo islamita e as comunidades musulmás europeas serían pasivas colaboradoras, cando non coadxuvantes, das accións terroristas. Esquecen que o 92% dos mortos do Estado islámico son musulmáns e que só dende o fundamentalismo wahabista (que interpreta o Corán a medio da tradición e da sharia) atopa xustificación a agresión aos non musulmáns.
E logo está a catalanofobia. Dende o minuto un tentouse vencellar as mortes coa xestión do Govern independentista, criticando a suposta acollida de musulmáns en Catalunya, a resposta policial da Generalitat e o uso parcial do catalán!!! nas roldas de prensa.
Dende as esquerdas asumiuse xa que a resposta inclúe a prevención e represión policiais e, nese senso, é paradigmática a xeral aceptación da proporcionalidade das intervencións letais dos Mossos. Mais a dereita española non avanza na súa visión do problema. Nestas circunstancias a unidade é moi difícil.

Ten solución España?

Revélasenos agora que o goberno ZP-PSOE do 2011 quitou Panamá da listaxe de paraísos fiscais por mor de lle garantir ás construtoras do IBEX 35 a adxudicación das obras da Canle de Panamá. Calquera xerente ou directivo dunha mediana empresa galega contaralles o absoluto desleixo co que miran os servizos diplomático e consular españois os seus esforzos de internacionalización. En Madrid os nosos adoitan ser os do palco do Bernabeu. Non por acaso algúns condenaron Anxo Quintana aos leóns por tentar que a enerxía galega aproveitase á cidadanía e aos emprendedores deste País no canto de favoreceren ao capitalismo de amiguetes do IBEX 35 (agás algunha excepción e, moi nomeadamente, Inditex).
Visto o que vimos, miñas donas e meus señores, cómpre matinar un chisco sobre se a axenda social a executar, as medidas cidadás a desenvolver, poden ser enxergadas dende un Centro, Madrid, pexado cos vicios dun inxusto, ineficiente e atrasado sistema de apropiación, contrario ás máis elementais regras da libre concorrencia, ou dependerán, máis ben, dun proxecto nacional, semellante ao vasco, escocés ou islandés (con cadanseus 2,1 M, 5,1 M e 0,4 M de habitantes). Nós temos 2,7 M.
A cuestión non é nin ideolóxica, nin identitaria, nin esencialista. É, totalmente, pragmática e utilitarista. O Estado español está enfeudado nun capitalismo de amiguetes. A Coroa borbónica é a súa Axencia de Comunicación e o PP, PSOE e, agora, C’s, son os seus valedores partidarios. Cómpre que no que eles chaman periferias ou provincias vaiamos sendo quen a albiscalo.
Velaí que haberíamos entender a xeito os procesos que agachan conceptos como a “unidade do mercado” ou a “dimensión empresarial”. Trátase de que as empresas galegas non poidan gañar a cota de mercado mínima para sobreviviren na concorrencia internacional. Trátase de impor as mesmas regras en Getafe, Cartagena ou Betanzos.
Polo de agora é só unha intuición. Mais teño para min que o cambio político e social na España é ben díficil, con Podemos ou sen Podemos. E que si son posíbeis as fondas remudas no inmediato. Nos concellos, no Parlamento de Galicia e na Xunta, e de aí… para o Norte.

Iguais ca todos

As persoas que tivemos a sorte de que nos desen unha educación orientada á liberdade responsábel (“Xoanciño, fai o que ti creas que cómpre, pero non fagas o ridículo”) sentímonos un pouco roibos coa lectura dos whatss enviados polo Xefe do Estado e a súa dona ao seu común amigo López Madrid. Xenro de Villar Mir, penalmente investigado no asunto dos cartóns black de Bankia por gastos sen xustificar superiores aos 34.000 euros e que xa declarara en relación co financiamento ao PP en diñeiro negro na contía de 1,8M€.
Ben, pois toda esta información achábase ao dispor do Rei e da Raíña e, porén, non dubidaron en lle amosar ao López Madrid o seu apoio, quer considerando merde toda teimuda realidade que se interpuxese co seu amigo, quer convidando a xantar ao día seguinte a un individuo deste dubidoso comportamento. E isto só catro meses despois de xurar o mandato real.
Vai para os dous anos o Vello Rei tivo un detalle moi feo: ir cazar elefantes a Botswana coa que estaba a caer. E aos listos do establishment ocorréuselles unha operación para resgatar ao soldado Ryan, quere dicir, á Coroa. Porían no seu sitio ao Fillo, home da miña xeración e abondo preparado. A inmediata distancia que o novo Rei puxo coa súa irmá e o seu cuñado facía albiscar que a remuda lampedusiana podía causar bo efecto aparente.
Mais estas revelacións volven pór ao novo Rei e á súa dona a xogar na liga que xogaba o seu pai: a das persoas que se senten á marxe dos efectos das normas xurídicas e das convencións democráticas. E isto é bastante grave. E non só porque chova sobre mollado. Que tamén.
É grave porque o enorme déficit democrático da Coroa só se vai diluíndo se a Institución é eficaz na plurinacionalidade española e se é exemplar. Da eficacia na plurinacionalidade non hai moito que falar. Os propios discursos do Xefe do Estado denotan unha visión tan mesetaria coma a do Real Madrid. E agora resulta que a exemplaridade pode porse en cuestión.
Non só teñen que ser exemplares, senón parecelo. Porque, ao pretender ser depositarios da “auctorictas” sen se someter ao escrutinio democrático, non son iguais ca todos.

A parcialidade da mensaxe real

O Xefe do Estado escolleu este Nadal o Salón do Trono do Pazo Real de Madrid para lle transmitir á cidadanía española unha mensaxe na que tomou partido a prol dunha idea de España uninacional e esencialista, vencellada a unha suposta historia común de grandes éxitos. E vencellou a Monarquía, a Coroa, a esta idea esencialista, máis ancorada no pasado que proxectada no futuro.
A propia escolla do lugar afastou a El-Rei de transmitir proximidade e complicidade, para salientar a solemnidade e a vinculación da dinastía Borbón con ese pasado de supostas glorias comúns, no canto de conectala coa elección cidadá e co pacto social. Mágoa que Felipe de Borbón non lembrase que os seus devanceiros protagonizaron episodios tan pouco edificantes como a represión en Catalunya, Illes Balears ou País Valenciano (Felipe V, 1707-1715), a represión aos liberais e demócratas de Fernando VII ( 1814-20 e 1823-33) ou o apoio do seu bisavó Alfonso XIII á ditadura de Primo de Rivera (1923) e ao golpe do xeneral Franco (1936).
Porque, alén dos parabéns de Nadal en galego, catalán e euskera, El Rei non fixo aceno ningún a prol da España plurinacional e amosou ben ás claras as súas prioridades. O problema principal sería a unidade do Estado, non os déficits de xustiza social, equidade e falla de cohesión xeradas pola Gran Depresión. Velaí que todas as forzas políticas alleas ao trivote PP-PSOE-C´s sinalasen as súas graves diferenzas co eixo do relato de El-Rei.
Semella, pois, que a Coroa tende a se identificar cos valores do nacionalismo español e renuncia ao exercicio da súa función moderadora. Afastándose non só das periferias, senón dos sectores cívicos máis partidarios do cambio. Asumindo o relato da dereita española, reconciliándose cos sectores sociais máis específicamente monárquicos e renunciando á sedución dos sectores máis progresistas.
Felipe de Borbón manifestou un concepto de “Constitución” esencialista e pouco aberto a remudas ou reformas. Un concepto estático de legalidade constitucional que fai prognosticar unha actitude continuadamente refractaria da Coroa fronte ao encaixe plurinacional do Estado. Polas razóns que sexan, o Xefe do Estado semella que xa non acredita naquel lugar común da “Monarquía para todos”.