Homenaxe a Catalunya

No 2006 a cidadanía catalá aprobou plebiscitariamente un novo Estatut. O PP presentou un recurso perante o Tribunal Constitucional, chegando a pedir sinaturas, cando só había un 10% de independentistas na Catalunya. En xuño do 2010 o TC decretaba a inconstitucionalidade parcial do Estatut e proclamaba que non existen competencias exclusivas autonómicas no Dereito Constitucional español e que non é posíbel unha evolución da Constitución cara un estado plurinacional.
Dende entón, unha onda cidadá soberanista encheu rúas e prazas e impúxose dende a sociedade civil aos partidos políticos. Fitos deste procès foron as Diadas todas entre 2012 e 2017, a consulta cidadá do 9-N do 2014 e o triunfo por maioría absoluta das eleccións do 27-S de 2015 e do último 21-D con cadanseus 47,7% e 47,5% de votos.
Fronte esta realidade e malia que máis do 70% dos cataláns querían decidir plebiscitariamente o seu futuro, Rajoy preparou un choque de trens que entendeu habería de beneficialo para recuperar a enchente de votos perdidos, baseándose nas instancias xurídicas que controlaba directamente: Fiscalía Xeral do Estado, TC e Salas do Penal da Audiencia Nacional (AN) e do Tribunal Supremo (TS).
Esqueceu que as necesidades de seguranza pública estaban perfectamente cubertas polos Mossos e, deixando inermes moitas vilas e cidades do Estado fronte á ameaza yihadista, ocupou o País catalán con milleiros de policías e gardas civís, que na xornada do reférendum do 1-O agrediron por orde do Goberno Rajoy milleiros de cidadáns pacíficos, nun espectáculo inédito na Europa democrática dos últimos trinta anos.
Logo Rajoy vulnerou o artigo 155 da Constitución, disolvendo Govern e Parlament, malia que esa Cámara se limitara a declarar de xeito puramente simbólico e non executivo a República catalá. Medio Govern foi encarcerado preventivamente, nunha aplicación absolutamente anticonstitucional do Dereito Penal do Inimigo.
Aínda nestas circunstancias de desigualdade, o soberanismo seguiu transitar polas canles da non violencia e revalidou unha maioría absoluta coa que ninguén contaba. E moi axiña o unionismo tentou bloquear esta maioría aproveitando o cárcere e exilio de oito deputados.
O soberanismo catalán cometeu erros, algún deles quizais grave. Mais comprenderán que, diante desta enxurrada, un non poida ser equidistante.

Dereito penal do inimigo

Unha corte de apelación do Tribunal Supremo (TS) constituída para resolver o recurso de Oriol Junqueras contra a prisión preventiva acordada polo maxistrado instrutor do mesmo Tribunal, Pablo Llarena, rexeitou o recurso do líder catalán, por considerar que existía risco fundado de reiteración delictiva, malia o compromiso de respecto á legalidade expresado polo preso político.
Porén, o verdadeiramente grave desta resolución xudicial son as súas conclusións, constituíndo corpo doutrinal dende as desaqueladas teses da Fiscalía Xeral do Estado e do maxistrado Llarena a respecto da aplicación do delicto de rebelión aos líderes do procés, nunha interpretación dos feitos e aplicación dos tipos penais mais propia dunha sentenza definitiva ca do limitado coñecemento propio dunha resolución cautelar e provisional.
O artigo 472.5 do Código Penal (CP) castiga como rebeldes aos que declaren a independencia dunha parte do territorio do Estado alzándose de xeito público e violento. Mais até de agora constitúe feito non controvertido, mesmo internacionalmente, o carácter esencialmente non violento do procés. Os propios maxistrados do TS recoñecen que non consta que Junqueras participase en feitos violentos nin dese ordes directas para desenvolver esta caste de accións. Pero para a corte de apelación do TS a violencia existe dende o intre no que Junqueras, como vicepresidente catalán, debeu pensar que o desenvolvemento do procés podería causar reaccións de violencia lexítima por parte do Estado. Para o TS, a pacífica ocupación dos colexios electorais constituiu a causa das violentas actuacións policiais do 1-O que, xa que logo, serían tamén da responsabilidade de Junqueras e integrarían ese elemento de violencia que esixe o devandito artigo do CP para que exista o delicto de rebelión.
Velaí a revirada aplicación da Lei que fai o TS, impropia dun Dereito Penal dos cidadáns, o único posíbel nos Estados democráticos. Semella máis ben que se está a aplicar un Dereito Penal do inimigo, propio dun estado de excepción non declarado. E a aplicación do concepto de inimigo no Dereito interno sempre foi o xerme da destrución autoritaria do Estado, segundo o profesor Raúl Zaffaroni.
Como vén de escribir o constitucionalista Javier Pérez Royo: “esto no puede acabar bien nunca”.

A fin do estado das autonomías

A aplicación concreta por parte do Poder Central do artigo 155 da Constitución sobardou con moito o marco de intervención definido nese precepto para chegar a decisións abertamente inconstitucionais por anular radicalmente o autogoberno: cesamento do President e do Govern todo e secuestro da facultade presidencial de disolución do Parlament e convocatoria de novas eleccións autonómicas. Deste xeito, o Goberno do Estado propuxo e o Senado adoptou unha grave mutación constitucional moi grave. No futuro os Gobernos autonómicos poderán ser cesados e os Parlamentos autonómicos disolvidos.
Deste xeito, ráchase coa garantía constitucional da blindaxe das Institucións de autogoberno das nacionalidades do Estado español na súa autoorganización e funcionamento. Sabíamos xa que o ámbito competencial do autogoberno non estaba blindado e que foi continuamente baleirado estes anos con profusa lexislación recentralizadora. Mais agora recondúcese o dereito á autonomía política a unha mera descentralización administrativa. A autonomía política de Galicia ou Catalunya xa non é sagrada en termos constitucionais. Agora é unha mera concesión outorgada.
Como pasou coa reforma do artigo 135 (que priorizou o pagamento da débeda pública sobre o financiamento da sanidade, a educación e demais servizos públicos), outravolta o bipartidismo dinástico (agora feito tripartito coa inestimábel achega de Cs) rachou coas regras de xogo. Porque o que pasou cos esta aplicación do artigo 155 afecta substancialmente ao dereito á autonomía das nacionalidades do artigo 2 da Constitución. Desaparece, de feito, a garantía da autonomía recoñecida nese artigo.
As forzas unionistas veñen de aprobar unha mutación constitucional fundamental sen abrir melón ningún. O Estado das Autonomías morreu xa. Non sabemos o que virá, mais polo de agora semella que imos cara unha recentralización e renacionalización española moi potentes, moi pouco diluídas en formas de descentralización puramente administrativa.

A arrincadeira: Nin rebelión nin sedición.
O Fiscal Xeral do Estado vaise querelar contra Puigdemont por un presunto delicto de rebelión pola votación de independencia do venres. Mais falta en todo caso o elemento da violencia que define este delicto e o de sedición no noso Código Penal. O grave é que o reprobado Fiscal Xeral Maza sábeo.

Estado de excepción de facto

A semana catalá amosou ao Estado vulnerando en todas as frontes o autogoberno da Generalitat dun xeito abertamente ilegal. Porque Rajoy optou por evitar a vía excepcional do artigo 155 da Carta Magna (como nos explica o constitucionalista Javier Pérez Royo) para non estar limitado polos marcos propios da resolución do Senado que lle outorgaría a habilitación, pero suxeita aos limites temporais e finalistas propios da súa natureza. Tampouco quixo proporlle ao Congreso a declaración dos estados de sitio ou excepción, consciente do rexeitamento que lle oporía a súa maioría absoluta. Rajoy promulgou de feito un estado de excepción propio da lóxica xurídico-política dun Carl Schmitt que coidábamos morto hai un lote de anos.
Para acadar os efectos deste réxime excepciónal de feito, Rajoy botou man do brazo gobernamental das Fiscalías Xeral do Estado e Superior de Catalunya (lembran agora aquel “la fiscalía te lo afina” do exministro Jorge Fernández Díaz?) para deter catorce altos cargos da Generalitat no decurso dunha investigacion xudicial que tecnicamente xa habería estar pechada e acumulada á pescuda do TSJ de Catalunya que investiga ao presidente, vicepresidente e conselleiros da Generalitat. A mesma Fiscalía Superior que pon aos Mossos ás ordes do Ministerio do Interior sen ningunha caste de alicerce legal, xa que Rajoy non quixo activar os que tiña ao seu dispor para non verse limitado polas súas esixencias normativas.
Mentres, Montoro, tamén sen bases legais, suprimiu a autonomía financeira da Administración catalá. Mentres, asistimos ao chafalleiro espectáculo da citación de 700 alcaldes ou do actor que presentou o acto polo si de Tarragona. Mentres, o Ministerio do Interior enche Catalunya de policía estatal, cando a convivencia democrática está totalmente garantida polas Policías catalás.
Este estado de excepción de facto estalle a facer un dano letal á imaxe internacional do Estado e á propia convivencia entre españois. È posíbel que ninguén se decate en Madrid?

Rajoy apela ao medo

Rajoy está a usar o Fiscal Xeral do Estado (nomeado polo Goberno central e recusado pola maioría absoluta do Congreso) para impedir o referéndum catalán do 1-O. Os primeiros intres desta campaña amosaron escenas propias do camarote dos irmáns Marx, coas forzas policiais na percura de papeletas ou de urnas por Catalunya adiante. Mais axiña Maza demostrou que o seu obxectivo era sementar o medo en todos os políticos e funcionarios e mesmo nos voluntarios que participarían no proceso electoral convocado pola Generalitat.
Deste xeito, chamou declarar como investigados perante cadansúas Fiscalías Provinciais catalás aos máis de 700 alcaldes (case o 80% dos de Catalunya) que apoian o referéndum. Tamén obtivo medidas cautelares para prohibir actos pro referéndum dentro e fóra de Catalunya e para intervir material de propaganda. O seguinte paso deuno o Consello de Ministros coa suspensión pola vía de feito da autonomía financeira catalá recoñecida no Estatut vixente.
Esta enxurrada de actuacións xeraron unha xeira de fotos de moi mala presentabilidade internacional. Á sona exterior de tolerancia coa corrupción do Goberno do PP engádese agora a restrición de facto das liberdades de expresión e manifestación, e non só na Catalunya. Velaí a remuda cualitativa das manifestacións do presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker. Malia que manteña as formas apelando á necesidade dun referéndum concertado, advertiu que recoñecería o seu resultado, nunha clarísima chamada á política que non fai o PP.
Mais a Rajoy desenvolver esta antipolítica de pao e denuncia non lle causa dano electoral. Outra cousa son os danos irreparábeis que poden xerar na relación entre Catalunya e España e mesmo na propia convivencia democrática entre españois. Deste xeito, Pedro Sánchez haberá decidir o 2-O se permite que siga esta perigosa deriva antidemocrática ou opta por lle sinalar a Rajoy o camiño da súa casa.

A arrincadeira. Morreu Bautista Álvarez
Bautista Álvarez encarna o sacrificio patriótico dunha xeración que defendeu o dereito á autodeterminación e a ruptura democrática fronte á reforma e á limitada autonomía da transición. Xusto é que o país lle recoñeza o seu grande traballo, mesmo os que sempre mantivemos fondas diferenzas a respecto das súas coordenadas ideolóxicas e do seu xeito de comunicar.

Post-verdade e referéndum catalán

Estoulles verdadeiramente desaquelado e confuso. Porque para boa parte da opinión publicada (tamén, malia que algo menos, na nosa Galicia) semella que querer pór as urnas para que o pobo catalán poida decidir o seu futuro constitúe un acto sedicioso ou golpista. Convocar un referéndum que queren máis do 70% dos cataláns logo de cinco anos tentando sen sorte un acordo bilateral co Estado para desenvolvelo semella que é negativo, como se votar fose espallar o andazo do ébola.
No canto disto, que o Estado active o axuizamento e condena do anterior Presidente da Generalitat e de dous dos seus antigos conselleiros, que o Tribunal de Contas lles reclame máis de 5M€ ou que a Garda Civil impute altos cargos da Generalitat no decurso dun procedemento penal declarado secreto (como se investigasen unha perigosa banda internacional de delincuentes) vese por moitos destes opinadores como a demostración dun funcionamento normal do Estado de Dereito. Mais todos sabemos que o Goberno do Estado manexa a Fiscalía e que a súa independencia a respecto do “procès” catalán custoulles o posto a un Fiscal Xeral e a un Fiscal Superior de Catalunya. Velaí a manifestación do anterior Ministro do Interior conspirando co antigo Director da Oficina anti fraude de Catalunya: “la fiscalía te lo afina”, referíndose á preparación de dossiers mediáticos e ulteriores denuncias xudiciais sobre feitos falsos, como a imputación a respecto de Xavier Trias, anterior alcalde de Barcelona da titularidade dunha conta en Suíza cun saldo máximo de 12’9 M€.
O procès chegou a un ponto de non retorno. É un movemento social transversal, que vai dende a dereita até a extrema esquerda e que mesmo avanza entre os comúns de Ada Colau. Conta con maioría absoluta no Parlament e recibiu da metade do electorado un mandato moi concreto no senso de avanzar cara á soberanía de Catalunya. Para máis, conta cun Presidente e cun Goberno convencidos para avanzar e non recuar. Cumprirán algo máis ca denuncias penais para poder frear este proceso.
Claro é que fóra do Estado español o ambiente é distinto. Porque son moitos os que non entenden por que o Goberno do Estado non quere que os cataláns voten. E case ninguén entenderá a persecución penal española contra moitos políticos e patriotas cataláns só por facer posíbel que o pobo fale.

Enchoupados na corrupción

As pescudas que estamos a coñecer referentes á Operación Lezo confirman, si, a convicción de que o PP autonómico de Madrid desenvolvíase, polo menos até o 2015, nun estado de corrupción sistémica, que aqueixaba ao conxunto dos seus níveis. Neste senso, mesmo a recoñecida culpa in vigilando da lideresa Esperanza Aguirre semella xa superada. Avisos abondo tivo das trapalladas do Ignacio González e do Francisco Granados e non actuou de xeito ningún, polo que non pode afastar de si a sombra da sospeita.
Ben, a corrupción é sistémica no PP de Madrid e no PP do País Valenciano. Mais, que pasa no nível estatal? É un problema dunhas poucas mazás podres no cesto? Non, verdadeiramente. O peor da crise aberta o 19 de abril é constatar como o aparello da madrileña rúa Xénova e os Ministerios de Xustiza e Interior non só actuaron pasivamente fronte á corrupción que enchoupaba o partido, senón que fixeron uso de todas as ferramentas que tiñan na man para diluir as pescudas xudiciais en curso. Porque coas resultas da Operación Lezo puidemos enxergar o sentido real da operación fiscais desenvolvida polo ministro de Xustiza e que substituíu os responsábeis na Fiscalía Xeral do Estado, nas Superiores de Euskadi e Murcia e na Fiscalía Anticorrupción. Unha operación coordinada coa reforma da Lei de Axuizamento Criminal (que limitou a seis meses o tempo máximo de instrución penal, agás informe a prol da Fiscalía) e cos esforzos do PP estatal por minimizar xudicialmente a operación Gürtel e cantas pescudas xudiciais tiran do fío das súas vergoñas.
Nestas circunstancias, a moción de censura promovida por Unidos Podemos, En Marea e En Comú Podem constitúe unha ferramenta de limpeza democrática no fondo, malia que nas formas amosarase de máis ese protagonismo sobreactuante propio do Pablo Iglesias. Constitucionalmente a moción de censura non é un mecanismo excepcional. Todo deputado pode presentar unha por cada periodo de sesións, é dicir dúas ao ano. E ninguén enferma por iso.
Serán, en todo caso, as outras forzas políticas as que xustifiquen porqué non botar fóra do Goberno un partido enchoupado na corrupción e enfrontar un Goberno de concentración para unha curta lexislatura centrada na rexeneración democrática.

A arrincadeira. Frear o fascismo.
Entre Macron e Le Pen non collen as terceiras vías. A primeira prioridade da Europa hoxe é frear o fascismo.

Votar non é delicto

Estes días ficamos pampos diante dos manexos do Fiscal Xeral e do Goberno do Estado para nomear os Fiscais do seu gosto político. E puidemos lembrar cando en novembro do 2014 o Fiscal Xeral daquela, Eduardo Torres Dulce, ordenou a interposición dunha querela criminal contra Artur Mas e algúns dos conselleiros do seu Goberno por mor da consulta do 9-N. Unha actuación ordenada dende Madrid, que descoñecía que a Xunta de Fiscais adscrita á Fiscalía Superior de Catalunya determinara, por unanimidade, que non cumpría interpor querela por non existir delicto ningún.
Foi esta a primeira dunha ampla xeira de actuacións paraxudiciais e xudiciais (xuízos do 9-N contra Mas e conselleiros, nova querela contra a Mesa do Parlament, a espionaxe policial ordenada polo ex ministro Jorge F. Díaz…) que tentan parar coa represión unha realidade política e social incuestionábel. Porque pode ser que haxa máis persoas a prol de ficar no Estado ou de marchar, mais o que ratifican todas as enquisas é que entre un 75 e un 80% da cidadanía catalá queren decidilo, queren votar. E esta normalidade democrática (pór as urnas) constitúe anatema para o Goberno Rajoy e as tres forzas unionistas, que negativizan o que de por si é positivo: que a xente decida.
Os gobernos canadiano e británico actuaron dun xeito moi distinto canda os referendos de independencia quebequeses e o plebiscito escocés de 2014. Permitiron cadansúa consulta vencellante establecendo as súas regras de xogo para o caso de que a independencia gañase. Nas tres ocasións perdeu a opción independentista, pero non caeu o mundo. Eu estaba en Edinburgh aqueles días de setembro e ao día seguinte funcionaron a xeito hospitais, transportes e servizos públicos, abriron os pubs e xogouse a liga a finde seguinte. Non pasou nada.
Cal é o problema para que PP, PSOE e Ciudadanos consideren calquera consulta á cidadanía en Catalunya como unha catástrofe? Por que a vella pseudoesquerda (Juan Luis Cebrián, Alfonso Guerra) reclama a suspensión da autonomía? Por que non se admitiu polo PP o pacto competencial e financeiro incorporado ao novo Estatut? Por que en 37 anos de autonomía non se completaron as transferencias? Por que moitos cataláns se senten rexeitados en Madrid e Castela?
A represión non poderá parar indefinidamente que a xente de Catalunya decida.

Corrupción e proceso penal

O Goberno do Estado vén de aprobar o proxecto de lei para a reforma da lexislación procesual penal. Unha reforma totalmente limitada e continuísta, que non resolve os problemas das nosas investigacións penais.
Os titulares desta reforma son a substitución do termo “imputado” por “investigado” (na liña do “argüído” do proceso penal portugués) e máis a fixación de prazos máximos para as investigacións: 6 meses para as pescudas sinxelas e 18 meses para as complexas. Estes prazos serán máis ou menos ampliábeis “á carta”, mais sempre co acordo do Ministerio Fiscal, co risco de que o Fiscal Xeral do Estado, a medio da súa potestade xerárquica, poida pechar en falso as investigacións penais de corrupción e semellantes que non lle interesen ao Goberno do Estado, sexa cal for o que estea por quenda.
Mais o proxecto non aborda as grandes cuestións da xustiza penal no Estado español: a dotación de medios materiais e humanos e máis a atribución da instrución penal a unha Fiscalía totalmente independente do Goberno. Unha Fiscalía dirixida, en cadanseus ámbitos (autónomos entre si) por un Fiscal Xeral estatal e un Fiscal Superior de Galicia elixidos por cadanseus parlamentos por maiorías cualificadas (2/3 ou 3/5, cando menos).
Esta atribución á Fiscalía da competencia de investigación penal habería acompañar a atribución aos xuíces de instrución das competencias de control xudicial do proceso, para garantir a igualdade de dereitos entre as partes (con nomeada atención á defensa e á acción popular) e que todas as medidas cautelares (fianzas, embargos, a excepcional prisión preventiva) se adoptasen por órganos independentes dos que levan a instrución. Non se pode repenicar e estar, ao tempo, na misa. Non se pode dar pulo á investigación e, ao tempo, mirar polos dereitos dos investigados.
Canto aos medios, contamos con pouco máis da metade dos xuíces que nos corresponderían dacordo cos parámetros do resto da Unión Europea. E velaí o grande problema que manca a nosa xustiza penal. Ao que cómpre engadirlle a non cobertura de vacacións e baixas do persoal administrativo e recortes nos demais medios materiais, estes xa da plena responsabilidade da Xunta de Galicia.
O problema, daquela, é de medios e de concepto. Non de amaños trapalleiros nin de propaganda.