Conectarmos co corredor ferroviario europeo

A normativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixões e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e tortícole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen petase na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmasen a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión. Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas vantaxes xeoestratéxicas. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.

Respectarmos a aconfesionalidade pública

O balbordo argallado polo PP contra a aplicación en cadanseu ámbito local do principio de aconfesionalidade polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e polo d’A Coruña, Xulio Ferreiro, amosa a pouca asunción pola dereita do principio constitucional de aconfesionalidade (ou laicidade positiva). Segundo este principio constitucional, os Poderes Públicos non teñen relixión oficial, mais han ter en conta as crenzas maioritarias da sociedade para cooperaren coa Igrexa Católica e as demais confesións. É dicir, nin confesionalidade católica nin laicismo, entendido este como o respecto ás confesións relixiosas no ámbito privado e apartamento destas do ámbito público.
Este principio é xa común a case toda a Unión Europea. Suecia abandonou o luteranismo como relixión de Estado no 2000 e Francia evoluiu dende 1945 dende o laicismo até esta laicidade positiva. A relixión oficial das monarquías británica, danesa ou norueguesa semella pouco máis ca un residuo tradicional e só a confesionalidade ortodoxa grega apártase deste acervo común europeo. A aconfesionalidade ou laicidade positiva é a lóxica conclusión dun proceso que parte das raigames cristiás da Europa medieval para gañarmos a plena autonomía e separación entre a Igrexa Católica e a Res Pública, gañada no século XX logo dun proceso que ten como fitos fundamentais o Renacemento, a Ilustración e a consolidación do Estado de Dereito.
Cómpre, pois, esixirlle aos nosos gobernantes que colaboren sen sectarismos coa Igrexa Católica e demais confesións. O alcalde de Compostela terá que artellar as mellores relacións coa diócese, diante da centralidade do fenómeno xacobeo na conformación histórica da cidade e na súa vitalidade económica actual. Mais non haberá participar nun acto estritamente confesional como é a Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo. E Cuíña, Ferreiro e os demais alcaldes da Galicia haberán cooperar co labor social e cultural da Igrexa e demais confesións, mais de ningún xeito acudiren como alcaldes ao Corpiño, á Función do Voto, ao Cristo da Vitoria ou a outros eventos confesionais aos que acudirán, se lles peta, coma cidadáns privados.
A dereita extrema sabe que a meirande parte da cidadanía asume xa esta laicidade positiva. E usa destas andrómenas como mecanismo de fidelización dos seus apoios máis radicais.
Velaí que non haxa que lles mercar o relato.

O goberno posíbel

Independentemente da aposta do establishment mediático pola gran coalición PSOE-PP (co ramo de Ciudadanos), semella que arestora a única alternativa a unhas novas eleccións neste mesmo semestre é o chamado Goberno de progreso, seica presidido por Pedro Sánchez e vicepresidido por Pablo Iglesias.
A clave deste Goberno é a de enxergar a plurinacionalidade política do estado español. Porque a Sánchez non lle abonda co apoio de Podemos e IU. Nin sequera co de En Marea, Compromís ou En Comú Podem. Non, precisa ademais do voto a prol do PNV e do apoio a xeito de abstención ou ausencia dos independentistas cataláns de ERC e Democràcia i Llibertat. Velaí o acerto de Pablo Iglesias ao considerar inviábel que Ciudadanos poida apoiar esta alternativa.
Todas estas forzas teñen, por votos, lexitimidade abonda para formar unha base parlamentaria de apoio a un novo Goberno. Un Goberno ao que lle estará vedada a reforma constitucional, mais que terá amplas posibilidades de conformar unha axenda potente.
Un tal Goberno, no territorial, podería tentar encaixar, malia que aos poucos e diluidamente, o dereito a decidir nas nacionalidades e, mentres, reverter a prol dos poderes territoriais a recentralización de Aznar e Rajoy e restaurar a autonomía local dos concellos. Podería tamén enfrontar un cobizoso programa de reformas legais cara á rexeneración democrática, para acadar unha gobernanza transparente e un sistema electoral máis xusto.
Canto ás políticas económicas e a axenda social, si é verdade que a Unión Europea restrinxe bastante a marxe de manobra dun tal Goberno. Mais tamén é verdade que unha fronte de gobernos progresistas europeos (Grecia, Italia, Francia, Portugal, o Estado español e quizais Irlanda) podería reaxustar as esixencias de déficit de Bruxelas e propiciar un xiro cara a políticas máis asimilábeis ás desenvolvidas con bo suceso por Obama. Para máis, as marxes internas (política enerxética, reformas fiscais, etc.) permitirían deseñar políticas sociais e de reactivación económica mesmo no actual contexto europeo.
Un Goberno de progreso desta caste non faría a revolución, nin falla que fai. Mais quizais fose unha posibilidade para ollar cara á cidadanía e non cara ás elites e ir desatoando os graves problemas colectivos, comezando polo social e polo territorial.

Coalicións técnicas

O bipartidismo dinástico PP-PSOE estableceu, no xa lonxano 1987, unha circunscrición electoral única para todo o Estado, contra o que ocorre nos demais grandes Estados da UE como Francia, o Reino Unido (onde hai circunscricións específicas para Gales, Escocia ou o Ulster irlandés) Alemaña, Italia ou Polonia. No 2004 este sistema electoral duplamente favorecedor dese bipartidismo (a medio da pro-maioritaria regra D´Hondt e da circunscrición única estatal) outorgoulle aos dous partidos maioritarios o 90% dos escanos. Lóxico. Levan gobernando máis de 30 anos e fixeron o Dereito electoral á medida dos seus intereses.
Fronte estes feitos consumados, as forzas políticas de decisión galega, os galeguistas, houberon reaxir. E teceron alianzas técnicas con forzas nacionalistas e autonomistas doutras nacións e territorios do Estado, coa fin de obter representación. De feito, agás as candidaturas do BNG nos 1994 e 1999, sobrancearon sempre as coalicións técnicas que permitiron acadar representación: José Posada foi eurodeputado de CG en coalición co PNV e CC no 1993-1994 e Ana Miranda foi eurodeputada do BNG nesta última lexislatura, en coalición con ERC e EA. Carlos Garaikoetxea (EA) foi eurodeputado (1987-1994) e defendeu os intereses galegos dende o prisma dos seus coaligados do PNG-PG. Ao longo de todos estes anos, as forzas galegas obtiveron atención parlamentaria e apoio técnico no Parlamento Europeo para poder desenvolver a súa política aló, calquera que for o eurodeputado da coalición de quenda que nese intre desenvolvese a función.
As razóns desta versatilidade atópanse no carácter nomeadamente técnico desta caste de coalicións. Vascos, canarios, cataláns e galegos coalíganse por razóns pragmáticas, para evitaren o veto do bipartidismo e para que cadanseus electorados e países poidan ver representados os seus intereses na Europa.
Xa que logo, CxG non lle fará favor ningún ao PNV como o BNG non llelo fixo no 2009 a ERC e EA. Xuntan votos, loitan contra a exclusión europea das periferias e tentan defender os intereses específicos de cadanseus países. Nin van gobernar xuntos nin van casar.