A nova política e Domingos Merino

En abril de 1979 Domingos Merino, candidato da exitosa fórmula electoral Unidade Galega (que xuntaba o Partido Galeguista, o PSG e á futura Esquerda Galega) era elixido alcalde d’A Coruña. O primeiro alcalde nacionalista da súa historia. O primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra da ditadura franquista.
A Coruña sofrira naquela noite de pedra. A represión franquista liquidara a súa clase dirixente, de xorne liberal e democrático. A especulación urbanística empobreceu a paisaxe e arrequeceu uns poucos. O concello agoniaba sen organización nin tesouraría.
Merino abriu as portas do concello á cidadanía: primeiro Regulamento de participación cidadá, voz aos veciños nos Plenos, xuntoiros do Goberno local e moitas Comisións Informativas. Os tenentes de alcalde da UG Gonzalo Vázquez Pozo (Gobernación e Persoal) e Pura Barrio (Facenda) estruturaron unha Administración eficaz, socialmente consensuada e moderna, unha Facenda saneada e un orzamento equilibrado. E o concelleiro Rafael Bárez redactaba un Plan Xeral urbanístico pensando na veciñanza e non no interese dos promotores.
Domingos Merino compatibilizaba a apertura democrática, a xestión eficaz e transformadora, a galeguidade reivindicativa e un coruñesismo moderno, que quería A Coruña como faro de Galicia. Mais o lobby da Coruña clasista e antiga e os intereses dos grandes promotores urbanísticos artellaron unha maioría contraria ao goberno local, xuntando ao PSOE coa UCD e AP. Unha campaña de comunicación “ad personam” chea de odio e falsidades (moi semellante ás sofridas polo alcalde vigués Lois Pérez Castrillo no 2002-2003 e polo vicepresidente Anxo Quintana en 2008-2009) tentou desprestixiar e illar socialmente ao alcalde. Poucos días despois do 23-F Merino demitía nun exercicio de dignidade política. E dous anos despois Francisco Vázquez, candidato do lobby que coaligaba os sectores da burguesía franquista cos novos grandes promotores, obtiña maioría absoluta e comezaba desmontar os alicerces da política urbanística e de participación democrática do Goberno de Domingos Merino.
Merino anticipou no 1979 a verdadeira nova política: apertura á sociedade, participación cidadá, eficiencia nunha xestión transformadora e consenso social. Os alcaldes galeguistas e progresistas haberían deprender ben desta lección.

No país dos cegos

Con máis do 90% dos votos escrutados, Pedro Sánchez obtén unha grande maioría (49,8% fronte ao 40,2% de Susana Díaz e o 10% de Patxi López) que despexa case todas as dúbidas a respecto da clara hexemonía que adquire no partido. Porque, agás en Andalucía e Aragón (aquí por moi pouco) gañou en todos os territorios, mesmo en Asturies, País Valenciâ, Castela a Mancha e Estremadura contra cadanseus Presidentes autonómicos. Dominará, pois, a organización federal e case todas as autonómicas, que celebrarán cadanseu Congreso nos vindeiros setembro e outubro.
No noso País a vitoria de Sánchez Castejón constitúe unha auténtica malleira (66% fronte ao 23% de Díaz e o 7% de López), sobre todo diante do apoio pechado outorgado á Díaz polos grandes baróns do PSdeG (Abel Caballero, Carmela Silva, Pepe Blanco, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Fran Caamaño, mesmo dende fóra apoiouna Paco Vázquez). Galicia, xunto con Catalunya (82% de votos pro Sánchez) foi dos territorios onde menos callou o relato da nación grande e única da líder andaluza, certamente desvencellado do xorne e angueiras das nacionalidades e da España urbana. O resultado, como o das primarias que gañou Xaquín Leiceaga, prognostica un Congreso galego que rachará co vello PSOE e ratificará a alternativa plural fronte a Feijóo. Pilar Cancela, Valentín Formoso, Gonzalo Caballero, Lara Méndez e quizais Leiceaga serán algúns dos novos dirixentes, malia que o modelo de partido mudará cara un meirande empoderamento das bases.
Sánchez Castejón non é ningún crack, mais soubo percibir a fonda desafección dos seareiros socialistas coa involución de Zapatero (2010), co Goberno de Rajoy (2011-2015) e, sobre todo, coa abstención socialista ordenada pola Xestora que lle deu a presidencia a Mariano Rajoy. E gañou fronte ao cerco mediático de Madrid e fronte Felipe González, Alfonso Guerra, Zapatero, Rubalcaba e case todos os protagonistas dun PSOE que lle foi mercando o relato social, económico e territorial ao PP ao longo destes anos, mentres os seus electores vían como empeoraban as súas condicións de vida e, nomeadamente, como os seus fillos e netos non podían integrarse nunha sociedade cada vez máis desigual.
Porque, se algo amosou esta xeira, foi que a xente xa non admite calquera intermediación, senón que quere responsabilizarse das súas decisións e rachar, seguramente que dende a tranquilidade, co que hai. Para ir noutra dirección.

O noso derby

Cómpre recoñecermos o mérito cando sabemos facer as cousas ben. Neste senso, o clima de amizade e concordia acadado nos nosos derbies fala ben do civismo e do patriotismo de ambas as dúas afeccións. Nestes últimos anos, facendo parte dunha grande remuda xeracional, aquela violencia, aquela intolerancia ficou atrás.
Os vellos localismos foran potenciados aposta para evitar a unidade entre galegos. Así foi no franquismo e así fixeron na transición caducos españolistas como Leri ou Paco Vázquez. A reivindicación dunha Coruña ou dun Vigo paifocos e illados do resto de Galicia procuraba, en realidade, neutralizar o desenvolvemento da nosa conciencia como País.
Velaí como a non doada institucionalización da previa cantando xuntos o Himno Nacional, ou o costume san de irmos xuntos de troula deportivistas e celtistas visibilizan que son moitas máis cousas as que nos unen. E que só nos separa nada máis -e nada menos- que distinto amor futbolístico. O que non impide querérmonos e respectármonos antes, durante e despois do partido. A aperta entre Anxo e Roque no anuncio Imposible sen ti fai máis pola idea de País ca media ducia de mitins galeguistas dirixidos aos de sempre.
No deportivo, o derby debeu rematar en empate. Mais o Celta aproveitou a única oportunidade mentres o Dépor perdeu a única súa. Iago Aspas decidiu e o de Moaña voltou amosar que lle falta en deportividade o que ten a moreas en calidade futbolística. Nesta caste de derbies as provocacións están de máis.
Galicia semella ter integrado xa a rivalidade futbolística no seu ADN, vivindo en galeguidade e amizade o que até hai poucos anos eran eventos de división e enfrontamento.

A arrincadeira. Novo referéndum de independencia en Escocia
Escocia pronunciouse en xuño pasado nidiamente contra o Brexit (62 vs 38%). Europa é para a maioría dos escoceses unha aposta de integración e desenvolvemento, coñecedores de que a conservadora Inglaterra prioriza a desregulación laboral ou ambiental fronte ao fondo sentido comunitarista dos caledonios.
A first minister nacionalista, Nicola Stugeon, vén de anunciar un novo referéndum de independencia cara fins do 2018 ou primeiros do 2019, intrepretando a xeito o fondo malestar dos seus compatriotas a respecto do Brexit.

Cultura de coalición

Os sistemas parlamentarios baseados nalgunha caste de proporcionalidade non coñecen as maiorías absolutas. A Europa máis adiantada (Escandinavia, Holanda, Bélxica, Alemaña, Austria) é un bo exemplo disto. Nestes sistemas xurídico-políticos (os máis avanzados e inclusivos) o voto produce unha gobernanza plural, a medio de coalicións poselectorais de goberno. Afastan, deste xeito, o risco dos abusos propios das maiorías absolutas (que tan ben coñecemos na Galicia con Fraga, Feijóo e Paco Vázquez ou no Estado español con Felipe González, Aznar ou Rajoy) e obrigan aos seus axentes políticos a negociar, renunciando e pactando todos, na procura de programas de goberno de ampla base e aceptación cidadá.
O PP (en si mesmo unha coalición de intereses non sempre ben compatíbeis) leva mallando moitos anos nas inconveniencias das coalicións. O PP, que ás veces semella que asumiu só algunhas formas da cultura democrática e non a súa substancia, defende “un só que mande fronte aos bipartitos, tripartitos e cuadripartitos”. Velaí o caso actual do bloqueo institucional que vive o Estado; disque Rajoy quitou sete millóns de votos, mais esquécense que outros catorce millóns votaron outras forzas. Nos sistemas parlamentarios, cando ningúen quita maioría absoluta e a candidatura máis votada non sabe ou non pode pactar, outros constrúen a coalición de goberno, porque por xunto representan máis votos, máis deputados e máis país que a forza máis votada.
No caso das eleccións nacionais galegas do 25-S non corremos o risco de bloqueo institucional, porque calquera representación obtida por forzas distintas do PP e de Ciudadanos apoiará un goberno alternativo se esas dúas forzas non acadan maioría abonda xuntas. E cómpre considerarmos que, fronte aos votantes de Caballero ou Lores nas municipais, os electores do PSdeG, BNG, En Marea ou Compromiso coñecen perfectamente desta volta que os votos de cadanseu partido non dan por si e teñen que se entender xuntos. Velaí a oportunidade, mesmo en termos de pedagoxía política.
Nas coalicións de goberno multiplícase a transparencia e a rendición de contas e todos teñen que renunciar ás súas pretensións e pensar nun goberno para as maiorías sociais. As decisións son máis medidas e consensuadas e, xa que logo, máis efectivas.
A quen lle interesan as maiorías absolutas?

Gaña Leiceaga, perde Feijóo

As primarias para elixir candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta remataron cunha relativa sorpresa, pois Xaquín F. Leiceaga impúxose a Méndez Romeu (55,67% vs. 44,33%). A participación, arredor dun 65%, foi moi alta, en comparanza coas obtidas en procesos de primarias ou congresuais de Podemos, Anova ou o BNG. Quizais sería porque os dous proxectos eran nidios e definidos. E ía haber, de certo, gañadores e perdedores.
O exconselleiro Méndez Romeu achegaba boa capacidade política e relacional, indubidábel intelixencia e ampla experiencia. Achegaba tamén o apoio do superalcalde Caballero (en Vigo Romeu arrasou cun 77% de votos), da presidenta da Deputación pontevedresa Carmela Silva, dos exministros Caamaño e Blanco, do exalcalde lugués Orozco, do ex secretario xeral Pachi Vázquez e dos restos do vazquismo coruñés. Achegaba o proxecto de hexemonía socialista propio da época do felipismo e do guerrismo, que no 2016 é tan irreal que constitúe pouco máis ca unha desculpa para non artellar a alternativa plural que lle dea o relevo democrático a Feijóo.
Fronte esta potente alianza, Leiceaga achegou o sentido común da afiliación de base (que ten claro que o adversario é o PP e non acredita noutras andrómenas) e un proxecto de País que sempre lle acompañou e que lle vai permitir participar con forza nunha coalición galeguista e progresista de goberno, no caso moi probábel que PP e C´s non acaden no vindeiro outubro a maioría absoluta.
É chocante ler que a escolla entre F. Leiceaga e M. Romeu era puramente de persoas ou de grupos. Porque non era tal. Tratábase de decidir entre un proxecto de cambio, con perspectiva de País ou a recreación dun pasado localista e xacobino, en conexión con aqueles que semellan preferir Rajoy ou Feijóo a lle ofrecer á cidadanía unha alternativa plural que mellore a calidade da nosa democracia, que aposte polo crecemento e que enfronte as reformas precisas para lle dar canle á plurinacionalidade do Estado.
Velaí que o perdedor destas primarias sexa, moito máis ca Méndez Romeu e os seus aliados, o propio Núñez Feijóo. Porque agora, coma no xa distante 2005, enxérgase unha moi probábel alternativa plural que sexa quen de arquivar o austeritarismo romo e falto de xestión e ilusión que definiu estes sete anos de goberno do PP no noso País.

O necesario comercio de proximidade

A importación do “black friday” é boa escusa para mirarmos cara ao noso comercio de proximidade e decatarnos do dano que sofriu tanto pola Grande Depresión como polas agresivas políticas desenvolvidas polas Administracións. Rajoy, coa súa recentralización favorecedora das grandes superficies comerciais, botou por terra as lexislacións autonómicas protectoras (como a Lei de Horarios Comerciais galega aprobada por iniciativa nacionalista no 2006) tanto nas aperturas como nos horarios. E alcaldes como Francisco Vázquez esmagaron o comercio de proximidade na súa cidade, favorecendo a apertura de tantas superficies comerciais que converteron A Coruña na cidade do Estado con máis m2 de centros comerciais por habitante. Velaí o fracaso do Dolce Vita e do Canton Village. E o peche forzoso de tantos comercios tradicionais.
Os países máis desenvolvidos da Europa decatáronse do íntimo vencello entre unha oferta comercial achegada aos centros e barrios e a propia vitalidade e seguranza da cidade. As cidades sen comercio de proximidade, as cidades que teñen que mercar nos macrocentros das aforas, son menos vitais, menos ricas e menos seguras. Que calidade de vida lle ofrecemos aos habitantes maiores dos nosos barrios condenándoos á dependencia de familiares ou ao uso eterno do coche particular para mercar?
Convén sinalar, tamén, que o comercio de proximidade que nos segue a atender fixo un enorme esforzo ao longo destes últimos anos. De certo que xa se decatou vostede que no negocio onde toma o seu café da mañá, tiveron que prescindir de dous camareiros e o xefe e empregados que fican atendendo multiplicaron os seus horarios. Tamén é xusto recoñecer o enorme esforzo de modernización, profesionalización e especialización dos nosos comerciantes de proximidade para mellor atender as nosas necesidades. Mesmo xurdiron en Galicia novos modelos de éxito que axiña abriron varios establecementos nas nosas principais vilas e cidades. Porque comercio de proximidade non é só pequeno comercio. É a oferta que atende no noso barrio a que permite que este siga a ter vida.
Ten razón Manolo Rivas cando afirma que as cidades morren cando os ricos se pechan en ghettos. Mais tamén comezan a morrer cando a súa veciñanza non pode mercar todo o que precisa na súa contorna vital.

O porto exterior

De certo que o alcalde coruñés non estivo acertado cando fixo nunha palestra en Madrid a comparanza entre o porto exterior e o aeroporto de Castellò. De feito vén de recoñecelo nunha entrevista radiofónica. Mais o balbordo xerado por determinadas instancias coruñesas ten moi outras claves que a defensa dos intereses económicos da Cidade.
O proxecto do porto exterior d’A Coruña naceu dun pacto entre o alcalde Francisco Vázquez e o ministro Álvarez Cascos, nas datas do Consello de Ministros celebrado na cidade en xaneiro de 2004. Daquela, desbotando outras alternativas máis viábeis, déuselle pulo ao proxecto de Punta Langosteira. Elemento esencial do acordo era que A Coruña habería financiar aproximadamente unha terceira parte do investimento (180 a 200 M€) alleando como solo para a promoción inmobiliaria os terreos públicos do actual porto, previa desafectación dos mesmos.
Velaí que Xulio Ferreiro teña toda a razón ao rexeitar que o porto d’A Coruña sexa o único no Estado que requira para o seu financiamento da achega da cidade a medio da venda do seu patrimonio. Que requira para o seu financiamento dun “pelotazo” urbanístico, planificado polos mesmos axentes do chamado “lobby coruñés”. Un lobby hoxe en día liquidado pola historia.
O certo é que o alcalde coruñés soubo distinguir a dubidosa orixe da obra do Porto Exterior das grandes posibilidades de futuro para a área urbana e para Galicia inducidas por esta grande infraestrutura. Velaí o road show promocional que o Concello, canda a Cámara de Comercio vai desenvolver na China. Por certo, sen a presenza da Autoridade Portuaria, prisioneira da táctica partidista ditada polo ex alcalde e líder provincial do PP, Carlos Negreira.
O porto exterior d’A Coruña, canda o de Ferrol, son elementos fundamentais para crearmos empresa e riqueza neste país. Mais precisa dunha conexión ferroviaria urxente e do financiamento público. Se houbo recursos públicos para Xixón non se nos pode esixir aos coruñeses que financiemos parte substancial da obra portuaria e, aínda por riba, que lle entreguemos a cerna da Cidade á especulación en beneficio duns poucos que queren gañar sempre.

Claves da Marea Atlántica, nunha Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria

Coa elección de Xulio Ferreiro como alcalde d’A Coruña recupérase ese proxecto de cidade liberal, democrática, solidaria e galeguista que presidiu Coruña noutros intres da súa historia, como a alcaldía de Domingos Merino (1979-1981) ou o entendemento de galeguistas e republicanos nos primeiros anos 20 do século XX ou na II República. Unha Coruña esta pouco coñecida mesmo para moitos dos nosos concidadáns galegos, que gravaron os estereotipos sementados nos tempos do franquismo e do vazquismo.
Xulio Ferreiro foi investido alcalde da Coruña cos votos da Marea Atlántica (dez concelleiros), PSOE (seis) e BNG (unha) e os votos en contra dos dez concelleiros do PP. No seu primeiro discurso, o novo alcalde quixo lembrar os días augurais da democracia municipal coruñesa, cando na primavera de 1979 o nacionalista Domingos Merino fora investido como primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra do franquismo. Entón Merino dixera estas mesmas verbas: “hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña”, salientando a remuda histórica que aquela primeira elección municipal supuxo naquel concello, secuestrado á vontade popular dende que o 21 de xullo de 1936 o capitán Fuciños, nomeado delegado municipal dos sublevados, destituíra ao alcalde republicano Alfredo Suárez Ferrín, que sería fusilado o 31 de agosto daquel desgrazado verán.
Para entendermos na súa verdadeira dimensión a singularidade da Marea Atlántica e a conexión de Xulio Ferreiro coa tradición galeguista, democrática e solidaria coruñesa cómpre lembrarmos algúns apuntamentos históricos que non se adoitan coñecer en amplos sectores da cidadanía galega por mor da imposición do relato da Coruña elitista e paifoca de Francisco Vázquez e do extinto lobby coruñés.

A Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria
Dende a fundación da cidade polo rei de Galicia Afonso VIII no 1208, o Concello coruñés tentou substraela ao dominio aristocrático e eclesiástico, nunha vila de vocación mareante, artesá e comercial. Coruña desenvolveuse aberta ao mundo e aos roteiros da navegación. Mais esta vocación houbo coexistir co rol que A Coruña asumiría como capital da Administración vicerreinal española na Galicia (Capitanía Xeneral e Audiencia) que encheu a cidade de burócratas casteláns. Esta compoñente funcionarial foránea xeraría historicamente tensións a respecto da vocación de liderado galego da cidade.
A vocación democrática abrolla con forza na punxente forza do Gremio de Mareantes, na rebelión popular de Sinforiano López no 1808 ou na adhesión á revolución liberal de 1820. Na cidade xurde o galeguismo liberal e democrático de Murguía e da Cova Céltica, que mobilizou a cidade no 1893 para que Galicia non perdera a Capitanía Xeneral e fundou a Academia Galega no 1905 e a primeira das Irmandades da Fala no 1916. O enterro de Curros Enríquez no 1905 foi a demostración silente do xorne solidario, galeguista e republicano da cidadanía coruñesa.
O galeguismo coruñés comprendeu que se quería ser opción de goberno e transformación habería coordinarse co republicanismo federal que gobernaba o Concello dende fins do século XIX. Esta entente permitiu que Lois Peña Novo fose elixido primeiro concelleiro galeguista no 1922. Mentres, a CNT convertíase no principal sindicato da Coruña, practicando un unionismo integrador de galeguistas, republicanos e liberais de esquerdas e afastado da liña anarquista FAI que dirixía esta central sindical noutros territorios.
A actividade política, sindical e cultural na Coruña, xa que logo, foi dando nunha convivencia natural entre varias correntes do progresismo, do galeguismo e do republicanismo, así como entre os elementos progresistas “burgueses” e os elementos obreiros. Franco habería reprimir de xeito brutal uns e outros.
Foi precisamente a brutaldade represora da ditadura á que fixo perder as referencias a unha sociedade desartellada pola morte ou exilio dos seus mellores. Unha represión que empoleirou persoas até entón irrelevantes na vida social e económica da cidade, que medrara moi substancialmente coa repatriación de capitais de Cuba e co desenvolvemento industrial e financeiro do primeiro terzo do século XX.
Velaí as esperanzas xurdidas co goberno de coalición entre a Unidade Galega, PSOE, PCG e BNPG de Merino. Mais a experiencia foi liquidada coa maré recentralizadora xurdida no 1981 co 23-F á que a burguesía postfranquista e os seus axentes mediáticos serveron de altofalantes. Despois da longa noite de pedra Paco Vázquez, apoiado polo “lobby” coruñés, engaiolou as clases medias coruñesas cun discurso paifoco e arredista, aproveitando a crise económica e a falla de dirección da cidade.

A singularidade da Marea Atlántica
Mais a vocación democrática, solidaria e galeguista da Coruña apareceu, outravolta, coas mobilizacións organizadas por Nunca Máis na fin do 2002 e primeira metade do 2003. Liderados simbolicamente por Manolo Rivas e outros intelectuais, a Coruña cidadá e democrática encheu as rúas por ducias de milleiros, nas demostracións máis populosas da historia de Marineda.
Existía, pois, unha tradición na Coruña de entendemento progresista, de tender pontes para acadar obxectivos comúns por riba das estruturas partidistas. Malia isto, semellaba que os partidos da esquerda galeguista e estatal non entenderan a xeito ou entenderan a medias as leccións do 15-M (que tivo moi cualificada incidencia na cidade) e das europeas de 2014. E naceu na Coruña, dende estas experiencias de Nunca Máis e do 15-M un grupo de persoas, moitos deles unidos por vencellos xeracionais e de compartir o traballo social que, dende unha clave apartidista, comezou pensar esa nova Coruña. Esa nova política para A Coruña sen se someter ao paraugas da forza de moda nas TV estatais. Pensar nunha alternativa municipalista de unidade cidadá, na que os partidos cooperasen, pero non monopolizasen.
Cómpre dicir que naquel xullo de 2014 esta sensibilidade tocara moi de preto ao galeguismo e non só ás organizacións locais de Anova-IN ou Compromiso por Galicia (que o 7 de xullo propuxera publicamente unha converxencia social, política e cidadá para gañar o Concello a partires de determinados denominadores comúns), senón á propria organización do BNG. Representantes tan senlleiros do BNG coruñés como María Xosé Bravo ou o voceiro Xosé Manuel Carril partillaron nas primeiras xuntanzas e na mítica de fins de xullo na Ribeira do Cómaro, preto do estadio de Riazor onde o Deportivo libra as súas batallas na casa.
Xa que logo, a partires do chamado fundacional dos primeiros 99 asinantes, axiña foron 2.000 os cidadáns coruñeses os que adherían ao Manifesto da Marea Atlántica. Dende un propósito común de lle devolver A Coruña á cidadanía e tamén tentando nuclear unha proposta dende os denominadores comúns dunhas bases cidadás moi plurais e diversas.

O factor Xulio Ferreiro
E logo está o factor Xulio Ferreiro. A Marea Atlántica precisaba dun referente común. Os seis partidos adherentes (dende os galeguistas de Compromiso por Galicia até Podemos pasando por todos os partidos do espazo AGE) e máis o proprio grupo independente que abriu o proceso concordaron na conveniencia do profesor universitario e xurista, que resume ben os caracteres de competencia técnica e profesional, vinculación coa cidadanía e respecto pola pluralidade que precisaba a Nova Política na Coruña.
O sábado 13 de xuño Xulio Ferreiro demostrou a súa conexión coa cidadanía e a súa comodidade no contacto persoal. Dende 1981 a Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria non estaba representada na Alcaldía. Pero os reptos son inmediatos e as dificultades obxectivas semellan montañas.
Mais esta será outra historia. Unha nova historia que requirirá no día día de Xulio Ferreiro e da súa equipa de grandes doses de traballo, xenerosidade, competencia técnica e política, diálogo e busca dos mellores apoios e das mellores solucións.

Municipalismo e sentido de País

Foi o PSOE o que máis contrapuxo a sensibilidade local contra o sentido global de Galicia como país. A cidade-estado vazquista da Coruña constituiu o seu exemplo máis notábel. Exemplo seguido nos nosos tempos en Vigo pola vella política do seu alcalde, Abel Caballero. Mais, en conxunto, a caduca idea do localismo na sociedade está xa ultrapasada.
Porque hoxendía os problemas das cidades galegas son semellantes. Arrincarmos a corrupción. Abrirmos os concellos á participación cidadá, mesmo na determinación dos obxectivos do Orzamento local. Unha xestión transparente. Garantirmos uns servizos públicos de calidade. Pór a nosa lingua e a nosa cultura no lugar que lles cómpre. Reactivarmos a economía local, xerando emprego de calidade. Mirar polo comercio de proximidade para revitalizar as mallas urbanas. Entendermos os problemas urbanos de xeito supramunicipal.
Semella, pois, posíbel un municipalismo galego compatíbel, cando non intimamente vencellado, a unha idea de Galicia como País. Un municipalismo que entenda cooperativa e participativamente as Administracións locais, tentando interesar á cidadanía na súa gobernanza.
Agora ben, no nível global galego cómpre garantirmos certos mínimos. É urxente rematar co absurdo das Deputacións e das provincias. É preciso restaurar a autonomía local que a Lei de modernización local de Montoro reduciu substancialmente. Hai que colaborar no eido aeroportuario, porque non abonda aeroporto ningún, o que cómpre é especializalos. E, sobre todo, garantirmos a mobilidade de cadanseu aeroporto con cadansúa área urbana e co resto do País.
Nun tempo de reinvencións son precisos novos xeitos de facermos a política. Volver a nosa atención ao local lexitima a política e fai máis transparente e eficiente a gobernanza. Mais sen perdermos a común pertenza a unha galeguidade que trascende ás nosas diferenzas.

A ARRINCADEIRA. Dez anos de mandato de Carlos Varela como fiscal superior.
Carlos Varela cesará como fiscal superior de Galicia despois de dez anos de mandato. Varela vinculou Galicia e Ministerio Fiscal na súa loita contra a corrupción política e os incendios forestais, a comercialización de preferentes e subordinadas e pola normalización da nosa lingua na xustiza, deixando un baleiro moi difícil de encher. Mesmo para un grande profesional como o seu sucesor, Fernando Suances.

Os erros históricos do PSOE

Pablo Iglesias fundou o PSOE no 1879. E axiña foi construíndo unha mesta organización político-sindical á que converteu nunha potente forza de masas entre 1910 e 1918. Mais logo comezarían os erros históricos desta organización. En 1923 Primo de Rivera implantou unha ditadura militar á que a maioría socialista (por proposta de Largo Caballero) lexitimou ao aceptar a súa participación no Consello de Estado. O mesmo Largo Caballero refugou, dende a súa saída do goberno -outubro do 1933- a vía institucional e democrática para pular pola vía revolucionaria, chegando a dicir que cumpriría no futuro unha resposta armada e que habería ir cara ela. Nestes anos o PSOE estaba dividido entre o sector revolucionario de Largo Caballero, o centrista de Indalecio Prieto e a dereita dun meu colateral devanceiro, o profesor Julián Besteiro, de orixe galega.
Durante a II República o PSOE, fídel á súa alma xacobina, fixo o posíbel por atrancar a aprobación do Estatuto de Galicia. No 1939, Besteiro adheriu á capitulación incondicional do coronel Casado confiando en Franco como mal menor: “de certo que nos vai deixar manter viva unha UGT ao xeito das Trade Unions”. Acertou de cheo.
Indalecio Prieto manexou de xeito abxecto uns fondos de axuda aos refuxiados españois entre 1939 e 1942, até que o Goberno mexicano, escandalizado, pasou a controlar estes fondos. O mesmo Prieto que vetou a aprobación, outravolta, do Estatuto de Galicia nas Cortes de México no 1945 e tentaba vetar a Castelao como ministro do goberno republicano.
No 1976, a Federación socialista galega do PSOE case non existía. Eran Paco Vázquez, Salvador F. Moreda e outros tres. A socialdemocracia galega aliñábase no Partido Socialista Galego (PSG), fundado no 1963. O PSOE, cos cartos da Fundación alemá Friedrich Ebert, fanou dende dentro ao PSG para acadar a súa destrución, ceifando así o campo.
En maio do 2010 Zapatero rendeuse ás presións de Merkel e Sarkozy e en outubro do 2011 o PSOE pactou co PP blindar constitucionalmente o pagamento dos xuros da débeda a respecto dos servizos públicos do benestar. Mais o PSOE xa tiña tradición na adopción de decisións que constitúen, de seu, erros históricos.