Efectos do proceso catalán na Galicia

Ocorra o que ocorra hoxe na Catalunya as cousas entre aquel país e o Estado español non serán xa nunca iguais. A fenda é irreversíbel. Mais os separadores, neste contexto, non foron os independentistas, senón as propias elites económicas, mediáticas e políticas de Madrid, que nin souberon nin quixeron ofrecer a unidade de España como fórmula amábel de integración plurinacional, senón como imposición dunha realidade que habería ficar fóra de toda capacidade de decisión cidadá, o mesmo ca a Monarquía. Sempre contando coa axuda dun Tribunal Constitucional escollido só polas maiorías políticas estatais e que decide o 99% das veces a xeito de árbitro caseiro. Como dicía Castelao, o separatismo nace en Madrid.
O proceso, evidentemente, non remata mañá. Mais axiña comezará outro: o da reforma constitucional que esixen as circunstancias para acoller o que é unha realidade social transversal, interclasista e pacífica. O problema catalán non se amaña enviando a Garda Civil ou con represión policial ou xudicial, mesmo con apariencia de legalidade formal. É un problema político.
Os efectos para Galicia deste proceso serán importantes. Na reformulación territorial Galicia non pode conformarse co dependentismo de Rajoy e Feijóo, non pode xogar ser a Rioxa ou Murcia, senón que ten a necesidade de puxar polo máximo autogoberno posíbel, pola máxima autonomía financeira e polo pleno recoñecemento da súa singularidade nacional, a única barreira efectiva contra o noso limitado peso poboacional e económico no Estado. É o momento dun novo relato e só terá éxito se conecta coa xente común, coa sociedade civil.
Mais os efectos irán chegando nas próximas semanas tamén á propia cidadanía. Sectores importantes da dereita urbana, nomeadamente d’A Coruña e Vigo, vanse pechar nun discurso esencialista español cada vez máis incompatíbel coa aceptación da singularidade cultural, política e económica galega. Mais amplos sectores da Galicia máis dinámica evoluirán cara un soberanismo moito máis cívico ca identitario, tanto máis intensamente canto máis evidente sexa que Catalunya saia favorecida do “procès” en termos de ampliación do autogoberno, mellora do financiamento ou recoñecemento do seu dereito a decidir.
Veñen tempos de cambio e cómpre construír sen lle ter medo.

Catalunya triomfant? Os fitos do procés

Este é o artigo publicado no número 47 da revista Luzes. Pode descargarse aquí: Catalunya triomfant? Os fitos do procés. Xoán Antón Pérez Lema Luzes. Setembro de 2017, ou ler a continuación:

As razóns de Catalunya

Catalunya era un país con poucos independentistas até xuño do 2010, cando o Tribunal Constitucional (TC) desfixo o novo Estatut que aprobara o pobo catalán en referéndum no 2006, dando por pechada toda solución á cuestión catalá dende o autonomismo. Asistimos en meses á conversión en indepes de sexaxenarios cidadáns federalistas votantes do PSC e de mozos barceloneses castelanfalantes fillos da inmigración murciana e andaluza. En setembro de 2012 o president Artur Mas tentou de Rajoy un pacto fiscal para acadar un concerto económico semellante ao de Euskadi e Navarra, mais Rajoy rexeitou a proposta por inconstitucional.
Dende entón -e máis dende a Diada do 11-S do 2012-, arredor da Assemblea Nacional Catalana e de Òmnium Cultural foise estruturando unha potente organización transversal e interclasista para lle dar canle á autodeterminación de Catalunya. En Madrid e outros lugares do Estado adoitan pensar que o pulo soberanista naceu do xogo politico de CDC (hoxe PdeCAT), ERC e CUP, mais o movemento soberanista trascende moito dos partidos nacionalistas, das elites e dos catalanfalantes. É un movemento social que integra toda caste de cidadáns de Catalunya.
Os Gobernos da Generalitat tentaron abondo pactar co Goberno do Estado un referéndum para que Catalunya fixese uso do dereito a decidir que deriva da conxunta interpretación do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (1966) da ONU, do artigo 96 da Constitución e da doutrina emanada da Sociedade de Nacións (antecedente da ONU) ao recoñecer determinadas nacións europeas sen Estado (como fixo coa nosa Galicia en setembro de 1933). Un dereito a decidir que máis do 70% da cidadanía catalá quere concretar nun plebiscito.
Velaí que, pechadas todas as vías de consenso, o Parlament catalán, seguindo o mandato das eleccións autonómicas de setembro de 2015, vaia aprobar esta semana a Lei do referéndum, que dará cobertura normativa ao Decreto do Govern convocando o vindeiro plebiscito do 1 de outubro. O TC suspenderá esa cobertura normativa e constataremos o confronto entre a normativa constitucional española e a emanada do mandato cidadá catalán de setembro de 2015.
Confronto de lexitimidades que non se amaña con Tribunais nin moito menos coa Garda Civil ou os tanques. E Rajoy sábeo.

A devolución do Pazo

A ocupación simbólica e temporal do Pazo de Meiras por activistas do BNG levou polo mundo adiante a reivindicación cidadá de que o Pazo sexa devolto á cidadanía galega. A ocupación tivo un carácter fundamentalmente político e non poderá ser sancionada penalmente, ao non existir nos activistas ningunha caste de intencionalidade de apropiación patrimonial, invasión da intimidade persoal e familiar de ninguén nin de mantemento da ocupación.
O despoxo patrimonial sofrido polos galegos no 1938 en beneficio do patrimonio persoal do ditador Franco levouse adiante a medio de tres instrumentos fundamentais: o desconto obrigatorio de parte do soldo en moitas entidades públicas e empresas privadas, as “doazóns voluntarias” dos veciños, exaccionadas polos concellos coa colaboración da Falanxe e da Garda Civil e a ocupación sen contraprestación de moitos dos terreos adxacentes.
A respecto deste último instrumento de despoxo patrimonial (o menos coñecido), o historiador sadense Babío Urquidi vén de relatar que moitos dos paisanos de Meirás foron obrigados a subir a camións militares que os levaron á sede do Banco Pastor no Cantón Pequeno coruñés onde asinaron cadanseus contratos de compravenda por prezos moi baixos en relación coa calidade das terras transmitidas. Porén, a meirande parte non puideron cobrar nin o que se consignou como prezo, porque a chamada “Junta Pro Pazo” que coordinaba as Administracións Públicas e forzas vivas que facían a recadación deu en creba, por mor do custo elevado das obras de mellora continuamente requiridas polo ditador e a súa dona, Carmen Polo.
Velaí a ilexitimade de orixe da propiedade da familia Franco. Ilexitimidade que, de xeito absolutamente inédito, vén de recoñecer o PPdeG a medio do seu voceiro parlamentario Pedro Puy. Un recoñecemento que habería abrir a porta ao estudo por parte do Parlamento e da Xunta, coa colaboración do Concello de Sada e a Deputación coruñesa, dos procedementos xurídicos precisos para poderlle devolver o Pazo á cidadanía.
A devolución do Pazo é á única reparación posíbel a este despoxo. Despoxo que se mantivo até de agora só pola longa duración do franquismo e pola intensidade da súa represión.

Post-verdade e referéndum catalán

Estoulles verdadeiramente desaquelado e confuso. Porque para boa parte da opinión publicada (tamén, malia que algo menos, na nosa Galicia) semella que querer pór as urnas para que o pobo catalán poida decidir o seu futuro constitúe un acto sedicioso ou golpista. Convocar un referéndum que queren máis do 70% dos cataláns logo de cinco anos tentando sen sorte un acordo bilateral co Estado para desenvolvelo semella que é negativo, como se votar fose espallar o andazo do ébola.
No canto disto, que o Estado active o axuizamento e condena do anterior Presidente da Generalitat e de dous dos seus antigos conselleiros, que o Tribunal de Contas lles reclame máis de 5M€ ou que a Garda Civil impute altos cargos da Generalitat no decurso dun procedemento penal declarado secreto (como se investigasen unha perigosa banda internacional de delincuentes) vese por moitos destes opinadores como a demostración dun funcionamento normal do Estado de Dereito. Mais todos sabemos que o Goberno do Estado manexa a Fiscalía e que a súa independencia a respecto do “procès” catalán custoulles o posto a un Fiscal Xeral e a un Fiscal Superior de Catalunya. Velaí a manifestación do anterior Ministro do Interior conspirando co antigo Director da Oficina anti fraude de Catalunya: “la fiscalía te lo afina”, referíndose á preparación de dossiers mediáticos e ulteriores denuncias xudiciais sobre feitos falsos, como a imputación a respecto de Xavier Trias, anterior alcalde de Barcelona da titularidade dunha conta en Suíza cun saldo máximo de 12’9 M€.
O procès chegou a un ponto de non retorno. É un movemento social transversal, que vai dende a dereita até a extrema esquerda e que mesmo avanza entre os comúns de Ada Colau. Conta con maioría absoluta no Parlament e recibiu da metade do electorado un mandato moi concreto no senso de avanzar cara á soberanía de Catalunya. Para máis, conta cun Presidente e cun Goberno convencidos para avanzar e non recuar. Cumprirán algo máis ca denuncias penais para poder frear este proceso.
Claro é que fóra do Estado español o ambiente é distinto. Porque son moitos os que non entenden por que o Goberno do Estado non quere que os cataláns voten. E case ninguén entenderá a persecución penal española contra moitos políticos e patriotas cataláns só por facer posíbel que o pobo fale.

A igualdade xurídica do galego

O Tribunal Superior de Xustiza valenciano vén de anular parcialmente unha normativa regulamentaria da Generalitat que privilexiaba o ensino en catalán (alí chamado oficialmente valenciano) por mor da súa grave minorización fronte ao castelán.
O Alto Tribunal aplicou unha consolidada xurisprudencia dos Tribunais Constitucional (TC) e Supremo (TS) que xorde daquela sentenza do TC de 1986 que anulou o deber de coñecer o galego, presente de primeiras na nosa Lei de Normalización Lingüística, aprobada pola unanimidade do noso Parlamento. Segundo esta xurisprudencia só existe o deber de coñecer o castelán e as demais linguas fican secundarizadas nun rango de mera cooficialidade, sen que sexa legal esixir o seu coñecemento con carácter xeral a xuíces e demais funcionarios e o seu uso obrigatorio nin sequera ás empresas concesionarias ou contratistas públicas. Velaí que o galego, o catalán e o vasco non gocen de igualdade xurídica a respecto do castelán. Esta desigualdade atenta contra a Carta Europea de Linguas Minoritarias (o galego non é polo de agora minoritario, malia estar fortemente minorizado), é dicir, contra a normativa constitucional de protección dos nosos dereitos lingüísticos. Velaí a necesidade de resolver de vez esta desigualdade, levando á Constitución ou ao Estatuto o pleno recoñecemento da igualdade de ambas as linguas oficiais, a propia e a de comunicación común co resto do Estado.
Deste xeito, o deber de coñecer o galego evitará situacións tan ilóxicas (cando non ferintes) como médicos do S­ergas que manifestan diante de doentes descoñecer o galego, freakies que piden tradución oficial de pequenos textos intelixíbeis a calquera europeo que lea, mandos da Garda Civíl que denuncian concellos por sinais de tránsito en galego ou a continua provisión de prazas de xuíces, fiscais e funcionarios sen acreditar o coñecemento abondo da lingua que nos permita aos galegofalantes gozar da plenitude dos nosos dereitos lingüísticos.
De certo que o problema do galego non se resolve só con medidas xurídicas. Mais sen acadarmos esta igualdade (negada constitucionalmente dende 1978) non serán posíbeis cousas tan sinxelas e normais como vivirmos plenamente en galego ou non nos sentir alleos no noso propio país.

A Policía de Galicia

Os atentados de Bruxelas amosaron graves deficiencias na coordinación das policías e servizos de información europeos. Precisamos na Europa unha única defensa, unha única diplomacia e unha coordinación de intelixencias e policías a xeito. Se non, os islamistas hannos comer polos pés.
Galicia é un país tranquilo, de pouca delincuencia. Mais a súa seguranza debe mellorar substancialmente. A Garda Civil en Galicia ten unha equipa humana fantástica, a chata é o seu carácter militar, probábel responsábel de repartos arbitrarios de quendas, conplementos salariais e, en último de contas, de elevados –e xustificados– absentismos por Incapacidade Temporal. Dende 2007, Galicia conta co seu propio Corpo de Policía de seu (conxelado, que non suprimido, polo Goberno Feijóo), que integrará á Unidade da Policía Nacional adscrita e podería integrar baixo parámetros civís ao 90% da Garda Civil na Galicia.
O tráfico é claro exemplo de como poderiamos mellorar cunha policía galega e civil. O esquema militarizado e centralista actual é ineficiente (Catalunya e Euskadi, con policías de seu, presentan moita menos sinistralidade). Cómpre considerarmos a densidade da nosa rede secundaria e o noso espallamento poboacional, impondo un modelo de prevención e aprendizaxe, lonxe do puramente recadatorio actual.
A Garda Civil ten excelentes equipas humanas na Policía Territorial, ecolóxica (Seprona, que traballa en ámbitos de competencia autonómica), menores e violencia machista (o Emume) ou marítima (a Garda Civil do Mar) que renderían moito mellor nun esquema civil, suxeito ao mando político da Xunta e ao control democrático do noso Parlamento.
Así mesmo, os incidentes de orde pública con seareiros do Celta e Dépor, 25 de xullo en Compostela, preferentistas, emigrantes retornados ou xentes do mar e do gando nos aprenden a necesidade de que na prevención da orde pública interveñan funcionarios policiais con raigame persoal no País, que entendan a dimensión real dos problemas e eviten represións absolutamente innecesarias. Cómpre abordar o despregamento da Policía de Galicia, entendendo ás Policías Locais integradas no mesmo sistema de seguranza, malia que en distintos Corpos.