Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.

Crecemos moi cativamente

No 2014 Galicia foi o territorio do estado no que menos medrou o Produto Interior Bruto (PIB). Só un 0,5 por cento fronte ao 1,4% estatal, o 2,5% rioxano ou o 2,2 % estremeño ou canario. Para máis, a nosa desindustralización é evidente, cun peso dos servizos que acada xa o 60 por cento. E tamén é nidia a atonía no crédito.
Como vén de informar El Correo Gallego, Madrid, cun 18% do PIB estatal, supón o 26,5% de crédito, fronte ao noso país, que ten que financiar un 5,4% do PIB estatal con só o 3,16% do seu crédito, mentres os avais do IGAPE ás empresas, que terían de compensar parcialmente esta insuficiencia, se recortaron no 2014 un 60% a respecto do 2013.
O presidente Núñez Feijóo vén de dicir que esta cativeza no crecemento galego é allea á súa responsabilidade por depender de circunstancias esóxenas propias dos sectores naval, enerxético e da automoción. Mais esta suposta falla de responsabilidades non atura unha análise obxectiva. A atonía do sector enerxético atopa boa parte da súa razón de ser na derrogación da adxudicación eólica de 2008, que xa estaba en fase de implementación no verán do 2009. Perdéronse dous anos nun novo reparto eólico que foi xa imposíbel de instrumentar, por mor das novas restricións crediticias e de retribución. Galicia perdeu o liderado nun sector de futuro, non só no que atinxe á produción enerxética, senón ao mantemento dun sector industrial puxante que botamos a perder no novo escenario.
Canto ao naval, o Goberno galego non foi quen de facer realidade os seus insistentes anuncios de novas contratatacións e non explicou aínda o futuro dos supostos investimentos de PEMEX. Mentres tampouco foi quen de defender a xeito a capacidade técnica e produtiva do naval ferrolán fronte á xestión catastrófica dunha ineficiente e centralizada Navantia. De pouco valen os supostos Gobernos amigos se non somos quen de influír nas súas decisións.
As responsabilidades por omisión da Xunta na liquidación parcial do subsistema financeiro galego e na ausencia dunha política de reindustrialización tampouco son alleas a esta atonía económica. O crecemento esixe de proxectos e de financiamento e non casa coa perpetuación da austeridade.

Feijoo agravou a recesión

A depresión económica que sofre Galicia ten dimensión europea e veu determinada, en moi grande medida, polas dúbidas, inacción ou manifestos erros tanto das Institucións da Unión Europea como dos Gobernos Zapatero e Rajoy. Culpar o Goberno Feijóo sería, xa que logo, inxusto.
Mais é evidente que Feijóo adoptou dende a primavera do 2009 unha liña de goberno marcada pola obsesión da austeridade, da consolidación orzamentaria. E ocorría na altura que a economía galega e, nomeadamente, algúns dos sectores consolidados ou emerxentes (enerxías renovábeis, tecnoloxías da información e comunicación, industrias audiovisuais e culturais, automóbil) precisaban de selectivas políticas de fomento e innovación que foron practicamente arquivadas (agás parcialmente as do automóbil) coa chegada de Feijóo a Monte Pío. Outros sectores (naval, mar-industria, agrogandeiro, monte-industria) padecían o desleixo histórico do Goberno español cara eles, polo que precisaban dun acompañamento continuo do Goberno galego e dunha acción exterior decidida de promoción, que tampouco existiu, agás no que atinxe ás xestións mexicanas -aínda sen froito coñecido-.
A Xunta liquidou de feito á súa ferramenta financeira, o IGAPE, mentres asistía pasivamente á venda do Pastor ao Popular e ulterior dilución da Fundación Barrié no seo deste e á venda do Gallego ao Sabadell. E non foi quen a acadar do Goberno Rajoy igual trato para NCG Banco e Bankia, malia partillaren a entidade galega o carácter sistémico desta.
Das resultas deste proceso, o Goberno Feijóo agravou a nosa recesión: na construción naval pasamos, dende 2010, de representarmos o 50% da produción estatal a só o 24%, os nosos subsectores de enerxías renovábeis, TICs e industrias audiovisuais e culturais enfrontaron o peche ou deslocalización, o investimento en I+D+I baixou a niveis de 1993, sen que os sectores agrogandeiro, forestal e monte-industria coñecesen medida eficaz ningunha nestes anos.
Feijóo aínda pode mudar un chisco este proceso se mantén Novagalicia como oferta autónoma de banca minorista para pemes e crea un instrumento financeiro público para Banca corporativa de empresas de certa dimensión. Porén, semella que para o primeiro fáltalle o poder e para o segundo a vontade.

Os abusos da banca

Nos últimos días os tres xigantes da banca española (BBVA, Santander e Caixa Bank) coincidiron en desacreditar a opción do Fondo Gugengheim para a adquisición de Nova Galicia Banco polo seu suposto carácter especulativo, cando o certo é que constitúe a única oferta viábel para salvar o emprego, a marca e unha oferta propia de servizos financeiros que limite os terríbeis efectos do oligopolio bancario. De todos os xeitos, resulta chocante esa crítica cando os propios BBVA e Santander son propiedade na súa maioría de Fondos e investidores internacionais.
A fachenda destes xigantes bancarios contrasta coa realidade, na que a banca privada española non cumpre coa súa función social e económica. Reciben do Banco Central Europeo (BCE) a baixo custo inxentes cantidades de recursos que logo prestan caro ao sector público e desatenden totalmente a demanda de crédito das pequenas e medianas empresas, nomeadamente de desconto de bo papel comercial. Demanda de crédito que constitúe a razón última das achegas do BCE. Malia que xa non vendan preferentes seguen a presionar ao seu persoal para que comercialice entre a xente común renda variábel e outros produtos pensados para investidores e non para minoristas. E obrigan aos seus empregados a traballar longas xornadas de tarde sen lles pagar por elas.
As recentes absorcións saldáronse coa perda de centos de postos de traballo, moitos deles ben cualificados e remunerados. Nomeadamente significativos foron os danos xerados pola absorción do Pastor polo Popular, tanto para os clientes galegos como para os empregados. Mais tamén a absorción do Banesto polo Santander produciu un sensíbel recorte do emprego.
A concentración bancaria exclúe dos servizos financeiros a milleiros de familias e pemes galegas. Velaí a necesidade de que a oferta de NCG Banco siga a existir independentemente dos outros operadores bancarios. E a conveniencia de garantirmos un instrumento financeiro da Xunta pensado para a mediana empresa galega, á que a banca privada española cada vez exclúe máis ou lle presta máis caro. Un Instituto Galego de Finanzas que absorbese Xesgalicia e ao inoperante IGAPE actual e que actuase no ámbito da banca corporativa.
Hoxendía a banca privada española no cumpre coa súa función económica e social. Polo menos na Galicia.

Nin crédito nin creto

A peme galega afoga por por falla de crédito. A banca española inviste os cartos baratos que obtén do Banco Central Europeo na ben pagada débeda pública e, suxeita á cobetura do 9% entre recursos propios e alleos, non presta. Mais existe unha grande demanda de circulante baseada en efectos de clientes solventes que a Banca non desconta, condenando á empresa galega a caer nas mans dos usureiros do desconto comercial, cando non á morte. No oligopolio bancario, a limitada capacidade crediticia ao sector privado derívase cara á grande empresa española, a dos sectores regulados e do “capitalismo castizo do BOE”, que pagan uns tipos de xuro do 2,5-3,5 % fronte ao 8-10% que pagan as nosas cando conseguen crédito.
Velaí a necesidade de que Nova Galicia desenvolva banca minorista a pemes e familias no País (límites funcionais e territoriais impostos pola UE), para reducir os negativos efectos do oligopolio bancario e da exclusión financeira. Banca minorista que só será posíbel se non cae nas redes dun banco español. Mais esta subsistencia de Nova Galicia habería ir acompañada da creación dun potente instrumento bancario público, quizais dirixido só ás empresas, para que a Xunta de Galicia puidese vehiculizar unha política de crecemento, desenvolvendo as funcións de soporte do tecido industrial que facían as Caixas e o antigo IGAPE, malia que con mellor criterio estratéxico.
Este fracaso da reforma financeira (a seca crediticia) únese á desindustrialización xeneralizada e perda de posicións nos sectores de futuro, ao altísimo e estábel desemprego, á desmontaxe do Estado do Benestar e aos peores níveis de déficit e débeda públicos. Xa que logo, esta catástrofe tiroulle todo o creto ao Goberno do Estado.
Na Galicia, a maiores, sofrimos un saqueo consentido, cando non planificado, por parte deste Goberno central: quita nas preferentes, machado fiscal ás pensións do extranxeiro, redución real das nosas pensións mínimas, tarifa eléctrica que penaliza o noso esforzo produtor de enerxía, bloqueo dos nosos sectores estratéxicos (mar-industria, naval, enerxías renovábeis, agrogandeiro) e falseamento sistemático dos dados de investimento público estatal. España non é para Galicia, arestora, un bo negocio.