Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.

Núñez Feijóo e os lumes

O Presidente recoñeceu este día no Parlamento que o operativo da Xunta foi totalmente sobardado polos lumes do 15-O. Mais Núñez Feijóo considera que ningún dispositivo de extinción podería parar unha vaga de lumes coma aquela, por mor das condicións de temperatura, vento e seca e polo suposto terrorismo organizado causante dos lumes.
O que non di o Presidente é que coa fin de setembro considerou finiquitada a tempada de risco máximo de lumes, prescindindo dos servizos de 436 traballadores (máis de 60 brigadas). Mais daquela a seca era xa grave e os prognósticos daban temperaturas altas e nada de auga para os días seguintes. O 11 de outubro sabíase xa que para a fin da ponte do 12 habería ventos moi fortes e temperaturas altas e non se adoptaron medidas nin se constituiu un Mando Único. É evidente que con eses 436 integrados, a alarma dada a tempo e un Mando Único operativo as vivendas e infraestruturas viarias e enerxéticas terían sido moito mellor defendidas e non habería 49.000 ha. queimadas.
Por outra banda, case un mes despois non hai evidencia ningunha da existencia de bandas organizadas. Núñez Feijóo coñece a macropescuda dirixida hai poucos anos polo pasado fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, que ditaminou a orixe intencionada da maioría dos lumes, mais tamén a inexistencia de bandas organizadas. Despois dun mes sen novas sobre os terroristas, o argumento do Presidente comeza a insultar a intelixencia da cidadanía.
Canto ao pacto de país contra os lumes, o Presidente emenda á totalidade as súas políticas de prevención e extinción desenvolvidas estes oito anos e medio. Máis Banco de Terras, volta aos 50 m. de mínimo da planta de eucaliptos a respecto das vivendas, medidas de ordenación forestal… Algúns dos eixos fundamentais da política do conselleiro Suárez Canal (BNG) posterior á vaga de lumes do 2006 que Núñez Feijóo deconstruiu ao chegar á Xunta no 2009. Benvido sexa este necesario pacto de País. Mais Núñez Feijóo ten que adoptar, para ser críbel, medidas reparadoras da ineficacia do seu Goberno. Semella que a conselleira do Medio Rural, Angeles Vázquez, e o director xeral de Ordenamento Forestal, Tomás Fernández-Couto, haberían pagar co cesamento pola súa demostrada incompetencia.

Arde Galicia

No solpor do domingo 15 de outubro os 80 lumes da longa ponte deixaran milleiros de hectáreas queimadas e un gravísimo dano ambiental e mesmo existía perigo para a vida humana e para infraestruturas sociais básicas. Estaba cortada a A-52 n’As Neves, a AG-57 (a autoestrada de Vigo a Baiona) á altura de Vincios-Gondomar e a OU-101 de Ourense a Maceda. O fume ateigaba a área urbana de Vigo.
Núñez Feijóo e a conselleira Ánxeles Vázquez eran ben conscientes da seca e da probabilidade de altas temperaturas e ventos do sur moderados ou fortes neste tempo de outono. Mais preferiron falar de Catalunya nos medios e encomendarse ao deus da choiva (que semella será o que nos salve este luns). Na fin de setembro non se lles anovou o contrato a 436 brigadistas, como se só ardesen os montes no verán.
Amais da delongada seca e da presenza dos tres 30 nas temperaturas, velocidades do vento e humidade ambiental, o lume progresa polo moi curto traballo de prevención dun Goberno galego e pola súa fáctica inaplicación da lei de incendios forestais do 2007 (que prioriza a atención extintiva e a prevención nas contornas habitadas e das infraestruturas viarias, sociais e enerxéticas). O traballo de deconstrución do PP liquidou de feito os Bancos de Terras e a reordenación territorial das Unidades de Xestión Forestal. Mentres, a (non) política forestal segue os diktats pirófitos da grande empresa privada ENCE, á que lle interesa un monte galego inzado de eucaliptos que se vendan a baixo prezo.
Coma sempre ao longo destes oito anos e medio do seu Goberno, Feijóo só sabe falar nos media e botarlle a culpa aos outros. Non conten vostedes con el para unha xestión eficiente ou para solucións prácticas. Este domingo os veciños da parroquia viguesa de Valadares houberon loitar sós contra o lume cos seus propios medios, do mesmo xeito que fixeron os mariñeiros arousáns de hai quince anos, canda o Prestige.

A arrincadeira. O despropósito do 155
Toda a xente ecuánime que coñece un chisco Catalunya e profesa os valores democráticos das sociedades avanzadas consideran que intervir ou suspender a autonomía catalá ao abeiro do artigo 155 da Constitución é unha barbaridade. A cuestión catalá amáñase negociando e, no seu caso, votando con garantías, nunca coa Garda Civil. E menos botando man das competencias catalás en seguranza ou educación ou ilegalizando os partidos independentistas.

Xogar con lume

Os hábitos democráticos haberían quitar a crise dos lumes do debate político para analisar o ocorrido e pedir as responsabilidades que procedesen tan logo rematase o perigo da vaga. Mais cúmprense nestas datas dez anos da crise de agosto do 2006. E daquela foi o propio Núñez Feijóo (“es evidente que ha habido relajación por parte de la Xunta”, dicía o entón xefe da oposición) quen usou a vaga de lumes do xeito máis partidista posíbel. A hemeroteca, tamén de fotografías, está aí para dar conta do que facía cada quen. E esta hemeroteca non é agradábel para o Presidente da Xunta.
Mais coñecendo toda a cidadanía que os lumes prenden por accións voluntarias (tamén por temeridade delitiva) en condicións de máxima temperatura e vento e mínima humidade nun territorio cheo de matogueiras, cómpre analisarmos se os sete anos do goberno de Núñez Feijóo melloraron ou non as condicións de prevención e extinción dos lumes. Neste eido, a Lei de Montes do 2012 reduciu de 100 m. a 30 m. a franxa perimetral de protección (isto é, libre de biomasa) dos espazos urbanizados. Ao tempo, o PP aplicábase na deconstrución das medidas estratéxicas do conselleiro nacionalista Suárez Canal para fixar poboación no rural e previr lumes, desmontando o Banco de Terras e as Unidades de Xestión Forestal.
No curto prazo, neste 2016, semella claro que houbo relaxación (cando non certa especulación no alcance dos recortes orzamentarios) na Xunta, que atrasou a campaña -e as contratacións na empresa pública Seaga- ao 13 de xullo, mentres os técnicos en emerxencias da Vicepresidencia anticipaban ao 1 de xullo o periodo de alto risco. Este ano faltaron os cinco avións que había nos anos pasados, ao ficar deserto o concurso. A Xunta di que os vai substituír por helicópteros, pero nesta vaga aínda non entraran en funcionamento. Mentres, agroman queixas de alcaldes pola lentidude en acudir os medios aéreos e de brigadistas de Seaga pola improvisación, falla de medios e condicións de traballo.
O Goberno do PP non ten a culpa dos lumes. Mais si é corresponsábel, dende a súa pasividade especulativa, do agravamento este ano dos seus danos. Non sempre chove en Galicia.

Sen goberno nin presidente

As políticas de austeridade desenvolvidas polo Goberno Feijóo dende 2009 son corresponsábeis da grave desindustrialización de Galicia, que perdeu dende aquela todo o emprego industrial xerado dende fins dos 90. Precisamente o Foro Económico de Galicia atribúelle a grave diferenza entre o crecemento económico galego e o estatal (0,9% fronte ao 2,7% no primeiro trimestre deste 2015) á nosa febleza industrial. 204.000 galeg@s emigraron dende o 2009, nomeadamente os membros das xeracións mellor formadas da súa historia. No 2009 existían cinco entidades bancarias galegas (Caixa Galicia, Caixanova e os Bancos Gallego, Etcheverría e Pastor). Hoxe só fica a rede de Abanca vinculada ao País, malia que propiedade de capital venezuelano. A política económica de Feijóo foi un fracaso, non só pola falla de plan, ideas e confianza no país e nos seus axentes económicos, senón tamén pola grave ineficacia amosada polo seu Goberno.
Mais, nesta fin do verán, a esta ineficacia e falla de ideas uniuse a ausencia do Goberno e do seu presidente. Pechou unha explotación leiteira diaria dende que se liberalizou a venda de leite na Europa, Galicia é o país europeo onde máis barato se vende o leite e Feijóo e a conselleira Quintana non están para defender un sector fulcral para a economía deste país e totalmente prescindíbel para a estatal, como se dixesen “isto non vai connosco”. Na crise do lume da Limia, que queimou 3000 hectáreas, a Xunta estivo ausente, como se fose impotente diante dos lumes e só soubese falar do perigo dos numerosos, mais descoordinados, incendiarios. A demisión da Xunta das súas obrigas gobernamentais é tan evidente que ninguén do Sergas inspeccionou o estado dos servizos e instalacións do novo Hospital de Vigo, contractualmente responsabilidade das empresas adxudicatarias dun contrato pensado nos seus intereses e nos de Povisa.
Percébese, con ducias de milleiros na rúa, que non existe motivación nin folla de ruta no Goberno galego e no seu Presidente. Semella, pois, que a lexislatura remata e só fica ollar cara Madrid. De onde non virán, de certo, as solucións.

Feijoo e os lumes

Falando dos lumes forestais un xa non sabe se os responsábeis políticos da Xunta non se enteiran ou insultan á nosa intelixencia.
Hai días, boa parte do noso País sofría os tres trintas: temperaturas de máis de 30 graos, ventos de máis de 30 km/h e unha humidade relativa inferior ao 30%. Producíronse, pois, un alto número de incendios que queimaron milleiros de hectáreas. E como reaccionaron os nosos gobernantes? O Presidente Feijóo laiándose da benignidade das normas penais cos delincuentes incendiarios. E Tomás Fernández Couto, que leva dirixindo a Administración forestal de Galicia vinte anos (quitando de setembro 2005 a abril do 2009) botándolle ás culpas aos concellos e aos cidadáns que non limpan as súas fincas.
O abandono de grandes áreas do medio rural e, xa que logo, o dominio do mato e máis a despoboación do noso campo fornecen do combustíbel preciso ao labor dos incendiarios. Cunha tal cantidade de mato e coas condicións ambientais chamadas dos tres trintas os lumes son seguros e tamén é moi probábel a súa capacidade de facer dano. Por outra banda, sabemos dende hai anos, polo macroestudo coordinado polo anterior Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, que máis do 90% dos lumes na Galicia son intencionados, malia que non existan tramas criminais no monte galego e si unha chea de pequenos individuos que procuran coas súas accións cativas vantaxes persoais ou que actúan polo seu illamento social (moitas son persoas pouco relacionadas coa contorna e de moi baixo nível cultural e intelectual).
Sabe ben a Xunta de Galicia que o problema dos lumes non se mellora co Código Penal, senón con prevención, independentemente de que haxa que manter un sistema acaído de extinción. Pero resulta que os instrumentos de prevención despregados polo conselleiro nacionalista Suárez Canal despois da vaga do 2006 (Unidades de Xestión Forestal, empresa pública SEAGA) foron suprimidos e os servizos de extinción recortados e parcialmente privatizados.
Despois da inacción destes seis anos de Goberno Feijóo está a pasar o lóxico.