A xogada de Villar Mir

O Grupo Villar Mir é propietario do 57 % de Ferroglobe –o 43 % restante pertence aos socios da compañía norteamericana Globe Speciality Metals–, empresa titular de seis concesións administrativas para a produción de enerxía hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande do Porto, na nosa Costa da Morte. Estas concesións son inescindíbeis da actividade industrial das fábricas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría –400 postos de traballo directos e indirectos–, segundo ditaminou no 1994 a Xunta no título concesional e foi logo confirmado polo TSXG e polo TS, que desestimaron os recursos de Villar Mir contra ese carácter inescindíbel. Ferroglobe tamén é propietario dunha fábrica de silicio en Sabón-Arteixo e desenvolve alí un proxecto de I+D para fabricar silicio solar, que dá emprego a 29 traballadores.
Ferroglobe sostén unha grande débeda financeira e di precisar a venda das centrais hidroeléctricas, existindo un acordo de venda definitivo, só pendente da aprobación por Augas de Galicia, da escisión das concesións hidroeléctricas. O fondo canadense Brookfield pagaralle polas concesións –é dicir, polo dereito a explotar privativamente a nosa enerxía hidroeléctrica– 255 millóns de euros.
Ferroglobe manifestoulle aos sindicatos estatais que só a venda das concesións podería salvar os empregos das fábricas. Velaí que os sindicatos estatais apoiasen esa escisión das concesións como suposto único instrumento para viabilizar un Plan Industrial que garanta o mantemento do emprego nas fábricas do Grupo no Estado. A CIG rexeitou negociar este acordo, que conta coa oposición unánime de todos os traballadores do Grupo na Costa da Morte e dos alcaldes todos da bisbarra.
Ferroglobe afirmou que a Xunta haberíalle permitir a escisión das concesións antes do 31 de maio para que sigan en vigor os compromisos do Plan Industrial. Malia esta urxencia, a solicitude de escisión presentouse en Augas de Galicia o 11 de maio e arestora (27 de maio) está pendente dun informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta.
Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo e a principal actividade industrial dunha bisbarra economicamente deprimida. Porén, os 255 millóns de euros que potencialmente entren na caixa de Ferroglobe non garanten en absoluto o mantemento do emprego das fábricas de silicio na Coruña, máis aló do valor da sinatura dos directivos do Grupo Villar Mir no acordo asinado en Madrid o 8 de abril último. E nin Villar Mir, propietario do 57 % de Ferroglobe, nin o presidente desta empresa, o seu xenro Javier López Madrid, semella que teñan a máis mínima credibilidade, á vista das sospeitas sementadas pola súa actuación persoal e empresarial. Non só polas pescudas que coñecemos da Operación Lezo, senón polo desleixo na xestión industrial do Grupo en Galicia. A factoría de Cee está como hai trinta anos e Ferroglobe leva máis de vinte incumprindo a promesa de instalar o forno número trece.
Xa que logo, o Plan Industrial aprobado en Madrid é un mero desideratum. Autorizar a venda das centrais eléctricas de Ferroglobe separadas das fábricas de ferroaliaxe sería un erro moi grande que xeraría toda clase de sospeitas, á vista da falla evidente de argumentos xurídicos e económicos.

Os sumidoiros do estado

Téñome por persoa de lei. Ou, como diría a finada da miña aboa Antonia, por un home de orde. Velaí que cando foi o 11-M, no xa lonxano 2004, acreditase no relato do Ministro do Interior polo menos durante as primeiras tres ou catro horas, até que ben clariño ficou que mentía. Como mentira o seu Goberno todo poucos meses antes, canda a catástrofe (ambiental e democrática) do Prestige. Dende entón sigo a defender aos funcionarios policiais, mais desconfío sempre dos seus mandos políticos, quer Ministros do Interior, Directores Xerais da Policía e Garda Civil, quer Delegados do Goberno ou determinados Comisarios Xerais pata negra, que cren só responder perante o seu Ministro e a Historia.
Existen xa probas de cargo abondas que demostran a conspiración delictiva, cando non a autonomía de actuación á marxe de calquera control democrático, de enteiras unidades policiais. A chamada Policía Política ou Policía Patriótica, creada polo anterior Ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, semella xa unha realidade acreditada. Unha Policía usada fraudulentamente para combater o independentismo catalán -pacífico, cómpre non esquecelo-. Arrepiamos coas gravacións onde o Ministro animaba ao Xefe da oficina Anti-fraude catalá para espiar parentes de Francesc Homs, Artur Mas ou Oriol Junqueras, prometéndolle apoio aberto dende a Fiscalía e gabándose ambos os dous de terlles “desfeito a sanidade catalá”.
Que dicir do comisario Villarejo, sospeitoso de ferir a coitelo a unha doutora supostamente acosada polo Presidente de Ferroglobe, Javier López Madrid e de usar os medios da Administración en beneficio da súa axencia de información? Ou das interferencias a respecto das pescudas policiais sobre o duplex do ex presidente madrileño, Ignacio González, na Costa do Sol? Ou do absoluto ridículo de lle atribuir ao entón alcalde barcelonés, Xavier Trias, a titularidade dunha conta falsa en Suiza?
Pois ben, até de agora só o Parlament catalán abriu unha pescuda oficial sobre estes feitos delictivos, mentres que PP, C’s e, até de agora, o PSOE (boa oportunidade para que Pedro Sánchez amose a remuda de paradigma) bloquearon até de agora calquera investigación a serio dende o Congreso dos Deputados.
Nunha democracia só nos poden investigar por orde xudicial. O outro chámase Estado policial ou Estado autoritario.

A chantaxe de Villar Mir

O Grupo Villar Mir é propietario do 57% de Ferroglobe, empresa titular de seis concesións administrativas para a produción de enerxía hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande do Porto, na nosa Costa da Morte. Estas concesións son inescindíbeis da actividade industrial das fábricas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría (400 postos de traballo directos e indirectos), segundo ditaminou no 1994 a Xunta no título concesional e foi logo confirmado polo TSXG e polo TS, que desestimaron os recursos de Villar Mir. Ferroglobe tamén é propietario dunha fábrica de silicio en Sabón-Arteixo e desenvolve alí un proxecto de I+D para fabricar silicio solar, que dá emprego a 29 traballadores.
Ferroglobe sostén unha grande débeda financeira e di precisar con urxencia (este mesmo ano) da venda das centrais hidroeléctricas, coas que conta ingresar 255M€ do fondo canadiano Brookfield. Velaí que aprobase un acordo cos sindicatos estatais para que apoien esa escisión das concesións como único instrumento de viabilizar un Plan Industrial que garanta o mantemento do emprego nas fábricas do Grupo no Estado. A CIG rexeitou negociar este acordo, que conta coa oposición unánime de todos os traballadores do Grupo na Costa da Morte.
O asunto está claro. Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo e a principal actividade industrial dunha bisbarra economicamente deprimida.
Porén, os 255 M€ que potencialmente entren na caixa de Ferroglobe non garanten en absoluto o mantemento do emprego das fábricas de silicio n’A Coruña, máis aló do valor da sinatura dos directivos do Grupo Villar Mir no acordo asinado en Madrid o 8 de abril último. E nin Villar Mir, propietario do 57% de Ferroglobe, nin o Presidente desta empresa, o seu xenro Javier López Madrid, semella que teñan a máis mínima credibilidade, á vista das sospeitas sementadas pola súa actuación persoal e empresarial. E non só polas pescudas que coñecemos da Operación Lezo.
A Xunta non ten razóns xurídicas, económicas nin políticas para apoiar un Plan Industrial que é mera expresión dun desideratum. Autorizar a venda das centrais eléctricas de Ferroglobe separadas das fábricas de ferroaliaxe sería un erro moi grande que xeraría toda caste de sospeitas.

Iguais ca todos

As persoas que tivemos a sorte de que nos desen unha educación orientada á liberdade responsábel (“Xoanciño, fai o que ti creas que cómpre, pero non fagas o ridículo”) sentímonos un pouco roibos coa lectura dos whatss enviados polo Xefe do Estado e a súa dona ao seu común amigo López Madrid. Xenro de Villar Mir, penalmente investigado no asunto dos cartóns black de Bankia por gastos sen xustificar superiores aos 34.000 euros e que xa declarara en relación co financiamento ao PP en diñeiro negro na contía de 1,8M€.
Ben, pois toda esta información achábase ao dispor do Rei e da Raíña e, porén, non dubidaron en lle amosar ao López Madrid o seu apoio, quer considerando merde toda teimuda realidade que se interpuxese co seu amigo, quer convidando a xantar ao día seguinte a un individuo deste dubidoso comportamento. E isto só catro meses despois de xurar o mandato real.
Vai para os dous anos o Vello Rei tivo un detalle moi feo: ir cazar elefantes a Botswana coa que estaba a caer. E aos listos do establishment ocorréuselles unha operación para resgatar ao soldado Ryan, quere dicir, á Coroa. Porían no seu sitio ao Fillo, home da miña xeración e abondo preparado. A inmediata distancia que o novo Rei puxo coa súa irmá e o seu cuñado facía albiscar que a remuda lampedusiana podía causar bo efecto aparente.
Mais estas revelacións volven pór ao novo Rei e á súa dona a xogar na liga que xogaba o seu pai: a das persoas que se senten á marxe dos efectos das normas xurídicas e das convencións democráticas. E isto é bastante grave. E non só porque chova sobre mollado. Que tamén.
É grave porque o enorme déficit democrático da Coroa só se vai diluíndo se a Institución é eficaz na plurinacionalidade española e se é exemplar. Da eficacia na plurinacionalidade non hai moito que falar. Os propios discursos do Xefe do Estado denotan unha visión tan mesetaria coma a do Real Madrid. E agora resulta que a exemplaridade pode porse en cuestión.
Non só teñen que ser exemplares, senón parecelo. Porque, ao pretender ser depositarios da “auctorictas” sen se someter ao escrutinio democrático, non son iguais ca todos.