Dereito penal do inimigo

Unha corte de apelación do Tribunal Supremo (TS) constituída para resolver o recurso de Oriol Junqueras contra a prisión preventiva acordada polo maxistrado instrutor do mesmo Tribunal, Pablo Llarena, rexeitou o recurso do líder catalán, por considerar que existía risco fundado de reiteración delictiva, malia o compromiso de respecto á legalidade expresado polo preso político.
Porén, o verdadeiramente grave desta resolución xudicial son as súas conclusións, constituíndo corpo doutrinal dende as desaqueladas teses da Fiscalía Xeral do Estado e do maxistrado Llarena a respecto da aplicación do delicto de rebelión aos líderes do procés, nunha interpretación dos feitos e aplicación dos tipos penais mais propia dunha sentenza definitiva ca do limitado coñecemento propio dunha resolución cautelar e provisional.
O artigo 472.5 do Código Penal (CP) castiga como rebeldes aos que declaren a independencia dunha parte do territorio do Estado alzándose de xeito público e violento. Mais até de agora constitúe feito non controvertido, mesmo internacionalmente, o carácter esencialmente non violento do procés. Os propios maxistrados do TS recoñecen que non consta que Junqueras participase en feitos violentos nin dese ordes directas para desenvolver esta caste de accións. Pero para a corte de apelación do TS a violencia existe dende o intre no que Junqueras, como vicepresidente catalán, debeu pensar que o desenvolvemento do procés podería causar reaccións de violencia lexítima por parte do Estado. Para o TS, a pacífica ocupación dos colexios electorais constituiu a causa das violentas actuacións policiais do 1-O que, xa que logo, serían tamén da responsabilidade de Junqueras e integrarían ese elemento de violencia que esixe o devandito artigo do CP para que exista o delicto de rebelión.
Velaí a revirada aplicación da Lei que fai o TS, impropia dun Dereito Penal dos cidadáns, o único posíbel nos Estados democráticos. Semella máis ben que se está a aplicar un Dereito Penal do inimigo, propio dun estado de excepción non declarado. E a aplicación do concepto de inimigo no Dereito interno sempre foi o xerme da destrución autoritaria do Estado, segundo o profesor Raúl Zaffaroni.
Como vén de escribir o constitucionalista Javier Pérez Royo: “esto no puede acabar bien nunca”.

Estado de excepción de facto

A semana catalá amosou ao Estado vulnerando en todas as frontes o autogoberno da Generalitat dun xeito abertamente ilegal. Porque Rajoy optou por evitar a vía excepcional do artigo 155 da Carta Magna (como nos explica o constitucionalista Javier Pérez Royo) para non estar limitado polos marcos propios da resolución do Senado que lle outorgaría a habilitación, pero suxeita aos limites temporais e finalistas propios da súa natureza. Tampouco quixo proporlle ao Congreso a declaración dos estados de sitio ou excepción, consciente do rexeitamento que lle oporía a súa maioría absoluta. Rajoy promulgou de feito un estado de excepción propio da lóxica xurídico-política dun Carl Schmitt que coidábamos morto hai un lote de anos.
Para acadar os efectos deste réxime excepciónal de feito, Rajoy botou man do brazo gobernamental das Fiscalías Xeral do Estado e Superior de Catalunya (lembran agora aquel “la fiscalía te lo afina” do exministro Jorge Fernández Díaz?) para deter catorce altos cargos da Generalitat no decurso dunha investigacion xudicial que tecnicamente xa habería estar pechada e acumulada á pescuda do TSJ de Catalunya que investiga ao presidente, vicepresidente e conselleiros da Generalitat. A mesma Fiscalía Superior que pon aos Mossos ás ordes do Ministerio do Interior sen ningunha caste de alicerce legal, xa que Rajoy non quixo activar os que tiña ao seu dispor para non verse limitado polas súas esixencias normativas.
Mentres, Montoro, tamén sen bases legais, suprimiu a autonomía financeira da Administración catalá. Mentres, asistimos ao chafalleiro espectáculo da citación de 700 alcaldes ou do actor que presentou o acto polo si de Tarragona. Mentres, o Ministerio do Interior enche Catalunya de policía estatal, cando a convivencia democrática está totalmente garantida polas Policías catalás.
Este estado de excepción de facto estalle a facer un dano letal á imaxe internacional do Estado e á propia convivencia entre españois. È posíbel que ninguén se decate en Madrid?