Angrois: haberá investigación independente

Catro anos da catástrofe de Angrois, semella que teremos unha investigación independente, no canto da parcial investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, sometido ao control político da ex ministra Ana Pastor. A nova dirección do PSOE vén de pedir no Congreso unha comisión independente para a pescuda do sinistro, rachando deste xeito o pacto de ferro que até de agora mantiña co PP para pechar en falso o caso Alvia, nunha clara defensa da xestión do antigo ministro José Blanco. Un ministro que inaugurou a liña Ourense-Santiago de Compostela en decembro do 2011, sen unha avaliación integral da mesma, das modificacións do proxecto e, nomeadamente, da condicións de seguranza da bifurcación d’A Grandeira, en clara vulneración da Directiva Marco de Seguranza Ferroviaria do 2004, como acreditou hai un ano xusto a Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
Este pacto de ferro impediu até de agora unha investigación parlamentaria e administrativa independente e puxo moitas chatas nas pescudas xudiciais. Velaí os atrancos da Vicepresidencia á continuidade dos peritos, nomeados polo xuíz Aláez, Hugo Ramos e Alfredo Matesanz, substituídos por dous funcionarios da Xunta sen experiencia ferroviaria. En outubro do 2015 o xuíz Lago Louro, novo titular da investigación xudicial, rexeitaba novas dilixencias de proba e máis a imputación doutros terceiros alleos ao maquinista. Semellaba, pois, pechada a vía ao coñecemento da verdade.
Mais a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que a Comisión Europea e a ERA escoitasen aos representantes das vítimas, mentres os avogados destas recorrían a decisión xudicial acadando da Audiencia compostelá a reapertura da investigación xudicial en maio de 2016. Dous meses despois a ERA, a instancias de Ana Miranda, descualificaba a investigación da española CIAF por parcial e incompleta e ratificaba a gravísima infracción cometida por España. Mais o pacto de ferro PP-PSOE impedían as investigacións parlamentarias en Compostela e Madrid.
Agora ergueuse o pano no Congreso. Teremos, pois, unha investigación independente. O PP fica só na defensa da escuridade.

No país dos cegos

Con máis do 90% dos votos escrutados, Pedro Sánchez obtén unha grande maioría (49,8% fronte ao 40,2% de Susana Díaz e o 10% de Patxi López) que despexa case todas as dúbidas a respecto da clara hexemonía que adquire no partido. Porque, agás en Andalucía e Aragón (aquí por moi pouco) gañou en todos os territorios, mesmo en Asturies, País Valenciâ, Castela a Mancha e Estremadura contra cadanseus Presidentes autonómicos. Dominará, pois, a organización federal e case todas as autonómicas, que celebrarán cadanseu Congreso nos vindeiros setembro e outubro.
No noso País a vitoria de Sánchez Castejón constitúe unha auténtica malleira (66% fronte ao 23% de Díaz e o 7% de López), sobre todo diante do apoio pechado outorgado á Díaz polos grandes baróns do PSdeG (Abel Caballero, Carmela Silva, Pepe Blanco, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Fran Caamaño, mesmo dende fóra apoiouna Paco Vázquez). Galicia, xunto con Catalunya (82% de votos pro Sánchez) foi dos territorios onde menos callou o relato da nación grande e única da líder andaluza, certamente desvencellado do xorne e angueiras das nacionalidades e da España urbana. O resultado, como o das primarias que gañou Xaquín Leiceaga, prognostica un Congreso galego que rachará co vello PSOE e ratificará a alternativa plural fronte a Feijóo. Pilar Cancela, Valentín Formoso, Gonzalo Caballero, Lara Méndez e quizais Leiceaga serán algúns dos novos dirixentes, malia que o modelo de partido mudará cara un meirande empoderamento das bases.
Sánchez Castejón non é ningún crack, mais soubo percibir a fonda desafección dos seareiros socialistas coa involución de Zapatero (2010), co Goberno de Rajoy (2011-2015) e, sobre todo, coa abstención socialista ordenada pola Xestora que lle deu a presidencia a Mariano Rajoy. E gañou fronte ao cerco mediático de Madrid e fronte Felipe González, Alfonso Guerra, Zapatero, Rubalcaba e case todos os protagonistas dun PSOE que lle foi mercando o relato social, económico e territorial ao PP ao longo destes anos, mentres os seus electores vían como empeoraban as súas condicións de vida e, nomeadamente, como os seus fillos e netos non podían integrarse nunha sociedade cada vez máis desigual.
Porque, se algo amosou esta xeira, foi que a xente xa non admite calquera intermediación, senón que quere responsabilizarse das súas decisións e rachar, seguramente que dende a tranquilidade, co que hai. Para ir noutra dirección.

As aldraxes do centralismo

O discurso que adoita desenvolver o bipartidismo dinástico, o bipartidismo unionista, para xustificar a subordinación dos intereses galegos aos estatais é a ladaíña esa da falsa solidariedade: “os galegos somos uns pobriños e precisamos da solidariedade do Estado. Logo precisamos máis España e moita España”, pensan en realidade Rajoy, Feijóo, Ana Pastor, Abel Caballero, Carmela Silva ou Pepe Blanco.
Imos con algunha destas aldraxes. No eido da mobilidade, a suposta solidariedade española tradúcese en 40 € (ida e volta) por viaxar de Ferrol a Tui pola autoestrada AP-9. Unha autoestrada que incrementou en case o 37% as peaxes entre 2010 e 2015. Unha vía que non ten alternativa real na rede de estradas gratuítas. Mentres, casteláns e andaluces transitan por autovías de balde entre as súas principais cidades e Madrid conéctase con todo o territorio do Estado por unha rede radial de autovías libres de pagamento. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia da autoestrada. Non por acaso é a terceira máis rendíbel.
Conectada coa aldraxe anterior está a da xestión do tránsito rodado. O Parlamento de Galicia, por iniciativa do nacionalista Anxo Quintana, propuxera a transferencia do tráfico por unanimidade no 2008 e esta foi vetada no Congreso no 2010 polo PP e PSOE. Por que este interese en reter esta competencia? Para xestionaren as multas. Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016, onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia das competencias de tránsito.
Que dicir da aldraxe ferroviaria? Sevilla cumpre 25 anos de AVE mentres Galicia contará co seu aló polo ano 2022, dotado, ademais, dunha soa vía. Mais o panorama do tren de proximidade é moito peor. As viaxes entre Vigo e Porto, Ferrol e A Coruña e Compostela e Lugo son propias dos anos 60 do século pasado. Mais o corredor atlántico é moi rendíbel. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.
Mal negocio fai Galicia co centralismo unionista.

O Alvia e o bipartidismo unionista

A abstención do PSOE vén de impedir que o Parlamento galego crease unha Comisión para a investigación do sinistro do Alvia en Angrois, no que morreron 81 persoas. Precisábanse regulamentariamente un 40 % de deputados (29) e só se acadaron os 20 favorábeis de En Marea e BNG.
PP e PSOE, o bipartidismo unionista, sempre quixeron agachar a verdade do caso Alvia. Tanto polos intereses do lobby construtor do AVE español (que arriscaba un importantísimo contrato na Arabia) canto pola emenda á totalidade á xestión dos ministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP), que puxeron en marcha e mantiveron a liña Ourense-Compostela sen dotala do sistema europeo ERTMS, presente en todas as liñas do AVE español. Un sistema seguro que prevé os accidentes causados por despistes do maquinista.
Feijóo criticou, poucos días despois do accidente, o dano que as críticas e pescudas podían xerarlle ao AVE español como marca e negocio. Rueda parou dende a Consellaría de Xustiza o nomeamento dos peritos independentes Hugo Ramos e Alfredo Matesanz para impor funcionarios da Xunta absolutamente incompetentes para un traballo desta caste, como Lamela e Carballeira. Ana Pastor amañou unha Comisión de Investigación (CIAF), que culpou só ao maquinista. As conclusións desta CIAF foron duramente criticadas pola Axencia Ferroviaria Europea pola súa parcialidade e falla de independencia. Mentres, altos dirixentes do PSOE estatal dicían en público que “el accidente de Santiago fue culpa de un maquinista y no hay nada que investigar”.
PP e PSOE definiron un AVE para todo o Estado e aplicaron na Galicia unha versión devaluada, con curvas perigosísimas como a d’A Grandeira e na que non se garantía a seguranza a medio do sistema de reforzo ERTMS. Mais a reapertura do caso xudicial pola Sección compostelá da Audiencia e o ditame da Axencia ferroviaria europea pode modular no futuro a teimosía do bipartidismo unionista por agachar os gravísimos erros da xestión do ADIF baixo os seus Ministros. Porque a maioría da cidadanía sabe que se lle agachou a posibilidade de coñecer a verdade, culpando de todo ao maquinista.

Angrois ou a desvergoña

A operación político-administrativa para agachar as responsabilidades políticas dos Gobernos de Zapatero (do que era ministro de Fomento Pepe Blanco) e Rajoy (do que é ministra de Fomento Ana Pastor) comezou, en realidade, cando a ministra puxo pé neste País, máis de 24 horas despois do accidente. O obxectivo era duplo: preservar a imaxe do AVE español e, con el, do lobby das grandes construtoras e salvar a PP e PSOE das evidentes responsabilidades políticas.
Vendeuse, logo, a teoría de que as responsabilidades comezaban e remataban no maquinista, mentres se preparaba unha investigación técnica totalmente sometida aos intereses políticos da ministra de Fomento e aos intereses económicos do lobby devandito. Ao tempo, rexeitábanse sucesivamente todas as propostas de comisións de investigación parlamentarias que puidesen depurar as responsabilidades políticas.
Porén, o xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo. A Consellaría de Xustiza bloqueou as periciais que ían desenvolver os enxeñeiros independentes Alfredo Matesanz e Hugo Ramos e propuxo no seu canto a dous funcionarios da Xunta (un deles antigo concelleiro do PP) que desenvolveron traballos moi curtos de metodoloxía e medios, impropios dunha pericial desta caste. Só o outro perito independente, o enxeñeiro Mariñas, achegou un principio de proba que lle permitiu a Audiencia estimar a apelación das vítimas e reabrir o remate da investigación decidido pola Fiscalía e o xuíz sucesor de Aláez.
Agora sabemos, en boa parte grazas a Ana Miranda, que as vítimas morreron porque na liña Compostela-Ourense non estaba implantado o sistema de seguranza ERTMS, presente en toda a alta velocidade española e que garante frear o comboio no caso de despiste do maquinista. Sabemos que non se investigou a mecánica do descarrilamento. E sabemos que o PP e o PSOE preferiron o lobby ás vítimas, asumindo tamén a consideración de Galicia como mera sucursal: defínese un AVE para toda España e que sexa Galicia quen mude a orografía ou pague as consecuencias.
Dá verdadeiro noxo semellante desvergoña política.

Gaña Leiceaga, perde Feijóo

As primarias para elixir candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta remataron cunha relativa sorpresa, pois Xaquín F. Leiceaga impúxose a Méndez Romeu (55,67% vs. 44,33%). A participación, arredor dun 65%, foi moi alta, en comparanza coas obtidas en procesos de primarias ou congresuais de Podemos, Anova ou o BNG. Quizais sería porque os dous proxectos eran nidios e definidos. E ía haber, de certo, gañadores e perdedores.
O exconselleiro Méndez Romeu achegaba boa capacidade política e relacional, indubidábel intelixencia e ampla experiencia. Achegaba tamén o apoio do superalcalde Caballero (en Vigo Romeu arrasou cun 77% de votos), da presidenta da Deputación pontevedresa Carmela Silva, dos exministros Caamaño e Blanco, do exalcalde lugués Orozco, do ex secretario xeral Pachi Vázquez e dos restos do vazquismo coruñés. Achegaba o proxecto de hexemonía socialista propio da época do felipismo e do guerrismo, que no 2016 é tan irreal que constitúe pouco máis ca unha desculpa para non artellar a alternativa plural que lle dea o relevo democrático a Feijóo.
Fronte esta potente alianza, Leiceaga achegou o sentido común da afiliación de base (que ten claro que o adversario é o PP e non acredita noutras andrómenas) e un proxecto de País que sempre lle acompañou e que lle vai permitir participar con forza nunha coalición galeguista e progresista de goberno, no caso moi probábel que PP e C´s non acaden no vindeiro outubro a maioría absoluta.
É chocante ler que a escolla entre F. Leiceaga e M. Romeu era puramente de persoas ou de grupos. Porque non era tal. Tratábase de decidir entre un proxecto de cambio, con perspectiva de País ou a recreación dun pasado localista e xacobino, en conexión con aqueles que semellan preferir Rajoy ou Feijóo a lle ofrecer á cidadanía unha alternativa plural que mellore a calidade da nosa democracia, que aposte polo crecemento e que enfronte as reformas precisas para lle dar canle á plurinacionalidade do Estado.
Velaí que o perdedor destas primarias sexa, moito máis ca Méndez Romeu e os seus aliados, o propio Núñez Feijóo. Porque agora, coma no xa distante 2005, enxérgase unha moi probábel alternativa plural que sexa quen de arquivar o austeritarismo romo e falto de xestión e ilusión que definiu estes sete anos de goberno do PP no noso País.

Responsables no caso Angrois

A sección da Audiencia con sede en Compostela vén de reabrir a investigación do accidente do Alvia (xullo 2013), anulando a resolución que pechara a mesma e ordenara abrir xuizo oral só contra o maquinista. O Xulgado agora haberá pescudar moito máis polo miúdo, nomeadamente porque ADIF non identificou a xeito o problema de seguranza da propia curva de Angrois, verdadeiramente perigosa, ao emerxer o seu risco de súpeto e sen transición.
A Audiencia non considera, porén, que a falla do novo sistema de seguranza ERTMS sexa delitivo por si propio. Mais abre unha porta a relacionar o grave perigo da curva de Angrois coa falla de medidas de seguranza que eviten dependermos dun só home. Porque no actual sistema de seguranza ASFA prevese que o maquinista poida perder a conciencia, mais non as distraccións, como si prevé o ERTMS. Xa que logo, a grave responsabilidade de ADIF sería permitir que na transición dun treito seguro a unha curva moi perigosa que esixe baixar a velocidade de 200 a 80 kms/h dependeramos dun só home. Dependencia que non existe nas liñas da Alta Velocidade Española (AVE) reais, é dicir a de Valencia, Sevilla ou Valladolid-Zamora. Velaí que sexa posíbel mesmo ampliar a condición de investigado a determinados responsábeis de ADIF pola omisión de medidas de seguranza.
Mais alén das responsabilidades penais están as responsabilidades políticas. Esas que non queren asumir un PP que agachou esas graves chatas de seguranza dende que chegou ao Goberno e un PSOE que inagurou a liña Ourense-Santiago de Compostela ás presas, sendo Pepe Blanco ministro en funcións. O que explica non ter mellorado a fasquía da curva, omitir o sistema ERMTS e outras deficiencias a respecto do verdadeiro sistema AVE implantado noutros territorios do Estado.
Explícanse, deste xeito, os atrancos ás Comisións de investigación nos Parlamentos estatal e nacional, os bloqueos informativos, a falla de investigación administrativa real ou o activismo da Consellaría de Xustiza para substituir os peritos independentes primeiramente nomeados polo xuiz Aláez por funcionarios da Xunta. Algo cheira a podre nos restos dos comboios do Alvia.

A culpa foi do maquinista

O Xulgado de Instrución nº 3 de Compostela vén de rematar a instrución do accidente de Angrois, considerando única persoa presuntamente responsábel do sinistro ao maquinista do tren. O xuíz rexeitou novas probas propostas polas acusacións das vítimas, pechando a posibilidade de acusar terceiras persoas.
Porén, a realidade é que un dos tres peritos xudiciais, César Mariñas, concluíu que este accidente non tería ocorrido se o tren levase equipado o sistema ERTMS, obrigatorio na alta velocidade española. E non o levaba equipado por mor dunha autorización provisional de ADIF do 23 de xuño do 2012, trece meses anterior ao accidente, que non foi acompañada por ningunha medida complementaria ou de reforzo da seguranza. O día do sinistro os viaxeiros do 0730 Alvia eran os únicos usuarios de AVE no Estado que dependían do maquinista. Os demais doutras liñas atopábanse baixo a automatizada protección do ERTMS.
Mais outro dos peritos xudiciais recoñeceu tamén a mala sinalización da perigosa curva d’A Grandeira, pertencente ao antigo tracexado. Cuestión que xa fora advertida polos servizos territoriais da operadora RENFE en decembro de 2011, poucos días despois de que o ministro Blanco abrise oficialmente este tren, a piques xa de cesar como ministro.
En realidade, dous dos peritos (o enxeñeiro industrial e o civil) son funcionarios da Xunta e substituiron aos anteriores peritos xudiciais aplicando o Regulamento galego da xustiza gratuíta que non prevía o caso concreto. O nomeamento destes dous peritos acordouse a requirimento xudicial, polo Departamento do vicepresidente Rueda.
Esta resolución xudicial só pode ser revisada pola Sección 6ª da Audiencia con sede en Compostela. Sección que xa retirou a imputación dos directivos de ADIF acordada polo anterior xuíz Aláez. Mais no mesmo auto no que acordou esta “desimputación”, a Audiencia advertiu que os directivos de ADIF poderían seren imputados outravolta se existisen indicios racionais da súa responsabilidade. E os expertos técnicos e xurídicos opinan maioritariamente que o ditame pericial de Mariñas, emitido posteriormente, demostra a grave responsabilidade de ADIF.
Velaí que a cidadanía e as vítimas, acredoras dunha pescuda a xeito e dun xuízo xusto, agarden por esta última posibilidade, que habería reconcilialas coa fe na Xustiza.

A liquidación das deputacións

As Deputacións constitúen un elemento caduco na actual estrutura xurídico-territorial, que desconfía da autonomía local e da vitalidade da participación política veciñal para planificar os investimentos e as obras dende a capital provincial ao abeiro de criterios caciquís, suplantando a vontade expresada polos propios concellos. Para máis, na nosa Galicia constitúe unha disfunción que duplica gasto e que limita a eficacia da acción de goberno da Xunta.
Ademais de se tratar de estruturas pouco democráticas (os deputados son elixidos de xeito indirecto), que só invisten menos dun 25 % dos seus recursos, consumindo en gasto corrente entre o 50 % e o 65 % dos mesmos.
Até de agora, en realidade, só foi indefectíbel o PP na defensa destas caducas institucións, que mesmo Rubalcaba e Pepe Blanco querían suprimir no 2011. Por razóns que agora semellan claras os populares sempre manifestaron que as Deputacións eran para eles parte fulcral do pacto constitucional. E esas razóns ficaron patentes na recente contrarreforma local de Rajoy e Montoro, que potenciou moi substancialmente as competencias das Deputacións a respecto da prestación de servizos municipais nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Catro Deputacións fortes en Galicia limitan a autonomía local e unifican á baixa a calidade dos servizos municipais, servindo tamén de canles para a privatización dos servizos a prol de grandes grupos madrileños ou multinacionais. E sempre serán instrumentos para mancar ou limitar o autogoberno galego, creando liñas directas das capitais provinciais co Goberno de Madrid sen pasar pola Xunta.
As eleccións locais tiráronlle ao PP o goberno de todas as Deputacións galegas, agás Ourense. Mais non tería sentido que as novas coalicións de centro-esquerda xestionasen coma os gobernos provinciais do PP. Cómpre unha gobernanza dirixida primeiro á implantación da transparencia nestas institucións escuras. E, despois, a preparar o camiño para liquidarmos as Deputacións galegas, transferindo os seus medios materiais e humanos á Xunta e aos concellos. Dacordo co criterio case unánime de cidadáns e expertos e no marco da reforma constitucional máis ampla ou limitada que xurdirá das eleccións xerais deste outono.

As responsabilidades políticas de Angrois

No aniversario da catástrofe de Angrois o primeiro que cómpre é respecto e memoria. Respecto polas vítimas e memoria do civismo humanitario dos veciños de Angrois e dos outros voluntarios e da competencia, profesionalidade e entrega dos empregados públicos e do persoal dos medios que edita esta Casa (Grupo El Correo Gallego).
Dito isto, cómpre tamén botarlle unha ollada á marcha das pescudas. O xuíz Aláez xa non está á fronte da instrución, mais fixo até de agora un bo traballo, moito máis en comparanza coa parcial e amañada investigación de Fomento, só orientada para salvar as responsabilidades dos Ministros José Blanco e Ana Pastor e para facer do maquinista Garzón o inimigo público. Mais a instrución xa nos deprendeu que o sistema de seguranza ERTMS non estaba instalado por unha decisión expresa de ADIF no verán do 2010, cando está instalado en todos os treitos do AVE e nalgúns convencionais de velocidade media-alta. E que este sistema tería evitado, si ou si, o accidente ao reaccionar automaticamente contra do exceso de velocidade que detectaría no comboio ao chegar á fatídica curva.
Sabemos máis. No proxecto orixinal suprimíase a curva d’A Grandeira, mantida en último de contas, malia a súa perigosidade, pola obsesión de Blanco por inaugurar o treito ferroviario Ourense–Santiago antes do seu cesamento. E, de feito, inaugurouse o 10 de decembro do 2011, cando só lle quedaban a Blanco cinco días no Ministerio. E xa neses días eleváronse as primeiras queixas do persoal de Renfe polo desaquelado da seguranza nese último treito e, nomeadamente, nesa curva. Sen resposta de ADIF.
O que anuncia, con alta probabilidade, que haberá máis responsábeis penais canda o maquinista e, de certo, gravísimas responsabilidades polìticas que apuntan, quer por acción, quer por omisión, aos ministros Blanco e Pastor e a PP e PSOE coincidentes en lle botar terra ao asunto e termar en dicir, urbi et orbe, que esta terríbel desgraza foi causada por un só home.