O bloqueo das solucións políticas

O proceso de debate do novo Estatut catalán de 2006 e máis o talante supostamente autonomista do Goberno de ZP sementaron en moitos a idea de que a Constitución española de 1978 era quen de evoluír cara un Estado plurinacional onde encaixasemos diversas nacións do Estado. Na Galicia tamén se avanzou substancialmente cara un novo Estatuto no 2006. Até o extremo que xa estaba consensuado un texto ao 95% entre PP, PSdeG e BNG.
Mais o PP optou por rachar os consensos, xerar división social e defender unha idea de España anacrónica, autoritaria e uninacional. Feijóo bloqueou o novo Estatuto na súa xuntanza a tres co Vicepresidente Anxo Quintana e co Presidente Touriño. Mentres, Rajoy, xa líder do PP, recorría perante o Tribunal Constitucional (TC) o Estatut catalán, avivaba o lume da catalanofobia recollendo sinaturas nas praias e bloqueaba o anovamento do TC para evitar unha sentenza que declarase constitucional o Estatut.
En xuño do 2010 o TC “mandó a parar” cunha sentenza que declarou inconstitucionais as principais solucións para avanzar no autogoberno catalán, sendo a primeira vez que se anulaba un texto ratificado antes pola cidadanía. Rachouse, pois, o pacto estatutario entre o Estado e Catalunya e implicitamente a propia Constitución, demostrándose que a interpretación dominante da Constitución impedía a evolución de España cara á plurinacionalidade.
Esta dinámica separadora fixo abrollar o independentismo catalán, até entón en níveis do 10%. O President Mas tentou en setembro de 2012 un pacto sobre financiamento que substituíse a normativa económica do Estatut do 2006, declarada inconstitucional, mais a resposta de Rajoy foi de rexeitar calquera solución negociada.
Dende aquí o Goberno do Estado seguiu na súa teima de negar toda solución política, quer unha reforma constitucional que ratificase os avances estatutarios do 2006, quer un referéndum consultivo, que máis do 70% dos cataláns pedían. Un plebiscito perfectamente constitucional consonte co artigo 92 da Carta Magna.
O bloqueo das solucións politicas permitiu rearmar o nacionalismo español, ariete dunha recentralización que interesa a grande parte do Madrid financeiro, económico e mediático e non interesa nada a Galicia. O bloqueo ás solucións políticas está a prexudicar a convivencia, quizais de xeito irreparábel.

Catalunya triomfant? Os fitos do procés

Este é o artigo publicado no número 47 da revista Luzes. Pode descargarse aquí: Catalunya triomfant? Os fitos do procés. Xoán Antón Pérez Lema Luzes. Setembro de 2017, ou ler a continuación:

No país dos cegos

Con máis do 90% dos votos escrutados, Pedro Sánchez obtén unha grande maioría (49,8% fronte ao 40,2% de Susana Díaz e o 10% de Patxi López) que despexa case todas as dúbidas a respecto da clara hexemonía que adquire no partido. Porque, agás en Andalucía e Aragón (aquí por moi pouco) gañou en todos os territorios, mesmo en Asturies, País Valenciâ, Castela a Mancha e Estremadura contra cadanseus Presidentes autonómicos. Dominará, pois, a organización federal e case todas as autonómicas, que celebrarán cadanseu Congreso nos vindeiros setembro e outubro.
No noso País a vitoria de Sánchez Castejón constitúe unha auténtica malleira (66% fronte ao 23% de Díaz e o 7% de López), sobre todo diante do apoio pechado outorgado á Díaz polos grandes baróns do PSdeG (Abel Caballero, Carmela Silva, Pepe Blanco, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Fran Caamaño, mesmo dende fóra apoiouna Paco Vázquez). Galicia, xunto con Catalunya (82% de votos pro Sánchez) foi dos territorios onde menos callou o relato da nación grande e única da líder andaluza, certamente desvencellado do xorne e angueiras das nacionalidades e da España urbana. O resultado, como o das primarias que gañou Xaquín Leiceaga, prognostica un Congreso galego que rachará co vello PSOE e ratificará a alternativa plural fronte a Feijóo. Pilar Cancela, Valentín Formoso, Gonzalo Caballero, Lara Méndez e quizais Leiceaga serán algúns dos novos dirixentes, malia que o modelo de partido mudará cara un meirande empoderamento das bases.
Sánchez Castejón non é ningún crack, mais soubo percibir a fonda desafección dos seareiros socialistas coa involución de Zapatero (2010), co Goberno de Rajoy (2011-2015) e, sobre todo, coa abstención socialista ordenada pola Xestora que lle deu a presidencia a Mariano Rajoy. E gañou fronte ao cerco mediático de Madrid e fronte Felipe González, Alfonso Guerra, Zapatero, Rubalcaba e case todos os protagonistas dun PSOE que lle foi mercando o relato social, económico e territorial ao PP ao longo destes anos, mentres os seus electores vían como empeoraban as súas condicións de vida e, nomeadamente, como os seus fillos e netos non podían integrarse nunha sociedade cada vez máis desigual.
Porque, se algo amosou esta xeira, foi que a xente xa non admite calquera intermediación, senón que quere responsabilizarse das súas decisións e rachar, seguramente que dende a tranquilidade, co que hai. Para ir noutra dirección.

Gobernarmos as estradas

Hai dúas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían moitos problemas e mellorarían o noso benestar: a competencia sobre a AP-9 (a autoestrada do Atlántico) e máis a xestión do tránsito nas nosas vías interurbanas, hoxe nas mans da DXT estatal.
A Garda Civil de Tráfico impón 147 multas por 1.000 habitantes no noso país, mentres que a media nos outros 13 territorios que xestiona (todos menos Navarra, Euskadi e Catalunya, nos que teñen transferidas as competencias e nos que actúa cadansúa policía autonómica) é de 85. É dicir, poñen 170.000 multas máis. Un lote de cartos que perdemos os galegos. Porque Galicia ten unha poboación espallada que precisa moito máis do transporte privado, tendo en conta a nosa carencia de servizos ferroviarios de proximidade.
No 2008 o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) foi quen de artellar unha coalición nacional unánime co PP e PSOE no Parlamento de Galicia para acadar a transferencia das competencias de tránsito. En setembro do 2010 a pulsión unionista de Pepe Blanco, consentida por ZP e pola abstención do PP, rexeitaba no Congreso de Madrid a proposición galega, coa indigna abstención do PP. Pedro Puy (PPdeG) e Xaquín F. Leiceaga (PSOE) non podían aturar a vergoña.
Precisamos dun sistema de regulación do tránsito que mire cara a nosa seguranza vial e non á recadación da DXT e do Goberno do Estado. E, tamén, dunha xestión galega da AP-9, orientada a liberalizar a peaxe na vía máis importante da nosa nación. Para máis, o normal sería, ao tempo, transferirmos a xestión do mantemento das estradas estatais. Cómpre transferir á Xunta, por nidias razóns de economía e operatividade, todos os kms de estradas que absurdamente aínda fican na xestión dun lonxano, incompetente e inoperante Ministerio de Fomento.
Velaí a necesidade desta transferencia. E para xestionármola contamos coa mellor policía territorial de Tránsito, os gardas civís, pero a estrutura xerárquica e militar da Garda Civil faina impracticábel para esta función. Porén, as bases legais do Estatuto e da Lei de Policía galega fan posíbel a xestión galega das estradas.
Claro é que esta legalidade sería unha realidade se o presidente Feijóo e o vice Rueda actuasen na defensa dos intereses galegos e non desenvolvesen a meritoriaxe unionista que desenvolven día a día.

Criminalizarmos as opinións

Até primeiros do 2001, no Dereito Penal español o réxime punitivo a respecto da apoloxía do terrorismo era o xeral que rexía e rexe para toda apoloxía do delicto: só se castiga aquela apoloxía en canto constitúa unha provocación que, ademais, pola súa natureza e circunstancias, supoña un convite directo a cometer un delicto.
Mais un neófito ZP mercoulle a teoría ao peor Aznar do aznarato e, da man do chamado Pacto antiterrorista, aprobouse en decembro de 2000 unha reforma que introduciu un novo delicto destinado só á apoloxía do terrorismo, que pena todo xeito de reivindicación ou xustificación e calquera conduta que, ademais, promova a falla de crédito ou humillación das vítimas. Ou sexa, que temos unha regra excepcional para o terrorismo que non se predica dos asasinatos en xeral, dos crimes machistas ou dos crimes do franquismo. Unha norma excepcional, que representa unha concepción propia do Dereito Penal do inimigo e, polo mesmo, resulta inconstitucional. A Constitución interprétase no eido dos dereitos fundamentais consonte coa xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e máis cedo ca tarde haberemos asistir á anulación das sentenzas que defenden unha interpretación da apoloxía do terrorismo allea á regra xeral da apoloxía do delicto (a última a do Tribunal Supremo condenando ao Strawberry de Def con Dos).
Para entendermos a grandísima trapallada da persecución destas condutas, abonda saber que ETA abandonou a súa actividade hai xa máis de cinco anos. Pois ben, no 2011 abríronse cinco causas por esta caste de delictos, no 2015 25. Non fai sentido ningún, verdade? No canto de perseguir a corrupción ou procurar a nosa seguranza fronte ao yihadismo, policía xudicial, fiscais e xuíces dese Tribunal de excepción –sucesor do franquista Tribunal da Orde Pública– chamado “Audiencia Nacional” adican os recursos que lles pagamos todos para pescudar e mesmo condenar tweets de gamberros, freakies ou descerebrados.
Nas democracias existe un amplísimo respecto á liberdade de expresión. O Dereito Penal do Estado democrático só ha castigar as condutas verdadeiramente lesivas e graves para a convivencia. Nas democracias non se impón pena por opinar, por bárbara que a opinión for.

Diluíndo a corrupción

Vaia por Deus. Correa ía canda o tesoureiro do PP representando a algunha grande empresa que pretendía algunha importante licitación de infraestruturas nos distintos Ministerios. Ía Bárcenas ao Ministerio de quenda e aquelaba o que tiña que aquelar para que a adxudicación correspondente fose para a empresa amiga presentada por Correa. Acadado o éxito, Correa cobraba e llelo daba a Luis Bárcenas. Así até 2004. Claro, resulta que o Goberno Zapatero chegou á Moncloa a mediados de abril dese ano. Ao mellor o fío rompeuse por ese pequeno detalle.
E foilles así. Non pasou máis nada. Correa e Bárcenas. Bárcenas e Correa. E máis ninguén.
Correa ten dereito constitucional a mentir e, sobre todo, a agachar a verdade que lle prexudique. Mais calquera persoa cun mínimo de formación xurídica ou experiencia institucional sabe que para que esa maquinaria funcione cómpre moita peza do Noso Señor. Nomeadamente altos cargos políticos que decidan e planifiquen, mais tamén funcionarios que tramiten e emitan informes e propostas de adxudicación. Velaí que o relato de Correa poña baixo sospeita xeral a xestión toda na contratación pública dos Gobernos do aznarato (1996-2004), por certo todos partillados por Mariano Rajoy como ministro. Non por acaso o caso Gürtel é o caso PP, coma o caso ERES é o caso PSOE-A.
Enténdese agora a implacábel estratexia obstrucionista seguida polo PP de Rajoy contra esta investigación (e as demais separadas do tronco xeral da Gürtel). Apunten: o PP recusou todos os xuíces instrutores: Garzón, Ruz e De la Mata. Tamén criticou acedamente por parcialidade ao maxistrado De Prada que está axuizando este caso e máis á xuíza Freire, instrutora da causa por encubrimento e danos informáticos (lembrarán que alguén na sede xenovesa borrou os arquivos dos ordenadores que usaba Bárcenas). Mesmo veñen de pedir a nulidade da investigación deste xuízo.
Coincide no tempo esta estratexia de dilución da corrupción do PP, de lle tirar a importancia a unha podremia que acada o PP como organización, cos esforzos de Susana Díaz, líder do PSOE de Andalucía, para diluir a corrupción do caso ERES, coa finalidade de salvar aos xenerais Chaves e Griñán.
Semella que diluír a corrupción é parte esencial do pacto de investidura implícito que PP e PSOE van acordar moi axiña.

Angrois ou a desvergoña

A operación político-administrativa para agachar as responsabilidades políticas dos Gobernos de Zapatero (do que era ministro de Fomento Pepe Blanco) e Rajoy (do que é ministra de Fomento Ana Pastor) comezou, en realidade, cando a ministra puxo pé neste País, máis de 24 horas despois do accidente. O obxectivo era duplo: preservar a imaxe do AVE español e, con el, do lobby das grandes construtoras e salvar a PP e PSOE das evidentes responsabilidades políticas.
Vendeuse, logo, a teoría de que as responsabilidades comezaban e remataban no maquinista, mentres se preparaba unha investigación técnica totalmente sometida aos intereses políticos da ministra de Fomento e aos intereses económicos do lobby devandito. Ao tempo, rexeitábanse sucesivamente todas as propostas de comisións de investigación parlamentarias que puidesen depurar as responsabilidades políticas.
Porén, o xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo. A Consellaría de Xustiza bloqueou as periciais que ían desenvolver os enxeñeiros independentes Alfredo Matesanz e Hugo Ramos e propuxo no seu canto a dous funcionarios da Xunta (un deles antigo concelleiro do PP) que desenvolveron traballos moi curtos de metodoloxía e medios, impropios dunha pericial desta caste. Só o outro perito independente, o enxeñeiro Mariñas, achegou un principio de proba que lle permitiu a Audiencia estimar a apelación das vítimas e reabrir o remate da investigación decidido pola Fiscalía e o xuíz sucesor de Aláez.
Agora sabemos, en boa parte grazas a Ana Miranda, que as vítimas morreron porque na liña Compostela-Ourense non estaba implantado o sistema de seguranza ERTMS, presente en toda a alta velocidade española e que garante frear o comboio no caso de despiste do maquinista. Sabemos que non se investigou a mecánica do descarrilamento. E sabemos que o PP e o PSOE preferiron o lobby ás vítimas, asumindo tamén a consideración de Galicia como mera sucursal: defínese un AVE para toda España e que sexa Galicia quen mude a orografía ou pague as consecuencias.
Dá verdadeiro noxo semellante desvergoña política.

Ten solución España?

Revélasenos agora que o goberno ZP-PSOE do 2011 quitou Panamá da listaxe de paraísos fiscais por mor de lle garantir ás construtoras do IBEX 35 a adxudicación das obras da Canle de Panamá. Calquera xerente ou directivo dunha mediana empresa galega contaralles o absoluto desleixo co que miran os servizos diplomático e consular españois os seus esforzos de internacionalización. En Madrid os nosos adoitan ser os do palco do Bernabeu. Non por acaso algúns condenaron Anxo Quintana aos leóns por tentar que a enerxía galega aproveitase á cidadanía e aos emprendedores deste País no canto de favoreceren ao capitalismo de amiguetes do IBEX 35 (agás algunha excepción e, moi nomeadamente, Inditex).
Visto o que vimos, miñas donas e meus señores, cómpre matinar un chisco sobre se a axenda social a executar, as medidas cidadás a desenvolver, poden ser enxergadas dende un Centro, Madrid, pexado cos vicios dun inxusto, ineficiente e atrasado sistema de apropiación, contrario ás máis elementais regras da libre concorrencia, ou dependerán, máis ben, dun proxecto nacional, semellante ao vasco, escocés ou islandés (con cadanseus 2,1 M, 5,1 M e 0,4 M de habitantes). Nós temos 2,7 M.
A cuestión non é nin ideolóxica, nin identitaria, nin esencialista. É, totalmente, pragmática e utilitarista. O Estado español está enfeudado nun capitalismo de amiguetes. A Coroa borbónica é a súa Axencia de Comunicación e o PP, PSOE e, agora, C’s, son os seus valedores partidarios. Cómpre que no que eles chaman periferias ou provincias vaiamos sendo quen a albiscalo.
Velaí que haberíamos entender a xeito os procesos que agachan conceptos como a “unidade do mercado” ou a “dimensión empresarial”. Trátase de que as empresas galegas non poidan gañar a cota de mercado mínima para sobreviviren na concorrencia internacional. Trátase de impor as mesmas regras en Getafe, Cartagena ou Betanzos.
Polo de agora é só unha intuición. Mais teño para min que o cambio político e social na España é ben díficil, con Podemos ou sen Podemos. E que si son posíbeis as fondas remudas no inmediato. Nos concellos, no Parlamento de Galicia e na Xunta, e de aí… para o Norte.

A Santa Alianza

Semella que son millóns os cidadáns españois que prefiren o pluralismo á hexemonía e explorar a cultura do compromiso, tan allea á historia de Castela e tan presente noutras mentalidades ibéricas, como a galega, a portuguesa, a vasca ou a catalá.
Fronte a esta temperatura social, a opinión publicada en Madrid, á destra e á sinistra e os que mandan no capitalismo castizo de amiguetes, na economía regulada (grandes bancos, distribución eléctrica, grandes complexos construtores-concesionais) chaman por unha santa alianza constitucionalista, pola reedición do pacto dinástico entre PP e PSOE, ampliado agora ao comodín de Ciudadanos. Un goberno de ampla base parlamentaria para enfrontar “las reformas pendientes”.
E resulta que as reformas pendentes son as que posibiliten completar a mutación constitucional desenvolvida nos últimos anos. Sacralizar a estabilidade orzamentaria e os recortes e recentralizar o Estado, limitando aínda máis a autonomía do noso País e suprimindo practicamente a autonomía local. Recentralizar para anular os poderes locais e territoriais, próximos á cidadanía e deste xeito, posibilitar a privatización de amplas áreas da acción pública dende unha perspectiva centralista, a prol das grandes empresas concesionais españolas, alicerces dese capitalismo castizo de amiguetes, e en claro prexuízo dos emprendedores galegos. Madrid como factótum dunha España única, cunha única lingua, cultura e clase dirixente.
O PSOE historicamente mercoulle á dereita este discurso. Velaí a redución das prestacións por desemprego (Felipe González, 1992) ou o golpe de temón austerizante de Zapatero en maio de 2010. Velaí como todos os ex do felipismo, dende Rubalcaba ou Corcuera até Ibarra ou o propio González, defenden os intereses desta santa alianza, coa mesma fachenda coa que defenden os intereses desas eléctricas coas que xogan ás portas xiratorias.
Nesta conxuntura, enténdese a xogada de Pedro Sánchez na xunta do sábado 30 do máximo órgano socialista entre congresos. Consciente que pactar a santa alianza afástao da meirande parte do seu electorado e condena o PSOE á irrelevancia no medio prazo, someterá a proposta de pacto á que chegue con outras forzas progresistas ao plebiscito da afiliación, que gañará sen atrancos. Porque a meirande parte da afiliación socialista son xente do común que vive e pensa como tal.

Rajoy e Feijoo liquidan as axudas da dependencia

Zapatero artellou un sistema de axudas á dependencia para dependentes severos (grao II) e grandes dependentes (grao III) e aprobou a Lei de promoción da autonomía persoal na fin do 2006. Unha lei e un sistema que presentaban a clara deficiencia da súa falla de dotación de recursos, que tiveron que ser suplidos, no caso de Galicia, pola política social que desenvolvía o Vicepresidente Anxo Quintana. Mais o certo é que cando Zapatero saiu do Goberno do Estado, na fin do 2011, as distintas Administracións autonómicas atendían máis de 700.000 dependentes de grao II e III.
Mais Rajoy aprobou por Decreto-Lei unha brutal redución dos fondos ás autonomías para pagar estas axudas. O recorte suprimiu o pagamento da Seguridade Social aos coidadores e reduciu as pagas nun 15%, que moitas autonomías aínda reduciron máis, no marco desta reforma lexislativa, até o 85% coma é o caso de Galicia. Deste xeito, fronte á moi notábel atención á dependencia de Euskadi, Navarra, a Rioxa, Asturies ou Castela e León, Galicia é dos territorios que presentan peor cobertura destes servizos. A UGT dicía no 2014 que menos do 48% dos dependentes percebían prestación. Pola súa banda, hai poucas semanas que CC. OO. denunciou que case o 30% dos dependentes galegos coa prestación recoñecida pola Xunta non a cobraban, fronte ao 18,7% estatal ou só o 0,77% de Castela e León, tamén gobernada polo PP. Un auténtico escándalo que habería facer demitir por vergoña á conselleira Beatriz Mato.
Unha miña amiga escríbeme contando o caso do seu pai. Hemipléxico, cunha incapacidade do 80%, non se vale por si para se vestir ou erguer da cama e precisa da asistencia continuada da súa dona, que perdeu a axuda da cotización á Seguridade Social e que ten que pagar a súa propria cota de autónomos, malia que a dedicación ao seu home lle impide traballar na súa actividade de toda a vida. A paga baixou o ano 2014 de 320 a 270 € e agora foi reducida a 68 €. Unha redución do 90% se contamos a da Seguridade Social.
E así milleiros de galegos e galegas. Rajoy e Feijoo liquidan as axudas da dependencia, mentres a supresión das Deputacións podería aforrarlle á cidadanía galega case 300 M€.