A fin do estado das autonomías

A aplicación concreta por parte do Poder Central do artigo 155 da Constitución sobardou con moito o marco de intervención definido nese precepto para chegar a decisións abertamente inconstitucionais por anular radicalmente o autogoberno: cesamento do President e do Govern todo e secuestro da facultade presidencial de disolución do Parlament e convocatoria de novas eleccións autonómicas. Deste xeito, o Goberno do Estado propuxo e o Senado adoptou unha grave mutación constitucional moi grave. No futuro os Gobernos autonómicos poderán ser cesados e os Parlamentos autonómicos disolvidos.
Deste xeito, ráchase coa garantía constitucional da blindaxe das Institucións de autogoberno das nacionalidades do Estado español na súa autoorganización e funcionamento. Sabíamos xa que o ámbito competencial do autogoberno non estaba blindado e que foi continuamente baleirado estes anos con profusa lexislación recentralizadora. Mais agora recondúcese o dereito á autonomía política a unha mera descentralización administrativa. A autonomía política de Galicia ou Catalunya xa non é sagrada en termos constitucionais. Agora é unha mera concesión outorgada.
Como pasou coa reforma do artigo 135 (que priorizou o pagamento da débeda pública sobre o financiamento da sanidade, a educación e demais servizos públicos), outravolta o bipartidismo dinástico (agora feito tripartito coa inestimábel achega de Cs) rachou coas regras de xogo. Porque o que pasou cos esta aplicación do artigo 155 afecta substancialmente ao dereito á autonomía das nacionalidades do artigo 2 da Constitución. Desaparece, de feito, a garantía da autonomía recoñecida nese artigo.
As forzas unionistas veñen de aprobar unha mutación constitucional fundamental sen abrir melón ningún. O Estado das Autonomías morreu xa. Non sabemos o que virá, mais polo de agora semella que imos cara unha recentralización e renacionalización española moi potentes, moi pouco diluídas en formas de descentralización puramente administrativa.

A arrincadeira: Nin rebelión nin sedición.
O Fiscal Xeral do Estado vaise querelar contra Puigdemont por un presunto delicto de rebelión pola votación de independencia do venres. Mais falta en todo caso o elemento da violencia que define este delicto e o de sedición no noso Código Penal. O grave é que o reprobado Fiscal Xeral Maza sábeo.

Rajoy apela ao medo

Rajoy está a usar o Fiscal Xeral do Estado (nomeado polo Goberno central e recusado pola maioría absoluta do Congreso) para impedir o referéndum catalán do 1-O. Os primeiros intres desta campaña amosaron escenas propias do camarote dos irmáns Marx, coas forzas policiais na percura de papeletas ou de urnas por Catalunya adiante. Mais axiña Maza demostrou que o seu obxectivo era sementar o medo en todos os políticos e funcionarios e mesmo nos voluntarios que participarían no proceso electoral convocado pola Generalitat.
Deste xeito, chamou declarar como investigados perante cadansúas Fiscalías Provinciais catalás aos máis de 700 alcaldes (case o 80% dos de Catalunya) que apoian o referéndum. Tamén obtivo medidas cautelares para prohibir actos pro referéndum dentro e fóra de Catalunya e para intervir material de propaganda. O seguinte paso deuno o Consello de Ministros coa suspensión pola vía de feito da autonomía financeira catalá recoñecida no Estatut vixente.
Esta enxurrada de actuacións xeraron unha xeira de fotos de moi mala presentabilidade internacional. Á sona exterior de tolerancia coa corrupción do Goberno do PP engádese agora a restrición de facto das liberdades de expresión e manifestación, e non só na Catalunya. Velaí a remuda cualitativa das manifestacións do presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker. Malia que manteña as formas apelando á necesidade dun referéndum concertado, advertiu que recoñecería o seu resultado, nunha clarísima chamada á política que non fai o PP.
Mais a Rajoy desenvolver esta antipolítica de pao e denuncia non lle causa dano electoral. Outra cousa son os danos irreparábeis que poden xerar na relación entre Catalunya e España e mesmo na propia convivencia democrática entre españois. Deste xeito, Pedro Sánchez haberá decidir o 2-O se permite que siga esta perigosa deriva antidemocrática ou opta por lle sinalar a Rajoy o camiño da súa casa.

A arrincadeira. Morreu Bautista Álvarez
Bautista Álvarez encarna o sacrificio patriótico dunha xeración que defendeu o dereito á autodeterminación e a ruptura democrática fronte á reforma e á limitada autonomía da transición. Xusto é que o país lle recoñeza o seu grande traballo, mesmo os que sempre mantivemos fondas diferenzas a respecto das súas coordenadas ideolóxicas e do seu xeito de comunicar.