A reacción do nacionalismo español

Non vou ser quen negue que a vía unilateral do soberanismo catalán, encetada despois de sete anos de inmobilismo dende Madrid, non fose arriscada. Nin que sería conveniente unha maioría cidadá máis ampla ca un 48,7% de votos antes de adoptar certa caste de decisións.
Mais non se pode ser equidistante. O Govern e os partidos e organizacións cívicas soberanistas limitáronse declarar o 27-O a independencia de xeito simbólico, renunciando á desobediencia pacífica fronte ao golpe inconstitucional do 155. Nin houbo violencias nin rebelións nin sedicións. As sucesivas demostracións cidadás foron sempre pacíficas.
Máis do 70% da cidadanía catalá quería votar para decidir o seu futuro, mais o Goberno do Estado pechou, canda C’s e PSOE, todas as vías de diálogo. Certo que non se daban as condicións para un referéndum decisorio, mais o mundo soberanista tentou ese pacto até o mesmo 1-O. Ese día o Ministerio do Interior reprimiu violentamente a milleiros de pacíficos cidadáns, que querían votar, diante do mundo todo.
No 3-O o Xefe do Estado marcou o sinal do rearme españolista: nin desculpas, nin diálogo nin negociación. Dende esa data o rearme e agresividade do nacionalismo español é evidente. Vivimos tempos de “a por ellos” e non só na Catalunya ou Madrid, malia que no noso País o percebamos, por sorte, moito menos.
Dous terzos do Govern foron apreixados, canda os Jordis e o resto tivo que se exiliar. Faláronos, claro, da independencia dos Tribunais, mais a propia vicepresidenta Sainz de Santamaría, amais de defender a liquidación do soberanismo, vén de recoñecer esta falla de independencia no Supremo e na AN: cómpre agradecerlle a Rajoy o 155, porque así se conseguiu descabezar os soberanistas. Verdadeiramente ten razón, os principais candidatos de Junts per Catalunya e de ERC remanecen no cárcere ou no exilio e non poden partillar debates, encontros nin entrevistas face to face. A desigualdade de oportunidades é evidente, mentres Pep Borrell (PSC) corrixe Miquel Iceta e di que cómpre desinfectar Catalunya.
Dende o discurso de El-Rei o nacionalismo español rearmouse sen complexos, escollendo un camiño de represión e agresividade propio dos valores da extrema dereita. Mais estas exhibicións fachendosas poderían ser sinal de febleza antes ca de forza.

A legalidade internacional do dereito a decidir

Josep Borrell e Josep Piqué, canda Francesc de Carreras e outros unionistas cataláns, veñen de negar o dereito de Catalunya á súa libre determinación “consonte coa legalidade internacional”.
Non hai tal. O artigo 1º do Pacto Internacional de dereitos civís e políticos (1966), plenamente vixente no Estado en virtude do artigo 96 da Constitución, recoñece este dereito de libre determinación a todos os “pobos”. Mais o concepto de pobos adoita tentar restrinxirse polos unionistas aos pobos colonizados ou pobos indíxenas. Porén, o Tribunal Internacional da ONU non limita este concepto ás devanditas categorías, recoñecendo adoito esta cualidade a aqueles que foron considerados no periodo de entreguerras pola Sociedade de Nacións como “nacionalidades”. Velaí o caso de Galicia, recoñecida como tal en Xenebra hai agora 84 anos e tamén de Catalunya, xa recoñecida no 1926.
Quere isto dicir que existe un dereito a decidir de Galicia ou Catalunya recoñecido polo Dereito internacional? Si, e máis aínda, o caso é que este dereito estaría constitucionalmente recoñecido por España, consonte co artigo 96 da Constitución, mentres non derrogue ou modifique o artigo 1 dese Pacto Internacional ao abeiro do procedemento de denuncia previsto no Tratado.
O que ocorre é que o Tribunal Constitucional optou por unha interpretación esencialista da Constitución que descoñece os efectos dos Tratados Internacionais validamente adoptados polo Estado español. Agora ben, señores ex ministros Borrell e Piqué, non insulten a nosa intelixencia…

A arrincadeira. Filosofía si
O traballo da catedrática de Filosofía Carme Adán e de tantas outras persoas foi fulcral para que se presentase hai poucos días perante o Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para recuperar a Historia da Filosofía como materia curricular obrigatoria do 2º de Bacharelato.
A cidadanía respostou de xeito extraordinariamente positivo (asinaron a ILP 8.200), amosando non só que lle preocupa a educación, senón que quere unha educación que posibilite o pensamento crítico e non só provea de contidos. Unha educación que constrúa persoas e cidadáns e non simples produtores ou consumidores.