A ameaza para Galicia do nacionalismo español

A crise xerada pola cuestión catalá, substancialmente agravada pola parcialidade da mensaxe de El Rei do pasado día 3, vén de amosar unha realidade que moitos negaron até de agora: a existencia dun forte e moi radicalizado nacionalismo español, malia que por sorte no noso país non sexa -polo de agora- moi significativo.
Este nacionalismo español estivo presente a xeito de absurdo patrioteirismo na crise de Cuba nos anos 1895 a 1898 e chegou definir ao propio bando de Franco (os “nacionais” ou “nacionalistas”) na guerra civil de 1936-1939 fronte á suposta “antiespañolidade” dos republicanos defensores da legalidade constitucional. Aznar definiuno na súa segunda lexislatura (2000-2004), con formas máis mornas, como “patriotismo constitucional”. Se o nacionalismo galego ou catalán (con algunhas excepcións pouco relevantes) son ideoloxías de defensa e afirmación, o nacionalismo español é abertamente ofensivo e supremacista, baseándose no “a por ellos” e no “lo toma o lo toma”. O nacionalismo español nega a existencia doutras realidades nacionais ou culturas distintas á castelá–española no contexto do Estado español e dificilmente admite que galego, catalán ou euskera sexan cooficiais en plena equiparación de dereitos co castelán.
O nacionalismo español é unha grave ameaza para Galicia. Porque tenta agachar a realidade dun país de noso, cunha estrutura económica ben diferente á española e, xa que logo, con intereses económicos ben distintos. Porque subordina a nosa lingua e cultura a unha suposta definición única e non plural do español e mesmo dos “bos españois”, a diferenza doutros Estados democráticos onde conviven harmonicamente diversas linguas, culturas e nacións, como Suíza, Canadá ou o Reino Unido. Porque non recoñece o noso dereito preconstitucional ao autogoberno e, xa que logo, o noso dereito ao benestar.
O relato do nacionalismo español é un relato de incomprensión a respecto da diferenza e, xa que logo, de negación doutras realidades. É un relato absolutamente desvencellado da evolución do mundo, onde a globalización coexiste cunhas pequenas identidades cada vez máis importantes. É un relato que atenta contra os nosos dereitos, contra a nosa prosperidade e contra os nosos intereses.

A igualdade xurídica do galego

O Tribunal Superior de Xustiza valenciano vén de anular parcialmente unha normativa regulamentaria da Generalitat que privilexiaba o ensino en catalán (alí chamado oficialmente valenciano) por mor da súa grave minorización fronte ao castelán.
O Alto Tribunal aplicou unha consolidada xurisprudencia dos Tribunais Constitucional (TC) e Supremo (TS) que xorde daquela sentenza do TC de 1986 que anulou o deber de coñecer o galego, presente de primeiras na nosa Lei de Normalización Lingüística, aprobada pola unanimidade do noso Parlamento. Segundo esta xurisprudencia só existe o deber de coñecer o castelán e as demais linguas fican secundarizadas nun rango de mera cooficialidade, sen que sexa legal esixir o seu coñecemento con carácter xeral a xuíces e demais funcionarios e o seu uso obrigatorio nin sequera ás empresas concesionarias ou contratistas públicas. Velaí que o galego, o catalán e o vasco non gocen de igualdade xurídica a respecto do castelán. Esta desigualdade atenta contra a Carta Europea de Linguas Minoritarias (o galego non é polo de agora minoritario, malia estar fortemente minorizado), é dicir, contra a normativa constitucional de protección dos nosos dereitos lingüísticos. Velaí a necesidade de resolver de vez esta desigualdade, levando á Constitución ou ao Estatuto o pleno recoñecemento da igualdade de ambas as linguas oficiais, a propia e a de comunicación común co resto do Estado.
Deste xeito, o deber de coñecer o galego evitará situacións tan ilóxicas (cando non ferintes) como médicos do S­ergas que manifestan diante de doentes descoñecer o galego, freakies que piden tradución oficial de pequenos textos intelixíbeis a calquera europeo que lea, mandos da Garda Civíl que denuncian concellos por sinais de tránsito en galego ou a continua provisión de prazas de xuíces, fiscais e funcionarios sen acreditar o coñecemento abondo da lingua que nos permita aos galegofalantes gozar da plenitude dos nosos dereitos lingüísticos.
De certo que o problema do galego non se resolve só con medidas xurídicas. Mais sen acadarmos esta igualdade (negada constitucionalmente dende 1978) non serán posíbeis cousas tan sinxelas e normais como vivirmos plenamente en galego ou non nos sentir alleos no noso propio país.

Intelixencia inclusiva para o galego

Fiquei pampo coa afirmación do grande historiador galego Anselmo López Carreira de lle botar a culpa ao reintegracionismo de moitos dos males que aqueixan hoxe á nosa lingua. Non podía dar creto como unha das persoas que máis fixo para que coñecésemos a realidade do Reino medieval de Galicia fronte ás ladaíñas e invencións da historiografía oficialista española podía defender ideas desta caste.
Claro é que tan inxusto sería botar as mesmas culpas contra os partidarios da normativa RAG-ILGA. Os males presentes do galego xurden de moito tempo atrás, dunha perda absoluta de poder político dende primeiros do século XVI (fronte aos casos de Euskadi -que o perdeu a primeiros do XIX- e Catalunya -que o perdeu a primeiros do XVIII-) e da falla de consolidación dunha burguesía conectada cunha idea de País. Despois, é evidente, está o fracaso absoluto ou relativo de moitas das políticas desenvolvidas dende o comezo da autonomía, malia que teña para mín que a principal razón deste fracaso fose moito máis a falla de medios materiais, organización e intensidade no desenvolvemento destas políticas ca no deseño das mesmas.
Dito isto, cómpre recoñecer que a falla de concordia normativa trasladoulle a varias xeracións de estudantes dúbidas que non axudaron nada para que asumisen o galego como lingua de instalación. Dúbidas cando non os danos colaterais de que galegofalantes de berce sofrisen sucesivas correccións de profesores reintegracionistas e, despois, isolacionistas. Moitas veces algúns docentes dunha e outra normativa amosaron máis preocupación pola súa materia que pola instalación dos alumnos na nosa lingua.
Velaí que, cando a ruptura da cadea de transmisión lingüística é xa un feito medíbel, cumpra intelixencia e inclusión no desenvolvemento das políticas de promoción do galego e nas técnicas de aprendizaxe da mesma. Porque cómprenos concordia entre normativo e reintegrado, recoñecendo a dualidade normativa na escrita e quizais na aprendizaxe. Agarimando e comprendendo cadansúas especificidades dos galegofalantes de berce e dos neofalantes
Sumar, incluíir, para gañar. O adversario non é nin o “nh” nin o “ñ”. Serao, en todo caso, a agresiva intolerancia de Galicia Bilingüe.

Avogacía e lingua

Son moitas as páxinas que levamos escritas sobre as carencias e insuficiencias da introdución da lingua galega na Administración de Xustiza, desque aquel histórico momento no que os maxistrados da Sala do Contencioso da antiga Audiencia Territorial d’A Coruña (sucedida hoxe polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia-TSXG-) ditaron, inducidos polo omnipresente Xosé González Martínez e precisamente nun preito do Concello de Redondela, a primeira sentenza en galego da Idade Contemporánea.

Graves limitacións do labor normalizador
Desenvolvéronse ao longo destes máis de trinta anos, ben é verdade, actividades formativas varias: cursos de Linguaxe Xurídica, etc.-, mais non se acadaron, nin moito menos, os avances que se conseguiron nas Administracións Autonómicas e Locais que mesmo afixeron aos administrados en xeral ao uso normal do galego na documentación administrativa.
A evidencia témola, moitas veces, na orde xurisdicional contencioso-administrativa, onde adoitamos recibir sentenzas redactadas en perfecto castelán mesmo cando as partes (menos) e o expediente administrativo (máis) escreben en galego. Só o 10% das actuacións xudiciais redáctanse en galego, mais se falamos de sentenzas esta porcentaxe baixa á metade: 5%.
O problema de base é a desigualdade xurídica do galego e o dereito dos funcionarios xudiciais á ignorancia do galego.
Teño para min que a metade dos problemas da normalización do galego resolveríanse cunha simple reforma normativa, que recoñecese na Constitución e no Estatuto a igualdade xurídica do galego e, xa que logo, a obriga de todos e, nomeadamente dos funcionarios xudiciais (tamén dos maxistrados, xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza) de coñecermos as dúas linguas oficiais. Porque até de agora o dereito dos avogados a usar do galego atópase na práctica moi condicionado diante do dereito á ignorancia de xuíces, fiscais, maxistrados e letrados da Administración xudicial, que ás veces se reivindica, sobre todo no caso dos xuíces e maxistrados de orixe foránea e de nova provisión ou destino.

A miña experiencia persoal
De todos os xeitos, xusto é recoñecer pola miña banda que nunca atopei en xuíz ningún resistencia ou desafección contra min por usar da miña lingua, agás un caso illado cunha xuíza castellana en Muros hai uns once ou doce anos. Nos únicos casos nos que me vin obrigado polos feitos a mudar de lingua (si, xa sei que podería ter usado de tradutor, pero os xuízos orais esixen unha fluidez ás veces incompatíbel cunha tal figura) foi polo descoñecemento do galego alegado por algún avogado de Madrid ou mesmo asturiano e, curiosamente, por unha testemuña, directora dende había quince anos, dunha oficina do Banco de Santander na Agra do Orzán coruñesa. Nestes supostos todos, a miña percepción foi que o xuíz ou a xuíza de quenda non sentía demasiada empatía polos alegantes de descoñecemento.
Quere isto dicir que é posíbel (mais non doado) manter a instalación do noso galego no uso forense, tanto na fala como na escrita. E isto depende bastante do compromiso persoal, mais moitos comprobamos que estas actitudes rematan por ser comprendidas e mesmo alentan certa imitación nalgúns.
Nestes intres percibo moita máis inseguridade no galego xurídico e comodidade no uso do castelán por parte dos meus compañeiros ca verdadeiros problemas ideolóxicos de oposición ao uso do galego, malia que coñeza outras opinións que afonden na importancia deses prexuízos ideolóxicos.

Carencias nas aplicacións informáticas e o problema da contratación mercantil en galego
Outro grave problemas do galego no uso forense está na falla de medios informáticos e técnicos dos funcionarios para levar adiante as actuacións xudiciais en galego. Esta tarefa non é tan complexa, se temos en conta a normalización procesual acadada nas Administracións autonómica e locais. Cómpre, iso si, que a Dirección Xeral de Xustiza e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, canda a Presidencia e a Sala de Goberno do TSXG cumpran cos seus deberes lingüísticos e democráticos, no canto da inacción actual.
E outro problema vén dado pola actitude dalgúns avogados, empresarios e directivos, ao mellor permeábeis cara ao galego e cara ao seu uso oral na xustiza, malia que reflictan dúbidas e resistencias diante do uso escrito formal na contratación mercantil (non tanto no uso escrito en comunicacións informais). Indubidabelmente hai moito que facer na linguaxe xurídico-mercantil ou xurídico-económica, porque a xurídico-administrativa avanzou de xeito moito máis substancial.

Quen fixo e quen non fixo a prol do galego na Administración de Xustiza
Neste Día das Letras de 2017 cómpre recoñecerlle a algunhas persoas e institucións o seu traballo a prol da lingua no mundo do Dereito. Dende aquelas primeiras actuacións no eido da tradución por parte do conselleiro Pablo González Mariñas e do director xeral Xabier D’Amorín (falecido de xeito temperán hai poucos anos), ao traballo de Xosé González Martínez, os maxistrados Daniel García Ramos (tamén desgrazadamente falecido) ou Xoán Xosé Barreiro, os fiscais Carlos Varela (antigo fiscal superior) e Benito Montero, o notario Victorino Gutiérrez Aller, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e outros tantos. Nos últimos anos cómpre nomear de xeito especial ao Colexio de Avogados de Santiago de Compostela co seu decano Evaristo Nogueira á fronte, á Irmandade Xurídica Galega e ao traballo desenvolvido polo fiscal superior Carlos Varela á fronte da Fiscalía galega.
No capítulo de desmerecementos temos que nos referir aos centros directivos competentes da Xunta de Galicia (Xustiza e Política Lingüística) e a todas as composicións das Presidencias e Salas de Goberno sucesivas do TSXG e do Consello Xeral do Poder Xudicial. O seu labor caracterizouse polo desleixo, cando non pola resistencia á normalización da nosa lingua.

25 e 75%
Para rematar unha idea fundamental: a presenza da lingua na Administración de Xustiza é unha cuestión normativa, de definir un Poder Xudicial galego que coñeza a lingua. Mais mentres tanto mudaría moito o estado da cuestión se só o 25% dos avogados galegos desenvolveramos polo menos o 75% do noso traballo na Galicia na nosa lingua.

O galego, cuestión de país

A gravísima minorización da nosa lingua propia resulta inadmisíbel de todo, nomeadamente se temos en conta o desleixo, cando non animadversión, amosados pola Xunta dende que Feijóo decidiu rachar o consenso lingüístico que permitiu a aprobación da Lei (1983) e do Plan (2005) de Normalización. O galego é unha cuestión de País e unha cuestión de cidadanía: cómpre levar á rúa o debate sobre a lingua, sobre como queremos promover e recuperar o seu uso, sobre que recursos queremos destinar a estas fins. E falarmos dos tres alicerces que habería ter esta actuación cidadá: identidade, dereitos lingüísticos e desenvolvemento económico.
Promovermos o galego é unha evidente cuestión de identidade. A nosa lingua (presente, dun ou doutro xeito en 280 millóns de persoas aló polo mundo) e a nosa cultura son as principais creacións do noso pobo. Sen lingua e cultura, Galicia perde personalidade, equipárase a Murcia ou á Rioxa. Pensen de verdade, con independencia da traizón ás nosas raíces, se tal nos convén. Sen identidade somos o 5,5% da poboación e o 5% do PIB do Estado. E, para máis, os sectores económicos para nós estratéxicos son para o Estado prescindíbeis. Si, si que temos moito a gañar co aquel da identidade.
Mais tamén é unha cuestión elemental de dereitos lingüísticos. O galego é a lingua propia de Galicia e plenamente oficial neste País, dacordo co noso Estatuto. Mais somos moitas as persoas que queremos vivir e traballar en galego e non podemos, mesmo de xeito máis limitado canto menos autonomía persoal e económica se posúa. Non só é unha cuestión de atención lingüística nos nosos concellos, hospitais ou servizos de atención telefónica. Tamén temos dereitos lingüísticos, hoxe en día non plenamente tutelados, a respecto da administración de xustiza e na nosa dupla cualidade de traballadores e consumidores. Urxe regular os dereitos lingüísticos no ámbito laboral e de consumo, que hoxe son ámbitos absolutamente desregulados.
E co galego progresamos economicamente. Tanto polas grandes potencialidades do achegamento á lusofonía como pola nosa identificación no mundo como país de noso, a efectos turísticos e de investimento exterior. Porque son os países os que progresan e non as provincias.

En galego é de xustiza

A Constitución española non recoñece a igualdade xurídica entre galego e castelán; só é obrigatorio o coñecemento do segundo. A Lei Orgánica do Poder Xudicial confire ao galego un rango subordinado: podémolo usar os avogados, partes e peritos, mais só poden usalo os xuíces se ningunha parte alega indefensión por descoñecemento. Na provisión das prazas xudiciais na Galicia o galego non pasa de ser mérito pouco valorado, no canto de obriga. Non faltan avogados de despachos foráneos que conseguen que o xuízo se desenvolva en castelán baixo ameaza de pedir tradución. Velaí que moitos profesionais acudan ao castelán para evitaren dilacións aos xusticiábeis.
A normalización do uso do galego nas Administracións locais e da Xunta de Galicia e a súa presenza social fan evidente a anormalidade do que está a pasar na Administración de Xustiza, onde só o 10 % das actuacións xudiciais e o 5 % das sentenzas usan da lingua propia. Anormalidade que atenta contra os dereitos lingüísticos dos xusticiábeis, que só terán liberdade real de opción lingüística cando xuíces e funcionarios coñezan ben a nosa lingua.
Velaí que cumpran reformas lexislativas urxentes, como a obrigatoriedade do coñecemento do idioma para acceder ás prazas en Galicia de xuíces, maxistrados, letrados e funcionarios da Administración de Xustiza ou a transferencia á Xunta do Corpo de Letrados desta Administración.
Mentres, cómpre reprobar as institucións por tolerar pasivamente esta anormalidade, nomeadamente á Consellaría de Xustiza e á Presidencia do TSXG. E parabenizar as contadas excepcións da Fiscalía Superior de Galicia no periodo de Carlos Varela (2004-2015), do Colexio de Avogados compostelán que preside Evaristo Nogueira ou da Irmandade Xurídica Galega que integra máis de 200 xuíces, maxistrados, fiscais, funcionarios, procuradores e avogados que usan cotianmente da lingua como expresión do seu compromiso coa cidadanía galega e co Estado de Dereito.

Camilo Nogueira

Na recente homenaxe nacional a Camilo Nogueira concorreron todas as forzas políticas e sindicais e unha representación moi plural da sociedade galega. Recoñecéuselle así o seu intensivo traballo, a súa honradez, o seu carácter dialogante e máis a súa teimosía nunha idea cívica, leiga e europea do galeguismo, do patriotismo.
O primeiro acerto de Camilo foi o de albiscar que a autonomía era irreversíbel. Que o Parlamento non era de papel, senón unha realidade que ía influír moito na vida da xente e un ponto de partida cara un auténtico autogoberno. E que cumpría dotar á autonomía dun capital simbólico e normativo que permitise o recoñecemento das Institucións galegas como Poderes lexislativo e executivo dun País e non como unha Mancomunidade de Deputacións. Camilo foi aquí fulcral.
O segundo acerto foi o de reivindicar a europeidade de Galicia e a unidade europea como alicerce do galeguismo. O europeísmo estivera sempre no ADN do galeguismo, até a fundación e primeira evolución da UPG, que procurou os referentes nas loitas anticolonización do Terceiro Mundo. Camilo racha con esta importante tendencia do galeguismo da transición e reivindica o europeísmo de Castelao, Plácido Castro ou Lois Tobío. Para alén disto, demostra que a Citroën non é a multinacional inimiga, senón a principal industria deste País e un dos elementos vertebradores da nosa primeira área urbana. Como tamén reivindica Inditex como fenómeno empresarial nomeadamente positivo, sen o que non se entende a actualidade da nosa segunda área urbana. A foto de Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Amancio Ortega e José María Castellano na sede central de Inditex (abril 2001) constitúe un referente da normalización do galeguismo que arestora semella non ser do gosto de bastantes.
O BNG acertou recuperando Camilo para a política institucional no 1997, demostrando que o galeguismo gaña cando é central, xeneroso e inclusivo. Como eurodeputado, facendo uso do galego internacional, exemplificou a forza potencial da Galicia na lusofonía, sen se malmeter en leas normativas estériles. E reivindicou eficazmente na Eurocámara a identidade e os intereses deste pequeno país europeo.
Camilo é dos imprescindíbeis.

O medo de Núñez Feijóo

A Xunta vén de aprobar un decreto de atención ao cidadán que desnaturaliza absolutamente a política de discriminación positiva que lle esixe a Lei de Normalización Lingüística. De hoxe en diante, o mero feito de que o cidadán use o castelán activará a resposta, verbal ou escrita, da Administración autonómica nesta lingua. Até de agora (na teoría, como a todos vostedes lle consta) a lingua de uso preferente era o galego e o castelán usábase obrigatoriamente só cando o demandaba expresamente o usuario.
As políticas de discriminación positiva veñen esixidas polo Estatuto de Galicia, pola Lei de Normalización Lingüística de 1983 e polo Plan de Normalización Lingüística do 2004 (ambos os dous aprobados no Parlamento por unanimidade). O galego é a nosa lingua propia, aínda de uso maioritario, mais minorizada por circunstancias históricas e pola actuación a prol do castelán dun Estado español moi pouco respectuoso coa nosa lingua. A Constitución impón un desequilibrio normativo a prol do castelán, xa que só este é de coñecemento obrigatorio. Neste contexto, estas políticas son esenciais para compensar parcialmente a abafante imposición do castelán en todos os ámbitos da vida pública e comunicacional. Velaí a gravidade deste decreto, que semella pensado para reducir drasticamente o uso e máis o prestixio do galego na vida administrativa.
Como se lle ocorreu esta medida a Núñez Feijóo ás portas das nosas eleccións nacionais? Por medo. Mentres case todos vimos fóra de xogo á candidata de C’s, Cristina Losada, no debate da CRTVG, o líder do PPdeG presentiu o perigo de perder uns milleiros de votos, basicamente concentrados en Vigo e A Coruña e que xiran arredor dos sofismas de Galicia Bilingüe. Por iso retrucoulle en castelán e lle dixo que falaba castelán cando lle petaba. Como xa pasou nas eleccións do 2009 para frearlle o paso á UPD de Rosa Díaz, o líder da dereita subordina a normalidade a respecto do galego que profesa a grande maioría dos seus votantes para reter uns poucos votos de persoas extremistas na cuestión lingüística, ao xulgalos esenciais para manter a maioría absoluta.
Galicia Bilingüe, afastada da centralidade e irrelevante socialmente, segue a lle marcar a axenda política ao PPdeG.

Intelixencia normativa

Adoito usar a normativa oficial da lingua galega, recomendada polo criterio de autoridade da nosa Real Academia. Mais sabemos que este criterio é cientificamente moi respectábel, malia que non infalíbel e que a adopción da normativa RAG-ILG pola Xunta de Galicia no 1982 (derrogando a Normativa de mínimos reintegracionistas inspirada por Carvalho Calero e que a Xunta preautonómica aprobara no 1980) foi unha opción filolóxica, sociolóxica e política. Que confrontaba con outra opción tamén indubidabelmente seria e científica.
Quere isto dicir que as persoas que escreben en galego internacional baséanse en sólidos criterios filolóxicos e, xa que logo, non son xente ignorante, nin perigosa, nin disolvente. Para máis, a súa opción aproxima o galego á súa familia lingüística. Velaí a potencialidade da lei Paz Andrade: achegarnos a un ámbito de máis de 300 millóns de persoas dende a nosa lingua. Unha magnífica oportunidade que se nos abre aos galegos. Xa lles gostaría aos cataláns, vascos, flamengos ou corsos ter esa potencialidade.
Entón que facemos, mudamos xa a normativa RAG polo Acordo unitario de Rio de Janeiro? Non, non cómpre facer tal. As linguas precisan dun padrón culto común, mais soportan máis pluralidade que hai trinta anos. O que cómpre vermos é que os que escrebemos galego oficial e os que escreben galego internacional non somos inimigos, somos utentes dunha lingua minorizada na Galicia. Sumemos, logo, esforzos. Permitamos que os utentes do galego internacional editen nas nosas editoriais, usen o seu padrón nos xornais e revistas, poidan acceder nel aos premios literarios. E non abramos a remuda normativa, polo menos por uns cantos anos.
No 1982 non había Internet e a xente era moito menos instruída. Mais, no 2016, pensan de verdade que os alunos non poden distinguir entre as dúas normativas e cadansúas potencialidades e feblezas? Imos logo ter que tirar de dicionario cando leamos as magníficas novelas de Teresa Moure como algúns adoitan facer cando len a marabillosa prosa de Méndez Ferrín? Non, ler en galego internacional ou en portugués está xa na man de calquera e non toleará ninguén.
Integremos e non separemos. Sexamos intelixentes e listos. Sexamos, tamén, patriotas superando o apartheid lingüístico.

A irresponsabilidade da CUP

Josep Tarradellas dicía que na política podía facerse de todo, menos o ridículo. No actual contexto catalán, pódese ser prounionista, proindependentista ou mediopensionista. O que non se pode é confundir a política co exercicio maximalista do programa último. Co exercicio do “lo quiero todo y lo quiero ya”.
A CUP obtivo un bo resultado (8,21% e 10/135 deputados) nas eleccións catalás de setembro do 2015, rendibilizando deste xeito a súa honestidade e as dúbidas ambivalentes de Catalunya Sí que es Pot. Rexeitou investir a Mas (logo dunha votación asemblearia que rematou en empate) e, en troques, acordou con Junts pel Sí un pacto de estabilidade para a lexislatura, que permitiu a investidura do president Puigdemont.
No debate orzamentario deste día, a CUP uniu os seus votos aos de C´s, PP e outros para vetar o Orzamento do 2016. Un Orzamento debullado dende os alicerces pactados en xaneiro polas dúas coalicións e que implementaría un cobizoso programa social de 870M€ contra da pobreza. Cal foi a reacción dos dirixentes da CUP? Varios confesaban que se lles fora a man e que nunca pensarían que fose tan grave vetar o Orzamento, mentres o deputado Antonio Baños, cabezaleiro pola circunscrición barcelonesa, se avergoñaba de coincidir votando co dereitista radical Xavier García Albiol.
O que subxace a este episodio desgrazado é a confusión entre ideoloxía, estratexia e tácticas que abrangue agora unha curta maioría das CUP, mais que triunfou en determinados intres históricos en formacións variadas da esquerda europea, mesmo na Galicia. Transformar un País, construír alternativas de goberno á dereita conservadora, require de amplas converxencias, mais tamén de diagnoses realistas e programas realizábeis. O outro só xera frustración, retracción abstencionista e oportunidades para que nada mude e manden os de sempre.

A arrincadeira: O galego na xustiza é útil e práctico
Xuntouse en Monforte a asemblea anual da Irmandade Xurídica Galega, que integra centos de fiscais, xuíces, avogados e funcionarios que adoitamos usar o galego na vida xudicial cotiá. O proceso de normalización da lingua na Xustiza non avanza de modo polo centralismo na organización do Poder Xudicial. Usar o galego na Administración de Xustiza é útil, práctico e normal.