Conectarmos co corredor ferroviario europeo

A normativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixões e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e tortícole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen petase na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmasen a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión. Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas vantaxes xeoestratéxicas. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.

Promovermos o turismo sustentábel

O arquitecto galego Iago Lestegás vén de amosar que o centro histórico de Lisboa rexenera o seu tecido a medio de investimentos dirixidos a acoller turistas que están a expulsar a súa poboación tradicional. Este fenómeno está a ocorrer tamén na Barceloneta e na cidade histórica barcelonesa acadando o seu máximo expoñente en Venecia, onde case non viven venecianos. Por outra banda, a degradación do ambiente e da paisaxe en varias áreas do País Valenciá amosan os prexuízos de determinado turismo de sol e praia.
Na Galicia non se dan aínda ningunha destas situacións irreversíbeis. Mais a presión turística comeza ser abafante en parte de Compostela. Nos últimos anos a meirande parte do comercio do Casco Histórico orientouse cara un turismo “low cost” que xera unha grande presión física durante máis dun terzo do ano sobre determinadas rúas da área. Área que perde residentes polos problemas de mobilidade e adaptación de vivendas e máis pola carencia de servizos.
O problema do turismo de peregrinación compostelán é a súa relación custo-beneficio. Ou soben os beneficios económicos a medio da suba das pernoctas ou mesmo da aplicación dunha taxa de efecto moderador ou cumpriría considerar a redución das visitas nalgunhas áreas da cidade en determinadas épocas do ano, do mesmo xeito que se fixo na praia das Catedrais ou nas Illas Atlánticas. Cómpre, pois, abrir o debate e adoptar decisións estratéxicas, comezando pola oferta de recursos e contidos para obter ese incremento das pernoctas. E aí haberían ir da man a Xunta, o concello e a sociedade civil.
No resto de Galicia hai marxe para que medre un turismo sustentábel integrando os moitos recursos dos que dispomos. Mais tamén existen elementos de preocupación. Por exemplo, que nunha comprensíbel lóxica de desestacionalización nas Rías Baixas se estea a vender da man de determinados tour operators pernocta e pensión completa a 30 €/persoa e día en primavera e outono.
O 12% do emprego e o 11% do PIB galego correspóndelle xa á industria turística. Comeza, pois, a ser un sector estratéxico para Galicia. Mais se non se planifica o crecemento futuro, se non se constrúe a industria turística sobre alicerces sustentábeis, teremos pan para non moitos hoxe e fame para todos mañá.