A deterioración da sanidade pública galega

O colapso do Servizo de Urxencias de varios dos hospitais públicos galegos por mor do andazo da gripe non é, de xeito ningún, unha casualidade ou un problema de mala sorte. Por todos os profesionais sanitarios é coñecido que a gripe preséntase todos os anos con especial intensidade nos meses de decembro e febreiro. Xa que logo, previr as consecuencias deste andazo na demanda hospitalaria é un problema orzamentario, de recursos, porque só se amaña con persoal médico e con camas (si, conselleiro Almuiña, as camas son esenciais para os hospitais). O desastre na atención destes días, cos doentes polos corredores, é da responsabilidade do conselleiro de Sanidade, mais tamén do Goberno galego no seu conxunto. Non é, porén, a única tempada na que se poden ver en toda a súa intensidade as resultas dos recortes orzamentarios na sanidade pública galega. Xa van varios anos nos que se recurtan substancialmente as camas e o persoal do cuadrimestre do verán (xuño-setembro). Por outra banda, son visíbeis as deficiencias da dotación de persoal mèdico e sanitario en moitas plantas hospitalarias ao longo das fins de semana.
Mais a deterioración da sanidade pública galega vese tamén nas listas de agarda, que tenden a medrar e non a se reducir, malia os diversos e enxeñosos sistemas de maquillaxe da súa contabilización polo SERGAS. E na atención aos doentes crónicos, onde non se cumpren as directrices dos especialistas médicos, alongando a un ano citas que haberían de se fixar para máis en catro ou seis meses.
O noso persoal médico e sanitario ten unha alta cualificación profesional e humana e até de agora evitou unha deterioración maior coa súa dedicación. Mais os nosos médicos están absolutamente ultrapasados, cunha carga de traballo moi difícil de aturar, agravada pola xubilación dos médicos galegos aos 65 anos, quizais unha das medidas máis lesivas socialmente do Goberno de Núñez Feijóo.
A calidade de vida e a saúde das persoas habería ser o principal obxectivo do noso Goberno. Mais os recortes orzamentarios están a deteriorar gravemente a sanidade pública galega. Cómpre sermos conscientes de que isto só se amaña con máis diñeiro para persoal e de que os recortes sanitarios matan.