A ruptura do pacto constitucional

O dereito á autonomía das nacionalidades galega, catalá e vasca recoñeceuse antes da propia aprobación da Constitución, a medio da aprobación de cadanseu réxime preautonómico entre outubro de 1977 e abril de 1978. Recoñecíase unha realidade substantiva, manifestada na aprobación plebiscitaria de cadanseu Estatuto na II República. Velaí porque se lles dotou constitucionalmente do máximo grao de autogoberno e dun procedemento de aprobación e modificación de cadanseu estatuto pactado entre a representación parlamentaria de cada nacionalidade e o Congreso que remataba nun referéndum de ámbito exclusivamente territorial.
Para o resto dos territorios non se prevía esta aprobación paccionada nin o nível máximo de autonomía, senón despois de cinco anos logo da reforma de cadanseu Estatuto. Mesmo contemplábase a posibilidade de que algún dos territorios españois non optase polo autonomía ou optase por unha simple autonomía administrativa.
Mais o referéndum andaluz e a xeneralización do “café para todos” estendeu o autogoberno de nível máximo a todo o territorio. E o golpe de Estado de 1981 abriu o ronsel da recentralización, primeiro a medio da só parcialmente fallida LOHAPA (1982), despois a medio da desculpa da garantía estatal a respecto da eficacia do Dereito europeo e das decisións comunitarias, máis tarde co martelo dun caseiro Tribunal Constitucional (TC) que desfixo o concepto de competencias exclusivas autonómicas coa confusión entre leis básicas e leis marco e coa extensión de títulos transversais como a garantía da igualdade dos dereitos dos españois ou a unidade de mercado, que baleiraron as competencias galegas en agricultura, pesca, comercio interior, fiscalidade ou protección medioambiental.
Hoxe o autogoberno galego ou catalán son pálido reflexo dos potencialmente proxectados entre os anos 1978 e 1980, cando os Estatutos se concibían como porta dun proceso dinámico e aberto e non como un marco pechado e estático. Só Euskadi e Navarra, ao abeiro do réxime foral, conservan un autogoberno merecente deste nome.
Velaí que constatemos que o pacto constitucional que encaixou Galicia como singularidade nacional estea máis que superado pola continua vulneración desenvolvida ao longo de trinta e cinco anos de recentralización.

A continua recentralización

A Constitución garantiunos, canda cataláns e vascos, o acceso ao nível máis elevado de autogoberno, a medio dun Estatuto negociado entre os parlamentarios galegos e o Congreso. Porén, dende a aprobación dos tres estatutos das nacionalidades galega, catalá e vasca a tensión recentralizadora foi continua. O Madrid político e económico ten pulado sempre por unha -inexistente- España monolítica e monolingúe e pola concentración financiera e empresarial en Madrid, en claro prexuízo das periferias españolas.
Malia que fracasou no Tribunal Constitucional o primeiro ataque recentralizador (a Lohapa aprobada por UCD e PSOE), os recortes ao autogoberno continuaron. Os gobernos de Felipe González usaron as leis básicas e o proceso de unificación europeo para recentralizar, ao tempo que retiñan os traspasos de medios materiais obrigados polas competencias asumidas en virtude do Estatuto de Galicia. A segunda lexislatura de Aznar foi unha continua sucesión de iniciativas recentralizadoras. E Zapatero usou de vías indirectas, como o uso centralizado de fondos estatais (vivenda, medio rural) que haberían estar territorializados, por non lle pertencer xa ao Estado estas competencias. Así e todo, o goberno Rajoy foi o máis intensivo nos recortes do autogoberno. No ámbito financeiro limitou extremadamente o déficit autonómico, flexibilizando o estatal, prexudicando gravemente a sanidade, a educación e os servizos sociais. A reforma educativa da LOMCE impuxo contidos absurdamente uniformes para todo o Estado, mentres relegou ao galego a lingua subordinada no ensino.
A reforma local tirou dos nosos concellos as competencias sociais para llelas atribuir a unhas Deputacións fracasadas e inoperantes. Galicia foi privada das súas competencias en materia de horarios e superficies comerciais, en claro prexuízo do seu comercio de proximidade e do consumidor galego en xeral.
A nosa especifidade económica e territorial determina que todo recorte ao autogoberno se traduza, sempre, en recortes ao benestar da cidadanía galega. Velaí que sexa tan preciso, no próximo futuro, un marco xurídico que garanta un autogoberno blindado e financiado a xeito.

O Estado Autonómico está esgotado

A Constitución española de 1978 (esa mesma que nin vostede nin eu, nin ninguén menor de 53 anos votou, esa mesma que José Luis Rodríguez Zapatero, Alfredo Pérez Rubalcaba e Mariano Rajoy reformaron en 24 horas para priorizar o pagamento da débeda sobre a sanidade ou a educación) recoñeceu un acceso rápido e privilexiado ao pleno autogoberno para Galicia, Euskadi e Catalunya, únicas para as que o artigo 151 definía cadanseu Parlamento, ao tempo que preparaba unha vía moito máis de vagar e dificultosa para o acceso a un moi limitado autogoberno para o resto dos territorios. Tratábase de resolver o encaixe na España plural das devanditas tres nacións ao tempo que se alicerzaban bases sólidas para políticas de proximidade no resto dos territorios.
Mais o xogo do Partido Socialista co referendo andaluz, o “café para todos” do ministro Clavero da UCD e a progresiva igualación competencial tentaron definir unha caste de descentralización máis administrativa que política e simétrica, que deixaba intactas importantes pulsións recentralizadoras, constantes dende a Lohapa do 1983. España non foi quen de recoñecer que Galicia, por exemplo, tiña que desfrutar do monopolio da execución (o que Manuel Fraga chamaba a Administración única), de plena liberdade para regular o seu réxime local, suprimindo se quixer as provincias, dun bo financiamento, de instrumentos de política económica e de plenas competencias en educación, cultura, lingua, portos, aeroportos e infraestruturas.
Esta simetría emuladora chegou ao límite cando Aznar transferiu a xestión da sanidade e da educación mesmo ás autonomías que non querían asumilas. De feito, a ex presidenta madrileña Esperanza Aguirre denunciou hai meses o que era un segredo por todos coñecido, ao considerar que Madrid non tería que desfrutar de competencias nos eidos da educación e da xustiza. Outras comunidades considéranse cativas de máis para xestionar a sanidade.
O Estado autonómico está esgotado. Mais isto non habería roubarmos azos para pensar nun autogoberno máis amplo para Galicia que sexa, ao tempo, máis eficaz na xeración de benestar.