Angrois: haberá investigación independente

Catro anos da catástrofe de Angrois, semella que teremos unha investigación independente, no canto da parcial investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, sometido ao control político da ex ministra Ana Pastor. A nova dirección do PSOE vén de pedir no Congreso unha comisión independente para a pescuda do sinistro, rachando deste xeito o pacto de ferro que até de agora mantiña co PP para pechar en falso o caso Alvia, nunha clara defensa da xestión do antigo ministro José Blanco. Un ministro que inaugurou a liña Ourense-Santiago de Compostela en decembro do 2011, sen unha avaliación integral da mesma, das modificacións do proxecto e, nomeadamente, da condicións de seguranza da bifurcación d’A Grandeira, en clara vulneración da Directiva Marco de Seguranza Ferroviaria do 2004, como acreditou hai un ano xusto a Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
Este pacto de ferro impediu até de agora unha investigación parlamentaria e administrativa independente e puxo moitas chatas nas pescudas xudiciais. Velaí os atrancos da Vicepresidencia á continuidade dos peritos, nomeados polo xuíz Aláez, Hugo Ramos e Alfredo Matesanz, substituídos por dous funcionarios da Xunta sen experiencia ferroviaria. En outubro do 2015 o xuíz Lago Louro, novo titular da investigación xudicial, rexeitaba novas dilixencias de proba e máis a imputación doutros terceiros alleos ao maquinista. Semellaba, pois, pechada a vía ao coñecemento da verdade.
Mais a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que a Comisión Europea e a ERA escoitasen aos representantes das vítimas, mentres os avogados destas recorrían a decisión xudicial acadando da Audiencia compostelá a reapertura da investigación xudicial en maio de 2016. Dous meses despois a ERA, a instancias de Ana Miranda, descualificaba a investigación da española CIAF por parcial e incompleta e ratificaba a gravísima infracción cometida por España. Mais o pacto de ferro PP-PSOE impedían as investigacións parlamentarias en Compostela e Madrid.
Agora ergueuse o pano no Congreso. Teremos, pois, unha investigación independente. O PP fica só na defensa da escuridade.

Angrois ou a desvergoña

A operación político-administrativa para agachar as responsabilidades políticas dos Gobernos de Zapatero (do que era ministro de Fomento Pepe Blanco) e Rajoy (do que é ministra de Fomento Ana Pastor) comezou, en realidade, cando a ministra puxo pé neste País, máis de 24 horas despois do accidente. O obxectivo era duplo: preservar a imaxe do AVE español e, con el, do lobby das grandes construtoras e salvar a PP e PSOE das evidentes responsabilidades políticas.
Vendeuse, logo, a teoría de que as responsabilidades comezaban e remataban no maquinista, mentres se preparaba unha investigación técnica totalmente sometida aos intereses políticos da ministra de Fomento e aos intereses económicos do lobby devandito. Ao tempo, rexeitábanse sucesivamente todas as propostas de comisións de investigación parlamentarias que puidesen depurar as responsabilidades políticas.
Porén, o xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo. A Consellaría de Xustiza bloqueou as periciais que ían desenvolver os enxeñeiros independentes Alfredo Matesanz e Hugo Ramos e propuxo no seu canto a dous funcionarios da Xunta (un deles antigo concelleiro do PP) que desenvolveron traballos moi curtos de metodoloxía e medios, impropios dunha pericial desta caste. Só o outro perito independente, o enxeñeiro Mariñas, achegou un principio de proba que lle permitiu a Audiencia estimar a apelación das vítimas e reabrir o remate da investigación decidido pola Fiscalía e o xuíz sucesor de Aláez.
Agora sabemos, en boa parte grazas a Ana Miranda, que as vítimas morreron porque na liña Compostela-Ourense non estaba implantado o sistema de seguranza ERTMS, presente en toda a alta velocidade española e que garante frear o comboio no caso de despiste do maquinista. Sabemos que non se investigou a mecánica do descarrilamento. E sabemos que o PP e o PSOE preferiron o lobby ás vítimas, asumindo tamén a consideración de Galicia como mera sucursal: defínese un AVE para toda España e que sexa Galicia quen mude a orografía ou pague as consecuencias.
Dá verdadeiro noxo semellante desvergoña política.

Responsables no caso Angrois

A sección da Audiencia con sede en Compostela vén de reabrir a investigación do accidente do Alvia (xullo 2013), anulando a resolución que pechara a mesma e ordenara abrir xuizo oral só contra o maquinista. O Xulgado agora haberá pescudar moito máis polo miúdo, nomeadamente porque ADIF non identificou a xeito o problema de seguranza da propia curva de Angrois, verdadeiramente perigosa, ao emerxer o seu risco de súpeto e sen transición.
A Audiencia non considera, porén, que a falla do novo sistema de seguranza ERTMS sexa delitivo por si propio. Mais abre unha porta a relacionar o grave perigo da curva de Angrois coa falla de medidas de seguranza que eviten dependermos dun só home. Porque no actual sistema de seguranza ASFA prevese que o maquinista poida perder a conciencia, mais non as distraccións, como si prevé o ERTMS. Xa que logo, a grave responsabilidade de ADIF sería permitir que na transición dun treito seguro a unha curva moi perigosa que esixe baixar a velocidade de 200 a 80 kms/h dependeramos dun só home. Dependencia que non existe nas liñas da Alta Velocidade Española (AVE) reais, é dicir a de Valencia, Sevilla ou Valladolid-Zamora. Velaí que sexa posíbel mesmo ampliar a condición de investigado a determinados responsábeis de ADIF pola omisión de medidas de seguranza.
Mais alén das responsabilidades penais están as responsabilidades políticas. Esas que non queren asumir un PP que agachou esas graves chatas de seguranza dende que chegou ao Goberno e un PSOE que inagurou a liña Ourense-Santiago de Compostela ás presas, sendo Pepe Blanco ministro en funcións. O que explica non ter mellorado a fasquía da curva, omitir o sistema ERMTS e outras deficiencias a respecto do verdadeiro sistema AVE implantado noutros territorios do Estado.
Explícanse, deste xeito, os atrancos ás Comisións de investigación nos Parlamentos estatal e nacional, os bloqueos informativos, a falla de investigación administrativa real ou o activismo da Consellaría de Xustiza para substituir os peritos independentes primeiramente nomeados polo xuiz Aláez por funcionarios da Xunta. Algo cheira a podre nos restos dos comboios do Alvia.

A culpa foi do maquinista

O Xulgado de Instrución nº 3 de Compostela vén de rematar a instrución do accidente de Angrois, considerando única persoa presuntamente responsábel do sinistro ao maquinista do tren. O xuíz rexeitou novas probas propostas polas acusacións das vítimas, pechando a posibilidade de acusar terceiras persoas.
Porén, a realidade é que un dos tres peritos xudiciais, César Mariñas, concluíu que este accidente non tería ocorrido se o tren levase equipado o sistema ERTMS, obrigatorio na alta velocidade española. E non o levaba equipado por mor dunha autorización provisional de ADIF do 23 de xuño do 2012, trece meses anterior ao accidente, que non foi acompañada por ningunha medida complementaria ou de reforzo da seguranza. O día do sinistro os viaxeiros do 0730 Alvia eran os únicos usuarios de AVE no Estado que dependían do maquinista. Os demais doutras liñas atopábanse baixo a automatizada protección do ERTMS.
Mais outro dos peritos xudiciais recoñeceu tamén a mala sinalización da perigosa curva d’A Grandeira, pertencente ao antigo tracexado. Cuestión que xa fora advertida polos servizos territoriais da operadora RENFE en decembro de 2011, poucos días despois de que o ministro Blanco abrise oficialmente este tren, a piques xa de cesar como ministro.
En realidade, dous dos peritos (o enxeñeiro industrial e o civil) son funcionarios da Xunta e substituiron aos anteriores peritos xudiciais aplicando o Regulamento galego da xustiza gratuíta que non prevía o caso concreto. O nomeamento destes dous peritos acordouse a requirimento xudicial, polo Departamento do vicepresidente Rueda.
Esta resolución xudicial só pode ser revisada pola Sección 6ª da Audiencia con sede en Compostela. Sección que xa retirou a imputación dos directivos de ADIF acordada polo anterior xuíz Aláez. Mais no mesmo auto no que acordou esta “desimputación”, a Audiencia advertiu que os directivos de ADIF poderían seren imputados outravolta se existisen indicios racionais da súa responsabilidade. E os expertos técnicos e xurídicos opinan maioritariamente que o ditame pericial de Mariñas, emitido posteriormente, demostra a grave responsabilidade de ADIF.
Velaí que a cidadanía e as vítimas, acredoras dunha pescuda a xeito e dun xuízo xusto, agarden por esta última posibilidade, que habería reconcilialas coa fe na Xustiza.

As responsabilidades políticas de Angrois

No aniversario da catástrofe de Angrois o primeiro que cómpre é respecto e memoria. Respecto polas vítimas e memoria do civismo humanitario dos veciños de Angrois e dos outros voluntarios e da competencia, profesionalidade e entrega dos empregados públicos e do persoal dos medios que edita esta Casa (Grupo El Correo Gallego).
Dito isto, cómpre tamén botarlle unha ollada á marcha das pescudas. O xuíz Aláez xa non está á fronte da instrución, mais fixo até de agora un bo traballo, moito máis en comparanza coa parcial e amañada investigación de Fomento, só orientada para salvar as responsabilidades dos Ministros José Blanco e Ana Pastor e para facer do maquinista Garzón o inimigo público. Mais a instrución xa nos deprendeu que o sistema de seguranza ERTMS non estaba instalado por unha decisión expresa de ADIF no verán do 2010, cando está instalado en todos os treitos do AVE e nalgúns convencionais de velocidade media-alta. E que este sistema tería evitado, si ou si, o accidente ao reaccionar automaticamente contra do exceso de velocidade que detectaría no comboio ao chegar á fatídica curva.
Sabemos máis. No proxecto orixinal suprimíase a curva d’A Grandeira, mantida en último de contas, malia a súa perigosidade, pola obsesión de Blanco por inaugurar o treito ferroviario Ourense–Santiago antes do seu cesamento. E, de feito, inaugurouse o 10 de decembro do 2011, cando só lle quedaban a Blanco cinco días no Ministerio. E xa neses días eleváronse as primeiras queixas do persoal de Renfe polo desaquelado da seguranza nese último treito e, nomeadamente, nesa curva. Sen resposta de ADIF.
O que anuncia, con alta probabilidade, que haberá máis responsábeis penais canda o maquinista e, de certo, gravísimas responsabilidades polìticas que apuntan, quer por acción, quer por omisión, aos ministros Blanco e Pastor e a PP e PSOE coincidentes en lle botar terra ao asunto e termar en dicir, urbi et orbe, que esta terríbel desgraza foi causada por un só home.

A verdade de Angrois

A pescuda xudicial aberta na capital de Galicia pola traxedia de Angrois deu este día unha reviravolta coa achega, pola defensa do imputado maquinista Garzón, dunha proba substancial e directa da prevención que sentía o colectivo dos maquinistas a respecto da curva d’A Grandeira. Unha proba que ten data tan temperá coma a do 26 de nadal do 2011, só quince días despois da primeira viaxe do traxecto do falso AVE Ourense- Santiago de Compostela. Falso AVE, porque como ven de manifestar o experto ferroviario galego Xosé Carlos Fernández Díaz, a seguranza destes comboios non dependen só do bo facer dun experto e competente maquinista, pois en todas estas liñas existen trebellos e sistemas eficaces que anulan, de ser o caso, os riscos dun erro do profesional ao manexo. O que nunca existiu, dende decembro do 2011, nos últimos catro quilómetros do treito Ourense-Santiago nin tampouco, en xeral, para os viaxeiros dos Alvia que cobren esa rota. Voltamos, xa que logo, á hipótese daquela fin de xullo: as vítimas daquel tráxico 24 de xullo dependían só da experiencia, atención e profesionalidade do maquinista Garzón. O que quere dicir que o que inauguraron o entón ministro -xa en funcións- José Blanco e o ex ministro Francisco Álvarez Cascos –canda o presidente da Xunta– non era unha liña da chamada Alta Velocidade Española (AVE), como as que circulan cara Sevilla, Valladolid ou Valencia, senón outra cousa.. Faltaron, pois á verdade. Eis porque o PP vetou cadansúas comisións de investigación nos parlamentos estatal e galego, coa vergoñenta colaboración do PSOE. Porque, unha vez máis, agachar a verdade á cidadanía sobre a posta en funcionamento desta liña ferroviaria é cousa dos dous partidos do bipartidismo dinástico, causantes da fonda crise institucional que vive o Estado español. Velaí que sexa tan importante que a pescuda xudicial do xuiz Aláez conte con peritos expertos e independentes que tenten explicar o que pasou. Porque a cidadanía, principiando polas vítimas, é merecente de respostas propias de adultos. Malia os intereses de RENFE, ADIF, os sucesivos ministros de Fomento, o Partido Popular ou o PSOE.

A responsabilidade de ADIF

Hai ben poucos días, neste mesmo lugar, falábamos de distinguirmos o pecado e o delicto da culpa e da responsabilidade. O artigo ía a conto da unanimidade dos comparecentes da Comisión ad hoc do Congreso dos Deputados (ministra Pastor e presidentes de ADIF e RENFE) no seu sinalamento como responsábel único da catástrofe de Angrois ao maquinista Garzón. E de moitas máis cousas que arrepían a conciencia de tantos galegos e galegas que fomos educados na ética das responsabilidades, que obriga a asumir as culpas daqueles aos que educamos, eliximos ou diriximos.
Pois ben, o xuíz Aláez rachou esta teoría, espallada a eito por un Goberno central desprazado do seu protagonismo pola responsabilidade que á Xunta lle outorgaba a Lei de Emerxencias que o Bipartito aprobara no 2007. E rachouna cun auto que imputa polos delictos de homicidios e lesións imprudentes ao responsábel de seguranza de ADIF e á propia Axencia, pois que dende primeiros do 2011 as persoas xurídicas poden ser responsábeis, tamén, dos delictos.
Xa que logo, os ministros Rafael Arias-Salgado, Xosé Blanco e Ana Pastor (e, canda eles, os presidentes Aznar, Zapatero e Rajoy que os nomearon) haberán responder politicamente, pois que o proprio auto do xuíz Aláez considera que esta caste de responsabilidade (e máis a responsabilidade ética) ha ser resolvida no ámbito mediático e social. Responsabilidade que cómpre esixir de xeito democrático, do mesmo xeito afastado do simbólico aforcamento na praza que da inxustificada indulxencia que nestes últimos anos se reserva para todos os dirixentes, mentres adoitan sancionar duramente aos peóns.
De calquera xeito, o xuíz ordinario predeterminado pola lei, o xuíz compostelán, imputou xa á Axencia estatal das infraestruturas ferroviarias. Sería quen de chegar tan aló un xuíz da Audiencia Nacional que depende no seu nomeamento das institucións ocupadas polo bipartidismo de quenda?