O bloqueo das solucións políticas

O proceso de debate do novo Estatut catalán de 2006 e máis o talante supostamente autonomista do Goberno de ZP sementaron en moitos a idea de que a Constitución española de 1978 era quen de evoluír cara un Estado plurinacional onde encaixasemos diversas nacións do Estado. Na Galicia tamén se avanzou substancialmente cara un novo Estatuto no 2006. Até o extremo que xa estaba consensuado un texto ao 95% entre PP, PSdeG e BNG.
Mais o PP optou por rachar os consensos, xerar división social e defender unha idea de España anacrónica, autoritaria e uninacional. Feijóo bloqueou o novo Estatuto na súa xuntanza a tres co Vicepresidente Anxo Quintana e co Presidente Touriño. Mentres, Rajoy, xa líder do PP, recorría perante o Tribunal Constitucional (TC) o Estatut catalán, avivaba o lume da catalanofobia recollendo sinaturas nas praias e bloqueaba o anovamento do TC para evitar unha sentenza que declarase constitucional o Estatut.
En xuño do 2010 o TC “mandó a parar” cunha sentenza que declarou inconstitucionais as principais solucións para avanzar no autogoberno catalán, sendo a primeira vez que se anulaba un texto ratificado antes pola cidadanía. Rachouse, pois, o pacto estatutario entre o Estado e Catalunya e implicitamente a propia Constitución, demostrándose que a interpretación dominante da Constitución impedía a evolución de España cara á plurinacionalidade.
Esta dinámica separadora fixo abrollar o independentismo catalán, até entón en níveis do 10%. O President Mas tentou en setembro de 2012 un pacto sobre financiamento que substituíse a normativa económica do Estatut do 2006, declarada inconstitucional, mais a resposta de Rajoy foi de rexeitar calquera solución negociada.
Dende aquí o Goberno do Estado seguiu na súa teima de negar toda solución política, quer unha reforma constitucional que ratificase os avances estatutarios do 2006, quer un referéndum consultivo, que máis do 70% dos cataláns pedían. Un plebiscito perfectamente constitucional consonte co artigo 92 da Carta Magna.
O bloqueo das solucións politicas permitiu rearmar o nacionalismo español, ariete dunha recentralización que interesa a grande parte do Madrid financeiro, económico e mediático e non interesa nada a Galicia. O bloqueo ás solucións políticas está a prexudicar a convivencia, quizais de xeito irreparábel.

As contas do centralismo

Sempre que o Goberno central quitou a súa información sobre as chamadas balanzas fiscais (2008 e 2012), Galicia resultou suposta beneficiaria da solidariedade do Estado, avaliándose até en 3500 M€ a diferenza ao noso favor entre o supostamente recadado e o recibido.
Claro é que as contas do centralismo son parte dos moitos contos ou ladaíñas que retransmiten os voceiros -oficiais e oficiosos- do centralismo. E levan trampa. En primeiro lugar, contabilizan a Seguridade social contributiva, que non é cuestión de territorios, senón de persoas cotizantes. Eu gaño o meu dereito á pensión contributiva e á contía da mesma independentemente de onde cotizase. Tamén está a trampa do método de contabilización chamado carga/beneficio, que contabiliza como gastados e/ou investidos en Galicia o 5,4% dos orzamentos de Defensa, RTVE, Casa Real, Ministerios, cando a inmensa maioría destes gastos se fan en Madrid. Ou atribúenos o 7% da débeda pública estatal, cando só somos o 5,4% da súa poboación. A quen beneficia o gasto burocrático na súa inmensa maioría? Acertaron, á área de Madrid, que é onde se cobran os soldos e se fai o gasto.
Se empregamos a metodoloxía que os economistas máis neutrais xulgan de aplicación, resulta que no 2015 o Estado recadará uns 12.400 a 12.500 M€ na Galicia dos que a Xunta empregará uns 9000 M€ nos seus orzamentos. Alguén pensa que os servizos que presta o Estado na Galicia acaden o valor de 3.400 M €/ano?
Por outra banda, os nosos concellos receben só o 3% dos 17600 M€ que o Estado destina ás transferencias a entidades locais. É dicir, que nos quitan 500 M€ sobre o 5,4% que por poboación nos correspondería. Por que? Porque o Estado financia os servizos dos concellos só tendo en conta a poboación, non o seu avellentamento ou espallamento. Solidariedade con Galicia? Confórmome de entrada con que nos paguen o que deben. Que poñan eses 500 M€/ano adicionais e que transfiran á Xunta as competencias para distribuír eses fondos de cooperación local, como cumpriría en calquera Estado descentralizado.
As contas do centralismo, amais de se basear nuns dados moi opacos, constitúen pola súa metodoloxía e conclusións un insulto á nosa intelixencia. E que nos alcumen de parvos, sen nos recoñecer o que nos pertence e aínda vendéndonos o favor, sobarda os límites do aturábel na democracia.

Madrid e o capitalismo de amiguetes

A centralización borbónica deulle a Madrid esa fasquía de pequena cidade burocrática e afastada de Europa, centro do sistema oligárquico-caciquil da Restauración que tan ben describiu Joaquín Costa. Unha oligarquía que moi axiña corrixiu o deseño competitivo e exportador dos primeiras propostas de ferrocarrís privados (velaí o Compostela-Carril) pola radialidade con centro en Madrid que define o mapa ferroviario español e o mapa das estradas impulsadas por Primo de Rivera.
O franquismo potenciou Madrid como praza financeira e centro económico. Mais o grande pulo foi o dos últimos corenta anos, coincidindo coa teórica descentralización do poder político. Defíníronse unhas prioridades infraestruturais (autovías e AVE radiais, nova terminal aeroportuaria que custou un billón de pts.), que non só potenciaron Madrid fronte aos eixos atlántico, cantábrico ou mediterráneo, senón que traballan para o grande lobby construtor-concesional.
O lobby da distribución eléctrica recada no seu favor dende un absurdo tarifario que penaliza ao conxunto da industria española e a Galicia como país produtor, mentres favorece aos grandes mercados do consumo doméstico que non producen enerxía, como Madrid. As sucesivas concentracións bancarias priorizan Madrid como praza financeira e vencellan irresolubelmente poder financeiro e poder político. O proceso de privatización das empresas públicas desenvolvido polos gobernos de González e Aznar concentran o IBEX 35 nos sectores regulados e extractivos que viven do BOE e non en empresas que compiten en libre concorrencia.
Este esquema transládase aos medios estatais, todos eles madrileños, que constrúen un discurso que identifica este Madrid do capitalismo de amiguetes coa unidade de España. Botín e Florentino Pérez frustran a operación para galeguizar o capital de Unión Fenosa (2006) e a grande distribución eléctrica presiona a Feijóo para arquivar un plan eólico que beneficiaba aos emprendedores galegos e ao desenvolvemento industrial do País (2009). E, coincidindo coa crise, a presión extractiva dos “lobbies” estatais intensificouse, mesmo concorrendo a actividades e contratacións que antes beneficiaban ás pemes galegas.
Madrid fagocitou Castela e vai camiño de facelo con Galicia.

Gobernarmos nós o noso

O Ministerio de Economía vén de recoñecer, respostando unha pregunta parlamentaria, que adiantou catro anos a poxa de NCG Banco (agora Abanca) por mor dun informe dunha consultora internacional que lle advertía da posibilidade dunha grave deterioración dos activos do banco público. Das resultas dese informe, o Goberno do Estado vendeulle o banco a Banesco en 1003 M€, un 10% do diñeiro gastado no seu saneamento, perdendo 9000 M€ (nove veces o orzamento galego en Educación). No seu primeiro ano integrado en Banesco Abanca gañou xa máis do que custara.
Cómpre lembrar que o memorándum aprobado pola UE lle daba ao Estado español tempo ate a fin de 2017 para vender NCG. O adianto da súa poxa e, xa que logo, os 9000 M€ de perdas, son decisións proprias de Guindos e Rajoy. A eventual deterioración do valor dos activos de Novagalicia Banco era tan probábel como a de Bankia ou calquera outra entidade. NCG Banco enfrontaba o dano reputacional da débeda subordinada, mais mantiña a principal rede de Galicia, o mellor cadro de persoal, unha cota próxima ao 35-40% en préstamos e depósitos en Galicia e un presidente executivo, José María Castellano, cun proxecto claro para manter a singularidade e galeguidade da marca. Un presidente continuamente cuestionado polo FROB que chegou a boicotear decisións por el adoptadas no estricto ámbito das súas competencias corporativas.
Quere isto dicir que as ruinosas resultas da poxa de NCG Banco para a Facenda pública poden ser froito da incompetencia e da trapallada. Mais cómpre non desbotar ningunha hipótese. Lembran vostedes aquelas presións para que NCG Banco fose engulido a baixo prezo por un grupo estatal, quer o Santander, quer Caixabank? Puido ser este informe unha xustificación para lle entregar a meirande parte do mercado bancario galego a un grupo estatal? Porque foron excluídos os Fondos internacionais da posibilidade de se beneficiar dos créditos fiscais do banco?
Canto á Xunta, semella que Alberto Núñez Feijóo tentou evitar esta poxa e non puido, pola falla de poder político abondo fronte a Madrid. Porque isto non vai de Gobernos amigos. Vai de poder gobernarmos nós o noso, xa que os de fóra andan sempre ao seu. E as razóns de Estado de Madrid nunca coinciden cos intereses galegos.

Administración local á galega

A mentalidade política que manda en Madrid tende a ver a uniformización e a centralización como elementos positivos. As estradas e os camiños de ferro deseñáronse dende e para Madrid, desprezando os eixos sinalados polos vellos camiños xacobeos e vías romanas. No que atinxe á administración territorial a Constitución de Cádiz impuxo o “ayuntamiento” castelán de vilas e pobos grandes a “todos los pueblos de la Monarquía”, malia que o poboamento de Galicia non fose o típico castelán e andaluz concentrado, senón espallado en moitos núcleos de poboación.
Esta mentalidade mantívose despois do franquismo. A Constitución só lle garantiu o Estado as “bases do réxime local” e Galicia asumiu no seu Estatuto todas as competencias de desenvolvemento deste réxime. Mais o poder estatal ditou unha Lei básica de réxime local que de básica só ten o nome, porque deixou unha marxe practicamente nula a Galicia para poder axeitar este marco ás nosas realidades. E, de paso, comprimiu os nosos concellos nunhas estruturas uniformes que impiden o real exercicio da autonomía local para a mellor prestación dos servizos.
E o Tribunal Constitucional, coma sempre, fixo de árbitro caseiro e consagrou o actual estado lexislativo, totalmente alleo ás tradicións federais (Alemaña, Suíza, USA) que recoñecen a autonomía local e lle outorgan plenas competencias na administración local aos gobernos territoriais.
As recentes leis de estabilidade orzamentaria e de racionalización dos gobernos locais agravaron esta recentralización uniformadora, tendendo a recortar a calidade dos servizos. Os concellos galegos de menos de 20.000 habitantes viven abafados por toda caste de restricións normativas e orzamentarias impostas dende Madrid. E a Xunta non ten competencias para lles restaurar a súa autonomía local, única garantía de boa gobernanza nos concellos.
Velaí a urxencia da atribución ao poder galego das competencias todas canto ao réxime local, incluídas as facendas locais. Porque en Galicia, a boa prestación de servizos só é posíbel dende unha autonomía local real que só pode garantir o autogoberno galego.

Crecemos moi cativamente

No 2014 Galicia foi o territorio do estado no que menos medrou o Produto Interior Bruto (PIB). Só un 0,5 por cento fronte ao 1,4% estatal, o 2,5% rioxano ou o 2,2 % estremeño ou canario. Para máis, a nosa desindustralización é evidente, cun peso dos servizos que acada xa o 60 por cento. E tamén é nidia a atonía no crédito.
Como vén de informar El Correo Gallego, Madrid, cun 18% do PIB estatal, supón o 26,5% de crédito, fronte ao noso país, que ten que financiar un 5,4% do PIB estatal con só o 3,16% do seu crédito, mentres os avais do IGAPE ás empresas, que terían de compensar parcialmente esta insuficiencia, se recortaron no 2014 un 60% a respecto do 2013.
O presidente Núñez Feijóo vén de dicir que esta cativeza no crecemento galego é allea á súa responsabilidade por depender de circunstancias esóxenas propias dos sectores naval, enerxético e da automoción. Mais esta suposta falla de responsabilidades non atura unha análise obxectiva. A atonía do sector enerxético atopa boa parte da súa razón de ser na derrogación da adxudicación eólica de 2008, que xa estaba en fase de implementación no verán do 2009. Perdéronse dous anos nun novo reparto eólico que foi xa imposíbel de instrumentar, por mor das novas restricións crediticias e de retribución. Galicia perdeu o liderado nun sector de futuro, non só no que atinxe á produción enerxética, senón ao mantemento dun sector industrial puxante que botamos a perder no novo escenario.
Canto ao naval, o Goberno galego non foi quen de facer realidade os seus insistentes anuncios de novas contratatacións e non explicou aínda o futuro dos supostos investimentos de PEMEX. Mentres tampouco foi quen de defender a xeito a capacidade técnica e produtiva do naval ferrolán fronte á xestión catastrófica dunha ineficiente e centralizada Navantia. De pouco valen os supostos Gobernos amigos se non somos quen de influír nas súas decisións.
As responsabilidades por omisión da Xunta na liquidación parcial do subsistema financeiro galego e na ausencia dunha política de reindustrialización tampouco son alleas a esta atonía económica. O crecemento esixe de proxectos e de financiamento e non casa coa perpetuación da austeridade.

A continua recentralización

A Constitución garantiunos, canda cataláns e vascos, o acceso ao nível máis elevado de autogoberno, a medio dun Estatuto negociado entre os parlamentarios galegos e o Congreso. Porén, dende a aprobación dos tres estatutos das nacionalidades galega, catalá e vasca a tensión recentralizadora foi continua. O Madrid político e económico ten pulado sempre por unha -inexistente- España monolítica e monolingúe e pola concentración financiera e empresarial en Madrid, en claro prexuízo das periferias españolas.
Malia que fracasou no Tribunal Constitucional o primeiro ataque recentralizador (a Lohapa aprobada por UCD e PSOE), os recortes ao autogoberno continuaron. Os gobernos de Felipe González usaron as leis básicas e o proceso de unificación europeo para recentralizar, ao tempo que retiñan os traspasos de medios materiais obrigados polas competencias asumidas en virtude do Estatuto de Galicia. A segunda lexislatura de Aznar foi unha continua sucesión de iniciativas recentralizadoras. E Zapatero usou de vías indirectas, como o uso centralizado de fondos estatais (vivenda, medio rural) que haberían estar territorializados, por non lle pertencer xa ao Estado estas competencias. Así e todo, o goberno Rajoy foi o máis intensivo nos recortes do autogoberno. No ámbito financeiro limitou extremadamente o déficit autonómico, flexibilizando o estatal, prexudicando gravemente a sanidade, a educación e os servizos sociais. A reforma educativa da LOMCE impuxo contidos absurdamente uniformes para todo o Estado, mentres relegou ao galego a lingua subordinada no ensino.
A reforma local tirou dos nosos concellos as competencias sociais para llelas atribuir a unhas Deputacións fracasadas e inoperantes. Galicia foi privada das súas competencias en materia de horarios e superficies comerciais, en claro prexuízo do seu comercio de proximidade e do consumidor galego en xeral.
A nosa especifidade económica e territorial determina que todo recorte ao autogoberno se traduza, sempre, en recortes ao benestar da cidadanía galega. Velaí que sexa tan preciso, no próximo futuro, un marco xurídico que garanta un autogoberno blindado e financiado a xeito.

A obsesión uniformista

Escrebín este día nun artigo doutra xeira que Galicia aproveitara ben a súa competencia en Dereito Civil para se aproximar ás novas realidades sociais ao lexislar unha substancial liberdade de disposición testamentaria, ao tempo que se axustaba á tradición xurídica galega ao recoñecer institucións tan útiles como o testamento mancomunado ou os pactos sucesorios. E axiña houbo quen defendeu a unificación lexislativa, sen matinar nas diferentes realidades sociais que esixen pluralidade de respostas normativas e sen se decatar que a autonomía política se diferencia da mera autonomía administrativa precisamente na capacidade de lexislar distinto.
É evidente que a coordinación ou mesmo certo grao de unidade lexislativa da fiscalidade e dos Dereitos Mercantil e Laboral é precisa para dotarmos a Unión Europea dun acervo común coherente. Mais as respostas lexislativas no Dereito Civil e Administrativo haberían ser diferentes, como diferentes son cadansúas realidades sociais e estruturas cívicas e económicas de, por exemplo, Galicia, Canarias, Murcia, Bavaria, Escocia ou o Piamonte.
Cal é a causa desta obsesión uniformista, deste eterno pulo irracionalmente centrípeto que adoitan exercer dende o centro do Estado os media e determinadas elites financeiras, universitarias e políticas? Por que un país como Galicia, coa metade dos núcleos de poboación do Estado e sen unha grande capital, ha partillar a lexislación de horarios comerciais madrileña, pensada para un macroespazo urbano de seis millóns de persoas? As razóns son tanto de prexuízo ideolóxico (as elites da España tradicional non aturan a distribución do Poder nin a autonomía dos distintos territorios á hora de elixiren cadansúas decisións) como do interese económico destas elites pola recentralización. Dito doutro xeito, que Galicia, por exemplo, non poida pór atrancos á cobiza de determinados axentes económicos.
En realidade, tras desta obsesión uniformista latexa o medo ao cambio e a dificultade para operar en espazos máis libres e participativos. Ou, se preferir, o medo a traballar en rede e horizontalmente e a pulsión para manter un Estado xa inviábel, cun só cerebro que pense e dirixa todo. A pulsión, xa que logo, por parar as agullas dun reloxio que camiña inexorábel.

Ollan de máis cara Madrid

Os galegos tendemos a ler en boa medida os nosos proprios xornais e sintonizar as nosas proprias emisoras de radio e TV. Quere isto dicir que buscamos informacións e opinións achegadas á nosa realidade. É evidente, xa que logo, que as informacións e opinións elaboradas dende Madrid non enchen a demanda da nosa cidadanía.
Velaí que un non entenda por que profesores galegos eminentes, que salientan pola calidade dos seus artigos xornalísticos e achegas en debates audiovisuais varios, teimen ultimamente en repenicar na Galicia a opinión que a eito pontifican dende os xornais, radios e TV madrileñas. Deste xeito, algúns defenden as políticas de austeridade como única resposta económica posíbel e máis a inflexibilidade do “patriotismo constitucional” como única resposta do Estado fronte á mobilización cidadá catalá a prol do dereito a decidir. Outros sinalan os tres nacionalismos (vasco, catalán e galego) como responsábeis das peores vivencias españolas dende a Restauración do 1975.
Próeme que algunhas das mentes máis brilantes do País ollen de máis a Madrid para conformar un relato agradábel aos que alí mandan, no canto de construír unha cosmovisión galega propria, que saiba explicar os acontecementos no Estado, na Europa e no mundo en clave galega. Porque defender as políticas de austeridade na Galicia descoñece a realidade dun País que liquidou boa parte da súa base industrial nos cinco anos e medio de goberno Feijóo e que fanou aquel diferencial baseado nunha menor exposición ao ladrillo de segunda residencia. E esquecer que o galeguismo foi o único que achegou neste país un discurso sobre o territorio, as carencias e potencialidades da economía galega ou a vocación europea e marítima de Galicia amosa unha notábel desconexión co noso presente e co noso pasado.
Pola contra, pouco lemos nalgúns destes profesores a respecto da especificidade da economía galega, construída sobre alicerces ben distintos á española (construción naval, complexos mar-industria e monte-industria, sector agrogandeiro, turismo non masivo) e de como require dun amplo autogoberno para a súa competitividade e para xerar benestar aos galegos. Nin tampouco a respecto da actual desafección da cidadanía co marco político pactado na transición.

Provincias fóra

Louzán destraga 280.000 € dende a deputación pontevedresa en publicidade da volta ciclista, mentres o vello Baltar é condenado penalmente por ter contratado ilegalmente ducias de traballadores para a deputación ourensá. As deputacións manteñen cadanseu presidente, 108 deputados e un aparello custoso sen funcións definidas e sen lexitimidade democrática. O delegado do Goberno do Estado, sen máis funcións coñecidas que a xefatura política das policías estatais, mantén catro subdelegados e unha estrutura periférica duplicada e redundante.
PSOE e PP frearon nos anos 80 e 90 do seculo pasado os esforzos lexislativos de Catalunya e Galicia (do conselleiro nacionalista Pablo G. Mariñas) para subordinar as provincias aos Gobernos autonómicos e mesmo abrir o camiño para a súa supresión devagariño. O bipartidismo dinástico seica considerou que as provincias ían ser un eficaz contrapoder que Madrid podería usar contra os Gobernos autonómicos. E o goberno Rajoy ven de potenciar os poderes das Deputacións fronte aos concellos para reducir a calidade dos servizos sociais e centralizar a prol de grandes empresas estatais privadas a súa xestión.
O pensamento galeguista e democrático sempre considerou estas estruturas provinciais como lesivas para a boa gobernanza da Galicia e niños de caciques e xestión desaquelada. Mais, naquela ilóxica centralista do XIX, as catro provincias galegas copiaban os departamentos franceses para construíren cadanseu distrito de 400.000 habitantes no que fose posíbel viaxar no día dende calquera das súas capitais municipais á capital. Hoxe mudou todo. Nunha Galicia na que o 55% da poboación vive nas súas oito principais áreas urbanas e na que decidimos en tempo real a medio da videoconferencia e o correo electrónico, a supresión destes enxendros inùteis e prexudiciais é necesaria.
Até agora sempre invocaban a Constitución. Mais agora albíscanse, si ou si, tempos para a remuda constitucional. Cómpre obter desa remuda, entre moitas outras novas competencias, a capacidade para que Galicia decida sen interferencias o seu réxime local para suprimirmos as provincias.
A lexislatura que comeza a vindeira primavera habería ser a derradeira para as deputacións galegas.