Efectos do proceso catalán na Galicia

Ocorra o que ocorra hoxe na Catalunya as cousas entre aquel país e o Estado español non serán xa nunca iguais. A fenda é irreversíbel. Mais os separadores, neste contexto, non foron os independentistas, senón as propias elites económicas, mediáticas e políticas de Madrid, que nin souberon nin quixeron ofrecer a unidade de España como fórmula amábel de integración plurinacional, senón como imposición dunha realidade que habería ficar fóra de toda capacidade de decisión cidadá, o mesmo ca a Monarquía. Sempre contando coa axuda dun Tribunal Constitucional escollido só polas maiorías políticas estatais e que decide o 99% das veces a xeito de árbitro caseiro. Como dicía Castelao, o separatismo nace en Madrid.
O proceso, evidentemente, non remata mañá. Mais axiña comezará outro: o da reforma constitucional que esixen as circunstancias para acoller o que é unha realidade social transversal, interclasista e pacífica. O problema catalán non se amaña enviando a Garda Civil ou con represión policial ou xudicial, mesmo con apariencia de legalidade formal. É un problema político.
Os efectos para Galicia deste proceso serán importantes. Na reformulación territorial Galicia non pode conformarse co dependentismo de Rajoy e Feijóo, non pode xogar ser a Rioxa ou Murcia, senón que ten a necesidade de puxar polo máximo autogoberno posíbel, pola máxima autonomía financeira e polo pleno recoñecemento da súa singularidade nacional, a única barreira efectiva contra o noso limitado peso poboacional e económico no Estado. É o momento dun novo relato e só terá éxito se conecta coa xente común, coa sociedade civil.
Mais os efectos irán chegando nas próximas semanas tamén á propia cidadanía. Sectores importantes da dereita urbana, nomeadamente d’A Coruña e Vigo, vanse pechar nun discurso esencialista español cada vez máis incompatíbel coa aceptación da singularidade cultural, política e económica galega. Mais amplos sectores da Galicia máis dinámica evoluirán cara un soberanismo moito máis cívico ca identitario, tanto máis intensamente canto máis evidente sexa que Catalunya saia favorecida do “procès” en termos de ampliación do autogoberno, mellora do financiamento ou recoñecemento do seu dereito a decidir.
Veñen tempos de cambio e cómpre construír sen lle ter medo.

Catalunya triomfant? Os fitos do procés

Este é o artigo publicado no número 47 da revista Luzes. Pode descargarse aquí: Catalunya triomfant? Os fitos do procés. Xoán Antón Pérez Lema Luzes. Setembro de 2017, ou ler a continuación:

Estado de excepción de facto

A semana catalá amosou ao Estado vulnerando en todas as frontes o autogoberno da Generalitat dun xeito abertamente ilegal. Porque Rajoy optou por evitar a vía excepcional do artigo 155 da Carta Magna (como nos explica o constitucionalista Javier Pérez Royo) para non estar limitado polos marcos propios da resolución do Senado que lle outorgaría a habilitación, pero suxeita aos limites temporais e finalistas propios da súa natureza. Tampouco quixo proporlle ao Congreso a declaración dos estados de sitio ou excepción, consciente do rexeitamento que lle oporía a súa maioría absoluta. Rajoy promulgou de feito un estado de excepción propio da lóxica xurídico-política dun Carl Schmitt que coidábamos morto hai un lote de anos.
Para acadar os efectos deste réxime excepciónal de feito, Rajoy botou man do brazo gobernamental das Fiscalías Xeral do Estado e Superior de Catalunya (lembran agora aquel “la fiscalía te lo afina” do exministro Jorge Fernández Díaz?) para deter catorce altos cargos da Generalitat no decurso dunha investigacion xudicial que tecnicamente xa habería estar pechada e acumulada á pescuda do TSJ de Catalunya que investiga ao presidente, vicepresidente e conselleiros da Generalitat. A mesma Fiscalía Superior que pon aos Mossos ás ordes do Ministerio do Interior sen ningunha caste de alicerce legal, xa que Rajoy non quixo activar os que tiña ao seu dispor para non verse limitado polas súas esixencias normativas.
Mentres, Montoro, tamén sen bases legais, suprimiu a autonomía financeira da Administración catalá. Mentres, asistimos ao chafalleiro espectáculo da citación de 700 alcaldes ou do actor que presentou o acto polo si de Tarragona. Mentres, o Ministerio do Interior enche Catalunya de policía estatal, cando a convivencia democrática está totalmente garantida polas Policías catalás.
Este estado de excepción de facto estalle a facer un dano letal á imaxe internacional do Estado e á propia convivencia entre españois. È posíbel que ninguén se decate en Madrid?

Arredarnos do dependentismo

Hai dúas semanas escrebíamos nestas páxinas que o 2 de outubro principiará un proceso substancial de reforma constitucional do Estado e que Núñez Feijóo aposta polo dependentismo a respecto de Rajoy e Madrid para faceren deste país unha Rioxa ou Murcia un pouco máis grande.
O lehendakari Urkullu vén de anunciar este fin de ciclo e coida chegado o intre de construír un Estado confederal que recoñeza o dereito a decidir das nacións galega, catalá e vasca. Cando moitas acreditaban que o PNV sería o apoio do PP até o remate da lexislatura asistimos á confirmación dende Euskadi de que o proceso catalán moveu de xeito irreversíbel os marcos.
Que lle convén a Galicia? Dende logo non ser coma a Rioxa ou Murcia. Non lle convén o dependentismo, porque só achega pouco máis do 5% ao PIB e á poboación do Estado e porque as nosas bases económicas non son relevantes para este mesmo Estado. Ser un de tantos (o dependentismo) afonda na nosa subordinación económica, cultural e social. Cómpre, pois, arredarmos do dependentismo.
Mais Núñez Feijóo (que disque non recuncará nin seguirá carreira en Madrid) quitou hai un ano a única maioría absoluta do Estado e no ámbito do PPdeG non se move unha palla. Xa que logo, só poden tecer un relato as forzas políticas e sociais que acrediten nun proxecto de País distinto. Un relato para a sociedade galega que nos permita partillar o proceso que vai vir si ou si.
Velaí a necesidade urxente dunha unidade de acción de En Marea e BNG que tenda a mAn ao novo PSdeG (á marxe da desubicación da Executiva federal do PSOE) e ao mundo do galeguismo centrista e independente, que tenta arestora vertebrar Compromiso. Tamén á sociedade máis dinámica e aos axentes empresariais, que son os primeiros prexudicados da política económica dependentista do PP, como demostraron a revogación do concurso eólico, a liquidación das Caixas ou os efectos na recesión da falla dunha Banca Pública Galega que apostase polas nosas medianas empresas.
Semella, pois, o momento da intelixencia e da xenerosidade. O momento de que as forzas políticas e sociais galeguistas e progresistas que non partillan o relato dependentista do PPdeG deixen de ollar para cadanseu embigo e pensen nos intereses da cidadanía galega.

Rajoy apela ao medo

Rajoy está a usar o Fiscal Xeral do Estado (nomeado polo Goberno central e recusado pola maioría absoluta do Congreso) para impedir o referéndum catalán do 1-O. Os primeiros intres desta campaña amosaron escenas propias do camarote dos irmáns Marx, coas forzas policiais na percura de papeletas ou de urnas por Catalunya adiante. Mais axiña Maza demostrou que o seu obxectivo era sementar o medo en todos os políticos e funcionarios e mesmo nos voluntarios que participarían no proceso electoral convocado pola Generalitat.
Deste xeito, chamou declarar como investigados perante cadansúas Fiscalías Provinciais catalás aos máis de 700 alcaldes (case o 80% dos de Catalunya) que apoian o referéndum. Tamén obtivo medidas cautelares para prohibir actos pro referéndum dentro e fóra de Catalunya e para intervir material de propaganda. O seguinte paso deuno o Consello de Ministros coa suspensión pola vía de feito da autonomía financeira catalá recoñecida no Estatut vixente.
Esta enxurrada de actuacións xeraron unha xeira de fotos de moi mala presentabilidade internacional. Á sona exterior de tolerancia coa corrupción do Goberno do PP engádese agora a restrición de facto das liberdades de expresión e manifestación, e non só na Catalunya. Velaí a remuda cualitativa das manifestacións do presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker. Malia que manteña as formas apelando á necesidade dun referéndum concertado, advertiu que recoñecería o seu resultado, nunha clarísima chamada á política que non fai o PP.
Mais a Rajoy desenvolver esta antipolítica de pao e denuncia non lle causa dano electoral. Outra cousa son os danos irreparábeis que poden xerar na relación entre Catalunya e España e mesmo na propia convivencia democrática entre españois. Deste xeito, Pedro Sánchez haberá decidir o 2-O se permite que siga esta perigosa deriva antidemocrática ou opta por lle sinalar a Rajoy o camiño da súa casa.

A arrincadeira. Morreu Bautista Álvarez
Bautista Álvarez encarna o sacrificio patriótico dunha xeración que defendeu o dereito á autodeterminación e a ruptura democrática fronte á reforma e á limitada autonomía da transición. Xusto é que o país lle recoñeza o seu grande traballo, mesmo os que sempre mantivemos fondas diferenzas a respecto das súas coordenadas ideolóxicas e do seu xeito de comunicar.

Galicia cara ao 2 de outubro

No contexto galego salienta o apoio ao referéndum catalán do BNG, En Marea (que contrasta coa división ao respecto en Podemos e nos comúns cataláns) e boa parte das organizacións sociais vencelladas ao galeguismo e progresismo. Fronte este apoio o Presidente da Xunta abandeira o discurso do inmobilismo do PP e prioriza a súa subordinaciòn a Rajoy na tarefa da desmontaxe do plebiscito do 1-O.
Bótase faltar, porén, un debate cara unha posición de País a respecto do 2 de outubro. Porque é moi probábel que, moi logo desa data, principie o debate cara unha reforma constitucional para a reordenación político-territorial do Estado. E Galicia ten evidentes intereses políticos e económicos nesa eventual reforma.
Porque este proceso podería recoñecer a singularidade nacional de determinados territorios, canda un réxime competencial e financeiro uniforme para os restantes. Singularidade nacional que, no caso de Galicia, habería traducirse nun espazo competencial ampliado e blindado de inxerencias estatais, na competencia exclusiva sobre lingua, cultura, educación, Dereito Civil e goberno local e máis na plena autonomía financeira con total capacidade normativa e de recadación sobre os principais tributos. E mesmo un posíbel recoñecemento, malia que limitado e suxeito a regras bastante ríxidas, do noso dereito a decidir.
Mais para estar neste proceso de reforma constitucional hai que ser. Cómpre sermos nación (ou nacionalidade, tanto ten para os efectos). E sermos conscientes da gravidade do momento histórico. Galicia só achega o 5,1% do PIB e o 5,5% da poboación estatais e os seus alicerces económicos son prescindíbeis para o Estado. De non nos recoñecer esta singularidade nacional -e canda ela a posibilidade dun amplo autogoberno que poida xerar benestar- estaremos colleitos dun sistema extractivo dos nosos recursos e negador das nosas potencialidades económicas e culturais.
E velaí a falla de altura histórica do noso Goberno. Porque, na hora na que os territorios han falar, o noso Presidente está máis preocupado por secundar Rajoy na demonización de Catalunya ca na defensa dos intereses económicos e políticos deste país. Os intereses que haberían constituír o norte da súa actuación política.

As razóns de Catalunya

Catalunya era un país con poucos independentistas até xuño do 2010, cando o Tribunal Constitucional (TC) desfixo o novo Estatut que aprobara o pobo catalán en referéndum no 2006, dando por pechada toda solución á cuestión catalá dende o autonomismo. Asistimos en meses á conversión en indepes de sexaxenarios cidadáns federalistas votantes do PSC e de mozos barceloneses castelanfalantes fillos da inmigración murciana e andaluza. En setembro de 2012 o president Artur Mas tentou de Rajoy un pacto fiscal para acadar un concerto económico semellante ao de Euskadi e Navarra, mais Rajoy rexeitou a proposta por inconstitucional.
Dende entón -e máis dende a Diada do 11-S do 2012-, arredor da Assemblea Nacional Catalana e de Òmnium Cultural foise estruturando unha potente organización transversal e interclasista para lle dar canle á autodeterminación de Catalunya. En Madrid e outros lugares do Estado adoitan pensar que o pulo soberanista naceu do xogo politico de CDC (hoxe PdeCAT), ERC e CUP, mais o movemento soberanista trascende moito dos partidos nacionalistas, das elites e dos catalanfalantes. É un movemento social que integra toda caste de cidadáns de Catalunya.
Os Gobernos da Generalitat tentaron abondo pactar co Goberno do Estado un referéndum para que Catalunya fixese uso do dereito a decidir que deriva da conxunta interpretación do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (1966) da ONU, do artigo 96 da Constitución e da doutrina emanada da Sociedade de Nacións (antecedente da ONU) ao recoñecer determinadas nacións europeas sen Estado (como fixo coa nosa Galicia en setembro de 1933). Un dereito a decidir que máis do 70% da cidadanía catalá quere concretar nun plebiscito.
Velaí que, pechadas todas as vías de consenso, o Parlament catalán, seguindo o mandato das eleccións autonómicas de setembro de 2015, vaia aprobar esta semana a Lei do referéndum, que dará cobertura normativa ao Decreto do Govern convocando o vindeiro plebiscito do 1 de outubro. O TC suspenderá esa cobertura normativa e constataremos o confronto entre a normativa constitucional española e a emanada do mandato cidadá catalán de setembro de 2015.
Confronto de lexitimidades que non se amaña con Tribunais nin moito menos coa Garda Civil ou os tanques. E Rajoy sábeo.

Unha resposta de Estado

A resposta que as autoridades e cidadanía catalás deron aos últimos atentados artellouse en clave propia, sen lle pedir permiso a ninguén. A información centralizouna o corpo policial catalán e foi a Generalitat, secundada polo concello barcelonés, a que monopolizou a achega de información. O Goberno central reaccionou serodiamente, eludindo toda imaxe de coordinación e unidade até o venres, cando a actuación policial de Cambrils obrigou Rajoy a asumir visíbelmente a primacía da Generalitat na coordinación das respostas policiais á crise.
Os Mossos levaron adiante un despregamento rápido e eficaz dos seus medios, previndo a posibilidade de novos incidentes e atendendo non só á represión, senón sobre todo á prevención de novos incidentes e á protección cidadá. Asemade, reaccionaron proporcionalmente á agresión terrorista de Cambrils, onde a gravísima agresión múltiple de elementos armados xustificaba o uso letal das armas de fogo. Varios medios estatais cuestionaron o rexeitamento da Generalitat a bloquear con bolardos a Avenida das Ramblas, na liña do recomendado hai oito meses polo Ministerio do Interior para toda caste de rúas e avenidas. No caso das Ramblas, ese bloqueo é impracticábel. Poderíase facer na Praza de Catalunya, no seu comezo ou no seu remate a carón do mar, máis nunca impedir o acceso ás Ramblas de todas as rúas laterais ao longo dos seus 1,2 kms. de percorrido, alén das necesidades de limpeza, seguranza e subministracións da vía e dos seus negocios. Xa que logo, estas críticas tentan politizar o debate para desprestixiar ás autoridades independentistas catalás e a actuación da súa Policía.
Os Mossos amosáronse diante da Europa e o mundo todo como unha policía profesional e eficaz. Mais o certo é que até de agora o Goberno do Estado fixo todo o posíbel por subordinar e secundarizar este Corpo policial, negándolle todo acceso á información de Europol, rexeitando durante oito anos a convocatoria da Xunta de Seguridade e impedindo a convocatoria de 500 prazas máis de Mossos que a Generalitat xulgaba precisas para atender á ameaza terrorista no actual nível 4.
Na Europa todos precisamos de todos na resposta á agresión yihadista. Mais Catalunya vén de demostrar que sabe e pode dirixir localmente esta resposta.

Non hai terceira vía

Pablo Iglesias vén de dicir que se fose catalán non votaría no referéndum de independencia que o Parlament convocará para o vindeiro 1-O. Seica o líder rupturista denuncia a falta de “garantías” e amosa que el e máis os Comuns da Ada Colau (agás a organización catalá de Podemos, favorábel ao plebiscito) están por un “referéndum pactado co Estado”. Home, non! E todos estamos pola paz mundial…!
Do que non se decata Pablo Iglesias (porque se se decata vai moito máis aló) é que, hoxe en día, na cuestión catalá non existe terceira vía. Primeiro Artur Mas e, despois, Puigdemont, levan cinco anos tentando pactar co Goberno Rajoy, primeiro un encaixe catalán no Estado e agora unha saída pactada que recoñeza o dereito a decidir dos cataláns. Un dereito a decidir recoñecido nos Pactos Internacionais de Dereitos Civís e Políticos e Sociais, Culturais e Económicos da ONU, que integran o Dereito español como normas interpretativas no eido dos dereitos fundamentais. Un dereito a decidir que resposta á realidade nacional de Catalunya, absolutamente preconstitucional, como a de Galicia.
Mais o problema é que estamos case a mediados de xullo de 2017 e nin o Goberno do Estado nin ningunha forza política ou social, catalá ou estatal, propuxo ningunha solución de consenso, ningunha sintese, quer mellor financiamento e máis autonomía, quer dupla consulta plebiscitaria (catalá e estatal), quer calquera outra cousa. Velaí a realidade núa… non hai terceira vía. Só hai o recoñecemento ao dereito a decidir (tamén para votar “non”) que demanda máis do 70% da cidadanía catalá ou máis do mesmo.
Claro é que máis do mesmo non é que Catalunya siga igual ca antes da sentenza de xuño de 2010 do Tribunal Constitucional que coutou o novo Estatut catalá. Porque Catalunya, canda Galicia, sofriu dende entón un substancial recorte do seu autogoberno nesta enxurrada recentralizadora desenvolvida por Rajoy desque chegou ao Goberno do Estado. Os gobernos catalán e galego non mandan no réxime local dende a lei de modernización dos gobernos locais do 2013, nin poden regular as aperturas, horarios ou rebaixas do comercio interior, dende a lei de unidade de mercado. Están -e estamos- moito peor canto ao autogoberno ca no 2010.
Velaí que teña razón Xosé Manuel Beiras e non Pablo Iglesias. En Catalunya, polo de agora, non hai terceira vía.

O referéndum catalán é constitucional

A Comisión de Venecia, organismo do Consello de Europa que asesora nos procesos constitucionais ao devandito organismo supraestatal e aos seus Estados membros, respostou ao pedimento de mediación do president Puigdemont verbo do eventual referéndum catalán que só podería actuar no marco constitucional español. É dicir, que só será recoñecido polo Consello de Europa aquel referéndum catalán que sexa compatíbel coa legalidade constitucional do Estado español.
O unionismo español interpretou desaqueladamente esta resposta como unha censura ao procès de autodeterminación catalán, cando é xustamente o oposto. O que quere dicir o alto organismo europeo é que Catalunya pode decidir, mais dacordo cos procedementos constitucionais españois. Cos procedementos, non cos contidos substanciais. A Comisión de Venecia afirma en realidade o dereito a decidir catalán, mais ao abeiro das regras constitucionais españois.
Pois logo… é constitucional un referéndum consultivo catalán? Dacordo co artigo 92 da Constitución e co artigo 5 da Lei Orgánica 2/1980, que desenvolve este artigo da Carta Magna, parte da cidadanía (a única condición é que o ámbito sexa a provincia; poden votar só as catro provincias catalás) pode emitir o seu voto a respecto dunha pregunta enunciada pola Autoridade competente. Autoridade que é o Goberno do Estado, mais que ben pode delegar o exercicio da súa competencia na Generalitat de Catalunya, consonte co artigo 150.2 da mesma Constitución. Logo si é posíbel un referéndum catalán sobre o seu futuro político, malia que teoricamente non sexa vencellante en termos xurídico-políticos.
Mais, como di o constitucionalista Torres del Moral, cando o pobo fala non opina, senón que decide. A virtualidade do referéndum catalán pode valer para pechar de vez o proceso independentista ou, pola contra, para abrir un proceso de reforma constitucional que recoñeza o ditame cidadán e execute a vontade do pobo de Catalunya.
Rajoy, pois, non ten escusa. Pode (claro que si) autorizar un referéndum para coñecer o que quere Catalunya. Unha consulta que desexan entre o 70 e o 77% dos seus cidadáns, segundo moi diversas enquisas dos últimos tres anos. O que non pode é teimar en que a Lei non lle deixa xogo. Porque o certo é que a Lei está para a xente e non a xente para a Lei.