Presidente ou candidato?

Núñez Feijóo obtivo en setembro de 2016 a única maioría absoluta autonómica do PP posterior ás eleccións de maio do 2015. Mais, paradoxalmente, nunca foi máis irrelevante en Madrid o PPdeG como dende aquela. O boicot da Moncloa á transferencia da AP-9 (aprobada por unanimidade no Parlamento galego), a falla de información á Xunta a respecto da amortización do Laboratorio de moluscos da UE ou a retención polo Ministerio de Facenda de 321 M€ esenciais para que Galicia poida completar no 2017 o seu dependente e cativo financiamento, son exemplos abondo que explican o mal negocio que fixemos dándolle esa maioría absoluta ao actual presidente.
Mais a maioría absoluta soberanista e a grande malleira que levou o PP nas eleccións catalás do pasado 21-D causáronlle un grave dano ao prestixio da vicepresidenta española Sáenz de Santamaría, que foi até de agora a política clave no freo á influencia do PPdeG e do propio Núñez Feijóo. De súpeto Rajoy comeza ser abertamente criticado, mentres nin Soraya Sáenz de Santamaria, nin Cospedal nin Cifuentes semellan ser unha opción para a remuda do pontevedrés. Por primeira vez, o principal candidato para suceder Rajoy, a grande distancia das demais, é o Presidente galego.
Velaí o ritmo e sotaque do seu discurso de Ano Vello, no que se dirixiu moito máis aos españois ca aos galegos, para demostrar que é o número un na defensa da caduca idea da España uninacional e que subordina os intereses galegos ás supostas razóns de Estado. E, outravolta paradoxalmente, semella que o incremento da dimensión política de Núñez Feijóo en Madrid non xogará precisamente a prol dos intereses galegos.
Porque o precandidato Feijóo á Moncloa é o mesmo presidente de Galicia que asistiu á liquidación do subsistema financeiro galego, ás peores retalladas no servizo sanitario, á suba dos peaxes e deterioración do servizo na esencial AP-9, ás electricidades e combustíbeis máis caros e á peor pobreza enerxética do norte do Estado, nun país que exporta o 40% da enerxía que produce.
Canto mellor o faga de candidato á Moncloa peor o fará como Presidente de Galicia. Porque non se pode estar repenicando e na misa.

O conto da balanza fiscal

Segundo a balanza fiscal do Ministerio de Facenda Galicia recebiu, no 2011, 3249 M€ máis dos que achegou. Mais esta conta é abondo cuestionábel, como ten amosado o economista Xosé Díaz (para quen no 2005 Galicia achegaba 3000 M€ máis do que recebía) ou para o BNG, que avalía o saldo do 2011 nuns 1.500 M€ que Galicia achegaría de máis.
Cal é o problema? Que Montoro bota as contas de xeito trampulleiro. Non se contabilizan diferenzas de fluxos financeiros senón unha desacreditada metodoloxía carga/beneficio que imputa nos investimentos que benefician an Galicia, por exemplo, os investimentos nas estacións do AVE de Madrid e no novo aeroporto desa cidade. Ao tempo, impútalle a Madrid a recadación de todos os Impostos especiais (alcol, viño, cervexa, carburantes), mentres que Citroën, Endesa, Gas Natural, Repsol ou Autopistas, que producen e xeran custo ambiental neste País, pagan o Imposto de Sociedades en Madrid ou Barcelona e non computan, xa que logo, nesta conta.
Mais o verdadeiramente incríbel é que o Ministerio considere que as pensións contributivas han computar na balanza fiscal como unha achega do Goberno central, cando as pensións contributivas son dereitos das persoas polos que se cotizou na Galicia, en Euskadi, Madrid, Alemaña, Suíza ou Arxentina. Pensións que, de certo, son as máis baixas do Estado español. Outro caso son as pensións non contributivas, que si constitúen mecanismos de solidariedade territorializábeis e si han ser medidas nas balanzas fiscais.
Velaí que non sexa certo que Galicia viva da solidariedade do resto do Estado. Nin en termos fiscais, nin en termos financeiros, onde a nosa capacidade de aforro foi drenada para financiar o saneamento bancario español, nin en pensións, onde aos emigrantes galegos que perceben dúas pensións se lles fai pagar o que non pagan os que cobran unha soa da mesma contía. Nin en termos enerxéticos, porque Galicia é autosuficiente e a súa achega exportadora non lle permite nin ter a enerxía máis barata (témola máis cara, por mor de imputar na tarifa os tributos autonómicos) nin recebir compensación polos custos ambientais dunha produción hidroeléctrica, térmica ou eólica que non xestionamos.
Así que, sr. Montoro, mire de non nos contar esta caste de contos, porque sómoslle quen a botar as nosas contas.