Desleixo pola xustiza

Como suporán, o colectivo dos empregados públicos que atende as funcións de xestión, tramitación, auxilio e medicina forense da Administración de Xustiza en Galicia é abondo amplo e plural, ideolóxica e vitalmente. Pois ben, o 75,5% deste colectivo participou nun referéndum para decidir sobre a proposta dos sete sindicatos con representación: folga indefinida dende o vindeiro mércores. O 73,3% votou a prol desta convocatoria en horario total e outro case 20% en horario parcial. Máis dun 93% dos votantes que representan máis do 70% do colectivo. Poucas veces se acadou no sector público galego un apoio tan amplo nunha reivindicación colectiva.
Non se pode dicir que este colectivo teña feito un uso desaquelado do seu dereito, xa que é súa primeira folga dende que se transferiron estas funcións á Xunta de Galicia, no xa lonxano 1996. A última suba da que desfrutaron estes funcionarios foi a que acordou o Goberno de coalición BNG-PSOE no 2008. Sofriron, por outra banda, a supresión do complemento específico durante catro anos. Arestora os funcionarios galegos deste colectivo son os peores pagados de todo o Estado español.
O noso País está tamén nos últimos lugares canto á informatización e artellamento da Oficina Xudicial, mesmo ben por baixo do territorio onde o Ministerio de Xustiza segue a desenvolver as súas competencias (Estremadura, Murcia, Ceuta, Melilla e as dúas Castelas). Algo impensábel hai só oito anos e que nos fai cuestionar a execución das súas competencias por parte da tan ben dotada orzamentariamente Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
Malia que o conxunto do colectivo desconfía do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, por non ser veraz nas súas propostas, a negociación semellaba mellorar coa mediación da Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. Mais a Xunta refugou esta mediación e sentou canda o director xeral de Xustiza ao director xeral da Función Pública, José María Barreiro, demostrando abondo que non lle preocupa o mal estado da Administración de Xustiza.
Na xustiza, como na sanidade pública, as retalladas da Xunta degradaron o servizo público e empeoraron as condicións salariais e de traballo en xeral. A folga indefinida vai agravar sensibelmente a xa adiada e sobrecargada Xustiza galega. Mais seica o importante é frear o procès.

Enchoupados na corrupción

As pescudas que estamos a coñecer referentes á Operación Lezo confirman, si, a convicción de que o PP autonómico de Madrid desenvolvíase, polo menos até o 2015, nun estado de corrupción sistémica, que aqueixaba ao conxunto dos seus níveis. Neste senso, mesmo a recoñecida culpa in vigilando da lideresa Esperanza Aguirre semella xa superada. Avisos abondo tivo das trapalladas do Ignacio González e do Francisco Granados e non actuou de xeito ningún, polo que non pode afastar de si a sombra da sospeita.
Ben, a corrupción é sistémica no PP de Madrid e no PP do País Valenciano. Mais, que pasa no nível estatal? É un problema dunhas poucas mazás podres no cesto? Non, verdadeiramente. O peor da crise aberta o 19 de abril é constatar como o aparello da madrileña rúa Xénova e os Ministerios de Xustiza e Interior non só actuaron pasivamente fronte á corrupción que enchoupaba o partido, senón que fixeron uso de todas as ferramentas que tiñan na man para diluir as pescudas xudiciais en curso. Porque coas resultas da Operación Lezo puidemos enxergar o sentido real da operación fiscais desenvolvida polo ministro de Xustiza e que substituíu os responsábeis na Fiscalía Xeral do Estado, nas Superiores de Euskadi e Murcia e na Fiscalía Anticorrupción. Unha operación coordinada coa reforma da Lei de Axuizamento Criminal (que limitou a seis meses o tempo máximo de instrución penal, agás informe a prol da Fiscalía) e cos esforzos do PP estatal por minimizar xudicialmente a operación Gürtel e cantas pescudas xudiciais tiran do fío das súas vergoñas.
Nestas circunstancias, a moción de censura promovida por Unidos Podemos, En Marea e En Comú Podem constitúe unha ferramenta de limpeza democrática no fondo, malia que nas formas amosarase de máis ese protagonismo sobreactuante propio do Pablo Iglesias. Constitucionalmente a moción de censura non é un mecanismo excepcional. Todo deputado pode presentar unha por cada periodo de sesións, é dicir dúas ao ano. E ninguén enferma por iso.
Serán, en todo caso, as outras forzas políticas as que xustifiquen porqué non botar fóra do Goberno un partido enchoupado na corrupción e enfrontar un Goberno de concentración para unha curta lexislatura centrada na rexeneración democrática.

A arrincadeira. Frear o fascismo.
Entre Macron e Le Pen non collen as terceiras vías. A primeira prioridade da Europa hoxe é frear o fascismo.

Despolitizarmos o poder xudicial

A grande maioría dos xuíces e maxistrados nos níveis inferiores e medios (Xulgados unipersoais, Audiencias, Salas do Contencioso e do Social dos Tribunais Superiores autonómicos) son independentes de toda caste de presións políticas. O seu problema é a falla de horas no día para atender o exceso de traballo (o Estado español ten un 40% menos de xuíces que a media europea) e máis a falla de medios materiais, humanos e técnicos para desenvolver de xeito eficaz o seu labor.
Porén, cando subimos na escada profesional atopamos a polítiquería do bipartidismo dinástico. Porque o Consello Xeral do Poder Xudicial, deseñado de primeiras na Constitución para preservar a xudicatura das inmisións dos Ministros de Xustiza, converteuse, coa praxe do tempo, nun órgano partidista que controla con man de ferro os nomeamentos dos Maxistrados do Tribunal Supremo e doutros altos cargos xurisdicionais. Se a isto lle engadimos o control que estes mesmos partidos exerceron sobre o nomeamento dos maxistrados do Tribunal Constitucional (hoxe refén dunha maioría mecánica que xorde da santa vontade de Mariano Rajoy) podemos entender a degradación que vive o noso sistema de garantías xurídicas nos seus chanzos máis determinantes.
Velaí a axenda do Tribunal Constitucional, sempre disposto a lle resolver os problemas institucionais ao Goberno do Estado e lento a adoptar decisións tan importantes como axeitar a nosa xurisprudencia ás resolucións dos Tribunais Europeos de Xustiza e de Dereitos Humanos. Ou as resolucións da Sala do Penal do Tribunal Supremo, que sentaron precedentes coma a “doutrina Parot” ou a desproporción retributiva entre os reos de corrupción e os que sobardan levemente os límites do exercicio dos dereitos á libre expresión ou manifestación. Sen contar a doutrina xurisprudencial dunha Sala do Contencioso do Tribunal Supremo que confirma a ruptura das regras do xogo retributivas das enerxías renovábeis, para facilitar a axenda pro grandes distribuidoras eléctricas do Goberno do Estado.
E velaí como, de paseniño (e ás veces dun xeito acelerado), vaise impondo na cidadanía a idea de que a xustiza non é independente, cando a meirande parte dos seus servidores loita continuamente para manter a súa ecuanimidade e para atender a xeito as súas axendas inabarcábeis.

A deconstrución da Xustiza

A axenda que está a desenvolver Ruiz-Gallardón dende o Ministerio de Xustiza constitúe a total comprobación de que as decisións do PP teñen unha fonda carga ideolóxica, mesmo moitas veces contraria aos intereses da maioría dos seus militantes e votantes.
No caso da administración de xustiza, a implantación das abusivas taxas ten afastado claramente á cidadanía do exercicio das accións xudiciais. Apelar unha sentenza custa un mínimo de 800 € e recorrer unha multa un mínimo de 350 €. Os beneficiarios da xustiza gratuíta non pagan taxas, mais a aplicación da normativa vixente fai cada vez máis díficil obter este beneficio. Os bancos e as grandes corporacións son as grandes beneficiarias, non só porque haberá máis medios para os seus preitos, senón porque afastar a xustiza do cidadán fai que se demande menos en reclamación da nulidade das cláusulas adoito, comisións bancarias, tarifas enerxéticas e, en xeral, abusos en materia de consumo.
Por outra banda, a proposta de nova regulación do Poder Xudicial tenta calar xuíces e maxistrados e mesmo cuestiona a súa independencia. E a concentración de todos os Xulgados e Tribunais nas capitais provinciais afonda nese pretendido afastamento da xustiza do cidadán, en clara vantaxe para os grandes bufetes de avogados. Porque a este Goberno e a este Ministro moléstanlle os profesionais liberais, o mesmo ca os xuíces independentes.
No caso de Galicia, a Xunta ten investido nos últimos 15 anos 50 M€ en sedes xudiciais. Os xulgados das vilas, canda a notaría, o Rexistro da Propiedade ou a oficina comarcal da Xunta, fan parte esencial deses servizos comarcais que vertebran o territorio. Xa que logo, suprimir os partidos xudiciais non só reduce a calidade do servizo público da xustiza, senón que manca as posibilidades de desenvolvemento social e económico das nosas vilas. A provincia no noso País non pinta nada e cómpre pensar en suprimila na primeira oportunidade que se teña.
Demostra este proceso que a planta e demarcación xudicial, canda as grandes decisións no eido da administración de xustiza, son abondo importantes como para llelas deixar ao coidado dos de Madrid. Galicia habería ter moi axiña competencias xudiciais plenas para amañarmos estas trapalladas.

Un Goberno contra a avogacía

A oposición da xudicatura e da avogacía á xustiza para ricos que suporá a lei de taxas e máis ao cárcere perpetuo agachado tralo eufemismo “prisión permanente revisábel” fixo reaxir ao ministro Ruiz Gallardón, que prepara unha xeira de medidas legais que van alargar o campo de actuación de rexistradores, notarios e procuradores mentres tenta prexudicar no posíbel á avogacía.
Moito evoluiu o colectivo dende o 1977 lonxano no que os inimigos da liberdade mataron uns avogados demócratas en Atocha. Porque ao longo destes anos de democracia a avogacía soubo porse ao día na asignatura pendente da súa formación continua e especializada, mantendo uns bos estandares de calidade na prestación da xustiza gratuíta a pesares da endémica, grave e premeditada insuficiencia de recursos na que os sucesivos gobernantes de quenda do bipartidismo burocrático (PP-PSOE) mantiveron aos Gobernos autonómicos en todo o que atinxe aos medios materiais da Administración de Xustiza.
Nomeadamente grave é a reforma que fará dos rexistradores da propiedade e mercantís (o corpo ao que pertence, non por acaso, Mariano Rajoy) un super-corpo de funcionarios especiais que coordinará todos os rexistros (Civil, Mercantís, da Propiedade e máis os estatais de Asociacións e Fundacións), en boa medida exentos do control xurisdicional e suxeitando a pagamento por arancel no seu proveito persoal o que até de agora era de balde e responsabilidade das Administracións Públicas. Ou o outorgamento aos notarios dos expedientes de estranxería e matrimoniais, como se os funcionarios públicos fosen incompetentes para estas tarefas.
Latexa a carón deste apoio aos corpos de elite e deste desleixo á avogacía e a xudicatura a pulsión autoritaria no ministro Ruiz Gallardón, até de agora abertamente consentida e apoiada polo Presidente Rajoy. Molestan avogados e xuíces pola súa independencia, para alén de excepcións concretas.
Porque a independencia e a liberdade de criterio ofenden, hoxendía, aos que mandan no Ministerio de Xustiza. E mentres o Ministro Ruiz Gallardón siga exercendo as súas funcións é lexítimo pensar que ofenden, tamén, no Pazo da Moncloa.

Cárcere perpetuo

Para decatármonos do que é a prisión permanente revisábel que propón o Ministro de Xustiza, Ruiz-Gallardón, nada mellor que un (re) visionado da longametraxe “The shawshank redemption” (“Cárcere perpetuo”). Ópera prima de Frank Darabont sobre un conto de Stephen King, salientan as interpretacións de Tim Robbins e Morgan Freeman. A historia xira arredor dun fato de condenados á pena que quere introducir Gallardón. Persoas ás que se condenou e tirou a chave pondo a revisión de cadansúa condena nas mans dunha Xunta Administrativa Estatal (non dun Tribunal de Xustiza) que rexeita sistematicamente os pedimentos de condena condicional dos reos por coidar que nunca ofrecen plenas garantías de rehabilitación. E, deste xeito, o bibliotecario, preso dende a súa primeira xuventude, non acada a condicional até a súa vellez. Escuso dicirlles que non aturou a proba de vivir nun mundo extraño que xa non coñecía e deu cabo da súa vida.
O cárcere permanente revisábel é inconstitucional e se a revisión se deixa nas mans dun órgano gobernativo é, asemade, un despropósito. O sistema penal español é duro de máis, dende o Código Penal de Belloch (1995), nomeadamente en comparanza con outros Estados europeos que acadan meirandes níveis de criminalidade e onde as penas teñen un inequívoco xorne rehabilitador. Que os psicópatas e violadores adoitan ser de moi complexa rehabilitación? Impoñámoslles medidas de seguranza (ordes de afastamento, controis de presenza, restricións para determinadas actividades) mais manteñamos a limitación da duración da prisión, que é unha conquista fulcral da nosa cultura democrática, baseada no respecto aos dereitos humanos.
Determinados políticos tentan resolver os problemas da sociedade con máis castigos. Mesmo hai quen pretendería impoñelos de xeito restritivo. E semella que non nos decatamos que o trunfo destas teses é a derrota da civilización e dos valores liberais e democráticos.

A ARRINCADEIRA
O Congreso Federal do PSOE semella non ter aprendido a lección do pasado 20-N, pondo o seu futuro no corresponsábel (canda ZP) do último desastre electoral. En clave galega, semella que este trunfo vai dificultar as opcións de Caamaño, dende valores federalistas e ancorados na galeguidade. Semella que, baixo a dirección de Rubalcaba, o PSOE apoiará moitas das iniciativas recentralizadoras do PP.