Homenaxe a Catalunya

No 2006 a cidadanía catalá aprobou plebiscitariamente un novo Estatut. O PP presentou un recurso perante o Tribunal Constitucional, chegando a pedir sinaturas, cando só había un 10% de independentistas na Catalunya. En xuño do 2010 o TC decretaba a inconstitucionalidade parcial do Estatut e proclamaba que non existen competencias exclusivas autonómicas no Dereito Constitucional español e que non é posíbel unha evolución da Constitución cara un estado plurinacional.
Dende entón, unha onda cidadá soberanista encheu rúas e prazas e impúxose dende a sociedade civil aos partidos políticos. Fitos deste procès foron as Diadas todas entre 2012 e 2017, a consulta cidadá do 9-N do 2014 e o triunfo por maioría absoluta das eleccións do 27-S de 2015 e do último 21-D con cadanseus 47,7% e 47,5% de votos.
Fronte esta realidade e malia que máis do 70% dos cataláns querían decidir plebiscitariamente o seu futuro, Rajoy preparou un choque de trens que entendeu habería de beneficialo para recuperar a enchente de votos perdidos, baseándose nas instancias xurídicas que controlaba directamente: Fiscalía Xeral do Estado, TC e Salas do Penal da Audiencia Nacional (AN) e do Tribunal Supremo (TS).
Esqueceu que as necesidades de seguranza pública estaban perfectamente cubertas polos Mossos e, deixando inermes moitas vilas e cidades do Estado fronte á ameaza yihadista, ocupou o País catalán con milleiros de policías e gardas civís, que na xornada do reférendum do 1-O agrediron por orde do Goberno Rajoy milleiros de cidadáns pacíficos, nun espectáculo inédito na Europa democrática dos últimos trinta anos.
Logo Rajoy vulnerou o artigo 155 da Constitución, disolvendo Govern e Parlament, malia que esa Cámara se limitara a declarar de xeito puramente simbólico e non executivo a República catalá. Medio Govern foi encarcerado preventivamente, nunha aplicación absolutamente anticonstitucional do Dereito Penal do Inimigo.
Aínda nestas circunstancias de desigualdade, o soberanismo seguiu transitar polas canles da non violencia e revalidou unha maioría absoluta coa que ninguén contaba. E moi axiña o unionismo tentou bloquear esta maioría aproveitando o cárcere e exilio de oito deputados.
O soberanismo catalán cometeu erros, algún deles quizais grave. Mais comprenderán que, diante desta enxurrada, un non poida ser equidistante.

O discurso de El-Rei

O Xefe do Estado, na súa mensaxe do pasado 3-O, renunciou representar ao conxunto da cidadanía e demitiu do seu papel constitucional de árbitro e moderador das institucións para se converter no valedor do modelo social e territorial da dereita española. A Coroa rachou a neutralidade que lle impón a Constitución, declarouse parcial e excluiu implicitamente do seu concepto de España a aqueles que non asumen a idea unitarista (uninacional, unilingüe e radial canto ás súas comunicacións terrestres) que proxectou. Non por acaso un político tan ecuánime como o lehendakari Urkullu amosouse “abraiado” e declarou que as verbas de El Rei xerábanlle a máxima “decepción e preocupación”.
Na súa mensaxe, o Xefe do Estado pechou calquera vía de negociación ou diálogo, desautorizando a xa comprometida posición do PSOE e PSC. Calou sobre as agresións sofridas por milleiros de cidadáns cataláns o 1-O por parte do Goberno do Estado (que lle causaron feridas a case 900 persoas) e alimentou unha reacción españolista con nidios acenos de intolerancia e mesmo violencia que encheu este domingo as rúas de Barcelona. Formas ríspidas, uso íntegro do castelán (malia dominar o catalán) e o retrato do seu devanceiro Carlos III (quen prohibiu o ensino en catalán, galego e euskera) enchían a escena.
Felipe de Borbón esqueceu que no século XXI os pobos conviven polo mutuo acordo e non por imposición e conquista. Esqueceu que os reis nas Monarquías parlamentarias son neutrais e non asumen o relato dunha parte como propio do conxunto da sociedade. Xa que logo, vencellou indisolubelmente a sorte da Monarquía á do modelo antigo e caduco desa España unitarista e uninacional que non ten máis solucións para a convivencia e a integración dos distintos pobos do Estado ca a imposición autoritaria do “lo tomas o lo tomas”.

A arrincadeira. O unionismo ateiga Barcelona
Efecto da chamada do Xefe do Estado foi a masiva demostración do domingo en Barcelona, que xuntou 350.000 persoas segundo a Garda Urbana. Moitos dos manifestantes viñan de fóra de Catalunya, traídos polo PP e organizacións afíns e algúns deles amosaron actitudes agresivas fronte aos Mossos ou xornalistas. Actitudes que até de agora non se viron nas moitas demostracións independentistas.

Rajoy atravesa toda liña vermella

A represión desenvolvida polo Goberno do Estado para evitar o referéndum catalán foi impropia dun réxime de liberdades. Atravesou todas as liñas vermellas da proporcionalidade democrática e xerou noxo e incredulidade no mundo todo. Máis de 850 feridos en actuacións desproporcionadas, moitas veces mesmo mallando a eito en persoas indefensas. Alén dalgún caso illado no que pode haber responsabilidade individual dalgún funcionario, a responsabilidade desta represión perténcelle só aos responsábeis políticos do Goberno de Rajoy, que ordenaron un conxunto de intervencións propias do réxime turco ou mesmo do franquismo, xogando con milleiros de funcionarios sen abeiro legal, xa que ninguén lle quitou aos Mossos a competencia integral en seguranza cidadá e como policía xudicial.
Ou sexa que a represión foi inmoral, desaquelada, ilegal e antidemocrática. Mais foi, tamén, un grandísimo erro. Segundo o relato do Goberno do Estado (asumido por moitos que hoxe, en troques, arrepiaron diante da intervención gobernamental) o referéndum era ilegal, estaba prohibido polo Constitucional e non había garantías ningunhas no seu desenvolvemento. Se é así, que sentido tiña mallar na xente indefensa para evitar unha votación que non podía ter efecto xurídico ningún?
O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya ordenáralle aos Mossos (e só aos Mossos) impedir a apertura dos colexios antes das 6 a. m. do domingo. E o Maior da policía catalá, Josep Lluís Trapero, actuou coma un profesional, dispoñendo executar o mandato xudicial sempre que non se derivasen males maiores da intervención. A regra básica de calquera policía democrática.
O efecto na Europa foi abraiante. Os gobernos escandinavos, bálticos, escocés, vasco e mesmo o do Reino Unido amosaron xa o seu rexeitamento. A Generalitat anunciou accións contra España perante as institucións da UE, por vulneración dos valores fundacionais da Unión e agresión á súa propia cidadanía. Bruxelas non pode ficar impasíbel diante da vulneración dos dereitos fundamentais de milleiros de cidadáns europeos.
Mentres, as declaracións dos unionistas (Rajoy, Rivera e Pedro Sánchez) na noite do domingo amosaron que seguen sen se enteirar que o desafío democrático catalán non vai de partidos nin de líderes, senón que se basea nun movemento social pacífico, interclasista e transversal.

Estado de excepción de facto

A semana catalá amosou ao Estado vulnerando en todas as frontes o autogoberno da Generalitat dun xeito abertamente ilegal. Porque Rajoy optou por evitar a vía excepcional do artigo 155 da Carta Magna (como nos explica o constitucionalista Javier Pérez Royo) para non estar limitado polos marcos propios da resolución do Senado que lle outorgaría a habilitación, pero suxeita aos limites temporais e finalistas propios da súa natureza. Tampouco quixo proporlle ao Congreso a declaración dos estados de sitio ou excepción, consciente do rexeitamento que lle oporía a súa maioría absoluta. Rajoy promulgou de feito un estado de excepción propio da lóxica xurídico-política dun Carl Schmitt que coidábamos morto hai un lote de anos.
Para acadar os efectos deste réxime excepciónal de feito, Rajoy botou man do brazo gobernamental das Fiscalías Xeral do Estado e Superior de Catalunya (lembran agora aquel “la fiscalía te lo afina” do exministro Jorge Fernández Díaz?) para deter catorce altos cargos da Generalitat no decurso dunha investigacion xudicial que tecnicamente xa habería estar pechada e acumulada á pescuda do TSJ de Catalunya que investiga ao presidente, vicepresidente e conselleiros da Generalitat. A mesma Fiscalía Superior que pon aos Mossos ás ordes do Ministerio do Interior sen ningunha caste de alicerce legal, xa que Rajoy non quixo activar os que tiña ao seu dispor para non verse limitado polas súas esixencias normativas.
Mentres, Montoro, tamén sen bases legais, suprimiu a autonomía financeira da Administración catalá. Mentres, asistimos ao chafalleiro espectáculo da citación de 700 alcaldes ou do actor que presentou o acto polo si de Tarragona. Mentres, o Ministerio do Interior enche Catalunya de policía estatal, cando a convivencia democrática está totalmente garantida polas Policías catalás.
Este estado de excepción de facto estalle a facer un dano letal á imaxe internacional do Estado e á propia convivencia entre españois. È posíbel que ninguén se decate en Madrid?

A unidade imposíbel

É moi difícil partillar un discurso común a respecto das causas e efectos do terrorismo islamita coa opinión publicada representativa da dereita española, inzada de islamofobia e catalanofobia.
O atentado do 11-M amosou a vinculación entre as políticas exteriores e militares occidentais e o terror yihadista. Esta caste de opinións da dereita española rexeitan considerar que a política exterior dos USA e os seus aliados en Iraq ou Siria alimente o yihadismo. Algúns mesmo seguen a defender exóticas teorías da conspiración a respecto daquel atentado.
Estas opinións negan tamén a simbiose ideolóxica de Arabía Saudí e algunha outra monarquía do Golfo Pérsico coas comunidades islamitas radicalizadas de onde xorden os terroristas e o seu apoio financeiro ás mesmas. Porque admitir esta realidade suporía unha recomposición xeral das relacións políticas e económicas (entre elas a venda de armas españolas) entre estes Estados e o Estado español, que defende unha tradicional amizade con estes réximes. Unha amizade que pasa pola proximidade á familia real saudí do anterior e do actual Xefe de Estado, mesmo na defensa dos intereses de determinadas grandes empresas. Diante desta realidade eran previsíbeis as críticas que algúns dos manifestantes lle dirixiron ao Rei na manifestación do sábado.
Esta caste de opinións despreza estes factores fundamentais e centra o seu relato na islamofobia. A apertura aos refuxiados propiciaría o terrorismo islamita e as comunidades musulmás europeas serían pasivas colaboradoras, cando non coadxuvantes, das accións terroristas. Esquecen que o 92% dos mortos do Estado islámico son musulmáns e que só dende o fundamentalismo wahabista (que interpreta o Corán a medio da tradición e da sharia) atopa xustificación a agresión aos non musulmáns.
E logo está a catalanofobia. Dende o minuto un tentouse vencellar as mortes coa xestión do Govern independentista, criticando a suposta acollida de musulmáns en Catalunya, a resposta policial da Generalitat e o uso parcial do catalán!!! nas roldas de prensa.
Dende as esquerdas asumiuse xa que a resposta inclúe a prevención e represión policiais e, nese senso, é paradigmática a xeral aceptación da proporcionalidade das intervencións letais dos Mossos. Mais a dereita española non avanza na súa visión do problema. Nestas circunstancias a unidade é moi difícil.

Unha resposta de Estado

A resposta que as autoridades e cidadanía catalás deron aos últimos atentados artellouse en clave propia, sen lle pedir permiso a ninguén. A información centralizouna o corpo policial catalán e foi a Generalitat, secundada polo concello barcelonés, a que monopolizou a achega de información. O Goberno central reaccionou serodiamente, eludindo toda imaxe de coordinación e unidade até o venres, cando a actuación policial de Cambrils obrigou Rajoy a asumir visíbelmente a primacía da Generalitat na coordinación das respostas policiais á crise.
Os Mossos levaron adiante un despregamento rápido e eficaz dos seus medios, previndo a posibilidade de novos incidentes e atendendo non só á represión, senón sobre todo á prevención de novos incidentes e á protección cidadá. Asemade, reaccionaron proporcionalmente á agresión terrorista de Cambrils, onde a gravísima agresión múltiple de elementos armados xustificaba o uso letal das armas de fogo. Varios medios estatais cuestionaron o rexeitamento da Generalitat a bloquear con bolardos a Avenida das Ramblas, na liña do recomendado hai oito meses polo Ministerio do Interior para toda caste de rúas e avenidas. No caso das Ramblas, ese bloqueo é impracticábel. Poderíase facer na Praza de Catalunya, no seu comezo ou no seu remate a carón do mar, máis nunca impedir o acceso ás Ramblas de todas as rúas laterais ao longo dos seus 1,2 kms. de percorrido, alén das necesidades de limpeza, seguranza e subministracións da vía e dos seus negocios. Xa que logo, estas críticas tentan politizar o debate para desprestixiar ás autoridades independentistas catalás e a actuación da súa Policía.
Os Mossos amosáronse diante da Europa e o mundo todo como unha policía profesional e eficaz. Mais o certo é que até de agora o Goberno do Estado fixo todo o posíbel por subordinar e secundarizar este Corpo policial, negándolle todo acceso á información de Europol, rexeitando durante oito anos a convocatoria da Xunta de Seguridade e impedindo a convocatoria de 500 prazas máis de Mossos que a Generalitat xulgaba precisas para atender á ameaza terrorista no actual nível 4.
Na Europa todos precisamos de todos na resposta á agresión yihadista. Mais Catalunya vén de demostrar que sabe e pode dirixir localmente esta resposta.