A reacción do nacionalismo español

Non vou ser quen negue que a vía unilateral do soberanismo catalán, encetada despois de sete anos de inmobilismo dende Madrid, non fose arriscada. Nin que sería conveniente unha maioría cidadá máis ampla ca un 48,7% de votos antes de adoptar certa caste de decisións.
Mais non se pode ser equidistante. O Govern e os partidos e organizacións cívicas soberanistas limitáronse declarar o 27-O a independencia de xeito simbólico, renunciando á desobediencia pacífica fronte ao golpe inconstitucional do 155. Nin houbo violencias nin rebelións nin sedicións. As sucesivas demostracións cidadás foron sempre pacíficas.
Máis do 70% da cidadanía catalá quería votar para decidir o seu futuro, mais o Goberno do Estado pechou, canda C’s e PSOE, todas as vías de diálogo. Certo que non se daban as condicións para un referéndum decisorio, mais o mundo soberanista tentou ese pacto até o mesmo 1-O. Ese día o Ministerio do Interior reprimiu violentamente a milleiros de pacíficos cidadáns, que querían votar, diante do mundo todo.
No 3-O o Xefe do Estado marcou o sinal do rearme españolista: nin desculpas, nin diálogo nin negociación. Dende esa data o rearme e agresividade do nacionalismo español é evidente. Vivimos tempos de “a por ellos” e non só na Catalunya ou Madrid, malia que no noso País o percebamos, por sorte, moito menos.
Dous terzos do Govern foron apreixados, canda os Jordis e o resto tivo que se exiliar. Faláronos, claro, da independencia dos Tribunais, mais a propia vicepresidenta Sainz de Santamaría, amais de defender a liquidación do soberanismo, vén de recoñecer esta falla de independencia no Supremo e na AN: cómpre agradecerlle a Rajoy o 155, porque así se conseguiu descabezar os soberanistas. Verdadeiramente ten razón, os principais candidatos de Junts per Catalunya e de ERC remanecen no cárcere ou no exilio e non poden partillar debates, encontros nin entrevistas face to face. A desigualdade de oportunidades é evidente, mentres Pep Borrell (PSC) corrixe Miquel Iceta e di que cómpre desinfectar Catalunya.
Dende o discurso de El-Rei o nacionalismo español rearmouse sen complexos, escollendo un camiño de represión e agresividade propio dos valores da extrema dereita. Mais estas exhibicións fachendosas poderían ser sinal de febleza antes ca de forza.

A ameaza para Galicia do nacionalismo español

A crise xerada pola cuestión catalá, substancialmente agravada pola parcialidade da mensaxe de El Rei do pasado día 3, vén de amosar unha realidade que moitos negaron até de agora: a existencia dun forte e moi radicalizado nacionalismo español, malia que por sorte no noso país non sexa -polo de agora- moi significativo.
Este nacionalismo español estivo presente a xeito de absurdo patrioteirismo na crise de Cuba nos anos 1895 a 1898 e chegou definir ao propio bando de Franco (os “nacionais” ou “nacionalistas”) na guerra civil de 1936-1939 fronte á suposta “antiespañolidade” dos republicanos defensores da legalidade constitucional. Aznar definiuno na súa segunda lexislatura (2000-2004), con formas máis mornas, como “patriotismo constitucional”. Se o nacionalismo galego ou catalán (con algunhas excepcións pouco relevantes) son ideoloxías de defensa e afirmación, o nacionalismo español é abertamente ofensivo e supremacista, baseándose no “a por ellos” e no “lo toma o lo toma”. O nacionalismo español nega a existencia doutras realidades nacionais ou culturas distintas á castelá–española no contexto do Estado español e dificilmente admite que galego, catalán ou euskera sexan cooficiais en plena equiparación de dereitos co castelán.
O nacionalismo español é unha grave ameaza para Galicia. Porque tenta agachar a realidade dun país de noso, cunha estrutura económica ben diferente á española e, xa que logo, con intereses económicos ben distintos. Porque subordina a nosa lingua e cultura a unha suposta definición única e non plural do español e mesmo dos “bos españois”, a diferenza doutros Estados democráticos onde conviven harmonicamente diversas linguas, culturas e nacións, como Suíza, Canadá ou o Reino Unido. Porque non recoñece o noso dereito preconstitucional ao autogoberno e, xa que logo, o noso dereito ao benestar.
O relato do nacionalismo español é un relato de incomprensión a respecto da diferenza e, xa que logo, de negación doutras realidades. É un relato absolutamente desvencellado da evolución do mundo, onde a globalización coexiste cunhas pequenas identidades cada vez máis importantes. É un relato que atenta contra os nosos dereitos, contra a nosa prosperidade e contra os nosos intereses.