Galicia e a reforma constitucional

A crise política xerada pola cuestión catalá saldouse cun certo reactivamento do nacionalismo español, que arela consolidar un proceso de recentralización que vén de lonxe para converter o autogoberno en mera descentralización administrativa e garantir a total supremacía das elites financeiras e mediáticas de Madrid e dos grandes lobbies estatais da distribución enerxética e das actividades concesionais e de grandes construcións.
Este reactivamento e máis a transformación de Núñez Feijóo no candidato á sucesión de Rajoy preferido por estes sectores está a lle dar azos á explicación dos problemas e intereses galegos en clave dependentista. Segundo estas teses unionistas cómpre que Galicia loite por máis España para garantirmos a solidariedade do Estado, xa que non somos quen de nos valer por nós propios.
O argumento é claramente falso, porque o que a Galicia lle cómpre non é máis España, senón máis Galicia, menos España e máis Europa. Porque se Catalunya e Andalucía poden xogar coa súa forza poboacional ou por PIB, nós só achegamos o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da súa poboación. Ademais, os nosos alicerces económicos, os nosos intereses, non son relevantes para o Estado, senón prescindíbeis. Velaí que a nosa única ferramenta de benestar sexa un autogoberno ampliado, blindado e ben financiado.
Euskadi e Navarra, con cadanseu financiamento foral, poden preferir non abrir un proceso de reforma constitucional en clave de federalización real e asimétrica, mais Galicia só conta con esta vía para ter opcións cara á súa estabilidade e benestar social e económico. Porque esa reforma habería garantir ferramentas competenciais fundamentais para o benestar, como a xestión da AP-9 e de todos os portos, aeroportos, estradas e ferrocarrís, as competencias exclusivas en réxime local (para poder suprimirmos as custosas e innecesarias Deputacións) ou a blindaxe competencial a prol da Xunta nas áreas esenciais das políticas enerxética, industrial, agraria e social. Canda esta blindaxe competencial, precisamos un financiamento acaído, baseado na autoxestión de todos os tributos. Cumpriría que o tecido empresarial, universitario e social asumise esta necesidade e prepararmos en serio para o proceso de reforma que ha vir máis tarde ou máis cedo.

A ruptura do pacto constitucional

O dereito á autonomía das nacionalidades galega, catalá e vasca recoñeceuse antes da propia aprobación da Constitución, a medio da aprobación de cadanseu réxime preautonómico entre outubro de 1977 e abril de 1978. Recoñecíase unha realidade substantiva, manifestada na aprobación plebiscitaria de cadanseu Estatuto na II República. Velaí porque se lles dotou constitucionalmente do máximo grao de autogoberno e dun procedemento de aprobación e modificación de cadanseu estatuto pactado entre a representación parlamentaria de cada nacionalidade e o Congreso que remataba nun referéndum de ámbito exclusivamente territorial.
Para o resto dos territorios non se prevía esta aprobación paccionada nin o nível máximo de autonomía, senón despois de cinco anos logo da reforma de cadanseu Estatuto. Mesmo contemplábase a posibilidade de que algún dos territorios españois non optase polo autonomía ou optase por unha simple autonomía administrativa.
Mais o referéndum andaluz e a xeneralización do “café para todos” estendeu o autogoberno de nível máximo a todo o territorio. E o golpe de Estado de 1981 abriu o ronsel da recentralización, primeiro a medio da só parcialmente fallida LOHAPA (1982), despois a medio da desculpa da garantía estatal a respecto da eficacia do Dereito europeo e das decisións comunitarias, máis tarde co martelo dun caseiro Tribunal Constitucional (TC) que desfixo o concepto de competencias exclusivas autonómicas coa confusión entre leis básicas e leis marco e coa extensión de títulos transversais como a garantía da igualdade dos dereitos dos españois ou a unidade de mercado, que baleiraron as competencias galegas en agricultura, pesca, comercio interior, fiscalidade ou protección medioambiental.
Hoxe o autogoberno galego ou catalán son pálido reflexo dos potencialmente proxectados entre os anos 1978 e 1980, cando os Estatutos se concibían como porta dun proceso dinámico e aberto e non como un marco pechado e estático. Só Euskadi e Navarra, ao abeiro do réxime foral, conservan un autogoberno merecente deste nome.
Velaí que constatemos que o pacto constitucional que encaixou Galicia como singularidade nacional estea máis que superado pola continua vulneración desenvolvida ao longo de trinta e cinco anos de recentralización.

Jimmy, Alsasua e a lei do funil

Dende pouco antes da chegada do aznarato, aló polos noventa, foi abrollando unha liña de opinión publicada que cualificaba os actos de violencia en razón da súa intencionalidade política. Máis aínda, que defende, polo menos implicitamente, distintas respostas sociais e xurídicas a esta caste de violencia, segundo de onde veña. As organizacións Frente Atlético e Ultra Sur defenden ideas de extrema dereita, moi agresivas cos galegos, vascos e cataláns que non asumen o dogma da unidade de España. Un extremista atlético matou ao realista Aitor Zabaleta no 1998 e outros da mesma corda a Jimmy no 2014.
Cúmprense dous anos do asasinato de Jimmy no Manzanares coas pescudas xudiciais atoadas. O xuíz instrutor e o Ministerio Fiscal cualifican só a disputa tumultuaria e arestora non existen acusados do asasinato. As persoas acusadas de primeiras, que chegaron a entrar preventivamente no cárcere, están en liberdade e só a acusación particular mantén a cualificación de asasinato, malia a calidade e intensidade da probas existentes. A prensa madrileña segue a manter equidistancia, cando non certa parcialidade, como se os da casa fosen uns rapaces trabucados e os Riazor Blues uns perigosos terroristas. Por outra banda, os sesenta expedientados pola Delegación do Goberno pola disputa son case todos seareiros do Dépor.
Contrasta esta actitude coa diferenza da intensidade na actuación no caso da agresión aos gardas civís de Alsasua e ás súas parellas. Sen dúbida un feito delictivo brutal, que ha ser severamente sancionado. Mais nunca un acto de terrorismo. A imputación dos feitos como acto de terrorismo permitiu que fose competente un dos Xulgados de Instrución da Audiencia Nacional, que acordou prisión preventiva para seis dos oito investigados. A Audiencia Nacional é unha xurisdición especial que vulnera o dereito constitucional de todas as persoas a seren xulgadas polos seus xuíces naturais. No caso destas persoas, os xuíces de Navarra. O Goberno navarro e o PNV cualificaron esta actuación de gravemente desproporcionada.
Sectores importantes das elites políticas, funcionariais e mediáticas incorporaron xa ao seu sistema de valores que toda persoa ou organización que non asuma o dogma da España única é distinta e mesmo sospeitosa, invertendo con eles a carga da proba, en clara aplicación da lei do funil.

España desconfía dos pactos

A incapacidade dos partidos españois para chegar a un pacto de goberno no Estado é paradigmática. PP, PSOE, C’s e Podemos tecen e destecen cara á galería, obsesionados con perder posicións tácticas, resoltos no fondo a non ceder das súas posicións. A lóxica competitiva imponse á cooperativa e avanzar cara ao compromiso non ten premio, malia a realidade da existencia dunha maioría de votos que empurra cara un goberno progresista de centro-esquerda.
En realidade, esta actitude xeneralizada ten fondas raigames na historia política e social de Castela como núcleo que se impuxo aos restantes países do Estado. A Coroa de Aragón, formada polos Reinos de Mallorca, Valencia e Aragón e o Principat catalán, baseábase na confederación voluntaria destes Estados e máis no pacto do Rei con cadanseus parlamentos (superiores ao Rei). Navarra ou Biscaia baseábanse nos pactos forais e na Galicia e Portugal valorábanse sobranceiramente as capacidades de negociación e compromiso.
Pola contra, a Coroa de Castela construiuse sobre a primacía do Rei e a unificación forzosa de leis e relixións. Castela liquidou a tradición de convivencia das tres relixións do Libro que un día imperou en Toledo e expulsou xudeus e musulmáns, mentres sometía á doma e castración ao noso país, liquidaba de feito as Cortes e, logo de sanguentas guerras, suprimía as liberdades aragonesas, valencianas e catalás (1707-1714) e laminaba os foros vascos (1839 e 1876).
O século XIX e o primeiro terzo do XX afondaron nunha España que resolvía os seus conflitos, tanto sociais como territoriais, dende a imposición. Callou, ao tempo, un modelo de español que ten as cousas claras e que pensa do único xeito que se pode pensar. Para este modelo, ben presente na política e na educación, os compromisos e pactos son “componendas” de xente feble ou dubidosa, cando non abertamente disolvente.
A guerra civil e a longa ditadura franquista levaron ás últimas consecuencias esta aversión ao compromiso, permitindo deste xeito que unha pequena elite monopolizase o poder político e as claves do capitalismo de amiguetes que o réxime centralista propiciou.
E velaí o resultado. Desconfianza e aversión cara á plurinacionalidade, fomento do capitalismo de amiguetes fronte á libre concorrencia e incapacidade para construír cooperando. Incapacidade para o compromiso no que gañemos todos.

Recoñecermos o dereito a decidir

O proceso da sociedade civil catalá cara ao recoñecemento do seu dereito de decisión, a desafección da maioría vasca a respecto da súa integración constitucional no Estado e máis a gravísima crise política xerada pola ocupación das institucións polo bipartidismo dinástico obriga a pensar en solucións xurídico-constitucionais que fagan coexistir o dereito a decidir coa estabilidade dos acordos constitucionais para a convivencia común das distintas nacións no Estado. Non por acaso foi a declaración parcial de inconstitucionalidade do actual Estatuto catalán e o inmobilismo do Goberno do Estado a respecto do cumprimento das súas disposicións financeiras o que moveu aló o actual proceso social a prol da autodeterminación.
Na propia Constitución existen dúas normas, a Disposición Adicional Primeira e a Disposición Transitoria Segunda, que permitirían garantir un estatuto especial a Cataluña, Euskadi -e Navarra- e Galicia (como de feito se tiña decidido no 1978), delimitando as nacionalidades das rexións que o artigo 2 da Constitución enuncia e non determina. A Disposición Adicional Primeira abeira e respecta os dereitos dos territorios forais e dispón a súa actualización estatutaria. A Disposición Transitoria Segunda acordaba o inmediato acceso ao máximo grao de autonomía constitucional dos territorios que tiñan plebiscitado durante a II República cadanseu estatuto (as tres nacionalidades).
Trataríase, pois, de refundir dende o concepto de “dereitos históricos” o concepto máis limitado de “foralidade” para abranguer Cataluña, Galicia e quizais Canarias, incorporando á Disposición Adicional Primeira o seu estatuto xurídico, blindando as súas competencias exclusivas e financiamento automático, recoñecéndolles plenas facultades en lingua, cultura, educación, Dereito Civil e réxime local e deseñando un réxime federal asimétrico nas outras materias competenciais. A norma abriríase tamén a recoñecer o dereito a decidir, de xeito que estes países puidesen acceder a outros marcos de relación co Estado, a medio de referendums nos que se esixirían concretos requisitos de participación e a súa non repetición nun determinado período de tempo, ao xeito da lexislación que rexe no Quebec.