Catalunya triomfant? Os fitos do procés

Este é o artigo publicado no número 47 da revista Luzes. Pode descargarse aquí: Catalunya triomfant? Os fitos do procés. Xoán Antón Pérez Lema Luzes. Setembro de 2017, ou ler a continuación:

A legalidade internacional do dereito a decidir

Josep Borrell e Josep Piqué, canda Francesc de Carreras e outros unionistas cataláns, veñen de negar o dereito de Catalunya á súa libre determinación “consonte coa legalidade internacional”.
Non hai tal. O artigo 1º do Pacto Internacional de dereitos civís e políticos (1966), plenamente vixente no Estado en virtude do artigo 96 da Constitución, recoñece este dereito de libre determinación a todos os “pobos”. Mais o concepto de pobos adoita tentar restrinxirse polos unionistas aos pobos colonizados ou pobos indíxenas. Porén, o Tribunal Internacional da ONU non limita este concepto ás devanditas categorías, recoñecendo adoito esta cualidade a aqueles que foron considerados no periodo de entreguerras pola Sociedade de Nacións como “nacionalidades”. Velaí o caso de Galicia, recoñecida como tal en Xenebra hai agora 84 anos e tamén de Catalunya, xa recoñecida no 1926.
Quere isto dicir que existe un dereito a decidir de Galicia ou Catalunya recoñecido polo Dereito internacional? Si, e máis aínda, o caso é que este dereito estaría constitucionalmente recoñecido por España, consonte co artigo 96 da Constitución, mentres non derrogue ou modifique o artigo 1 dese Pacto Internacional ao abeiro do procedemento de denuncia previsto no Tratado.
O que ocorre é que o Tribunal Constitucional optou por unha interpretación esencialista da Constitución que descoñece os efectos dos Tratados Internacionais validamente adoptados polo Estado español. Agora ben, señores ex ministros Borrell e Piqué, non insulten a nosa intelixencia…

A arrincadeira. Filosofía si
O traballo da catedrática de Filosofía Carme Adán e de tantas outras persoas foi fulcral para que se presentase hai poucos días perante o Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para recuperar a Historia da Filosofía como materia curricular obrigatoria do 2º de Bacharelato.
A cidadanía respostou de xeito extraordinariamente positivo (asinaron a ILP 8.200), amosando non só que lle preocupa a educación, senón que quere unha educación que posibilite o pensamento crítico e non só provea de contidos. Unha educación que constrúa persoas e cidadáns e non simples produtores ou consumidores.

As razóns de Catalunya

Catalunya era un país con poucos independentistas até xuño do 2010, cando o Tribunal Constitucional (TC) desfixo o novo Estatut que aprobara o pobo catalán en referéndum no 2006, dando por pechada toda solución á cuestión catalá dende o autonomismo. Asistimos en meses á conversión en indepes de sexaxenarios cidadáns federalistas votantes do PSC e de mozos barceloneses castelanfalantes fillos da inmigración murciana e andaluza. En setembro de 2012 o president Artur Mas tentou de Rajoy un pacto fiscal para acadar un concerto económico semellante ao de Euskadi e Navarra, mais Rajoy rexeitou a proposta por inconstitucional.
Dende entón -e máis dende a Diada do 11-S do 2012-, arredor da Assemblea Nacional Catalana e de Òmnium Cultural foise estruturando unha potente organización transversal e interclasista para lle dar canle á autodeterminación de Catalunya. En Madrid e outros lugares do Estado adoitan pensar que o pulo soberanista naceu do xogo politico de CDC (hoxe PdeCAT), ERC e CUP, mais o movemento soberanista trascende moito dos partidos nacionalistas, das elites e dos catalanfalantes. É un movemento social que integra toda caste de cidadáns de Catalunya.
Os Gobernos da Generalitat tentaron abondo pactar co Goberno do Estado un referéndum para que Catalunya fixese uso do dereito a decidir que deriva da conxunta interpretación do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (1966) da ONU, do artigo 96 da Constitución e da doutrina emanada da Sociedade de Nacións (antecedente da ONU) ao recoñecer determinadas nacións europeas sen Estado (como fixo coa nosa Galicia en setembro de 1933). Un dereito a decidir que máis do 70% da cidadanía catalá quere concretar nun plebiscito.
Velaí que, pechadas todas as vías de consenso, o Parlament catalán, seguindo o mandato das eleccións autonómicas de setembro de 2015, vaia aprobar esta semana a Lei do referéndum, que dará cobertura normativa ao Decreto do Govern convocando o vindeiro plebiscito do 1 de outubro. O TC suspenderá esa cobertura normativa e constataremos o confronto entre a normativa constitucional española e a emanada do mandato cidadá catalán de setembro de 2015.
Confronto de lexitimidades que non se amaña con Tribunais nin moito menos coa Garda Civil ou os tanques. E Rajoy sábeo.