Quen adoutrina?

A historiografía española do século XIX construíu un relato que databa España como realidade unitaria dende os godos e que explicaba a Idade Media como un proceso de Reconquista dende o reino de Asturies de D. Paio até os Reis Católicos. España como nación xurdiría hai máis de 500 anos, cos Reis Católicos. Galicia sería parte secundaria do Reino de Asturies-León, Catalunya parte secundaria da Coroa aragonesa e Biscaia parte secundaria de Castela, mentres se agachaba a euskaldunidade do Reino de Navarra.
Velaí a historia que deprendemos xeracións enteiras. E resulta que non había tal. A historiografía recente redescobriu a centralidade de Galicia na historia ibérica e europea. Fomos o primeiro “regnum” da Europa, cos suevos, no século V. Os cronistas árabes e francos dos séculos IX e X descoñecían os reinos de Asturies ou León e nomeaban Galiza ao grande reino occidental, para distinguilo da España musulmá. Até principios do século XIII o Reino occidental é un Reino galego, de reis galegos, que ten en Compostela o seu referente.
O euskaldún Eneko Ariza fundou o Reino vascón de Pamplona, que axiña integrou todos os territorios de fala basca agás o Señorio de Biscaia e chegou ser o principal Reino cristián da península, canda o de Galicia (que integraba tamén León e Asturies) no século XI. Biscaia, pola súa banda, mantivo a súa independencia asumindo voluntariamente ao Rei de Castela como Señor de Biskaia. A independencia de feito de Biscaia e Navarra (os dous referentes políticos de Euskadi ao longo da historia) chegou até mediados do século XIX e explica a vixencia do concerto vasco e do convenio para recadar os tributos.
O Conde de Barcelona unificou no século X os demais condados cataláns e converteuse por matrimonio no Rei de Aragón en 1134. A unión catalanoaragonesa respectou a independencia de ambos os dous territorios. No século XIII, o rei Jaume I conquistou Mallorca con cataláns e o País Valencià na súa meirande parte con cataláns e nalgunhas comarcas do interior con aragoneses. A Coroa catalanoaragonesa respectaba a plena autonomía dos Reinos de Mallorca, Valencia e Aragón e do Principat catalá, que constituía o núcleo esencial da Coroa. Os cataláns chegaron conquistar Sardeña, Sicilia e Nápoles.
Quen adoutrina?

Promovermos o turismo sustentábel

O arquitecto galego Iago Lestegás vén de amosar que o centro histórico de Lisboa rexenera o seu tecido a medio de investimentos dirixidos a acoller turistas que están a expulsar a súa poboación tradicional. Este fenómeno está a ocorrer tamén na Barceloneta e na cidade histórica barcelonesa acadando o seu máximo expoñente en Venecia, onde case non viven venecianos. Por outra banda, a degradación do ambiente e da paisaxe en varias áreas do País Valenciá amosan os prexuízos de determinado turismo de sol e praia.
Na Galicia non se dan aínda ningunha destas situacións irreversíbeis. Mais a presión turística comeza ser abafante en parte de Compostela. Nos últimos anos a meirande parte do comercio do Casco Histórico orientouse cara un turismo “low cost” que xera unha grande presión física durante máis dun terzo do ano sobre determinadas rúas da área. Área que perde residentes polos problemas de mobilidade e adaptación de vivendas e máis pola carencia de servizos.
O problema do turismo de peregrinación compostelán é a súa relación custo-beneficio. Ou soben os beneficios económicos a medio da suba das pernoctas ou mesmo da aplicación dunha taxa de efecto moderador ou cumpriría considerar a redución das visitas nalgunhas áreas da cidade en determinadas épocas do ano, do mesmo xeito que se fixo na praia das Catedrais ou nas Illas Atlánticas. Cómpre, pois, abrir o debate e adoptar decisións estratéxicas, comezando pola oferta de recursos e contidos para obter ese incremento das pernoctas. E aí haberían ir da man a Xunta, o concello e a sociedade civil.
No resto de Galicia hai marxe para que medre un turismo sustentábel integrando os moitos recursos dos que dispomos. Mais tamén existen elementos de preocupación. Por exemplo, que nunha comprensíbel lóxica de desestacionalización nas Rías Baixas se estea a vender da man de determinados tour operators pernocta e pensión completa a 30 €/persoa e día en primavera e outono.
O 12% do emprego e o 11% do PIB galego correspóndelle xa á industria turística. Comeza, pois, a ser un sector estratéxico para Galicia. Mais se non se planifica o crecemento futuro, se non se constrúe a industria turística sobre alicerces sustentábeis, teremos pan para non moitos hoxe e fame para todos mañá.

O exemplo de Compromís

Compromís é a terceira forza política do País Valencià, a moi pouca distancia do Partido Socialista, co que forma Goberno dende 2015, despois de 20 anos de maioría absoluta do PP. Quitou entón 19 sobre o total de 99 deputados nas Corts Valencianes. Resultado que lle valeu a presidencia destas Corts (que ocupa Enric Morera), a vicepresidencia da Generalitat (Mónica Oltra) e catro das oito consellerías do Govern. Canda estas autonómicas celebráronse as locais nas que quitou 722 concelleiros e 84 alcaldías, entre elas a da grande cidade de València (Joan Ribó).
A coalición naceu no 2010, fundada pola federación nacionalista Bloc Nacionalista Valencià (Bloc), Iniciativa del Poble Valencià (IPV, forza ecosocialista e valencianista que se escindiu da IU polo seu centralismo e suxeición ao PCE) e os verdes, hoxe integrantes da organización valenciana de Equo. A proposta nacía baixo os principios de valencianismo (organización soberana con decisión única no País Valencià), progresismo non dogmático e ecoloxismo, principios que constituían o mínimo común denominador dos coaligados. O nacionalismo valenciano superaba deste xeito o esencialismo, abríndose a sectores que funcionaban en clave federalista, malia que o principio de autoorganización se asumía tamén por estes sectores como irrenunciábel.
A fins do 2015 o Bloc dubidou en se integrar nunha coalición electoral con Podemos para as estatais, pero IPV e os adheridos non pertencentes a os partidos fundadores pularon por esta coalición, reeditada en xuño de 2016. Mais nas dúas ocasións, o rexeitamento da Mesa do Congreso á coalición valenciana determinou que os deputados de Podemos accedesen ao confederal Unidos Podemos-En Marea-En Comú Podem, mentres que os catro deputados de Compromìs se integraban no Grupo Mixto como subgrupo, atopando unha fórmula que posibilitou que o País Valencià fixese audíbel a voz que hoxe non se escoita (ou, polo menos non abondo) a respecto de Galicia.
O éxito electoral chegoulle a Compromís despois de cinco anos de traballo aquelado. É evidente que a crise do PP nas eleccións do 2015 serviulle de panca de lanzamento. Mais en grande parte o seu éxito débese ao seu estilo dialogante, e inclusivo, pendentes moito máis dos intereses da sociedade valenciana ca dos seus dogmatismos e diferenzas internas.

Máis Galicia

As eleccións estatais determinaron un rol relevante, mais non determinante, para o proxecto da España plurinacional e rexeneracionista de Unidos Podemos e das confluencias nas que participaban Podemos, IU e Equo, entre elas En Marea. A decepción para os morados foi evidente, malia que en último de contas amosaron que a nova política está aí e, de primeiras, para ficar, de non ser que sigan coa perrencha dos últimos días.
Galicia non é nin a primeira nin será a derradeira vez que sofre ese dilema de contribuír a unha remuda estatal en sentido democrático e progresista. Mais o tempo político para esta contribución xa pasou. É impensábel unha fonda remuda en sentido progresista e plurinacional da Constitución e mesmo das axendas da gobernanza e lexislativa impostas polo bipartidismo dinástico nos últimos trinta e cinco anos.
Mais si é posíbel (complexa pero factíbel) unha fonda remuda lexislativa e da gobernanza na Galicia, que pode adherir a outras nacionalidades e territorios (Catalunya, Euskadi, Nafarroa, Illes Balears, País Valencià) gobernados por coalicións de cambio, quer soberanistas, quer de coalición entre soberanistas e progresistas españois. A recente escolla de Xaquín F. Leiceaga como candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG fai albiscar unha posíbel liña socialista en clave galega, fronte á casposidade españoleira do PSOE andaluz de Susana Díaz ou do PSOE estremeño de Guillermo F. Vara. A meirande parte dos activistas e simpatizantes de En Marea, por outra banda, semellan asumir que Galicia é distinta, conta con intereses de seu moi marcados e ha construír o seu espazo propio. Nomeadamente os dos ámbitos dos distintos municipalismos.
Cómpre, pois, traballar con xenerosidade e intelixencia para artellar unha fórmula de unidade nacional que sexa quen de integrar os distintos galeguismos e municipalismos, ao tempo que siga tendendo a man ás organizacións e persoas non galeguistas que acrediten que Galicia é un país de seu con personalidade e intereses moi diferentes e, xa que logo, que precisa solucións políticas propias e independentes.
Dirán vostedes, pero isto todo non se falou xa o verán pasado e non saiu ben? Certo, mais a dinámica política, nomeadamente os erros de En Marea e o BNG, levounos a unha situación bastante semellante.
Se non vai desta é posíbel que non chegue a tempo.

Xogaron con lume

O resultado electoral das estatais do 20-D deu unha combinación clara, atendendo ao -aparente- programa socialdemócrata do PSOE e á fasquía do seu electorado: tentar un Goberno de progreso con Podemos, IU-Unidad Popular, En Comú-Podem, Compromís-Podem e En Marea. Xuntar ao PNV (clave da maioría simple na segunda votación) e máis obter a ausencia de Esquerra e da Convergència refundada era só unha cuestión de negociación honesta e intensa.
Pedro Sánchez, quen inventou a moi enxeñosa xogada de atar en curto o seu Comité Federal -gobernado pola presidenta andaluza Susana Díaz e polo ex presidente Felipe González e demais portas xiratorias-, apelando ao plebiscito da súa afiliación, non foi quen de ver máis aló e quixo tranquilizar ao Ibex 35 pactando coa dereita aseada de Albert Rivera. O papeliño que PSOE e C’s asinaron era máis ca un canto ao sol. Era a barreira infranqueábel para que as outras forzas progresistas puidesen axudarlle no parto do Goberno de progreso.
Pablo Iglesias non podía, de ningún xeito, mercar ese produto. Mais nel estiveron de máis neste proceso acenos propios dunha inxustificada fachenda. Era evidente que tiña que ser Vicepresidente se saía ese goberno, non o era que amosase unha actitude autosuficiente que agora está a fanar a súa imaxe. Nin tampouco que considerase pouco menos ca subordinados aos que só son -e non por vida- socios na estratexia de rexeneración democrática e de visibilización dunha axenda social.
Das resultas deste despropósito -madrileño sainete-, Rajoy enfronta unhas máis ca probábeis eleccións no verán coa seguranza dun sólido chan electoral que lle pode dar, canda C´s, unha maioría non absoluta, mais si abonda. Porque Sánchez semella vai perder a súa oportunidade e o felipismo susanista imporá un goberno de Santa Alianza.
Pensando na Galicia, cómpre recuperarmos o plan B e mirar polo noso. Catalunya, Euskadi, Nafarroa, o País Valencià ou as Illes seguirán a se gobernar á marxe do diktat das eleccións estatais e cumprir cadanseu proxecto. A alternativa a Feijóo ha de se presentar sólida, plural e digna de confianza. E ollar menos cara ao home do chicho morado e máis cara ás experiencias municipalistas de cambio. Máis, tamén, cara á solvencia do galeguismo canto á gobernanza pragmática e proxecto de País.

A parcialidade da mensaxe real

O Xefe do Estado escolleu este Nadal o Salón do Trono do Pazo Real de Madrid para lle transmitir á cidadanía española unha mensaxe na que tomou partido a prol dunha idea de España uninacional e esencialista, vencellada a unha suposta historia común de grandes éxitos. E vencellou a Monarquía, a Coroa, a esta idea esencialista, máis ancorada no pasado que proxectada no futuro.
A propia escolla do lugar afastou a El-Rei de transmitir proximidade e complicidade, para salientar a solemnidade e a vinculación da dinastía Borbón con ese pasado de supostas glorias comúns, no canto de conectala coa elección cidadá e co pacto social. Mágoa que Felipe de Borbón non lembrase que os seus devanceiros protagonizaron episodios tan pouco edificantes como a represión en Catalunya, Illes Balears ou País Valenciano (Felipe V, 1707-1715), a represión aos liberais e demócratas de Fernando VII ( 1814-20 e 1823-33) ou o apoio do seu bisavó Alfonso XIII á ditadura de Primo de Rivera (1923) e ao golpe do xeneral Franco (1936).
Porque, alén dos parabéns de Nadal en galego, catalán e euskera, El Rei non fixo aceno ningún a prol da España plurinacional e amosou ben ás claras as súas prioridades. O problema principal sería a unidade do Estado, non os déficits de xustiza social, equidade e falla de cohesión xeradas pola Gran Depresión. Velaí que todas as forzas políticas alleas ao trivote PP-PSOE-C´s sinalasen as súas graves diferenzas co eixo do relato de El-Rei.
Semella, pois, que a Coroa tende a se identificar cos valores do nacionalismo español e renuncia ao exercicio da súa función moderadora. Afastándose non só das periferias, senón dos sectores cívicos máis partidarios do cambio. Asumindo o relato da dereita española, reconciliándose cos sectores sociais máis específicamente monárquicos e renunciando á sedución dos sectores máis progresistas.
Felipe de Borbón manifestou un concepto de “Constitución” esencialista e pouco aberto a remudas ou reformas. Un concepto estático de legalidade constitucional que fai prognosticar unha actitude continuadamente refractaria da Coroa fronte ao encaixe plurinacional do Estado. Polas razóns que sexan, o Xefe do Estado semella que xa non acredita naquel lugar común da “Monarquía para todos”.