A nova política e Domingos Merino

En abril de 1979 Domingos Merino, candidato da exitosa fórmula electoral Unidade Galega (que xuntaba o Partido Galeguista, o PSG e á futura Esquerda Galega) era elixido alcalde d’A Coruña. O primeiro alcalde nacionalista da súa historia. O primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra da ditadura franquista.
A Coruña sofrira naquela noite de pedra. A represión franquista liquidara a súa clase dirixente, de xorne liberal e democrático. A especulación urbanística empobreceu a paisaxe e arrequeceu uns poucos. O concello agoniaba sen organización nin tesouraría.
Merino abriu as portas do concello á cidadanía: primeiro Regulamento de participación cidadá, voz aos veciños nos Plenos, xuntoiros do Goberno local e moitas Comisións Informativas. Os tenentes de alcalde da UG Gonzalo Vázquez Pozo (Gobernación e Persoal) e Pura Barrio (Facenda) estruturaron unha Administración eficaz, socialmente consensuada e moderna, unha Facenda saneada e un orzamento equilibrado. E o concelleiro Rafael Bárez redactaba un Plan Xeral urbanístico pensando na veciñanza e non no interese dos promotores.
Domingos Merino compatibilizaba a apertura democrática, a xestión eficaz e transformadora, a galeguidade reivindicativa e un coruñesismo moderno, que quería A Coruña como faro de Galicia. Mais o lobby da Coruña clasista e antiga e os intereses dos grandes promotores urbanísticos artellaron unha maioría contraria ao goberno local, xuntando ao PSOE coa UCD e AP. Unha campaña de comunicación “ad personam” chea de odio e falsidades (moi semellante ás sofridas polo alcalde vigués Lois Pérez Castrillo no 2002-2003 e polo vicepresidente Anxo Quintana en 2008-2009) tentou desprestixiar e illar socialmente ao alcalde. Poucos días despois do 23-F Merino demitía nun exercicio de dignidade política. E dous anos despois Francisco Vázquez, candidato do lobby que coaligaba os sectores da burguesía franquista cos novos grandes promotores, obtiña maioría absoluta e comezaba desmontar os alicerces da política urbanística e de participación democrática do Goberno de Domingos Merino.
Merino anticipou no 1979 a verdadeira nova política: apertura á sociedade, participación cidadá, eficiencia nunha xestión transformadora e consenso social. Os alcaldes galeguistas e progresistas haberían deprender ben desta lección.

Os roubos non reparados do franquismo

O peche en falso da ditadura franquista por mor da transición dos anos 70 determinou que non se reparasen os roubos do franquismo á cidadanía, mesmo que millóns de persoas descoñezan a súa existencia.
Nos primeiros meses posteriores á rebelión facciosa de 1936 incautáronse na Galicia bens e grandes sumas de diñeiro de persoas e familias non afectas ao golpe de Estado. A primeiros de 1937 o réxime franquista institucionalizou estes desapoderamentos ilegais. O sistema evoluiu até o desapoderamento deseñado polas Leis de Responsabilidades Políticas e de Represión da Masonería e do Comunismo.
Moitos galegos foron desposuídos dos seus bens e diñeiro de xeito ilegal e aínda non foron reparados. Velaí o caso do secretario do Concello d’A Coruña, Joaquín Martín (republicano centrista) condenado á morte e executado o 31 de agosto de 1936. A responsabilidade civil derivada da condena ascendeu a un millón de pesetas da época. A súa viúva, filla do esgrevio coruñés Médico Rodríguez, aínda pregaba lastimeiramente da ditadura no 1954 que lle levantasen o embargamento sobre os bens herdados do seu home. Outros casos salientábeis foron os do deputado republicano Miñones Bernárdez (principal accionista da Electra Popular, logo adquirida de saldo pola Fenosa de D. Pedro Barrié) ou do secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, Plácido Castro.
No resto do Estado o despoxo incrementouse coa anulación do valor de todo o papel moeda emitido polo Goberno da República española posterior ao 1936, o que supuxo a incautación de inxentes cantidades de diñeiro emitido contra das reservas de ouro da República.
Dende 1987 aplicouse unha lexislación orientada á devolución dos bens incautados ás organizacións sindicais e políticas, da que se beneficiou nomeadamente a UGT e da que saíron perdendo a CNT, o Partido Galeguista e o PNV, que nunca recuperou a súa sede parisien onde hoxe en día se atopa o Instituto Cervantes. Mais nunca nada se acordou para as familias e empresas desposuídas, como si se fixo na Alemaña postnazista e na Italia postfascista.
Velaí a xustiza da proposición non de lei que veñen de presentar varios partidos no Congreso para que sexan reparados os roubos do franquismo ás persoas e entidades privadas. Porque cómpre, si, que pasemos páxina. Mais non sen lela antes.

Novo paradigma na CEG?

De sempre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ubicouse no político na adhesión á alternativa do PP e economicamente no pensamento máis desregulador e neoconservador, constituíndo ademais unha extensión provincial e acrítica da española CEOE, malia que lle debe a súa existencia obxectiva á mesma realidade do autogoberno. Como nos conta o xornalista Marcos Pérez Pena, nas primeiras eleccións autonómicas de 1981 a CEG prexudicou, no ámbito do centro, á opción do Partido Galeguista (PG) para encher prensa e radio co seu apoio á AP de Fraga e Albor para “frenar el marxismo”. A institución tivo que ser resgatada financeiramente pola Xunta de Galicia (2002) logo do espolio ao que a someteu a xestión malfadada do Secretario Xeral, Rafael S. Sostre e do Presidente Antonio Ramilo, pendente aínda de xuizo.
Xa que logo, o novo xorne amosado polo novo Presidente, Antón Arias Díaz-Eimil, confronta coa liña da CEG nos seus primeiros 37 anos. Arias vén de descualificar o modelo laboral de Rajoy por considerar que é unha máquina de creación de emprego precario e destrución do emprego de calidade. Considera que os salarios han subir e que a negociación colectiva non debe porse límites porque o persoal das empresas ten dereito a planificar unhas expectativas vitais. Opta por distinguiren emprego estábel do temporal, deixando este para as necesidades non estruturais. Renuncia, na orde política, ao partidismo pro-PP da CEOE e non rexeita os novos gobernos locais progresistas porque todo o que é democrático non lle preocupa.
As ideas do novo Presidente da CEG concordan co conxunto das pemes galegas ás que representa, moito máis sensíbeis á mellora da demanda interna (e, xa que logo, á recuperación das rendas salariais) e á existencia de financiamento asequíbel que á redución dos custos salariais. Polo mesmo, teñen sido moi ben recebidas polos novos emprendedores e por determinados dirixentes empresariais comarcais e sectoriais.
Galicia precisa dunha organización patronal que represente os intereses dos seus sectores produtivos con autonomía, tanto a respecto dos intereses do capitalismo castizo de BOE de Madrid canto aos do PP. Que veñen sendo, por certo, os mesmos.

Un proxecto galego autónomo?

En realidade, o que está a suceder no ámbito político de En Marea resposta á pura lóxica. Porque é posíbel, certamente, artellar unha alternativa en clave galega baixo o paraugas da confluencia de galeguistas, municipalistas e progresistas estatais, mais para iso cómpre recoñecer Galicia como o centro de decisión e referencia. Se mudamos esa referencia, ampliándoa cara ao Estado español, por exemplo, os conflitos axiña xorden. E xurdiron.
É realista e moi positivo que dous proxectos independentes, un galego e outro estatal, converxan, colaboren e se asocien en cuestións tan relevantes como arrincarmos a corrupción, construirmos a transparencia democrática, rexenerarmos o sistema político ou facilitar unha economía co centro nas persoas. Colaboren na gobernanza para transformar Galicia e o estado, dende o mutuo respecto, mais o que non é de recibo é que o proxecto estatal de Podemos-IU, certamente orixinal e suxestivo, entenda Galicia a xeito de sucursal ou polo menos de realidade subordinada, como en último de contas a entenden o PSOE, o PP ou C´s.
E non é de recibo porque Galicia conta cuns alicerces económicos absolutamente prescindíbeis no contexto do Estado. É dicir, os sectores e actividades que para nós son fundamentais, o que para Galicia son as cousas de comer, para a cidadanía española son abertamente prescindíbeis. Para máis, Galicia só achega o 5% do PIB do Estado e o 5,6% da súa poboación. E estes feitos irrebatíbeis non se resolven só con máis calidade democrática a nível do Estado nin tampouco cunha outra política fiscal ou social, malia que certamente poidan axudar.
Galicia obtivo na historia bos réditos da colaboración entre galeguistas e progresistas españois, como ocorreu no ano 1936 cando o Partido Galeguista obtivo da colaboración coa estatal Izquierda Republicana o Estatuto de Autonomía. Pero o límite á colaboración entre galeguistas e progresistas españois é o respecto real á nosa identidade nacional e, máis concreta, precisa e exactamente, o respecto e salvagarda dos nosos intereses económicos. Uns intereses económicos que, por moitas voltas que lle deamos, funcionan en clave territorial e non en clave de loita de clases.

Novas canles de participación política

Os partidos políticos son instrumentos fundamentais para a participación cidadá na política. Mais non son os únicos. A tradición das iniciativas cívicas vén de lonxe no noso país, Galicia. Velaí as Irmandades da Fala (1916), que nunca se constituiu específicamente en partido ou o movemento agrario dirixido por Antón Alonso Ríos, nos últimos anos ben próximo ao Partido Galeguista, mais nunca confundido con el. A primeiros deste século Nunca Máis, dende unha iniciativa cidadá fondamente política, mais apartidista, supuxo un antes e un despois para a conciencia política da miña xeración.
Noutros países, esta caste de movementos políticos cidadáns acadou grande suceso, como na Chequia que se liberou da ditadura soviética ou coa plataforma Yes Scotland, que fixo chegar entre 2012 e 2014 a mensaxe soberanista escocesa moito máis aló dos marcos nacionalistas. Tamén coa Assemblea Nacional Catalana, iniciativa cidadá na que partillan afiliados de varios partidos e independentes e que lle marca a axenda política a Convergència e a ERC.
Velaí que non sexa acaído considerar Somos Nós como un instrumento para a unificación das diversas ponlas do galeguismo nin como outra opción partidaria. O sentido desta iniciativa cívica non pode ser o de substituír o que xa está, senón fornecer á sociedade galega dun espazo plural e transversal que constrúa novas ferramentas de análise e acción atendendo substancialmente aos intereses de Galicia como suxeito político. Uns intereses sistematicamente esquecidos no esquema político actual por mor de representarmos só un 5% do PIB e un 6% da poboación e depender en grande medida duns alicerces económicos que non son os que definen a economía do Estado español. Ferramentas para afondar nunha visión do mundo dende Galicia, como clave para afondarmos no autogoberno e xerarmos benestar para a cidadanía.
Logo no galeguismo hai sitio para partidos, para axentes sociais e para este movemento cívico, como existe este espazo tamén en Catalunya ou en Escocia, países cos que partillamos sentimento de identidade e europeidade, malia distinguírmonos nun bo feixe de características e circunstancias.
O importante, en último de contas, non é o instrumento, senón o obxectivo. O importante é que o gato sexa quen a cazar ratos.

Galeguismo sen adxectivos

Chama a atención a continua obsesión por situar a xeito ao galeguismo político no eixo esquerdas-dereitas. Deste xeito, moitos pensan que “cómpre un galeguismo de centro, como o do PNV ou CDC” e outros din “a nosa proposta é inequivocamente nacionalista e de esquerdas”. Porén, Castelao e Bóveda, que escribiron a eito sobre o galeguismo político, nunca se definiron de esquerdas, centro ou dereitas. Escrebiron a prol dun sistema fiscal progresivo, dunha sociedade xusta e inclusiva, dun País e dunha sociedade emancipada. No PG da II República existía, si, pluralismo, mais consenso sobre o modelo de sociedade, interclasista e baseado na xustiza social. De feito, a creación da Dereita Galeguista por Risco e Filgueira Valverde no 1935 non foi causada por desavinzas ideolóxicas, senón pola coalición electoral coa Fronte Popular que non tiña máis alicerce que o de percurar socios para quitar adiante o Estatuto de Autonomía.
Ben é certo que a refundación do galeguismo político nos anos 60 do século pasado mudou para moitos o enfoque. Mais, no fundamental, o galeguismo político non precisa facer apelacións continuas ao seu autoposicionamento no eixo esquerdas-dereitas, senón que ten que construír un marco plural e democrático para representar á maioría social galega. E se o galeguismo é un proxecto de empoderamento colectivo, evidentemente, non pode propor ou desenvolver políticas de exclusión social, como as que está a ditar o PP. Mais tampouco poderá entender as relacións sociais en termos de loita de clases, porque só dende o interclasismo é comprensíbel un galeguismo dirixido ás maiorías.
Entenderon moi a xeito esta especificidade dos nacionalismos democráticos os vascos do PNV e os escoceses do SNP, que construiron dende cadanseus gobernos nacionais sociedades integradas e moito máis xustas que as veciñas, desenvolvendo políticas substancialmente socialdemócratas, mais sen se preguntar continuamente diante do espello se son moito, pouco ou nada de centro ou de esquerdas. Porque teñen claro dabondo que son demócratas e diríxense á maioría de cadansúa cidadanía.