A devolución do Pazo

A ocupación simbólica e temporal do Pazo de Meiras por activistas do BNG levou polo mundo adiante a reivindicación cidadá de que o Pazo sexa devolto á cidadanía galega. A ocupación tivo un carácter fundamentalmente político e non poderá ser sancionada penalmente, ao non existir nos activistas ningunha caste de intencionalidade de apropiación patrimonial, invasión da intimidade persoal e familiar de ninguén nin de mantemento da ocupación.
O despoxo patrimonial sofrido polos galegos no 1938 en beneficio do patrimonio persoal do ditador Franco levouse adiante a medio de tres instrumentos fundamentais: o desconto obrigatorio de parte do soldo en moitas entidades públicas e empresas privadas, as “doazóns voluntarias” dos veciños, exaccionadas polos concellos coa colaboración da Falanxe e da Garda Civil e a ocupación sen contraprestación de moitos dos terreos adxacentes.
A respecto deste último instrumento de despoxo patrimonial (o menos coñecido), o historiador sadense Babío Urquidi vén de relatar que moitos dos paisanos de Meirás foron obrigados a subir a camións militares que os levaron á sede do Banco Pastor no Cantón Pequeno coruñés onde asinaron cadanseus contratos de compravenda por prezos moi baixos en relación coa calidade das terras transmitidas. Porén, a meirande parte non puideron cobrar nin o que se consignou como prezo, porque a chamada “Junta Pro Pazo” que coordinaba as Administracións Públicas e forzas vivas que facían a recadación deu en creba, por mor do custo elevado das obras de mellora continuamente requiridas polo ditador e a súa dona, Carmen Polo.
Velaí a ilexitimade de orixe da propiedade da familia Franco. Ilexitimidade que, de xeito absolutamente inédito, vén de recoñecer o PPdeG a medio do seu voceiro parlamentario Pedro Puy. Un recoñecemento que habería abrir a porta ao estudo por parte do Parlamento e da Xunta, coa colaboración do Concello de Sada e a Deputación coruñesa, dos procedementos xurídicos precisos para poderlle devolver o Pazo á cidadanía.
A devolución do Pazo é á única reparación posíbel a este despoxo. Despoxo que se mantivo até de agora só pola longa duración do franquismo e pola intensidade da súa represión.

Os okupas de Meirás

Nestes tempos de revisionismo historiográfico e post-verdade cómpre lembrar algunhas cousas certas. Como que a adquisición do pazo de Meirás para llelo doar ao ditador Franco non foi por subscrición voluntaria, senón por vías de forza e coactivas. No 1937 constituiuse unha comisión “Pro Pazo del Caudillo”, integrada polo Gobernador Civil e outros xerarcas franquistas e forzas vivas para mercarlle o pazo á súa propietaria e aquelalo consonte cos requisitos dunha grande residencia de luxo. A todos os empregados públicos e de moitas empresas privadas lles foi efectuado á forza un desconto salarial, normalmente dun día de soldo.
Mentres, esa comisión dirixíase aos alcaldes para lles instar a constituir comités locais de recadación, adoito sinalándolles a cantidade estimada que habería cubrir o concello. Comités que visitaban os veciños para lles pedir a súa achega. Comprenderán vostedes o grao de liberdade, no medio do terror da guerra civil, que tiñan os veciños para rexeitar tan amábel oferta. O traballo completouse coa expropiación, a prezo baixísimo, das catro hectáreas de boas terras agrarias dos veciños de Meirás que circundaban o Pazo.
Nos nosos tempos, cómpre lembrar que non foi Feijóo quen abriu o pazo ás visitas (como vén de dicir), senón a conselleira nacionalista Ánxela Bugallo, que declarou ben de interese cultural (BIC) o pazo no 2008. Feijóo só executou, no 2011, a sentenza xudicial definitiva que confirmou a decisión do bipartito. Unha volta máis Feijóo e post-verdade son realidades que camiñan xuntas.
Canto á familia do ditador, son perfectamente conscientes da ilegalidade e ilexitimidade de orixe desta propiedade. Opuxéronse á declaración do pazo como BIC e ás visitas públicas até chegar ao mesmo Tribunal Supremo. Agora, nun claro aceno de provocación, conveniaron estas visitas cunha Fundación Francisco Franco, que teima en defender os valores antidemocráticos, facendo apoloxía da ditadura franquista. Nunca dixeron verba ningunha de piedade ou compaixón e menos desculpa ou arrepentimento a respecto dos crimes, abusos e despoxos patrimoniais causados polo réxime que instaurou e dirixiu o seu pai e avó con man de ferro. Sonlles, miñas donas e meus señores, os okupas de Meirás.