A devolución do Pazo

A ocupación simbólica e temporal do Pazo de Meiras por activistas do BNG levou polo mundo adiante a reivindicación cidadá de que o Pazo sexa devolto á cidadanía galega. A ocupación tivo un carácter fundamentalmente político e non poderá ser sancionada penalmente, ao non existir nos activistas ningunha caste de intencionalidade de apropiación patrimonial, invasión da intimidade persoal e familiar de ninguén nin de mantemento da ocupación.
O despoxo patrimonial sofrido polos galegos no 1938 en beneficio do patrimonio persoal do ditador Franco levouse adiante a medio de tres instrumentos fundamentais: o desconto obrigatorio de parte do soldo en moitas entidades públicas e empresas privadas, as “doazóns voluntarias” dos veciños, exaccionadas polos concellos coa colaboración da Falanxe e da Garda Civil e a ocupación sen contraprestación de moitos dos terreos adxacentes.
A respecto deste último instrumento de despoxo patrimonial (o menos coñecido), o historiador sadense Babío Urquidi vén de relatar que moitos dos paisanos de Meirás foron obrigados a subir a camións militares que os levaron á sede do Banco Pastor no Cantón Pequeno coruñés onde asinaron cadanseus contratos de compravenda por prezos moi baixos en relación coa calidade das terras transmitidas. Porén, a meirande parte non puideron cobrar nin o que se consignou como prezo, porque a chamada “Junta Pro Pazo” que coordinaba as Administracións Públicas e forzas vivas que facían a recadación deu en creba, por mor do custo elevado das obras de mellora continuamente requiridas polo ditador e a súa dona, Carmen Polo.
Velaí a ilexitimade de orixe da propiedade da familia Franco. Ilexitimidade que, de xeito absolutamente inédito, vén de recoñecer o PPdeG a medio do seu voceiro parlamentario Pedro Puy. Un recoñecemento que habería abrir a porta ao estudo por parte do Parlamento e da Xunta, coa colaboración do Concello de Sada e a Deputación coruñesa, dos procedementos xurídicos precisos para poderlle devolver o Pazo á cidadanía.
A devolución do Pazo é á única reparación posíbel a este despoxo. Despoxo que se mantivo até de agora só pola longa duración do franquismo e pola intensidade da súa represión.

Gobernarmos as estradas

Hai dúas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían moitos problemas e mellorarían o noso benestar: a competencia sobre a AP-9 (a autoestrada do Atlántico) e máis a xestión do tránsito nas nosas vías interurbanas, hoxe nas mans da DXT estatal.
A Garda Civil de Tráfico impón 147 multas por 1.000 habitantes no noso país, mentres que a media nos outros 13 territorios que xestiona (todos menos Navarra, Euskadi e Catalunya, nos que teñen transferidas as competencias e nos que actúa cadansúa policía autonómica) é de 85. É dicir, poñen 170.000 multas máis. Un lote de cartos que perdemos os galegos. Porque Galicia ten unha poboación espallada que precisa moito máis do transporte privado, tendo en conta a nosa carencia de servizos ferroviarios de proximidade.
No 2008 o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) foi quen de artellar unha coalición nacional unánime co PP e PSOE no Parlamento de Galicia para acadar a transferencia das competencias de tránsito. En setembro do 2010 a pulsión unionista de Pepe Blanco, consentida por ZP e pola abstención do PP, rexeitaba no Congreso de Madrid a proposición galega, coa indigna abstención do PP. Pedro Puy (PPdeG) e Xaquín F. Leiceaga (PSOE) non podían aturar a vergoña.
Precisamos dun sistema de regulación do tránsito que mire cara a nosa seguranza vial e non á recadación da DXT e do Goberno do Estado. E, tamén, dunha xestión galega da AP-9, orientada a liberalizar a peaxe na vía máis importante da nosa nación. Para máis, o normal sería, ao tempo, transferirmos a xestión do mantemento das estradas estatais. Cómpre transferir á Xunta, por nidias razóns de economía e operatividade, todos os kms de estradas que absurdamente aínda fican na xestión dun lonxano, incompetente e inoperante Ministerio de Fomento.
Velaí a necesidade desta transferencia. E para xestionármola contamos coa mellor policía territorial de Tránsito, os gardas civís, pero a estrutura xerárquica e militar da Garda Civil faina impracticábel para esta función. Porén, as bases legais do Estatuto e da Lei de Policía galega fan posíbel a xestión galega das estradas.
Claro é que esta legalidade sería unha realidade se o presidente Feijóo e o vice Rueda actuasen na defensa dos intereses galegos e non desenvolvesen a meritoriaxe unionista que desenvolven día a día.