Non dá para aforrar, Sr. Rajoy

Mariano Rajoy vén de lle recomendar á cidadanía que aproveite o bo estado da economía para “aforrar” pensando nas necesidades familiares futuras de pensións e educación.
A mensaxe é ben desaquelada. O noso sistema de pensións é público e fornécese con cotizacións sociais de empresas e traballadores. Os impostos financian o sistema público de educación e as bolsas para os estudos universitarios. Coa súa chamada ao aforro para pensións e educación privada Rajoy manifesta a vontade política do PP de desmontar ou polo menos reducir a cobertura pública das pensións e da educación, piares fundamentais do estado do benestar.
Os problemas do sistema público de pensións teñen máis que ver coa grave deterioración do mercado de traballo. Cun PIB estatal equivalente ao do 2008 os números da ocupación e, sobre todo, das remuneracións salariais e cotizacións sociais, son substancialmente máis baixos. Dúas xeracións que cotizaron abondosamente na súa vida laboral verán dramaticamente reducida a súa pensión por mor do desemprego e subemprego da Grande Recesión. Este é o principal problema das pensións no curto prazo e non a sostibilidade do sistema a longo prazo, sempre completábel vía impostos. Por outra banda, os sistemas privados de pensións amosáronse moito menos rendíbeis e seguros, en xeral, que os públicos
Mais as verbas de Rajoy amosan que vive unha realidade paralela. Cos níveis actuais de desemprego e, sobre todo, de traballadores pobres, cos millóns de fogares onde entran ingresos inferiores ao salario mínimo (735,90 €/mes) á maioría social nin lle dá para aforrar porque non lle dá para chegar á fin de mes. As melloras macroeconómicas e nos níveis de ocupación non chegaron á cidadanía porque a distribución da renda mudou substancialmente. Velaí porque o Estado español é o segundo máis desigual da Unión Europea. Sen contar que a chamada ao aforro desincentiva o consumo interno, que é o que mobiliza os mercados locais e garante a supervivencia da meirande parte das pemes galegas, españolas e europeas.
Eis outra mostra da empatía de Mariano Rajoy, que non quere discutir de igualdade salarial entre homes e mulleres e non comprende por que a rúa pontevedresa do almirante franquista -sospeitoso de crimes de guerra- Salvador Moreno, mudou a Rosalía de Castro.

O conto da Galicia dependente

As prioridades económicas do Estado español nunca son as galegas. E isto non é porque nos teñan mala lei, senón porque somos poucos (o 6 % da poboación e o 5,5 % do PIB estatais) e porque os nosos alicerces produtivos son para o Estado totalmente prescindíbeis. Velaí a necesidade dun amplo autogoberno e o prexudicial que é para este país a dependencia.
Nese contexto da dependencia, tivo un grandísimo suceso o mito de que somos un país subsidiado, de que vivimos da solidariedade do resto do Estado. E isto é un conto. No 2015 recadáronse neste País 12.750 M€ entre impostos estatais e cedidos á Xunta. O orzamento da Xunta só acadou os 8.436 M€. É verdade que o Estado tamén presta servizos en Galicia (policía, prestacións de desemprego…) pero estes non valen a diferenza. Por outra banda, só percibimos o 3,1 % dos fondos locais no canto do 6 % que nos cumpriría por poboación, xa que a lexislación de facendas locais española prioriza os concellos de máis poboación. Perdemos aquí uns 550 M€ todos os anos.
Polos teóricos do dependentismo recoñécense implícitamente estes números, mais sempre se opón a cuestión das pensións, dicindo que se non fose pola caixa única, Galicia non podería pagar as pensións. Mais no noso sistema o dereito a percibir unha pensión depende dos anos de cotización e das bases da mesma. Moitísimas persoas en Galicia perciben pensións devengadas en Suíza, Alemaña ou Catalunya, ás que teñen dereito polo traballo desenvolvido neses países. A cuestión das pensións é individual de cada persoa. A dos impostos é territorial.
E logo está o espolio enerxético. Somos produtores netos de enerxía e non podemos recadar impostos pola súa xeración nin beneficiarnos dos custos ambientais que sufrimos xerando a electricidade. A tarifa enerxética penaliza á produción e á industria e beneficia o consumo doméstico e terciario das macrópoles non produtoras, como Madrid.
Tamén as infraestruturas se conciben a prol de Madrid como grande exportador de servizos que recentralizan financeira e empresarialmente o Estado. Billóns de euros investidos na radialidade, mentres os nosos portos carecen de conexión ferroviaria e non temos tren de proximidade.
Mal negocio o da dependencia.

A ruptura do pacto social

O Banco de España non foi quen de cumprir a súa función supervisando a estabilidade do sistema bancario, mais semella que ten vagar para propor contratar por baixo do salario mínimo profesional. A Comisión do Mercado de Valores considera que a meirande parte das entidades bancarias comercializaron a xeito as preferentes e subordinadas, descoñecendo as evidencias que demostran a súa neglixencia e mesmo complicidade no perverso financiamento de boa parte do saneamento bancario polos aforradores das clases medias e traballadoras. A Comisión de expertos nomeada “ad hoc” por Rajoy propón graves recortes nas pensións públicas a devengarmos no futuro, beneficiando nidiamente ao sector asegurador privado ao que pertence a maioría destes expertos.
Os europeos acadamos a mediados do século XX un pacto social: o mercado sería corrixido por mecanismos de inclusión e cohesión social que garantirían a todos uns níveis de subsistencia digna, unha pensión pública, quer contributiva, quer asistencial, e unha sanidade e educación universais e gratuítas, nun marco equilibrado de relacións sociais que evitaría a loita de clases. Este é o pacto social que definiu o noso sistema político e socioeconómico baseado na libre empresa, na intervención correctora pública e nun Estado de benestar alicerzado na provisión duns servizos públicos de calidade.
Velaí, xa que logo, o perigo que deriva da ruptura dos pactos ou convencións que garantían este equilibrio mixto da cohesión e inclusión social. Porque a ditadura do capitalismo financeiro é tan allea a este sistema como as solucións da extrema esquerda dogmática. Tensar tanto a corda pode xerar unha reacción cidadá que mesmo imposibilite a rexeneración democrática dende as bases que coñecemos. Ou, dito doutro xeito, que uns antisistema lle abran a porta aos outros.