Arredarnos do dependentismo

Hai dúas semanas escrebíamos nestas páxinas que o 2 de outubro principiará un proceso substancial de reforma constitucional do Estado e que Núñez Feijóo aposta polo dependentismo a respecto de Rajoy e Madrid para faceren deste país unha Rioxa ou Murcia un pouco máis grande.
O lehendakari Urkullu vén de anunciar este fin de ciclo e coida chegado o intre de construír un Estado confederal que recoñeza o dereito a decidir das nacións galega, catalá e vasca. Cando moitas acreditaban que o PNV sería o apoio do PP até o remate da lexislatura asistimos á confirmación dende Euskadi de que o proceso catalán moveu de xeito irreversíbel os marcos.
Que lle convén a Galicia? Dende logo non ser coma a Rioxa ou Murcia. Non lle convén o dependentismo, porque só achega pouco máis do 5% ao PIB e á poboación do Estado e porque as nosas bases económicas non son relevantes para este mesmo Estado. Ser un de tantos (o dependentismo) afonda na nosa subordinación económica, cultural e social. Cómpre, pois, arredarmos do dependentismo.
Mais Núñez Feijóo (que disque non recuncará nin seguirá carreira en Madrid) quitou hai un ano a única maioría absoluta do Estado e no ámbito do PPdeG non se move unha palla. Xa que logo, só poden tecer un relato as forzas políticas e sociais que acrediten nun proxecto de País distinto. Un relato para a sociedade galega que nos permita partillar o proceso que vai vir si ou si.
Velaí a necesidade urxente dunha unidade de acción de En Marea e BNG que tenda a mAn ao novo PSdeG (á marxe da desubicación da Executiva federal do PSOE) e ao mundo do galeguismo centrista e independente, que tenta arestora vertebrar Compromiso. Tamén á sociedade máis dinámica e aos axentes empresariais, que son os primeiros prexudicados da política económica dependentista do PP, como demostraron a revogación do concurso eólico, a liquidación das Caixas ou os efectos na recesión da falla dunha Banca Pública Galega que apostase polas nosas medianas empresas.
Semella, pois, o momento da intelixencia e da xenerosidade. O momento de que as forzas políticas e sociais galeguistas e progresistas que non partillan o relato dependentista do PPdeG deixen de ollar para cadanseu embigo e pensen nos intereses da cidadanía galega.

Madrid e o capitalismo de amiguetes

A centralización borbónica deulle a Madrid esa fasquía de pequena cidade burocrática e afastada de Europa, centro do sistema oligárquico-caciquil da Restauración que tan ben describiu Joaquín Costa. Unha oligarquía que moi axiña corrixiu o deseño competitivo e exportador dos primeiras propostas de ferrocarrís privados (velaí o Compostela-Carril) pola radialidade con centro en Madrid que define o mapa ferroviario español e o mapa das estradas impulsadas por Primo de Rivera.
O franquismo potenciou Madrid como praza financeira e centro económico. Mais o grande pulo foi o dos últimos corenta anos, coincidindo coa teórica descentralización do poder político. Defíníronse unhas prioridades infraestruturais (autovías e AVE radiais, nova terminal aeroportuaria que custou un billón de pts.), que non só potenciaron Madrid fronte aos eixos atlántico, cantábrico ou mediterráneo, senón que traballan para o grande lobby construtor-concesional.
O lobby da distribución eléctrica recada no seu favor dende un absurdo tarifario que penaliza ao conxunto da industria española e a Galicia como país produtor, mentres favorece aos grandes mercados do consumo doméstico que non producen enerxía, como Madrid. As sucesivas concentracións bancarias priorizan Madrid como praza financeira e vencellan irresolubelmente poder financeiro e poder político. O proceso de privatización das empresas públicas desenvolvido polos gobernos de González e Aznar concentran o IBEX 35 nos sectores regulados e extractivos que viven do BOE e non en empresas que compiten en libre concorrencia.
Este esquema transládase aos medios estatais, todos eles madrileños, que constrúen un discurso que identifica este Madrid do capitalismo de amiguetes coa unidade de España. Botín e Florentino Pérez frustran a operación para galeguizar o capital de Unión Fenosa (2006) e a grande distribución eléctrica presiona a Feijóo para arquivar un plan eólico que beneficiaba aos emprendedores galegos e ao desenvolvemento industrial do País (2009). E, coincidindo coa crise, a presión extractiva dos “lobbies” estatais intensificouse, mesmo concorrendo a actividades e contratacións que antes beneficiaban ás pemes galegas.
Madrid fagocitou Castela e vai camiño de facelo con Galicia.

Ten solución España?

Revélasenos agora que o goberno ZP-PSOE do 2011 quitou Panamá da listaxe de paraísos fiscais por mor de lle garantir ás construtoras do IBEX 35 a adxudicación das obras da Canle de Panamá. Calquera xerente ou directivo dunha mediana empresa galega contaralles o absoluto desleixo co que miran os servizos diplomático e consular españois os seus esforzos de internacionalización. En Madrid os nosos adoitan ser os do palco do Bernabeu. Non por acaso algúns condenaron Anxo Quintana aos leóns por tentar que a enerxía galega aproveitase á cidadanía e aos emprendedores deste País no canto de favoreceren ao capitalismo de amiguetes do IBEX 35 (agás algunha excepción e, moi nomeadamente, Inditex).
Visto o que vimos, miñas donas e meus señores, cómpre matinar un chisco sobre se a axenda social a executar, as medidas cidadás a desenvolver, poden ser enxergadas dende un Centro, Madrid, pexado cos vicios dun inxusto, ineficiente e atrasado sistema de apropiación, contrario ás máis elementais regras da libre concorrencia, ou dependerán, máis ben, dun proxecto nacional, semellante ao vasco, escocés ou islandés (con cadanseus 2,1 M, 5,1 M e 0,4 M de habitantes). Nós temos 2,7 M.
A cuestión non é nin ideolóxica, nin identitaria, nin esencialista. É, totalmente, pragmática e utilitarista. O Estado español está enfeudado nun capitalismo de amiguetes. A Coroa borbónica é a súa Axencia de Comunicación e o PP, PSOE e, agora, C’s, son os seus valedores partidarios. Cómpre que no que eles chaman periferias ou provincias vaiamos sendo quen a albiscalo.
Velaí que haberíamos entender a xeito os procesos que agachan conceptos como a “unidade do mercado” ou a “dimensión empresarial”. Trátase de que as empresas galegas non poidan gañar a cota de mercado mínima para sobreviviren na concorrencia internacional. Trátase de impor as mesmas regras en Getafe, Cartagena ou Betanzos.
Polo de agora é só unha intuición. Mais teño para min que o cambio político e social na España é ben díficil, con Podemos ou sen Podemos. E que si son posíbeis as fondas remudas no inmediato. Nos concellos, no Parlamento de Galicia e na Xunta, e de aí… para o Norte.

Non se pode vivir con medo

O antigo delegado da edición de Ourense dun xornal coruñés publicou unha “carta aberta a Anxo Quintana” que condensa os lugares comúns todos do obsesivo discurso que dende determinadas trincheiras manteñen fronte ao antigo vicepresidente da Xunta dende despois do verán do 2008.
A obsesión vén xa de vello. E a teima non é só persoal con Anxo Quintana -que tamén- senón con todo o que pertenza ao mundo do galeguismo moderno e capaz de artellar solucións prácticas para este País. Velaí a xenreira que destilou a respecto do manifesto a favor da reconexión coa sociedade, asinado o verán do 2011 -despois do 15-M- pola maioría dos alcaldes do BNG, moitos referenciados como quintanistas.
Anxo Quintana respondeu a carta manifestando que a clave desta xenreira e da insólita campaña de destrución persoal desenvolvida a primeiros do 2009 son as presións exercidas a respecto da adxudicación do concurso eólico, a fins do 2008. Naturalmente, ese relato pertence ao coñecemento do propio Quintana. O que eu lles podo dicir, dende a responsabilidade institucional que na altura exercía, é que encaixa milimetricamente con todos os acontecementos que puiden observar moi de preto ao longo das semanas seguintes, comezando pola estrañísima reacción (decembro do 2008) do representante da Consellería de Medio Ambiente, ordenada polo propio Pachi Vázquez, ao abandonar a comisión que tiña que propor a adxudicación do concurso eólico, sen que constase discrepancia ningunha, nin fáctica nin xurídica coa proposta da Consellaría de Industria. Cal foi a orixe desta orde de Pachi Vázquez?
Quintana, coma calquera, cometería erros políticos. Mais na campaña desenvolvida no 2008-2009 (e insolitamente reaxida agora, cando está fóra da politica activa) o detonante non foron aqueles. Foron os obxectivos serios e factíbeis do concurso eólico, que pretendían un substancial incremento da actividade industrial de Galicia e o empoderamento dos nosos emprendedores a respecto da dependencia co capitalismo español de amiguetes. Obxectivos que cumpría estragar.
Como di Quintana: “o medo a ser o obxecto da próxima cazaría afasta á xente da vida pública… Eu aprendín a lume que non se pode vivir con medo”. Pódese dicir máis alto, pero non máis claro.

A penalización da enerxía galega

A tarifa eléctrica única para todo o Estado é un despropósito. Territorios de alto consumo doméstico non produtores de enerxía, como Madrid, pagan menos ca Galicia, pois que aquí temos que aboar para máis un suplemento polo tributo autonómico que grava a enerxía eólica que producimos.
O sistema centralizado, en xeral, beneficia ás illas Canarias e Baleares, Ceuta, Melilla, ao carbón asturpalentinoleonés e ao grande consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid, penalizando ás grandes empresas industriais e aos consumidores domésticos, nomeadamente aos máis pobres e aos que tentan producir parte da enerxía que consumen. A tarifa única, por outra banda, aproveita a falla dunha política europea da enerxía para impor un trato de favor (nomeadamente apreciábel cos últimos ministros Sebastián-PSOE e Soria-PP) ao oligopolio das tres grandes distribuidoras-comercializadoras: Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa. As tres adoitan ser refuxio de antigos dirixentes socialistas e populares.
As sucesivas reformas da lexislación do sector eléctrico e do marco tarifario, canda o desestimento do concurso eólico do goberno de coalición BNG-PSOE imposto por Feijóo, liquidaron o eólico como sector estratéxico da economía galega e impediron que o noso capital autóctono adoptase posicións sólidas no ámbito da produción enerxética, mentres se reforzaba o predominio da distribución e do transporte. Para máis, a supresión das primas á ininterrumpibilidade puxo en perigo a continuidade empresarial de grandes consumidores industriais galegos, como Alcoa, mentres en Galicia a pobreza enerxética xa afecta milleiros.
Pagamos máis por producir enerxía, malia sufrirmos importantes custos ambientais. Galicia é a grande prexudicada da regulación enerxética. Porque, ademais de pagar máis caro, impedíusenos beneficiarmos do desenvolvemento empresarial do sector das renovábeis.
Velaí que a iniciativa lexislativa popular que vén de promover a CIG, a respecto da necesidade dunha tarifa eléctrica de noso, abra un dos principais debates do futuro económico de Galicia. Falemos, pois, de balanzas enerxéticas e sexamos conscientes dos nosos intereses, que só nós podemos visibilizar.

Crecemos moi cativamente

No 2014 Galicia foi o territorio do estado no que menos medrou o Produto Interior Bruto (PIB). Só un 0,5 por cento fronte ao 1,4% estatal, o 2,5% rioxano ou o 2,2 % estremeño ou canario. Para máis, a nosa desindustralización é evidente, cun peso dos servizos que acada xa o 60 por cento. E tamén é nidia a atonía no crédito.
Como vén de informar El Correo Gallego, Madrid, cun 18% do PIB estatal, supón o 26,5% de crédito, fronte ao noso país, que ten que financiar un 5,4% do PIB estatal con só o 3,16% do seu crédito, mentres os avais do IGAPE ás empresas, que terían de compensar parcialmente esta insuficiencia, se recortaron no 2014 un 60% a respecto do 2013.
O presidente Núñez Feijóo vén de dicir que esta cativeza no crecemento galego é allea á súa responsabilidade por depender de circunstancias esóxenas propias dos sectores naval, enerxético e da automoción. Mais esta suposta falla de responsabilidades non atura unha análise obxectiva. A atonía do sector enerxético atopa boa parte da súa razón de ser na derrogación da adxudicación eólica de 2008, que xa estaba en fase de implementación no verán do 2009. Perdéronse dous anos nun novo reparto eólico que foi xa imposíbel de instrumentar, por mor das novas restricións crediticias e de retribución. Galicia perdeu o liderado nun sector de futuro, non só no que atinxe á produción enerxética, senón ao mantemento dun sector industrial puxante que botamos a perder no novo escenario.
Canto ao naval, o Goberno galego non foi quen de facer realidade os seus insistentes anuncios de novas contratatacións e non explicou aínda o futuro dos supostos investimentos de PEMEX. Mentres tampouco foi quen de defender a xeito a capacidade técnica e produtiva do naval ferrolán fronte á xestión catastrófica dunha ineficiente e centralizada Navantia. De pouco valen os supostos Gobernos amigos se non somos quen de influír nas súas decisións.
As responsabilidades por omisión da Xunta na liquidación parcial do subsistema financeiro galego e na ausencia dunha política de reindustrialización tampouco son alleas a esta atonía económica. O crecemento esixe de proxectos e de financiamento e non casa coa perpetuación da austeridade.

Ao benestar polo autogoberno

As políticas da austeridade e e recortes da dereita europea non foron respostadas a xeito polos partidos socialdemócratas estatais. Velaí que o sistema que máis calidade de vida xerou na historia recente da humanidade fose recortado en grande medida sen que o centro-esquerda fose quen de propor con forza, no nível europeo, un discurso do crecemento e da cohesión social.
Porén, en varios territorios europeos os seus partidos nacionais ou nacionalistas foron quen de trascender, sen o esquecer, o discurso da identidade para se centrar no discurso da inclusión e do benestar. Deste xeito incorporaron ao proxecto nacional a sectores tradicionalmente menos abertos ao discurso identitario, para lle ofrecer á maioría social un relato de futuro, arredor da convivencia e do benestar
Esencial a este proxecto é garantir unha sanidade e servizos sociais de calidade e unha educación pública competitiva. E para isto as cuestións do financiamento público e da autonomía fiscal son esenciais, porque só decidindo sobre os vectores dos que depende a recadación é posíbel garantir os servizos públicos.
Mais tamén esta caste de proxectos de integración e futuro priorizan o control sobre os piares do desenvolvemento económico, tentando promover os sectores con máis capacidade tractora e vertebradora. E non precisamente a medio de empresas públicas, senón do fomento dun emprendemento empresarial nado do País, ao que estas políticas lle teñen que garantir a competitividade coa grande empresa vinculada aos Gobernos estatais. Velaí, como exemplo frustrado polo PP, o plan eólico que os nacionalistas Anxo Quintana e Fernando Blanco promoveron no pasado goberno de coalición.
Esta caste de proxectos foron desenvolvidos polos gobernos nacionalistas de Euskadi e Escocia. E na propia Catalunya o movemento cidadán independentista é interclasista e transversal e trascende con moito o discurso identitario.
Os proxectos nacionais, malia o seu carácter inequivocamente progresista e integrador, trascenden tamén ao xogo tradicional esquerda-dereita e serán unha das alternativas ao esfarelamento dos grandes partidos socialdemócratas europeos.