Un tribunal de parte

Puigdemont foi elixido deputado o 21-D e, xa que logo, pode legalmente ser candidato a presidir a Generalitat. O presidente do Parlament nomeouno atendendo a que os tres grupos soberanistas xuntan a maioría absoluta (70 sobre 135 deputados) e manifestaron a súa disposición para elixilo.
Os partidos unionistas non asumiron o resultado electoral e apoian o Goberno Rajoy na súa obsesión por evitar a investidura de Puigdemont. E velaí o despropósito de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra os actos da Presidencia do Parlament nomeándoo candidato e convocando para o martes 30 o pleno para o debate de investidura. Buscábase, a medio dunha fraude de lei, o efecto suspensivo que teñen todos os recursos do Goberno do Estado contra leis e disposicións autonómicas. Mais o Consello de Estado, máximo órgano xurídico-consultivo do Goberno central, ditaminou por unanimidade a improcedencia legal deste recurso. A tese central deste ditame é que non se pode recorrer o que aínda non sucedeu, doutrina establecida polo propio Tribunal Constitucional (TC) cando rexeitou o recurso do Goberno Aznar contra a aprobación polo Parlamento vasco da reforma do Estatuto coñecida como “Plan Ibarretxe”.
Os letrados do TC e o maxistrado relator concordaron co Consello de Estado na inadmisibilidade do recurso. Mais razóns políticas e non xurídicas levaron ao Pleno do TC a descoñecer a súa propia doutrina, adiar a decisión sobre a admisión a trámite e adoptar sen escoitar ao Parlament medidas cautelarísimas que ninguén pediu, polas que se prohíbe o voto delegado dos deputados exiliados e o debate en ausencia física de Puigdemont, que poderá comparecer só se é autorizado para o efecto polo maxistrado instrutor do Tribunal Supremo.
O TC adoptou unha decisión parcial e política, no canto de xurídica. A prestixiosa axencia Eurointelligence nos fala do paradoxo de destruír a Constitución para salvala. O profesor Carlos Amoedo (UDC) fala de “decisionismo schmittiano” pondo o foco na aprobación polo TC de medidas propias dun estado de excepción non declarado. E o avogado catalán Andreu Van der Eyden propón con evidente retranca que “quiten xa o Dereito Constitucional dos plans de estudo e así imos todos ao bar”.
Concordo co profesor Amoedo. Veñen malos tempos para o Estado de Dereito.

Urkullu e o dereito a decidir

As recentes declaracións do lehendakari Urkullu cuestionando a viabilidade da independencia de Euskadi (tendo en conta a interdependencia coa que vivimos na Unión Europea) xeraron certa polémica, polo que tiñan de manifestar unha certa renuncia aos obxectivos históricos dun importante sector do PNV, partillado dende outros sectores do nacionalismo vasco.
En realidade Urkullu veu propoñer un pacto bilateral co Estado, na liña do pacto coa Coroa que defendían Arzalluz ou Anasagasti ou do proxecto de Estatuto vasco contido no Plan Ibarretxe. O PNV quere estabilizar o sistema financeiro de cupo, que lle recoñece a plena autonomía fiscal e obter as demais transferencias (sistema penitenciario, réxime da Seguridade Social, plena representación na Europa, seleccións deportivas que compitan coas demais nacións) que lle dean a Euskadi a funcionalidade e fasquía dun Estado libre asociado, vencellado confederalmente ao Estado e á Unión Europea.
Velaí como a proposta de Urkullu non está tan -nin moito menos- afastada dos obxectivos do independentismo catalán e, máis aínda, constituiría unha boa solución que permita coexistir a soberanía de Catalunya, Euskadi ou Galicia coa súa participación confederal nun Estado plurinacional e na propia Unión Europea.
Porén, o problema para esta convivencia plurinacional está na mentalidade recentralizadora e mesmo extractiva das elites financeira, mediática e política españolas e o seu vencellamento a un capitalismo de amigotes e BOE incompatíbel co autogoberno integral das nacións sen Estado. Nacionalidades hoxe subordinadas ao inmobilismo dunha Constitución que evoluíu nun sentido moi restritivo pola interpretación recentralizadora do Tribunal Constitucional e dos dous piares do bipartidismo dinástico.
Este relato da plurinacionalidade española e do dereito a decidir require de aliados políticos e sociais no resto do Estado, require de cidadanía española que entenda os dereitos nacionais de Galicia ou Catalunya. Velaí a importancia da evolución de Podemos neste ámbito e, tamén, da evolución dos propios PSC, PSdeG ou PSE, nun tempo no que parte do centroesquerda estatal comeza xa a se decatar que o relato recentralizador e unionista que lle mercaron ao PP non lles permitirá nunca achegarse á realidade plural do Estado español.