Galicia e a reforma constitucional

A crise política xerada pola cuestión catalá saldouse cun certo reactivamento do nacionalismo español, que arela consolidar un proceso de recentralización que vén de lonxe para converter o autogoberno en mera descentralización administrativa e garantir a total supremacía das elites financeiras e mediáticas de Madrid e dos grandes lobbies estatais da distribución enerxética e das actividades concesionais e de grandes construcións.
Este reactivamento e máis a transformación de Núñez Feijóo no candidato á sucesión de Rajoy preferido por estes sectores está a lle dar azos á explicación dos problemas e intereses galegos en clave dependentista. Segundo estas teses unionistas cómpre que Galicia loite por máis España para garantirmos a solidariedade do Estado, xa que non somos quen de nos valer por nós propios.
O argumento é claramente falso, porque o que a Galicia lle cómpre non é máis España, senón máis Galicia, menos España e máis Europa. Porque se Catalunya e Andalucía poden xogar coa súa forza poboacional ou por PIB, nós só achegamos o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da súa poboación. Ademais, os nosos alicerces económicos, os nosos intereses, non son relevantes para o Estado, senón prescindíbeis. Velaí que a nosa única ferramenta de benestar sexa un autogoberno ampliado, blindado e ben financiado.
Euskadi e Navarra, con cadanseu financiamento foral, poden preferir non abrir un proceso de reforma constitucional en clave de federalización real e asimétrica, mais Galicia só conta con esta vía para ter opcións cara á súa estabilidade e benestar social e económico. Porque esa reforma habería garantir ferramentas competenciais fundamentais para o benestar, como a xestión da AP-9 e de todos os portos, aeroportos, estradas e ferrocarrís, as competencias exclusivas en réxime local (para poder suprimirmos as custosas e innecesarias Deputacións) ou a blindaxe competencial a prol da Xunta nas áreas esenciais das políticas enerxética, industrial, agraria e social. Canda esta blindaxe competencial, precisamos un financiamento acaído, baseado na autoxestión de todos os tributos. Cumpriría que o tecido empresarial, universitario e social asumise esta necesidade e prepararmos en serio para o proceso de reforma que ha vir máis tarde ou máis cedo.

Autoestrada colonial

A AP-9 é o principal eixo de comunicación viaria deste país, vertebrando a Galicia atlántica na que viven case dous millóns de galegos. A AP-9 obríganos a pagar 30 € por viaxar entre as dúas cidades galegas máis poboadas, porque non temos unha vía alternativa de balde practicábel de feito. Velaí a importancia de que Galicia goberne a súa autoestrada.
O Estado quere reter a autoestrada porque non está disposto a que sexamos os galegos quen vixiemos a xestión do concesionario. Porque a autoestrada é un bo negocio para o concesionario e para o Estado, dende a lóxica extractiva do Madrid político. Unha lóxica extractiva presente tamén na blindaxe a prol do Estado da xestión dos portos e aeroportos ou na imposición no noso prexuízo dunha única tarifa eléctrica para todo o Estado. Trátase de que o autogoberno galego non sexa, no ámbito mínimo preciso para chamarlle deste xeito, nin continuo nin eficaz ao non poder usar destas infraestruturas e desta tarifa eléctrica para construír unha política económica autónoma, atraendo investimentos e xerando PIB e benestar. Trátase de orientar os nosos recursos a prol dos intereses do capitalismo de amiguetes do BOE e non a prol do noso desenvolvemento e benestar.
Velaí a lóxica coa que se achega, sen complexos, o ministro de Fomento a Galicia para rexeitar o traspaso dun instrumento tan importante para a nosa calidade de vida. Mais o verdadeiramente grave é a actitude do presidente Núñez Feijóo, asumindo a bondade dos argumentos do Estado, mesmo asumindo o discurso recentralizador deste a xeito de argumentario, na mellor tradición dos gobernantes colonizados. E arquivando “sine die” a demanda expresada por dúas veces pola unanimidade do Parlamento de Galicia, en clara sintonía coa inquedanza da amplísima maioría social.
Porque se grave é que o Presidente nos queira confundir coa súa post-verdade, culpando ao pasado Bipartito do que non é senón consecuencia da cacicada de Aznar –que prorrogou a concesión da autoestrada até 2048– máis grave é decatarmos que el e máis o PPdeG todo convertéronse en mandadiños peóns dos intereses extractivos e coloniais do PP estatal, rachando de vez o mito da influencia na Corte do PPdeG e do propio Feijóo.

Día da Patria, Día de Galicia

Somos persoas cidadás do mundo. Mais facemos parte dunha identidade nacional, dun país, dunha patria… O patriotismo non bate co universalismo, para sermos persoas precisamos raíces, para pensarmos en global precisamos actuar localmente. O agarimo polo propio, o respecto e adhesión á propia identidade é un fenómeno san e común na nosa contorna. Himno, bandeira e día nacional son constantes nas celebracións patrióticas doutros países. Se os USA celebran o 4 de xullo e os franceses o 14, máis xustificado estará que celebremos o noso Día Nacional ou da Patria o 25. Negaron a nosa identidade nacional durante séculos e, xa que logo, haberíamos visibilizar moito máis os nosos sinais de identidade.
Mais cómpre termos en conta que a meirande parte da poboación non adhire estas celebracións identitarias, o que non quita que moitos teñan Galicia como o seu referente, malia que non partillen unha definición galeguista. Velaí que o proxecto nacional galego teña de propor á cidadanía un patriotismo moito máis cívico ca identitario, moito máis republicano ca esencialista. O proxecto nacional, o proxecto galeguista, ha seducir demostrando na práctica que sabe xerar benestar para a xente, que o autogoberno é a fonte das solucións e que dependermos do Estado e da súa falsa solidariedade é o camiño cara á pobreza e a irrelevancia.
Porque Galicia, como pequeno país europeo de menos de tres millóns de habitantes (5% do PIB estatal, 5,4% da poboación do Estado) asenta a súa economía nuns alicerces que son para o Estado prescindíbeis. Isto quere dicir que para o noso benestar precisamos gobernarmos. Moito máis ca Catalunya ou Euskadi, que inflúen máis na economía española.
Que autogoberno precisamos? Independencia, cosoberanía, ampliación estatutaria…? Non é doado respostar esta pregunta. Mais si cómpre apuntar que o noso benestar precisa que as nosas institucións de autogoberno teñan verdadeiros poderes que hoxe non teñen, como fixar os contidos educativos, lexislar a administración local, resgatar ou fixar as peaxes da AP-9, xestionar os nosos portos e aeroportos e recadar os impostos.
Mentres, o Estado español semella tender máis a recentralizar as poucas competencias que o Poder Galego ten antes que redeseñar o Estado a xeito plurinacional e en rede, como esixe a evolución dos tempos.

A culpa é do Bipartito

A hemeroteca é teimuda. Cun só click somos quen de lembrar as culpas que Feijóo e outros altos cargos do seu Goberno lle foron botando ao Bipartito en relación coa emisión de preferentes polas Caixas, a creba das propias Caixas, os recortes sociais, a privatización na xestión do novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e mesmo a diminución cuantitativa dos galegofalantes! Se alguén dubida que o comprobe vía google e verá que nin minto nin esaxero.
O noso Presidente ten unha grande capacidade para lle botar a culpa aos demais. E, malia que aínda use nalgunha ocasión illada da apelación aos males do Bipartito, agora os principais destinatarios son os partidos da oposición, nomeadamente o BNG e ese ente, seica misterioso e sempre maléfico, ao que bautizou como “as Mareas de Podemos”. Noutras ocasións os destinatarios son colectivos concretos: médicos, funcionarios, mariscadores, concellos ou agricultores da pataca. Quer por problemas competenciais, quer por insuficiencia de cartos, a culpa sempre é dos demais, incluídos moitas veces os propios cidadáns. “Eu non teño, eu non podo, non é cousa miña…”.
Iso si, sempre hai tempo para as cousas verdadeiramente importantes: andar polas radios e TV de Madrid pregoando as excelencias do unionismo e amañar os problemas doutrinais e organizativos do PP estatal. A ofensiva mediática a respecto do novo Goberno estatal e o propio Congreso do PP proxectounos a idea dun Feijóo omnipresente e influínte, marcando a axenda do PP e do Goberno estatais.
Mais a propaganda non habería agachar a realidade. Non hai prazos para o AVE, fronte aos sucesivos Ministros de Fomento que insultaron a nosa intelixencia. Os nosos portos perden os fondos europeos para conectalos ferroviariamente por Europa porque Fomento aposta polo eixo de mercadorías Porto-Lisboa- Castela León-Euskadi-Francia. No financiamento local perdemos 500 M€/ano (182 €/galego) sobre o que nos cómpre por poboación. Pagamos máis pola enerxía que producimos con alto custo ambiental e Fomento –outra vez Fomento– despreza a unánime reivindicación nacional a prol da transferencia da autoestrada AP-9, que é o eixo vertebrador para o 70 % da nosa poboación.
É moito pedir un Goberno que mire polo País no canto de lle botar a culpa aos demais?

Mirar polo noso

Galicia non ten gobernos amigos nin inimigos. Ten intereses. E estes nunca tan pouco pesaron na toma de decisións do Estado. Malia que nas pasadas eleccións nacionais o PP de Feijóo validase a súa maioría absoluta con máis do 47% dos votos. Un resultado inédito na actual conxuntura política estatal.
Somos só o 5,5 % do PIB estatal e o 6 % da súa poboación. Ao non ter número haberíamos potenciar a nosa identidade, a nosa diferenza, constituír nós mesmos un problema para España digno de atender e resolver. Mais Feijóo dedícase a facer oposición da oposición dentro e a compracer aos medios e opinadores estatais coa súa retórica unionista que tanto dano nos fai.
Velaí o caso do noso espolio enerxético. Despois de atender o noso consumo exportamos o 38 % da enerxía que producimos con tantos sacrificios económicos e ambientais. Mais non podemos usar dese excedente para atraer investimentos industriais potentes, porque a tarifa única nos obriga a pagar o mesmo ca o resto dos consumidores do Estado. E, para máis, temos 5,4 veces máis cortes de luz ca en Madrid porque o estado das nosas redes e a atención do seu mantemento é o peor do Estado. Pois ben, para o presidente Feijóo non podemos esixir o dereito a decidir sobre a tarifa eléctrica e sobre ese excedente que podería darlle tanto pulo industrial á nosa economía. Non podemos porque, como dixo este día “ninguén na España entendería unha tarifa eléctrica galega distinta”.
Se falamos de mobilidade vemos como a conexión entre as áreas urbanas que abranguen o 60% da poboación deste país (a AP-9) grava con cadanseus 30 € e 36 € de peaxe as viaxes entre A Coruña e Ferrol con Vigo, mentres a conexión entre as capitais castelás e andaluzas é de balde. Case o 30 % das multas do Estado caénlle aos condutores galegos, porque temos a poboación máis espallada e a menor cobertura de transporte público ferroviario.
Os nosos portos son estratéxicos entre Norteamérica, a canle de Panamá e o Norte de Europa. Mais esta conexión non dá rendemento, porque Madrid xestiona os nosos portos en beneficio do Mediterráneo e de Alxeciras e pola ausencia de axeitadas comunicacións ferroviarias entre os portos e Europa, vía eixo cantábrico.
Puxemos a Feijóo para mirar polo noso. E mira polo de outros.

As infraestruturas que precisa Galicia

Os dados do crecemento do PIB galego no terceiro trimestre do 2016 amosan dúas compoñentes esenciais: Galicia exporta máis mercadorías ca España (nomeadamente por mor de Citroën, Inditex e os tecidos empresariais xurdidos arredor das mesmas) e o substancial incremento dos ingresos por turismo. Como país exportador, como país turístico (ben que cun modelo que ten que ser alternativo do masificado de sol e praia), Galicia necesita xestionar con plena independencia os seus portos e aeroportos, hoxe mal dirixidos polo Goberno do Estado baseándose nese título xurídico, propio da lei do funil, que lle chaman o “interese xeral”. Un interese que nunca coincide co interese galego, ao mellor por sermos só o 6% do PIB estatal e o 5,5% da súa poboación.
E, precisamente por sermos un país exportador, para Galicia é prioritario o tren de mercadorías. O eixo ferroviario cantábrico, que comunique os nosos portos coa Europa transpirenaica, é a aposta estratéxica deste país. Somos a escala natural entre a Canle de Panamá, os portos americanos e os da Europa do Norte e temos unhas infraestruturas portuarias modernas. Só precisamos xestión autónoma e profesional e conexión ferroviaria.
Isto non quere dicir que o eixo atlántico e a conexión ferroviaria con Madrid non sexan tamén importantes. Mais o AVE deseñouse só como AVE de pasaxeiros, sen que poida axudar á exportación das nosas mercadorías ao Centro, Sur e Leste da Península Ibérica.
Axuda, pola contra, á exportación de servizos de Madrid, propios da recentralización financeira, publicitaria e da consultoría.
E temos, tamén, o ten de proximidade, que é a principal prioridade. O 75% dos desprazamentos dende ou a Galicia son desprazamentos internos. A Xunta habería de lle esixir ao Goberno do Estado, a carón da transferencia da AP-9, a transferencia igual de fulcral do servizo ferroviario rexional e de media distancia.
Non trabuquemos, pois, as prioridades, Porque somos centrais ollándonos dende o mundo e periféricos se nos ollamos só dende Madrid. A radialidade das comunicacións ibéricas só beneficia á recentralización económica a prol dun MegaMadrid que xa enguliu a Meseta toda e vai camiño de nos engulir ao resto.

Unha Galicia menos dependente

Das eleccións nacionais do 25 de setembro sairá un novo Goberno, que habería enfrontar a alarmante falla de proxección exterior de Galicia (a eito denunciada polos que máis saben neste país disto, que son Xulio Ríos e a súa equipa de analistas e investigadores do IGADI) e un exceso de dependencia a respecto da cosmovisión madrileña, que acentúa o efecto periferia, cando Galicia é absolutamente central no mapa das grandes rotas marítimas entre a Europa Occidental e a Canle de Panamá.
Claro que para tirarlle proveito a esa centralidade compre que Galicia asuma competencias exclusivas sobre os seus portos. E se non se acadan as necesarias reformas constitucionais e/ou estatutarias cómpre coller estas competencias vía lei orgánica de transferencia, ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución. Porque para Galicia é fulcral organizar a súa rede portuaria con plena autonomía. Entre outras cousas para fusionar as Autoridades Portuarias da Coruña e Ferrol e converter este país en ponte entre Londres-Antuerpe-Rotterdam e a canle de Panamá. É unha prioridade galega. Non é unha prioridade española.
Outra transferencia inmediata que hai que quitar, si ou si, é a dos aeroportos, para poder xestionar unha rede aeroportuaria que garanta a nosa interconectividade con Europa potenciando negocios e turismo. O centralismo de AENA é estéril, abafante e prexudicial para este país. Os aeroportos galegos han ser complementarios entre eles, malia que haberían manter cadansúa autonomía de xestión, quizais asumindo fórmulas consorciadas de xestión.
Na política exterior hai que tomar a serio a Unión Europea e manter unha potente Oficina en Bruxelas ao xeito vasco ou bávaro, que constitúa de feito unha Representación Permanente, porque alí adóptanse as decisións principais das nosas vidas. E desenvolver unha activa promoción exterior, nomeadamente nos eixos da lusofonía, da Europa atlántica (velaí os vencellos cos países celtas) e da América hispana, pondo en valor a nosa mesta rede de Centros Galegos.
Nun mundo interdependente Galicia precisa estar no mundo para acadar máis benestar. Precisa desenvolver unha política exterior potente e depender menos, política e mentalmente, de Madrid.

En Marea e os intereses de Galicia

Concordo coa idea de que Galicia habería ollar moito menos cara Madrid e moito máis cara á Europa e América. Somos periféricos a respecto de Madrid, sendo centrais a respecto do eixo Rotterdam/Antuerpe/Londres-Canle de Panamá. Desgrazadamente, desfrutamos dun autogoberno moi limitado e dependemos de moitas decisións do Goberno do estado. Velaí que teñamos que seguir a ollar cara aló, polo menos para algunhas solucións.
Non é imposíbel que Sánchez (PSOE) forme un goberno de tendencia progresista con Pablo Iglesias (Podemos) de vicepresidente e acade maioría simple na segunda votación de investidura. Este Goberno tería bloqueada a reforma constitucional, pois que o PP conserva a maioría absoluta do Senado e con C´s sobarda os 2/5 do Congreso. Con todo, tería capacidade para votar leis, mesmo leis orgánicas, se é quen de pactar cos 17 deputados independentistas de Democràcia i Llibertat e ERC.
Quere isto dicir que este Goberno, como todos os que dependen da negociación e do compromiso, podería ser unha oportunidade para lle dar pulo a determinados intereses galegos. Comezando pola transferencia do 5,5% dos fondos destinados ao financiamento local que nos corresponden por poboación, para obter os 500 M€ que o Goberno español nos substrae todos os anos. Seguindo por un novo sistema de financiamento autonómico que avalíe a xeito as variantes do avellentamento e o espallamento poboacionais e compense os case 1460 M€/ano de desequilibrio en contra nosa da balanza fiscal entre o que Madrid recada en impostos e o que invisten as Administracións Públicas en servizos.
Continuando pola implementación dunha tarifa eléctrica de noso e a transferencia de todas as competencias estatais en réxime local, educación, portos e aeroportos de interese xeral, salvamento marítimo e outras. Ou polo axeitado financiamento da parte estatal que lle cómpre na atención aos nosos dependentes, nunca cuberta.
Velaí a importancia que ten que En Marea sexa quen de actuar de xeito independente, mantendo a súa personalidade política e axenda. Porque en política (tamén na nova política) non hai amigos. Hai intereses e, xa que logo, hai ou pode haber socios.

Captarmos o investimento exterior

Galicia supón moi pouco para o conxunto do Estado, tanto en termos de PIB como en poboación. Quere dicir isto que a nosa forza é a diferenza, a identidade, unha Marca propria. Mellor sermos país de noso ca provincia.
Xa que logo, precisamos un proxecto económico proprio. Oportunidades económicas tan nidias como a potenciación dos nosos portos no eixo Panamá-Antuerpe-Rotterdam ou o noso sector enerxético, que foi número un no eólico e que no futuro, se houber ideas claras no Goberno galego, podería facer moito independizado mentalmente da famosa teoría do cerebro madrileño que todo o sabe e todo o pensa.
Para alén diso, temos unha demografía catastrófica e semella que calquera Goberno que mereza o nome de autónomo ou galego vai tentar revertela. Mais iso non abonda no curto prazo. Cómpre, xa, xerar emprego de calidade. E isto esixe unha aposta moi potente pola empresa galega. Galicia habería ser o país da Europa no que máis doado fose crear unha empresa, dixemos aquí hai pouco. Maticemos. Sempre no marco da legalidade laboral, fiscal e ambiental. E aí a función dos concellos será fundamental, pondo medios e recursos para o emprendemento local.
Mais nesa batalla do curto prazo, semella imprescindíbel a captación do investimento exterior. Galicia arestora é anecdótica nesta captación, agás operacións puntuais. Mais temos diante nosa grandes ferramentas ao noso favor, como nos relata o economista galego Vicente Martín Egaña. “Escolas de enxeñería industrial, civil, naval e de teleco punteiras, xente nova ben formada, con coñecemento de idiomas e que hai que traer canto antes da emigración, unhas infraestruturas viarias razoábeis”. A estas vantaxes cumpriría engadirlles a oferta razoábel de solo industrial e as canles variadas (lusofonía, ibeoramericana, europea) de potenciar a Marca Galicia.
Pero para todo isto cómpre que o noso Goberno e a nosa sociedade acreditemos en nós propios. E que non nos deixemos ir polo que outros fagan ou -máis ben- deixen de facer.

Morreu Juan Ramón Díaz
Vén de morrer Juan Ramón Díaz, vicepresidente da editora dos xornais El Ideal Gallego, Diarios de Arousa, Bergantiños e Ferrol e do deportivo DXT. Juan Ramón é xa parte da historia do xornalismo galego. Fica na lembranza a súa capacidade de construír proxectos e de facer equipas. Tamén a súa grande habilidade para radiografar problemas e diagnosticar solucións. Morreu, sen dúbida, un dos grandes.

Autogoberno e portos de interese xeral

A peculiar xeografía de Galicia fai nomeadamente estratéxica a achega dos seus portos, tanto á vertebración da súa actividade económica como á construción do seu espazo. A transferencia dos portos de interese xeral ao elenco das competencias da Xunta de Galicia constitúe unha ferramenta esencial para implementar políticas de crecemento eficaces que sexan quén de reverter a dinámica de desertización económica e xeración de desemprego que estamos a vivir dende hai máis de tres anos.
A vocación portuaria de Galicia é xeralmente recoñecida. Porén, a xestión estatal dos portos de interese xeral (Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Vilagarcía, Marín e Vigo) segue a mancar esta vocación e ameaza con facermos perder a privilexiada opción que se abre para este país coa apertura da nova canle de Panamá, cara o 2015. Porque este fenómeno vai incrementar de xeito exponencial os tráficos marítimos da América coa Europa e os portos galegos poden constituir o grande “hub” portuario entre ambos os dous continentes. Precisamos unha conexión axeitada da rede ferroviaria cos nosos Portos. E unha plena integración das dársenas exteriores de Ferrol e A Coruña baixo a mesma Autoridade Portuaria, que habería integrar tamén os portos autonómicos de Sada e Mugardos.
Galicia (como xa apuntou, na altura, o conselleiro Cuíña no 1996) precisa que os seus portos constitúan un sistema integrado baixo a autoridade orgánica da Xunta de Galicia. Sen prexuízo da súa autonomía e da asociación dos axentes sociais e empresariais á planificación e xestión portuarias, a superior autoridade do Goberno galego -canto á coordinación de tarifas e cadansúas especializacións- semella unha esixencia de sentido común.
Porque o actual modelo de xestión mixta (a Xunta nomea aos xestores e Madrid determina a xestión) é unha vía segura cara ao fracaso. Xa que logo, reintegrarmos os portos de interese xeral no autogoberno galego constitúe a primeira condición para a xeración de emprego de calidade e de actividade económica multiplicativa a partires da xestión futura dos nosos portos.