Rajoy apela ao medo

Rajoy está a usar o Fiscal Xeral do Estado (nomeado polo Goberno central e recusado pola maioría absoluta do Congreso) para impedir o referéndum catalán do 1-O. Os primeiros intres desta campaña amosaron escenas propias do camarote dos irmáns Marx, coas forzas policiais na percura de papeletas ou de urnas por Catalunya adiante. Mais axiña Maza demostrou que o seu obxectivo era sementar o medo en todos os políticos e funcionarios e mesmo nos voluntarios que participarían no proceso electoral convocado pola Generalitat.
Deste xeito, chamou declarar como investigados perante cadansúas Fiscalías Provinciais catalás aos máis de 700 alcaldes (case o 80% dos de Catalunya) que apoian o referéndum. Tamén obtivo medidas cautelares para prohibir actos pro referéndum dentro e fóra de Catalunya e para intervir material de propaganda. O seguinte paso deuno o Consello de Ministros coa suspensión pola vía de feito da autonomía financeira catalá recoñecida no Estatut vixente.
Esta enxurrada de actuacións xeraron unha xeira de fotos de moi mala presentabilidade internacional. Á sona exterior de tolerancia coa corrupción do Goberno do PP engádese agora a restrición de facto das liberdades de expresión e manifestación, e non só na Catalunya. Velaí a remuda cualitativa das manifestacións do presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker. Malia que manteña as formas apelando á necesidade dun referéndum concertado, advertiu que recoñecería o seu resultado, nunha clarísima chamada á política que non fai o PP.
Mais a Rajoy desenvolver esta antipolítica de pao e denuncia non lle causa dano electoral. Outra cousa son os danos irreparábeis que poden xerar na relación entre Catalunya e España e mesmo na propia convivencia democrática entre españois. Deste xeito, Pedro Sánchez haberá decidir o 2-O se permite que siga esta perigosa deriva antidemocrática ou opta por lle sinalar a Rajoy o camiño da súa casa.

A arrincadeira. Morreu Bautista Álvarez
Bautista Álvarez encarna o sacrificio patriótico dunha xeración que defendeu o dereito á autodeterminación e a ruptura democrática fronte á reforma e á limitada autonomía da transición. Xusto é que o país lle recoñeza o seu grande traballo, mesmo os que sempre mantivemos fondas diferenzas a respecto das súas coordenadas ideolóxicas e do seu xeito de comunicar.

O exemplo de Compromís

Compromís é a terceira forza política do País Valencià, a moi pouca distancia do Partido Socialista, co que forma Goberno dende 2015, despois de 20 anos de maioría absoluta do PP. Quitou entón 19 sobre o total de 99 deputados nas Corts Valencianes. Resultado que lle valeu a presidencia destas Corts (que ocupa Enric Morera), a vicepresidencia da Generalitat (Mónica Oltra) e catro das oito consellerías do Govern. Canda estas autonómicas celebráronse as locais nas que quitou 722 concelleiros e 84 alcaldías, entre elas a da grande cidade de València (Joan Ribó).
A coalición naceu no 2010, fundada pola federación nacionalista Bloc Nacionalista Valencià (Bloc), Iniciativa del Poble Valencià (IPV, forza ecosocialista e valencianista que se escindiu da IU polo seu centralismo e suxeición ao PCE) e os verdes, hoxe integrantes da organización valenciana de Equo. A proposta nacía baixo os principios de valencianismo (organización soberana con decisión única no País Valencià), progresismo non dogmático e ecoloxismo, principios que constituían o mínimo común denominador dos coaligados. O nacionalismo valenciano superaba deste xeito o esencialismo, abríndose a sectores que funcionaban en clave federalista, malia que o principio de autoorganización se asumía tamén por estes sectores como irrenunciábel.
A fins do 2015 o Bloc dubidou en se integrar nunha coalición electoral con Podemos para as estatais, pero IPV e os adheridos non pertencentes a os partidos fundadores pularon por esta coalición, reeditada en xuño de 2016. Mais nas dúas ocasións, o rexeitamento da Mesa do Congreso á coalición valenciana determinou que os deputados de Podemos accedesen ao confederal Unidos Podemos-En Marea-En Comú Podem, mentres que os catro deputados de Compromìs se integraban no Grupo Mixto como subgrupo, atopando unha fórmula que posibilitou que o País Valencià fixese audíbel a voz que hoxe non se escoita (ou, polo menos non abondo) a respecto de Galicia.
O éxito electoral chegoulle a Compromís despois de cinco anos de traballo aquelado. É evidente que a crise do PP nas eleccións do 2015 serviulle de panca de lanzamento. Mais en grande parte o seu éxito débese ao seu estilo dialogante, e inclusivo, pendentes moito máis dos intereses da sociedade valenciana ca dos seus dogmatismos e diferenzas internas.

Angrois: haberá investigación independente

Catro anos da catástrofe de Angrois, semella que teremos unha investigación independente, no canto da parcial investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, sometido ao control político da ex ministra Ana Pastor. A nova dirección do PSOE vén de pedir no Congreso unha comisión independente para a pescuda do sinistro, rachando deste xeito o pacto de ferro que até de agora mantiña co PP para pechar en falso o caso Alvia, nunha clara defensa da xestión do antigo ministro José Blanco. Un ministro que inaugurou a liña Ourense-Santiago de Compostela en decembro do 2011, sen unha avaliación integral da mesma, das modificacións do proxecto e, nomeadamente, da condicións de seguranza da bifurcación d’A Grandeira, en clara vulneración da Directiva Marco de Seguranza Ferroviaria do 2004, como acreditou hai un ano xusto a Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
Este pacto de ferro impediu até de agora unha investigación parlamentaria e administrativa independente e puxo moitas chatas nas pescudas xudiciais. Velaí os atrancos da Vicepresidencia á continuidade dos peritos, nomeados polo xuíz Aláez, Hugo Ramos e Alfredo Matesanz, substituídos por dous funcionarios da Xunta sen experiencia ferroviaria. En outubro do 2015 o xuíz Lago Louro, novo titular da investigación xudicial, rexeitaba novas dilixencias de proba e máis a imputación doutros terceiros alleos ao maquinista. Semellaba, pois, pechada a vía ao coñecemento da verdade.
Mais a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que a Comisión Europea e a ERA escoitasen aos representantes das vítimas, mentres os avogados destas recorrían a decisión xudicial acadando da Audiencia compostelá a reapertura da investigación xudicial en maio de 2016. Dous meses despois a ERA, a instancias de Ana Miranda, descualificaba a investigación da española CIAF por parcial e incompleta e ratificaba a gravísima infracción cometida por España. Mais o pacto de ferro PP-PSOE impedían as investigacións parlamentarias en Compostela e Madrid.
Agora ergueuse o pano no Congreso. Teremos, pois, unha investigación independente. O PP fica só na defensa da escuridade.

Os sumidoiros do estado

Téñome por persoa de lei. Ou, como diría a finada da miña aboa Antonia, por un home de orde. Velaí que cando foi o 11-M, no xa lonxano 2004, acreditase no relato do Ministro do Interior polo menos durante as primeiras tres ou catro horas, até que ben clariño ficou que mentía. Como mentira o seu Goberno todo poucos meses antes, canda a catástrofe (ambiental e democrática) do Prestige. Dende entón sigo a defender aos funcionarios policiais, mais desconfío sempre dos seus mandos políticos, quer Ministros do Interior, Directores Xerais da Policía e Garda Civil, quer Delegados do Goberno ou determinados Comisarios Xerais pata negra, que cren só responder perante o seu Ministro e a Historia.
Existen xa probas de cargo abondas que demostran a conspiración delictiva, cando non a autonomía de actuación á marxe de calquera control democrático, de enteiras unidades policiais. A chamada Policía Política ou Policía Patriótica, creada polo anterior Ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, semella xa unha realidade acreditada. Unha Policía usada fraudulentamente para combater o independentismo catalán -pacífico, cómpre non esquecelo-. Arrepiamos coas gravacións onde o Ministro animaba ao Xefe da oficina Anti-fraude catalá para espiar parentes de Francesc Homs, Artur Mas ou Oriol Junqueras, prometéndolle apoio aberto dende a Fiscalía e gabándose ambos os dous de terlles “desfeito a sanidade catalá”.
Que dicir do comisario Villarejo, sospeitoso de ferir a coitelo a unha doutora supostamente acosada polo Presidente de Ferroglobe, Javier López Madrid e de usar os medios da Administración en beneficio da súa axencia de información? Ou das interferencias a respecto das pescudas policiais sobre o duplex do ex presidente madrileño, Ignacio González, na Costa do Sol? Ou do absoluto ridículo de lle atribuir ao entón alcalde barcelonés, Xavier Trias, a titularidade dunha conta falsa en Suiza?
Pois ben, até de agora só o Parlament catalán abriu unha pescuda oficial sobre estes feitos delictivos, mentres que PP, C’s e, até de agora, o PSOE (boa oportunidade para que Pedro Sánchez amose a remuda de paradigma) bloquearon até de agora calquera investigación a serio dende o Congreso dos Deputados.
Nunha democracia só nos poden investigar por orde xudicial. O outro chámase Estado policial ou Estado autoritario.

Abran as fiestras

O resultado das primarias do PSOE condicionou en certa medida a oportunidade da moción de censura de Unidos Podemos, En Comú Podem e En Marea. O trunfo indiscutíbel de Pedro Sánchez nas primarias socialistas, baseado na vontade da maioría da afiliación socialista de decidiren sen a intermediación dos baróns e das portas xiratorias e de expresaren a súa oposición á continuidade do Goberno do PP, outorgoulle ao PSOE a primacía “inter pares” da alternativa ao Goberno do PP. Seica os novos dirixentes do PSOE non queren saber de mocións de censura no curto prazo, mais o voto pro Sánchez das primarias sitúa esa moción na cerne do contrato. E incumprir o contrato coas súas bases tiraríalle toda a lexitimidade ao líder socialista.
O Goberno alternativo ao PP é preciso por razóns de política social, para cobrirmos a xeito os servizos públicos, darlle pulo ao diálogo social e equilibrar a política económica en termos que sexan quen de garantir a inclusión e cohesión sociais. Mais, por riba de todo, é preciso por razóns de hixiene democrática. Cómpre botar democraticamente un PP enchoupado na corrupción que, ademais, desenvolve unha política dirixida a bloquear a maioría parlamentaria da oposición e a construír un búnker legal que o garde das pescudas e decisións xudiciais contra as súas prácticas corruptas.
Mais o C´s de Albert Rivera non conta para esta andaina, porque o seu é blindar e desodorar o Goberno popular. Con quen teñen que contar Pedro Sánchez e Pablo Iglesias e con todas as forzas territoriais a quen se lles haberían propor un marco xurídico-político que poida conciliar a España plurinacional co dereito a decidir das súas distintas nacións, mesmo dende uns alicerces que fagan o posíbel por unha continuidade en común que respecte a identidade e intereses das distintas nacións que coexisten no Estado.
Construír axiña un Goberno alternativo ao do PP é esencial para a nosa convivencia democrática. E mesmo contribuirá a rexenerar eficazmente o espazo político da dereita española. De seguro que pasar pola oposición lle permitiría rexenerarse e mesmo autoinventarse, posibilitando as reformas constitucionais que o Estado e o conxunto das súas nacións e territorios precisan para avanzar.

Era visto!

No pasado nadal, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) corrixiu a xurisprudencia do Tribunal Supremo (TS) español e determinou que os efectos da nulidade das cláusulas de chan eran retroactivos dende o principio do contrato e non dende maio de 2013, como arbitrariamente decidira o TS para reducir o impacto da sentenza na banca. O TXUE afirmou, ademáis, que cumpría pór aos consumidores na situación na que estarían se a cláusula de chan non tivese existido nunca. É dicir, que se lles pagasen os intereses legais a respecto das diferenzas ao seu favor de cada cota do préstamo.
O Goberno do Estado aprobou o 21 de xaneiro un Decreto-Lei para que os Bancos puidesen atender as reclamacións dos consumidores para a devolución destas diferenzas. Na Galicia varios (entre eles a asociación de consumidores ACOUGA) advertiron que este sistema non amañaba nada, porque non establecía nin un procedemento de arbitraxe nin de mediación. Só axudaba á banca ao favorecer o contacto bilateral non regulado co consumidor no que as entidades aproveitaban a súa prevalencia en organización, medios e información. Moitas solicitudes extraxudiciais foron pactadas en bastante menos diñeiro do que aos bancos lles cumpría pagar aos consumidores. En concreto, a banca case nunca ofreceu pagar os xuros de demora.
Agora o Consello do Poder Xudicial, no que manda a maioría absoluta gobernamental, non prové os medios axeitados para resolver os milleiros de casos que están a entrar nos xulgados por nulidade de cláusulas bancarias. Néganselle á Administración de Xustiza os medios materiais e persoais precisos para que poida cumprir o seu labor constitucional e satisfacer os intereses dos consumidores, como se lle negan tamén eses medios á orde xudicial contencioso-administrativa para revisar a actuación ilegal das Administracións Públicas.
Deste xeito o PP, como antes fixo o PSOE, favorece a banca, grandes corporacións e Administracións Públicas, prexudicando aos consumidores, pemes e cidadáns, furtándolles aos Tribunais, por vía orzamentaria, os medios precisos para que fagan xustiza.

No país dos cegos

Con máis do 90% dos votos escrutados, Pedro Sánchez obtén unha grande maioría (49,8% fronte ao 40,2% de Susana Díaz e o 10% de Patxi López) que despexa case todas as dúbidas a respecto da clara hexemonía que adquire no partido. Porque, agás en Andalucía e Aragón (aquí por moi pouco) gañou en todos os territorios, mesmo en Asturies, País Valenciâ, Castela a Mancha e Estremadura contra cadanseus Presidentes autonómicos. Dominará, pois, a organización federal e case todas as autonómicas, que celebrarán cadanseu Congreso nos vindeiros setembro e outubro.
No noso País a vitoria de Sánchez Castejón constitúe unha auténtica malleira (66% fronte ao 23% de Díaz e o 7% de López), sobre todo diante do apoio pechado outorgado á Díaz polos grandes baróns do PSdeG (Abel Caballero, Carmela Silva, Pepe Blanco, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Fran Caamaño, mesmo dende fóra apoiouna Paco Vázquez). Galicia, xunto con Catalunya (82% de votos pro Sánchez) foi dos territorios onde menos callou o relato da nación grande e única da líder andaluza, certamente desvencellado do xorne e angueiras das nacionalidades e da España urbana. O resultado, como o das primarias que gañou Xaquín Leiceaga, prognostica un Congreso galego que rachará co vello PSOE e ratificará a alternativa plural fronte a Feijóo. Pilar Cancela, Valentín Formoso, Gonzalo Caballero, Lara Méndez e quizais Leiceaga serán algúns dos novos dirixentes, malia que o modelo de partido mudará cara un meirande empoderamento das bases.
Sánchez Castejón non é ningún crack, mais soubo percibir a fonda desafección dos seareiros socialistas coa involución de Zapatero (2010), co Goberno de Rajoy (2011-2015) e, sobre todo, coa abstención socialista ordenada pola Xestora que lle deu a presidencia a Mariano Rajoy. E gañou fronte ao cerco mediático de Madrid e fronte Felipe González, Alfonso Guerra, Zapatero, Rubalcaba e case todos os protagonistas dun PSOE que lle foi mercando o relato social, económico e territorial ao PP ao longo destes anos, mentres os seus electores vían como empeoraban as súas condicións de vida e, nomeadamente, como os seus fillos e netos non podían integrarse nunha sociedade cada vez máis desigual.
Porque, se algo amosou esta xeira, foi que a xente xa non admite calquera intermediación, senón que quere responsabilizarse das súas decisións e rachar, seguramente que dende a tranquilidade, co que hai. Para ir noutra dirección.

Un erro de inmadurez política

Son dos que penso que o AVE radial dende Madrid, só para pasaxeiros, deseñado polo PP, PSOE e grandes construtoras madrileñas non constituía nin constitúe a máxima prioridade ferroviaria de Galicia. Neste senso, a falla de priorización da conexión con Porto e Lisboa determinou que Galicia ficase illada da grande conexión entre o Atlántico portugués, o “Y” basco e Francia. A conexión ferroviaria dos portos, a media distancia do Eixo Atlántico, o tren de proximidade e o corredor cantábrico apto para mercadorías haberían ser prioridades a respecto dun AVE que só conecta pasaxeiros con Madrid.
Mais compre traballar coa realidade que temos e o estado do desenvolvemento do AVE galego, logo de tantos anos de atrasos e mentiras, obriga a que rematalo sexa unha prioridade de País, asumida hoxendía por case toda a cidadanía. Rematar o AVE á maior brevidade é, quizais, o interese galego en infraestruturas que conta con máis consenso social neste país. As dúbidas e vacilacións a respecto da prioridade do AVE galego son politicamente incorrectas na Galicia.
Velaí que o rexeitamento da única senadora de En Marea á moción sobre infraestruturas que consensuaran no Senado PP, PSOE e PNV constitúa un evidente erro, propio da inmadurez política, que amosa a necesidade de que os órganos reitores deste partido coordinen o labor da súa representación en Madrid (cinco deputados e unha senadora), como coordinan o labor do seu Grupo no Parlamento de Galicia. Os deputados e senadora mareantes representan unha forza galega, que existe, entre outras cousas, para defender os intereses de Galicia. Ou sexa que cando estes intereses galegos non coincidan cos xerais ou cos intereses cataláns, por exemplo, os representantes de En Marea haberían explicar a súa discrepancia e voto discordante a respecto das decisións de Unidos Podemos e En Comù Podem. Con toda naturalidade.
En Marea require con urxencia dos niveis de institucionalización que lle permitan unha acción parlamentaria útil e eficiente. No caso de Madrid, ademáis, require que a poidamos visualizar como unha ferramenta política galega, totalmente autónoma. Non como unha forza auxiliar de Pablo Iglesias.

Gaña Euskadi. E Galicia?

O PNV tiña os deputados decisivos para derrotar as emendas á totalidade aos Orzamentos estatais. E sabía que esta vantaxe non era permanente. Despois das vindeiras eleccións podía desaparecer e mesmo o eventual triunfo de Susana Díaz nas primarias do 21 de xuño podía relativizala substancialmente.
Abofé que a contraprestación obtida foi moi boa para Euskadi. O Estado reclamáballe 1.600 M€ pola liquidación do cupo (Euskadi recada directamente os impostos e págalle un cupo ao Estado polos servizos non transferidos que este presta) dos cinco últimos anos. Agora só serán 200 M€. Por outra banda, Euskadi obtivo unha redución do cupo de 540 M€/ano entre os anos 2017 ao 2021. Velaí ese grande número: 4.100 M€, case 2000 € por cada residente en Euskadi. Decátanse vostedes da mellora que isto suporá na sanidade, na educación ou na competitividade empresarial de Euskadi?
O pacto foi alcumado de “insolidario” por algunhas voces en Catalunya e Galicia. Mais cómpre lembrar que o PNV si votou contra a investidura de Rajoy, sen que este voto servise para construir unha alternativa a Rajoy por mor da abstención do PSOE. Por outra banda, os cidadáns que votaron PNV fixérono para que defendese en Madrid os intereses vascos. Non para que mercase o relato independentista de moitos cataláns ou o relato dependentista de moitos galegos. Con este acordo Euskadi racha o cerco unionista ao autogoberno, blinda a axenda vasca e escenifica unha relación bilateral do Estado. Co “status” acadado non precisan a independencia pasado mañá.
Mentres, Galicia malbarata a súa aposta polo PP de Feijóo (11 deputados estatais sobre 23, única maioría absoluta do Estado nun Parlamento) cun 33% menos de investimento estatal entre 2016 e 2017. E este apoio popular e proximidade co “Goberno amigo” non lle permite nin acadar en beneficio da cidadanía a transferencia da Autoestrada do Atlántico. Mal negocio o do dependentismo.
Estes feitos amosaron tamén que o un hipotético sistema no que Galicia recade os tributos e pague un cupo ao estado non é esa catástrofe da que fala o unionismo, senón unha ferramenta potencial para máis autogoberno e benestar, dependendo das súas bases normativas e de liquidación do cupo.

As aldraxes do centralismo

O discurso que adoita desenvolver o bipartidismo dinástico, o bipartidismo unionista, para xustificar a subordinación dos intereses galegos aos estatais é a ladaíña esa da falsa solidariedade: “os galegos somos uns pobriños e precisamos da solidariedade do Estado. Logo precisamos máis España e moita España”, pensan en realidade Rajoy, Feijóo, Ana Pastor, Abel Caballero, Carmela Silva ou Pepe Blanco.
Imos con algunha destas aldraxes. No eido da mobilidade, a suposta solidariedade española tradúcese en 40 € (ida e volta) por viaxar de Ferrol a Tui pola autoestrada AP-9. Unha autoestrada que incrementou en case o 37% as peaxes entre 2010 e 2015. Unha vía que non ten alternativa real na rede de estradas gratuítas. Mentres, casteláns e andaluces transitan por autovías de balde entre as súas principais cidades e Madrid conéctase con todo o territorio do Estado por unha rede radial de autovías libres de pagamento. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia da autoestrada. Non por acaso é a terceira máis rendíbel.
Conectada coa aldraxe anterior está a da xestión do tránsito rodado. O Parlamento de Galicia, por iniciativa do nacionalista Anxo Quintana, propuxera a transferencia do tráfico por unanimidade no 2008 e esta foi vetada no Congreso no 2010 polo PP e PSOE. Por que este interese en reter esta competencia? Para xestionaren as multas. Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016, onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia das competencias de tránsito.
Que dicir da aldraxe ferroviaria? Sevilla cumpre 25 anos de AVE mentres Galicia contará co seu aló polo ano 2022, dotado, ademais, dunha soa vía. Mais o panorama do tren de proximidade é moito peor. As viaxes entre Vigo e Porto, Ferrol e A Coruña e Compostela e Lugo son propias dos anos 60 do século pasado. Mais o corredor atlántico é moi rendíbel. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.
Mal negocio fai Galicia co centralismo unionista.