A ruptura do pacto constitucional

O dereito á autonomía das nacionalidades galega, catalá e vasca recoñeceuse antes da propia aprobación da Constitución, a medio da aprobación de cadanseu réxime preautonómico entre outubro de 1977 e abril de 1978. Recoñecíase unha realidade substantiva, manifestada na aprobación plebiscitaria de cadanseu Estatuto na II República. Velaí porque se lles dotou constitucionalmente do máximo grao de autogoberno e dun procedemento de aprobación e modificación de cadanseu estatuto pactado entre a representación parlamentaria de cada nacionalidade e o Congreso que remataba nun referéndum de ámbito exclusivamente territorial.
Para o resto dos territorios non se prevía esta aprobación paccionada nin o nível máximo de autonomía, senón despois de cinco anos logo da reforma de cadanseu Estatuto. Mesmo contemplábase a posibilidade de que algún dos territorios españois non optase polo autonomía ou optase por unha simple autonomía administrativa.
Mais o referéndum andaluz e a xeneralización do “café para todos” estendeu o autogoberno de nível máximo a todo o territorio. E o golpe de Estado de 1981 abriu o ronsel da recentralización, primeiro a medio da só parcialmente fallida LOHAPA (1982), despois a medio da desculpa da garantía estatal a respecto da eficacia do Dereito europeo e das decisións comunitarias, máis tarde co martelo dun caseiro Tribunal Constitucional (TC) que desfixo o concepto de competencias exclusivas autonómicas coa confusión entre leis básicas e leis marco e coa extensión de títulos transversais como a garantía da igualdade dos dereitos dos españois ou a unidade de mercado, que baleiraron as competencias galegas en agricultura, pesca, comercio interior, fiscalidade ou protección medioambiental.
Hoxe o autogoberno galego ou catalán son pálido reflexo dos potencialmente proxectados entre os anos 1978 e 1980, cando os Estatutos se concibían como porta dun proceso dinámico e aberto e non como un marco pechado e estático. Só Euskadi e Navarra, ao abeiro do réxime foral, conservan un autogoberno merecente deste nome.
Velaí que constatemos que o pacto constitucional que encaixou Galicia como singularidade nacional estea máis que superado pola continua vulneración desenvolvida ao longo de trinta e cinco anos de recentralización.