Promovermos o turismo sustentábel

O arquitecto galego Iago Lestegás vén de amosar que o centro histórico de Lisboa rexenera o seu tecido a medio de investimentos dirixidos a acoller turistas que están a expulsar a súa poboación tradicional. Este fenómeno está a ocorrer tamén na Barceloneta e na cidade histórica barcelonesa acadando o seu máximo expoñente en Venecia, onde case non viven venecianos. Por outra banda, a degradación do ambiente e da paisaxe en varias áreas do País Valenciá amosan os prexuízos de determinado turismo de sol e praia.
Na Galicia non se dan aínda ningunha destas situacións irreversíbeis. Mais a presión turística comeza ser abafante en parte de Compostela. Nos últimos anos a meirande parte do comercio do Casco Histórico orientouse cara un turismo “low cost” que xera unha grande presión física durante máis dun terzo do ano sobre determinadas rúas da área. Área que perde residentes polos problemas de mobilidade e adaptación de vivendas e máis pola carencia de servizos.
O problema do turismo de peregrinación compostelán é a súa relación custo-beneficio. Ou soben os beneficios económicos a medio da suba das pernoctas ou mesmo da aplicación dunha taxa de efecto moderador ou cumpriría considerar a redución das visitas nalgunhas áreas da cidade en determinadas épocas do ano, do mesmo xeito que se fixo na praia das Catedrais ou nas Illas Atlánticas. Cómpre, pois, abrir o debate e adoptar decisións estratéxicas, comezando pola oferta de recursos e contidos para obter ese incremento das pernoctas. E aí haberían ir da man a Xunta, o concello e a sociedade civil.
No resto de Galicia hai marxe para que medre un turismo sustentábel integrando os moitos recursos dos que dispomos. Mais tamén existen elementos de preocupación. Por exemplo, que nunha comprensíbel lóxica de desestacionalización nas Rías Baixas se estea a vender da man de determinados tour operators pernocta e pensión completa a 30 €/persoa e día en primavera e outono.
O 12% do emprego e o 11% do PIB galego correspóndelle xa á industria turística. Comeza, pois, a ser un sector estratéxico para Galicia. Mais se non se planifica o crecemento futuro, se non se constrúe a industria turística sobre alicerces sustentábeis, teremos pan para non moitos hoxe e fame para todos mañá.

Marca Galicia vs. Marca España

O 2014 comeza co máis baixo recoñecemento internacional da “Marca España”: a Monarquía atinxida por un escándalo de lavado de capitais e malversación de cartos públicos, Sacyr chantaxeando á Autoridade da Canle de Panamá para obter o tan español “reformado” despois de eliminar á competencia internacional cunha oferta temeraria ou un Ministerio de Industria que subvenciona en 1300 M€ á REE para potenciar o transporte da enerxía no canto da produción e autoconsumo, como recomendan os expertos internacionais.
A “marca España” identifícase co capitalismo castizo do BOE, condenado ao fracaso como todos os capitalismos que non respectan dúas liñas vermellas: a cohesión social e a libre concorrencia. Rajoy, como bo Rexistrador da Propiedade, acredita máis nos aranceis, nos basculeiros e nos listeiros que na innovación e competencia. Mentres Madrid, cun 20% do PIB estatal, duplica o nível que por economía produtiva habería acadar. Velaí a Marca España.
Diante desta catástrofe, é absurdo subordinar a “Marca Galicia” a esta decadente referencia. Como tamén, probabelmente, confrontala. O máis intelixente é facer marca propia, de noso. Porque Galicia é relativamente ben coñecida no ámbito europeo, latinoamericano e, potencialmente, lusófono, sobardando con moito os 500 millóns de persoas de público obxectivo que reside nos espazos territoriais que coñecen o noso País no mundo. E desfrutamos de elementos referenciais tan sobranceiros como o Camiño de Santiago, a mesta rede de Centros Galegos no exterior, Inditex, as Rías Baixas ou o Deportivo da Coruña, canda unha marca “Galicia Calidade”, ben potente no que atinxe ao sector agroindustrial e ao complexo mar-industria e que precisaría da súa referenciación sobranceira no complexo monte-industria, nas novas tecnoloxías agrogandeiras e acuícolas, no téxtil e nas tecnoloxías da información e comunicación.
Galicia ten unha nidia vocación portuaria, ponte entre América e Europa, e atópase xusto a carón da principal autoestrada do mundo, que dende London, a desembocadura do Rhin e a área do Ruhr amorea máis do 20% do PIB europeo. Unha caste de Quinta Avenida de New York fronte á que Madrid e o centro do Estado constitúen algo semellante ao Bronx.
Aínda seremos quen a dubidar cara onde temos que ollar?