Promovermos o turismo sustentábel

O arquitecto galego Iago Lestegás vén de amosar que o centro histórico de Lisboa rexenera o seu tecido a medio de investimentos dirixidos a acoller turistas que están a expulsar a súa poboación tradicional. Este fenómeno está a ocorrer tamén na Barceloneta e na cidade histórica barcelonesa acadando o seu máximo expoñente en Venecia, onde case non viven venecianos. Por outra banda, a degradación do ambiente e da paisaxe en varias áreas do País Valenciá amosan os prexuízos de determinado turismo de sol e praia.
Na Galicia non se dan aínda ningunha destas situacións irreversíbeis. Mais a presión turística comeza ser abafante en parte de Compostela. Nos últimos anos a meirande parte do comercio do Casco Histórico orientouse cara un turismo “low cost” que xera unha grande presión física durante máis dun terzo do ano sobre determinadas rúas da área. Área que perde residentes polos problemas de mobilidade e adaptación de vivendas e máis pola carencia de servizos.
O problema do turismo de peregrinación compostelán é a súa relación custo-beneficio. Ou soben os beneficios económicos a medio da suba das pernoctas ou mesmo da aplicación dunha taxa de efecto moderador ou cumpriría considerar a redución das visitas nalgunhas áreas da cidade en determinadas épocas do ano, do mesmo xeito que se fixo na praia das Catedrais ou nas Illas Atlánticas. Cómpre, pois, abrir o debate e adoptar decisións estratéxicas, comezando pola oferta de recursos e contidos para obter ese incremento das pernoctas. E aí haberían ir da man a Xunta, o concello e a sociedade civil.
No resto de Galicia hai marxe para que medre un turismo sustentábel integrando os moitos recursos dos que dispomos. Mais tamén existen elementos de preocupación. Por exemplo, que nunha comprensíbel lóxica de desestacionalización nas Rías Baixas se estea a vender da man de determinados tour operators pernocta e pensión completa a 30 €/persoa e día en primavera e outono.
O 12% do emprego e o 11% do PIB galego correspóndelle xa á industria turística. Comeza, pois, a ser un sector estratéxico para Galicia. Mais se non se planifica o crecemento futuro, se non se constrúe a industria turística sobre alicerces sustentábeis, teremos pan para non moitos hoxe e fame para todos mañá.

O Camiño e a marca Galicia

Conta ben o profesor Núñez Seixas que as grandes epopeias galegas son o Camiño e a emigración. Porque non se pode entender o País sen a achega deste primeiro itinerario europeo, que construiu a identidade nacional da Galicia e a da Europa como espazo cultural común. Porque os galegos levamos acollendo outras xentes toda a vida: vai para 900 anos que o bispo Xelmírez e a raíña Urraca rifaron coa Cidade e esta impuxo un novo rei para Galicia: Afonso VII. Daquela, xa ingleses, escoceses e escandinavos chegaban á Coruña por mar e os francos (que logo porían tendas no burgo compostelán), italianos e tedescos pola terra. Compostela naceu da Galicia, pero tamén da Europa toda.
Velaí que a política de promoción turística deste País ha integrar o Camiño e a Compostela como principais referentes e haxa que contextualizar o desenvolvemento desta industria dende parámetros moi afastados do turismo de sol e praia de Turespaña.
O visitante europeo e internacional (hoxendía o que máis consome) ven a Compostela e a Galicia polos seus atractivos espirituais, culturais, paisaxísticos, ecolóxicos e gastronómicos; non para que lle repeniquen a Feira de Abril ou as horteradas de Marbella ou Benidorm. E constitúe unha fonte de ingresos fulcral neste contexto recesivo que, por outra banda, non quere colonizar ninguén. Apenas desfrutar dunhas vacacións sen que lle enganen nin estafen, nun País distinto, singular e orguloso de si propio.
O que obriga a todos os operadores turísticos a revisar lugares comúns, mellorar a prestación dos seus servizos e aquelar a oferta ás demandas dos visitantes internacionais. E á Xunta a desenvolver a súa política de fomento turístico de xeito totalmente autónomo, mais coordinado cos concellos, deseñando unha promoción cos atractivos da Galicia toda salientando o carácter central de Compostela e o Camiño.
Cómpre, pois, mirar menos cara Madrid, Levante ou Andalucía e máis cara Londres, Amsterdam ou Antwerpen. Cómpre pechar os ollos e imaxinar que faría o asisado bispo Xelmírez coas enormes potencialidades que o Camiño de hoxe lle abre á marca Galicia, xusto cando o deterioro da marca España semella ser irreversíbel.