Recentralización e involución política

No estado español sempre foron unidos os procesos de democratización e avance nas liberdades e os de recoñecemento do dereito ao autogoberno das nacionalidades. Velaí as experiencias das dúas repúblicas e a transición até o golpe de Estado do 23-F, aproveitado para reconducir á baixa o autogoberno galego, catalán ou vasco e para acoutar a democracia nas canles só representativas, nunca participativas, do bipartidismo dinástico.
Para Galicia, asemade, coinciden os periodos de democracia, liberdade e autogoberno cos de benestar económico e progreso social e cultural e as longas noites de pedra do dependentismo, do centralismo e do autoritarismo co atraso económico, anomia social e páramo cultural. Só o autogoberno garante o benestar, porque somos pouco máis do 5% do PIB e da poboación estatais e porque os nosos alicerces económicos son secundarios para España.
Dende 2006 Rajoy, axudado e mesmo pulado por UPD e despois por C´s, enfrontou o afondamento do autogoberno das nacionalidades dende o recurso ao Estatut de Catalunya, aprobado pola cidadanía catalá no 2006, acadando o seu obxectivo de anulalo parcialmente coa sentenza do Tribunal Constitucional de xuño do 2010. Unha sentenza que marcou o punto final a respecto das posibilidades de evolución cara un Estado plurinacional da Constitución do 1978, nas que moitos acreditabamos.
A maioría absoluta do PP de novembro do 2011 e a crise económica foron o pretexto perfecto para desenvolver un intenso proceso de recentralización fronte ás autonomías e os concellos (novas leis de modernización de gobernos locais, educativa e de educación), que coincide cun decidido pulo á privatización de servizos públicos a prol dos grandes lobbies construtores-concesionais e cunha política de recentralización económica a prol dos grandes capitais multinacionais e estatais e contra a urdime de pemes galegas (anulación do concurso eólico, recuperación das competencias autonómicas en enerxía, contratación pública orientada a grandes operadores que exclúe na práctica ás empresas locais…).
A doutrina recentralizadora acompáñase da involución política no eido das liberdades (lei mordaza, tendencia á criminalización da discrepancia co sistema dinástico…) e acada a máxima expresión na negativa do sistema dinástico -agora tripartito- a toda evolución que recoñeza a plurinacionalidade española, dándolle unha saída política á cuestión catalá.

O franquismo na transición

A actual monarquía borbónica carecía de toda lexitimidade de orixe á morte do ditador Franco. Porque o anterior xefe do Estado aceptou vencellar a súa lexitimidade á do réxime do 18 de xullo, mesmo rachando relacións co seu pai, xefe da dinastía borbónica. É dicir, a monarquía española instaurada no 1975 proviña da ditadura, da súa violentísima instauración e do seu ilexítimo desenvolvemento.
A lexitimidade de orixe pertencíalle á Constitución da II República e, no caso de Galicia, ao Estatuto aprobado popularmente no 1936. Mais o réxime franquista non quería ceder as pancas do poder nin someterse ao xulgamento das responsabilidades penais dos milleiros de franquistas, aínda vivos no 1975, que cometeran delictos de sangue.
Ese foi o rol de Juan Carlos de Borbón. Desenvolver unha solución de compromiso que rachase coa lexitimidade republicana, que agachase a memoria histórica e que permitise a convivencia entre unha nova clase política, filla da transición, e o capitalismo castizo de BOE beneficiado polo ditador.
Neste contexto, enténdese o relato lexitimador da monarquía abrollado despois do 23-F, que lle permite limitar substancialmente o autogoberno de Galicia, Euskadi e Catalunya e construír o bipartidismo dinástico. Esta onda, na Galicia do 1981, privou dos seus escanos no Parlamento de Galicia ao BNPG e botou fóra da alcaldía coruñesa ao nacionalista Domingos Merino.
Dende entón Juan Carlos de Borbón e bipartidismo dinástico son os elementos que dan coherencia ao relato da transición e que explican que sigamos a vivir nun réxime que, nalgunhas cousas importantes, non é senón un franquismo reformado.
Mentres, medios solventes como The New York Times, Proceso ou Economía Digital avaliaban a fortuna persoal de Juan Carlos de Borbón canda a súa demisión entre 1.600 e 2.000 M€. De onde saíron eses cartos?
Semella que da herdanza do seu pai (8M€ entre todos os seus fillos) non foi. E dos soldos percebidos dende 1975 tampouco. Terá que ver, logo, co suposto monopolio fáctico do que supostamente gozaba o amigo do Borbón -Manuel Prado- a respecto das importacións de petróleo de Kuwait, Arabia Saudita e Emirados Árabes Unidos? Que significou aquilo de que “el Rey es el mejor relaciones públicas de España”, que tanto escoitamos de nenos e rapaces?

Os erros históricos do PSOE

Pablo Iglesias fundou o PSOE no 1879. E axiña foi construíndo unha mesta organización político-sindical á que converteu nunha potente forza de masas entre 1910 e 1918. Mais logo comezarían os erros históricos desta organización. En 1923 Primo de Rivera implantou unha ditadura militar á que a maioría socialista (por proposta de Largo Caballero) lexitimou ao aceptar a súa participación no Consello de Estado. O mesmo Largo Caballero refugou, dende a súa saída do goberno -outubro do 1933- a vía institucional e democrática para pular pola vía revolucionaria, chegando a dicir que cumpriría no futuro unha resposta armada e que habería ir cara ela. Nestes anos o PSOE estaba dividido entre o sector revolucionario de Largo Caballero, o centrista de Indalecio Prieto e a dereita dun meu colateral devanceiro, o profesor Julián Besteiro, de orixe galega.
Durante a II República o PSOE, fídel á súa alma xacobina, fixo o posíbel por atrancar a aprobación do Estatuto de Galicia. No 1939, Besteiro adheriu á capitulación incondicional do coronel Casado confiando en Franco como mal menor: “de certo que nos vai deixar manter viva unha UGT ao xeito das Trade Unions”. Acertou de cheo.
Indalecio Prieto manexou de xeito abxecto uns fondos de axuda aos refuxiados españois entre 1939 e 1942, até que o Goberno mexicano, escandalizado, pasou a controlar estes fondos. O mesmo Prieto que vetou a aprobación, outravolta, do Estatuto de Galicia nas Cortes de México no 1945 e tentaba vetar a Castelao como ministro do goberno republicano.
No 1976, a Federación socialista galega do PSOE case non existía. Eran Paco Vázquez, Salvador F. Moreda e outros tres. A socialdemocracia galega aliñábase no Partido Socialista Galego (PSG), fundado no 1963. O PSOE, cos cartos da Fundación alemá Friedrich Ebert, fanou dende dentro ao PSG para acadar a súa destrución, ceifando así o campo.
En maio do 2010 Zapatero rendeuse ás presións de Merkel e Sarkozy e en outubro do 2011 o PSOE pactou co PP blindar constitucionalmente o pagamento dos xuros da débeda a respecto dos servizos públicos do benestar. Mais o PSOE xa tiña tradición na adopción de decisións que constitúen, de seu, erros históricos.