A deterioración da sanidade pública galega

O colapso do Servizo de Urxencias de varios dos hospitais públicos galegos por mor do andazo da gripe non é, de xeito ningún, unha casualidade ou un problema de mala sorte. Por todos os profesionais sanitarios é coñecido que a gripe preséntase todos os anos con especial intensidade nos meses de decembro e febreiro. Xa que logo, previr as consecuencias deste andazo na demanda hospitalaria é un problema orzamentario, de recursos, porque só se amaña con persoal médico e con camas (si, conselleiro Almuiña, as camas son esenciais para os hospitais). O desastre na atención destes días, cos doentes polos corredores, é da responsabilidade do conselleiro de Sanidade, mais tamén do Goberno galego no seu conxunto. Non é, porén, a única tempada na que se poden ver en toda a súa intensidade as resultas dos recortes orzamentarios na sanidade pública galega. Xa van varios anos nos que se recurtan substancialmente as camas e o persoal do cuadrimestre do verán (xuño-setembro). Por outra banda, son visíbeis as deficiencias da dotación de persoal mèdico e sanitario en moitas plantas hospitalarias ao longo das fins de semana.
Mais a deterioración da sanidade pública galega vese tamén nas listas de agarda, que tenden a medrar e non a se reducir, malia os diversos e enxeñosos sistemas de maquillaxe da súa contabilización polo SERGAS. E na atención aos doentes crónicos, onde non se cumpren as directrices dos especialistas médicos, alongando a un ano citas que haberían de se fixar para máis en catro ou seis meses.
O noso persoal médico e sanitario ten unha alta cualificación profesional e humana e até de agora evitou unha deterioración maior coa súa dedicación. Mais os nosos médicos están absolutamente ultrapasados, cunha carga de traballo moi difícil de aturar, agravada pola xubilación dos médicos galegos aos 65 anos, quizais unha das medidas máis lesivas socialmente do Goberno de Núñez Feijóo.
A calidade de vida e a saúde das persoas habería ser o principal obxectivo do noso Goberno. Mais os recortes orzamentarios están a deteriorar gravemente a sanidade pública galega. Cómpre sermos conscientes de que isto só se amaña con máis diñeiro para persoal e de que os recortes sanitarios matan.

A igualdade xurídica do galego

O Tribunal Superior de Xustiza valenciano vén de anular parcialmente unha normativa regulamentaria da Generalitat que privilexiaba o ensino en catalán (alí chamado oficialmente valenciano) por mor da súa grave minorización fronte ao castelán.
O Alto Tribunal aplicou unha consolidada xurisprudencia dos Tribunais Constitucional (TC) e Supremo (TS) que xorde daquela sentenza do TC de 1986 que anulou o deber de coñecer o galego, presente de primeiras na nosa Lei de Normalización Lingüística, aprobada pola unanimidade do noso Parlamento. Segundo esta xurisprudencia só existe o deber de coñecer o castelán e as demais linguas fican secundarizadas nun rango de mera cooficialidade, sen que sexa legal esixir o seu coñecemento con carácter xeral a xuíces e demais funcionarios e o seu uso obrigatorio nin sequera ás empresas concesionarias ou contratistas públicas. Velaí que o galego, o catalán e o vasco non gocen de igualdade xurídica a respecto do castelán. Esta desigualdade atenta contra a Carta Europea de Linguas Minoritarias (o galego non é polo de agora minoritario, malia estar fortemente minorizado), é dicir, contra a normativa constitucional de protección dos nosos dereitos lingüísticos. Velaí a necesidade de resolver de vez esta desigualdade, levando á Constitución ou ao Estatuto o pleno recoñecemento da igualdade de ambas as linguas oficiais, a propia e a de comunicación común co resto do Estado.
Deste xeito, o deber de coñecer o galego evitará situacións tan ilóxicas (cando non ferintes) como médicos do S­ergas que manifestan diante de doentes descoñecer o galego, freakies que piden tradución oficial de pequenos textos intelixíbeis a calquera europeo que lea, mandos da Garda Civíl que denuncian concellos por sinais de tránsito en galego ou a continua provisión de prazas de xuíces, fiscais e funcionarios sen acreditar o coñecemento abondo da lingua que nos permita aos galegofalantes gozar da plenitude dos nosos dereitos lingüísticos.
De certo que o problema do galego non se resolve só con medidas xurídicas. Mais sen acadarmos esta igualdade (negada constitucionalmente dende 1978) non serán posíbeis cousas tan sinxelas e normais como vivirmos plenamente en galego ou non nos sentir alleos no noso propio país.

Integrarmos a diferenza

Os valores de inclusión e cohesión social propios dunha sociedade moderna e democrática esixen integrarmos aos diferentes. Nenos e nenas con diversidade funcional, aqueixados de parálise cerebral, síndrome de Down, cardiopatías ou sofridores de doenzas graves non están a ser integrados a xeito no sistema educativo galego. E as súas necesidades tampouco están a se fornecer no noso sistema sanitario.
Lemos e escoitamos día a día historias de diferentes crianzas que sofren discriminación pola súa condición diferente no noso sistema público (a situación en centros concertados é aínda peor). Se a crianza non controla os seus esfínteres non hai recursos que atendan á súa limpeza e comodidade. Chaman pola nai (sempre pola nai) para que deixe traballo ou ocupacións e vaia á escola atender á filla. Os recortes da dereita non dotan aos centros de persoal non docente que poida atender estas necesidades e outras como axudarlles cos seus problemas de mobilidade ou darlles as menciñas e tratamentos. Carencias impropias dunha sociedade avanzada.
Mais tamén o SERGAS desatende as necesidades destes nenos e nenas. As persoas que sofren parálise cerebral requiren de fisioterapia continua para superar a dor e a rixidez dos espasmos que sofren. As crianzas aqueixadas de cardiopatía requiren de fisioterapia respiratoria continuada. Pois ben, esta continuidade se lles nega. Aténdeselles por quendas e con meses de interrupcións entre elas, frustrando os resultados terapéuticos que esta continuidade obtería.
Non falemos xa dos Centros especiais que tiveron que pechar pola supresión ou redución das axudas. Ou do abandono total das políticas de integración polo emprego das persoas con diversidade funcional. O caso de ASPANAS TERMAL en Ourense amosa ben ás claras o desleixo da Xunta a respecto deste obxectivo.
Coma sempre, as carencias do público atopan na cidadanía unha axeitada resposta para cubrilas. Profesores que atenden esas necesidades materiais non educativas que habería fornecer o persoal non docente que non existe, nenos e nenas atentos a axudar aos seus compañeiros… Mais para integrarmos a diferenza compren solucións políticas e non solidariedade voluntarista.

Sen goberno nin presidente

As políticas de austeridade desenvolvidas polo Goberno Feijóo dende 2009 son corresponsábeis da grave desindustrialización de Galicia, que perdeu dende aquela todo o emprego industrial xerado dende fins dos 90. Precisamente o Foro Económico de Galicia atribúelle a grave diferenza entre o crecemento económico galego e o estatal (0,9% fronte ao 2,7% no primeiro trimestre deste 2015) á nosa febleza industrial. 204.000 galeg@s emigraron dende o 2009, nomeadamente os membros das xeracións mellor formadas da súa historia. No 2009 existían cinco entidades bancarias galegas (Caixa Galicia, Caixanova e os Bancos Gallego, Etcheverría e Pastor). Hoxe só fica a rede de Abanca vinculada ao País, malia que propiedade de capital venezuelano. A política económica de Feijóo foi un fracaso, non só pola falla de plan, ideas e confianza no país e nos seus axentes económicos, senón tamén pola grave ineficacia amosada polo seu Goberno.
Mais, nesta fin do verán, a esta ineficacia e falla de ideas uniuse a ausencia do Goberno e do seu presidente. Pechou unha explotación leiteira diaria dende que se liberalizou a venda de leite na Europa, Galicia é o país europeo onde máis barato se vende o leite e Feijóo e a conselleira Quintana non están para defender un sector fulcral para a economía deste país e totalmente prescindíbel para a estatal, como se dixesen “isto non vai connosco”. Na crise do lume da Limia, que queimou 3000 hectáreas, a Xunta estivo ausente, como se fose impotente diante dos lumes e só soubese falar do perigo dos numerosos, mais descoordinados, incendiarios. A demisión da Xunta das súas obrigas gobernamentais é tan evidente que ninguén do Sergas inspeccionou o estado dos servizos e instalacións do novo Hospital de Vigo, contractualmente responsabilidade das empresas adxudicatarias dun contrato pensado nos seus intereses e nos de Povisa.
Percébese, con ducias de milleiros na rúa, que non existe motivación nin folla de ruta no Goberno galego e no seu Presidente. Semella, pois, que a lexislatura remata e só fica ollar cara Madrid. De onde non virán, de certo, as solucións.

A descapitalización da nosa sanidade

Como todos os veráns dende 2010 a calidade da atención sanitaria pública diminuíu substancialmente este verán na Galicia. Reducíronse 1.015 camas en todo o país no cuadrimestre do verán. Na Coruña, por exemplo, o colapso das urxencias é total, malia as novas instalacións, e non é nada chocante agardar 24 horas sen atención ao xeito. As listas de agarda medran seguido, malia a creativa contabilización e maquillaxe das estatísticas oficiais do Sergas.
A sanidade pública galega nunca foi cara para a sociedade. De feito só inviste o 6,4 % do PIB, fronte a máis do 11 % da sanidade francesa ou o 14 % dunha sanidade USA que até a reforma de Obama excluía 50 millóns de persoas. Mais Feijoo impuxo a súa política de austeridade (de privación parcial de dereitos, en realidade) sanitaria dende o minuto un do seu goberno. Sabían que o gasto sanitario galego baixou en 460 millóns de euros dende 2009 até o 2014? Pois é certo. O gasto por habitante en saúde baixou nese periodo en Galicia de 1.401 euros a 1.257 euros. A pesares de que a poboación maior e, xa que logo, crónica, medrou continuamente durante ese tempo.
E logo temos o despropósito da xubilación dos médicos aos 65 anos e a imposibilidade de repor estas vacantes. Este proceso está descapitalizando de xeito continuo a nosa sanidade, ao perder non só facultativos, senón o mellor da súa experiencia nos mellores anos da súa vida profesional, polo menos nas especialidades non cirúrxicas. Menos médicos, menos coñecemento, menos atención.
Mentres, é xusto salientar o grandísimo esforzo dos profesionais da sanidade pública galega para manter a mellor atención posíbel ao usuario nesta conxuntura tan desfavorábel. O persoal médico, de enfermaría, de laboratorios… traballa con dedicación e eficiencia nunhas condicións cada vez peores. Quitando os moi poucos casos de médicos que abusan da súa posición a favor dos seus doentes da privada, ás veces “anticipándolles” as probas na sanidade pública.
Os recortes da austeridade deterioraron substancialmente a sanidade galega, atinxindo a súa capacidade de curación. Os recortes da austeridade mancaron, pois, a nosa saúde.

Xogarmos coa saúde pública

O importante, xa nolo dicían os nosos pais e avós, é a saúde. Ao colexio moitos non imos voltar, mais polo centro de saúde e polo hospital pasa todo o mundo. A sanidade é a xoia da coroa do Estado do benestar. E os seus usuarios na Galicia saben que, malia os grandes esforzos do persoal sanitario do Sergas, a deterioración da calidade asistencial, nomeadamente da hospitalaria, é un feito dende o 2011.
Preguntarmos se son os recortes financeiros os causantes desta deterioración é insultar á nosa intelixencia. A Xunta opta por pechar 2.600 camas no cuadrimestre do verán (un terzo do ano) e por consorciar con hospitais privados, mal dotados de persoal, no canto de cubrir as vacacións e baixas curtas dos sanitarios. Na tempada do nadal ocorre algo semellante. Xa que logo, se se adianta un ano o andazo da gripe, como pasou este ano, o caos asistencial está garantido.
Mais isto só é o ronsel que vemos. No fondo está a pasar algo peor. Están a xubilar os doutores aos 65 anos e só repoñen de 3 a 4 prazas por cada 10 baixas definitivas por morte ou xubilación. A sanidade pública galega descapitalízase. E cando un outro Goberno galego queira mudar esta situación pode ser tarde.
O noso país sofre os prexuízos dunha sanidade infrafinanciada (o avellentamento e máis o espallamento da nosa poboación requirirían 500 M€ máis), da factura en xuros da parte da débeda pública galega emitida cando a prima de risco era alta e da limitación do déficit autonómico imposta por Rajoy, mentres flexibilizaba o déficit estatal. Cando na Galicia é a Xunta a que paga os servizos importantes, fóra da cobertura do desemprego.
As resultas dos recortes xa están aí. A falla de hematoloxía en Ourense e Lugo deu nunha mortandade cardiovascular máis elevada cá coruñesa, compostelá ou viguesa. Aos doentes de hepatite C négaselles o tratamento por cartos (que haberá que pagar máis importante que a saúde?). E na rúa moitos aconsellan, retranqueiros, non enfermar no verán, nas fins de semana nin no nadal.
Salvarmos a sanidade pública habería ser a primeira proposta de todo programa de goberno que quixer conectar coa cidadanía. Porque só unha sanidade pública de calidade garante o dereito á vida.