Recuperarmos o Pastor

O novo Consello de Administración do Banco Popular vén de recoñecer que a ampliación de capital do pasado mes de xuño non foi abondo para garantir a solvencia da entidade e, xa que logo, vén de abrir o proceso para a adquisición do banco por outra entidade. A concentración bancaria avanzará, xa que logo, en claro prexuízo dos intereses dos consumidores e das empresas, mentres que o recoñecemento implícito de que o anterior Consello de Administración non lle contou a verdade aos investidores sobre a situación patrimonial do banco abre a vía para que os xuíces poidan anular as suscricións por clientes minoristas de accións da entidade creadas en virtude da ampliación de capital última, con recuperación íntegra do diñeiro investido.
O Banco Popular no seu día absorbeu ao Banco Pastor, pero meses despois segregou unha nova entidade tamén chamada Banco Pastor, con personalidade xurídica, marca e ficha bancaria de seu. Ao Pastor fóronlle adscritos os activos e pasivos de case todas as oficinas do Grupo no país. O Pastor é, hoxe en día, un banco saneado, con 212 oficinas, un 20% de cota de mercado en Galicia e unha vocación de banca de pemes. A marca ten boa reputación, como amosa o feito de que mentres moitos clientes do Popular retiran total ou parcialmente os seus depósitos, os do Pastor permanecen estábeis.
Quere isto dicir que quen merque o Banco Pastor ten a garantía de gañar cartos dende o primeiro día. Por outra banda, o Banco Popular obtería con case total probabilidade máis fondos vendendo separadamente ambas as entidades. E se para mercar o Popular só contan os grandes bancos estatais, para mercar o Pastor o abano poderíase abrir á banca e fondos internacionais e aos propios capitais galegos.
E velaí a grande oportunidade que se podería abrir: que capitais galegos poidan adquirir o Pastor. A rendibilidade económica da operación estaría garantida, á vista do valor da rede e da marca, mentres que o posíbel valor de adquisición podería abanear entre 200 e 300 millóns de euros, segundo fontes profesionais bancarias. É dicir, un valor para nada desaquelado. Xa que logo, cómpre que a Xunta lidere dende a discreción as actuacións necesarias para aproveitar esta oportunidade histórica.

Feijóo no país dos ananos

Ao longo dos seis anos e medio do mandato de Feijóo como Presidente de Galicia asistimos á liquidación do noso subsistema financeiro (arestora temos un superávit de aforro de case 14.000 M€ que se inviste nos proxectos doutros) e da nosa industria eólica, que perdeu 4.000 dos seus 5.000 empregos. Tamén á absoluta falla de ideas e solucións para o noso sector naval, lácteo ou mar-industria. Gandeiros, armadores e mariñeiros do cerco na rúa, ducias de milleiros da nosa mocidade mellor preparada na emigración… e o Goberno galego só sabe ollar a Madrid sen iniciativa ningunha para resolver os nosos problemas económicos. Problemas que teñen a ver co feito de que os nosos alicerces produtivos son anecdóticos a respecto do PIB español, polo que os nosos intereses nunca contan no concerto estatal, o que fai o noso desenvolvemento económico e o noso benestar moi dependente das nosas capacidades de autogoberno.
Mais o que si sabe Feijóo é demitir das súas responsabilidades na nosa ordenaciòn aeroportuaria e facer campaña inserindo, con cargo aos fondos públicos, suposta publicidade institucional que, en realidade, constitúe o primeiro acto da precampaña das xerais do PP. Por certo, unha publicidade na que Feijóo anova o seu compromiso co “café para todos” que nos equipara á Rioxa, Murcia ou Extremadura. Na que se manifesta implicitamente conforme coa continúa recentralización dos últimos tempos e cun deficientísimo grao de autogoberno que nos impide desenvolver políticas sociais e económicas que fosen quen de guindarnos da recesión e da continua crise dos nosos principais sectores produtivos.
Velaí a ocasión das eleccións xerais do 20-D e das vindeiras autonómicas para unha fonda remuda na dirección deste País. Para recuperarmos unha gobernanza pensada na cidadanía e nos intereses de Galicia. Mais se o PP deixou hai moito de ser PPdeG, pregándose a unha visión centralista que subordina os nosos intereses económicos, as esquerdas nacionalista e rupturista demostraron estas semanas a súa incapacidade para artellar unha resposta política moderna, en clave tanto dos intereses do País como os das maiorías sociais. Unha resposta demandada por ducias de milleiros de cidadáns desencantados. Un fracaso que haberá pesar no noso futuro.

Feijoo agravou a recesión

A depresión económica que sofre Galicia ten dimensión europea e veu determinada, en moi grande medida, polas dúbidas, inacción ou manifestos erros tanto das Institucións da Unión Europea como dos Gobernos Zapatero e Rajoy. Culpar o Goberno Feijóo sería, xa que logo, inxusto.
Mais é evidente que Feijóo adoptou dende a primavera do 2009 unha liña de goberno marcada pola obsesión da austeridade, da consolidación orzamentaria. E ocorría na altura que a economía galega e, nomeadamente, algúns dos sectores consolidados ou emerxentes (enerxías renovábeis, tecnoloxías da información e comunicación, industrias audiovisuais e culturais, automóbil) precisaban de selectivas políticas de fomento e innovación que foron practicamente arquivadas (agás parcialmente as do automóbil) coa chegada de Feijóo a Monte Pío. Outros sectores (naval, mar-industria, agrogandeiro, monte-industria) padecían o desleixo histórico do Goberno español cara eles, polo que precisaban dun acompañamento continuo do Goberno galego e dunha acción exterior decidida de promoción, que tampouco existiu, agás no que atinxe ás xestións mexicanas -aínda sen froito coñecido-.
A Xunta liquidou de feito á súa ferramenta financeira, o IGAPE, mentres asistía pasivamente á venda do Pastor ao Popular e ulterior dilución da Fundación Barrié no seo deste e á venda do Gallego ao Sabadell. E non foi quen a acadar do Goberno Rajoy igual trato para NCG Banco e Bankia, malia partillaren a entidade galega o carácter sistémico desta.
Das resultas deste proceso, o Goberno Feijóo agravou a nosa recesión: na construción naval pasamos, dende 2010, de representarmos o 50% da produción estatal a só o 24%, os nosos subsectores de enerxías renovábeis, TICs e industrias audiovisuais e culturais enfrontaron o peche ou deslocalización, o investimento en I+D+I baixou a niveis de 1993, sen que os sectores agrogandeiro, forestal e monte-industria coñecesen medida eficaz ningunha nestes anos.
Feijóo aínda pode mudar un chisco este proceso se mantén Novagalicia como oferta autónoma de banca minorista para pemes e crea un instrumento financeiro público para Banca corporativa de empresas de certa dimensión. Porén, semella que para o primeiro fáltalle o poder e para o segundo a vontade.

Oligopolio bancario

Non é este o lugar para axuizarmos a xestión da equipa reitora de Pescanova. Mais, por deficiente que esta for, semella que a multinacional galega está a sofrer as resultas da deconstrución financeira deste País, que se levou por diante a independencia do Pastor e a solvencia das nosas caixas. O conto de Pescanova e a realidade do esfarelamento do noso subsistema financeiro apréndenos que só podemos manter as empresas que somos quen a financiar.
E, canda este baño de realidade, enfrontámonos nas nosas cidades, nomeadamente n´A Coruña, co feito da liquidación da meirande parte da estrutura de servizos centrais das nosas entidades financeiras. E co feito do inexorábel avance, a velocidade de cruceiro en só catro anos, cara a irrelevancia financeira deste País e cara a concentración da oferta crediticia española en cinco ou seis entidades, desaparecendo as restantes, mentres que as pemes alemás contan co privilexiado e abondoso financiamento das caixas de aforro de cadanseu länder. Porque Alemaña non creu na receita de concentración bancaria que pariron ZP e Rajoy.
Rolamos, pois, cara a exclusión financeira das empresas galegas. Porque mentres Caixabank e Kutxabank garantirán o financiamento das iniciativas empresariais catalás e vascas, Popular, Santander, BBVA e outros dirixirán a billa do seu crédito ao rego das xoias da coroa do Ibex 35 e demáis sectores regulados que compoñen o capitalismo castizo do BOE. Xa que logo, a economía produtiva galega non terá interlocutor bancario en Vigo, Compostela ou A Coruña.
Velaí a importancia de tronzar as estratexias que poñan Novagalicia Banco baixo o paraugas de Bankia, canda, en menor medida, do éxito da nova andaina do Etcheverría, da Caixa Rural Galega e da eventual integración do Banco Gallego nun grupo catalán ou portugués que respecte a vocación galega desta entidade.
Sen prexuizo de que a Xunta non dubide en propiciar unha Banca Pública galega, de cumprir a mesma. Porque se a banca privada non fornece de crédito ás empresas terá que facelo a banca pública.