Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.

Conectarmos co corredor ferroviario europeo

A normativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixões e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e tortícole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen petase na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmasen a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión. Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas vantaxes xeoestratéxicas. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.

A tarifa da aldraxe

Os consumidores e empresas galegas sofren a aldraxe dunha tarifa eléctrica única española que castiga a produción e o consumo industrial e prima o transporte para o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid. É dicir, que Galicia sofre o custo social, paisaxístico, ambiental e mesmo económico (asulagamento por encoros de terras moi produtivas agrariamente), exporta case o 40% da electricidade que produce e ten que pagala ao mesmo custo ca Madrid. Desculpen, non é verdade. Ten que pagala máis cara ca Madrid porque ao prezo único estatal se lle engaden os tributos autonómicos que gravan a produción.
O sistema eléctrico español vulnera varias Directivas europeas ao primar o transporte da enerxía no canto de promover o consumo a carón da produción, reducindo os custos do transporte eléctrico (30% do total da factura). Ademais, establece, contra o principio de libre concorrencia que alicerza o Dereito europeo, o monopolio do transporte de alta tensión a prol de “Red Eléctrica de España (REE)”, que gaña 300 M€/ano por mor duns prezos abusivos que aproba o propio Goberno do Estado. Un sistema ineficiente que explica que o Estado español sexa o terceiro da UE coa electricidade máis cara.
Mais á ineficiencia hai que lle engadir a arbitrariedade. Porque constitúe unha aldraxe que nós, produtores, teñamos que pagar a electricidade máis cara ca os madrileños que non producen electricidade. Porque constitúe unha gravísima pexa para a nosa competitividade que non poidamos tirar beneficio da exportación dese 40% de electricidade que producimos de máis, atraendo investimentos industriais cos custos enerxéticos máis baixos que haberíamos estar en condicións de ofertar. Porque nun país produtor de enerxía é unha gravísima inxustiza que 500.000 persoas galegas (máis do 18% da poboación) sofran pobreza enerxética.
A CIG soubo promover unha iniciativa lexislativa popular que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento deste país, mais que agora se atopa atoada pola política dependentista de Feijóo. A mesma que bloqueou o traspaso da AP-9 e que teima día a día por subordinar os intereses galegos aos das elites mediáticas, financeiras e políticas do Estado que lle dan vida ao tripartidismo dinástico.

Autoestrada colonial

A AP-9 é o principal eixo de comunicación viaria deste país, vertebrando a Galicia atlántica na que viven case dous millóns de galegos. A AP-9 obríganos a pagar 30 € por viaxar entre as dúas cidades galegas máis poboadas, porque non temos unha vía alternativa de balde practicábel de feito. Velaí a importancia de que Galicia goberne a súa autoestrada.
O Estado quere reter a autoestrada porque non está disposto a que sexamos os galegos quen vixiemos a xestión do concesionario. Porque a autoestrada é un bo negocio para o concesionario e para o Estado, dende a lóxica extractiva do Madrid político. Unha lóxica extractiva presente tamén na blindaxe a prol do Estado da xestión dos portos e aeroportos ou na imposición no noso prexuízo dunha única tarifa eléctrica para todo o Estado. Trátase de que o autogoberno galego non sexa, no ámbito mínimo preciso para chamarlle deste xeito, nin continuo nin eficaz ao non poder usar destas infraestruturas e desta tarifa eléctrica para construír unha política económica autónoma, atraendo investimentos e xerando PIB e benestar. Trátase de orientar os nosos recursos a prol dos intereses do capitalismo de amiguetes do BOE e non a prol do noso desenvolvemento e benestar.
Velaí a lóxica coa que se achega, sen complexos, o ministro de Fomento a Galicia para rexeitar o traspaso dun instrumento tan importante para a nosa calidade de vida. Mais o verdadeiramente grave é a actitude do presidente Núñez Feijóo, asumindo a bondade dos argumentos do Estado, mesmo asumindo o discurso recentralizador deste a xeito de argumentario, na mellor tradición dos gobernantes colonizados. E arquivando “sine die” a demanda expresada por dúas veces pola unanimidade do Parlamento de Galicia, en clara sintonía coa inquedanza da amplísima maioría social.
Porque se grave é que o Presidente nos queira confundir coa súa post-verdade, culpando ao pasado Bipartito do que non é senón consecuencia da cacicada de Aznar –que prorrogou a concesión da autoestrada até 2048– máis grave é decatarmos que el e máis o PPdeG todo convertéronse en mandadiños peóns dos intereses extractivos e coloniais do PP estatal, rachando de vez o mito da influencia na Corte do PPdeG e do propio Feijóo.

Mirar polo noso

Galicia non ten gobernos amigos nin inimigos. Ten intereses. E estes nunca tan pouco pesaron na toma de decisións do Estado. Malia que nas pasadas eleccións nacionais o PP de Feijóo validase a súa maioría absoluta con máis do 47% dos votos. Un resultado inédito na actual conxuntura política estatal.
Somos só o 5,5 % do PIB estatal e o 6 % da súa poboación. Ao non ter número haberíamos potenciar a nosa identidade, a nosa diferenza, constituír nós mesmos un problema para España digno de atender e resolver. Mais Feijóo dedícase a facer oposición da oposición dentro e a compracer aos medios e opinadores estatais coa súa retórica unionista que tanto dano nos fai.
Velaí o caso do noso espolio enerxético. Despois de atender o noso consumo exportamos o 38 % da enerxía que producimos con tantos sacrificios económicos e ambientais. Mais non podemos usar dese excedente para atraer investimentos industriais potentes, porque a tarifa única nos obriga a pagar o mesmo ca o resto dos consumidores do Estado. E, para máis, temos 5,4 veces máis cortes de luz ca en Madrid porque o estado das nosas redes e a atención do seu mantemento é o peor do Estado. Pois ben, para o presidente Feijóo non podemos esixir o dereito a decidir sobre a tarifa eléctrica e sobre ese excedente que podería darlle tanto pulo industrial á nosa economía. Non podemos porque, como dixo este día “ninguén na España entendería unha tarifa eléctrica galega distinta”.
Se falamos de mobilidade vemos como a conexión entre as áreas urbanas que abranguen o 60% da poboación deste país (a AP-9) grava con cadanseus 30 € e 36 € de peaxe as viaxes entre A Coruña e Ferrol con Vigo, mentres a conexión entre as capitais castelás e andaluzas é de balde. Case o 30 % das multas do Estado caénlle aos condutores galegos, porque temos a poboación máis espallada e a menor cobertura de transporte público ferroviario.
Os nosos portos son estratéxicos entre Norteamérica, a canle de Panamá e o Norte de Europa. Mais esta conexión non dá rendemento, porque Madrid xestiona os nosos portos en beneficio do Mediterráneo e de Alxeciras e pola ausencia de axeitadas comunicacións ferroviarias entre os portos e Europa, vía eixo cantábrico.
Puxemos a Feijóo para mirar polo noso. E mira polo de outros.

Desleixo colonial

Dicíamos na finde pasada, noutro foro, que a tarifa eléctrica única (todos pagan igual no Estado, mesmo os consumidores galegos pagamos 23 M€/ano máis ao nos obrigar a pagar adicionalmente o canon eólico que recada a Xunta) prexudicaba grandemente ao noso País fronte a territorios de grande consumo e nula produción como Madrid. Nós somos os que sofrimos os custos ambientais, paisaxísticos, de expropiacións, derivados da produción e nós non podemos usar o noso excedente eléctrico (máis do 38%) para atraer investimentos industriais que incrementen substancialmente o noso PIB e o emprego de calidade.
Estes días vivimos outra faciana da mesma realidade: os cortes eléctricos que sofriron 176.000 fogares galegos e que este domingo aínda sofrían 28.000. É verdade que a meteoroloxía sempre pode xerar efectos prexudiciais, mais non se diga que non houbo aviso desta volta. O que ocorre é que as redes de media e baixa tensión presentan un grao de pésimo mantemento e que o monopolio distribuidor no territorio, Gas Natural Fenosa, externalizou e reduciu substancialmente os seus servizos até o extremo de non ser quen de restablecer a subministración eléctrica despois de máis de 72 horas de curte. No país que máis enerxía produce do estado sofrimos os peores cortes por padecer os peores servizos de mantemento.
Correspóndenlle á Xunta as competencias de inspección e sanción no eido da subministración enerxética. Pero, como adoita pasar, non soubemos nada do Conselleiro de Economía e Industria. Para máis, a Xunta non usou dos seus propios medios persoais para reducir os danos causados pola climatoloxía adversa. Os bombeiros forestais de Galicia veñen de denunciar, pampos e indignados, que a Xunta non os mobilizou nesta crise.
Nesta crise de emerxencias non soubemos tampouco de Feijóo. O caso é que o propio Presidente dicía hai só unha semana que ninguén en España entendería unha tarifa eléctrica propia para Galicia. Ben chocante que a persoa a quen lle encargamos a defensa dos intereses galegos adopte a actitude do colonizado e defenda esa tarifa eléctrica que fai posíbel o espolio enerxético galego. Ao mellor nos explicamos agora aquela aperta co presidente de Iberdrola na sua toma de posesión en abril do 2009.

Electricidade máis barata na Galicia

O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade a toma en consideración dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida polo sindicato nacionalista CIG para facer posíbel unha tarifa eléctrica diferenciada para Galicia, que aforraría nun 30% as chamadas peaxes da enerxía, co que se acadaría para os consumidores galegos unha media dun 12,5% de rebaixa na factura eléctrica. Cómpre salientar que as peaxes supoñen o 41,5% da factura da luz e o consumo só o 37,5%. O resto son impostos.
Galicia sofre custos ambientais e sociais moi importantes para producir electricidade eólica, térmica ou hidroeléctrica e o 40% desta electricidade consúmese fóra do noso País. Velaí a racionalidade desta proposta. Porque a tarifa eléctrica única para todo o Estado foi imposta por Franco no 1951 e non se aplica nas principais democracias occidentais (USA, Reino Unido, Austria, Alemaña), que. pola contra, tentan que haxa unha real competencia e pluralidade, tanto na xeración como na distribución eléctricas.
A tarifa única española grava aos países produtores como Galicia e aos grandes consumidores industriais, lastrando gravemente a competitividade industrial galega e, en xeral, a española. O sistema está pensado no capitalismo castizo de amiguetes e na visión centralista das cousas típica do bipartidismo dinástico. Beneficiando ás grandes distribuidoras e aos territorios de grande consumo doméstico, como Madrid, que case non xera enerxía.
A ILP contempla, tamén, a obriga da Administración galega de remediar a pobreza enerxética das familias, definindo esta como a situación na que se gasta máis do 10% dos ingresos familiares en luz e gas e non se garante unha temperatura constante na casa entre 18 e 21 graos.
Que os galegos nos decatemos de que esta tarifa eléctrica é unha estafa non gosta en Madrid. Recentemente, en portada, o xornal “Cinco Días” alcumaba de insolidaria e inconstitucional esta proposta. De inconstitucional non ten nada, só require da reforma dunha lei ordinaria, a Lei do Sector Eléctrico. E, canto á solidariedade… que lles parece producir electricidade, pagala máis cara e que, aínda por riba, perdamos todos os anos 500 M€ de financiamento local e 1460M€ de financiamento autonómico por mor da voracidade da Administración do Estado?
Con que dereito nos alcuman de insolidarios?